VERBA VOLANT



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

PROBA A ESCOITAR OUTRA MÚSICA
Unha obra dun grandísimo compositor inglés, William Byrd (ca. 1540 - 1623), cantada por un dos millores conxuntos vocais especializados na música antiga, os Tallis Scholars.

Podes probar a ir escoitando e lendo o texto.

Vigilate, nescitis enim quando dominus domus veniat, sero, an media nocte, an gallicantu, an mane.
Vigilate ergo, ne cum venerit repente, inveniat vos dormientes.
Quod autem dico vobis, omnibus dico: vigilate.




Categoría: MÚSICA - Publicado o 07-03-2008 07:51
# Ligazón permanente a este artigo
RomanicÉmonos
Aula aberta de Cultura Clásica:
ROMANIZACIÓN DE GALICIA.

COLEXIO SAN NARCISO(saída 6 de marzo do 2008)

I-AS FONTES: A través dos achadegos arqueolóxicos e as referencias escritas da época, ou á época, podemos facernos unha composición de lugar do que supuxeron para Galicia dous momentos da súa historia. Por unha banda, a que se pode considerar a primeira cultura de importancia que se xenera na nosa terra, a cultura Castrexa, e a inmediatamente posterior e que foi todo un proceso de superposición sobre o mundo castrexo, lento, pero inexorable, referímonos ao mundo Galaico-romano.

II-A CULTURA CASTREXA: ANTES DA CONQUISTA DE ROMA. Xorde na idade dos metais a finais da idade de Bronce arredor do século VII-VI a. de C. desenvolvéndose con elementos indíxenas, centro-europeos e mediterráneos producindo unha cultura específica no noroeste peninsular. Ata o século II a. C. podemos dicir que permanece aillada da influencia romana que se fará máis notable a medida que os romanos avanzan no proceso de conquista da Península ata finalmente dominar e conquistar mesmo o territorio castrexo tras distintas operacións bélicas que rematarán no I d. C. Precisamente do mundo Galaico-romano é do que coñecemos máis testimuñas, dado que a meirande parte dos castros excavados tiveron o seu momento máis álxido precisamente a partir do século II-III d. C., polo que podemos asegurar que aínda queda moito por estudar e concretar en canto a vida castrexa de antes da chegada dos romanos.

III- A CONQUISTA DA GALLAECIA: CREACIÓN DO HÁBITAT GALAICO-ROMANO. Os romanos desexosos de domeñar aos pobos cántabros, galaicos e astures decidiron a conquista, interesados en controlar especialmente o ouro e outros metais nos que este territorio era rico. As primeiras incidencias no contexto castrexo íanse notar claramente mesmo no xeito de construir e de vivir dos habitantes dos castros: as construccións cuadrangulares, as tégulas en lugar das cubertas vexetais, determinados obxectos de uso común como os muiños de man, o torno e a cerámica de importación ou sigilata, etc...Un lugar inmellorable para asimilar e entender in situ este proceso é sen lugar a dúbidas o Castro de Viladonga e o seu Museo, unha das visitas que imos realizar centrará o noso interese xaquelogo nestes aspectos de primeiras incidencias e maduración do proceso de Romanización que se estaría a dar na Gallaecia cando o castro estaba plenamente habitado.

IV_ROMANIZACIÓN: Lucus Augusti é a capitalidade dun dos tres conventus nos que os romanos dividiron administrativamente o territorio da Provincia Gallaecia. Era unha cidade do imperio romano, e como toda cidade haberá algúns elementos que non falten, pero sen dúbida tamén temos que dicir que ou non conservamos ou careceu dalgunhas das construccións típicas das cidades romanizadas. O máis chamativo son as súas murallas as únicas conservadas en toda Europa nas que os carros podían ir en ámbalas direccións, e que foron consolidadas a finais do século III d. C. por medo á inestable sitiuación do Imperio que vivía unha forte crise. Nos arredores de Lugo, e mesmo na cidade atopáronse restos que nos poden indicar claramente por onde e como camiñaba o proceso de Romanización. Faremos un alto especial no apartado da epigrafía e inscripcións especialmente abondosas no Museo Provincial de Lugo, utilizaremos certas nocións de epigrafía latina que demos na clase para poder distinguir entre aras e estelas, e outras inscripcións honoríficas, as distintas claves e siglas máis frecuentes, etc... A súa Catedral será tamén obxectivo da nosa saída cultural.

PARA AFONDAR:
Material complementario

V-A LATINIZACIÓN:O cristianismo e Priscilianismo. No proceso de expansión da lingua latina máis alá das cidades e campamentos romanos temos que saber que foi o cristianismo e concretamente Prisciliano unha das claves para que o latín se introducira dun xeito irreversible nas aldeas e lugares máis apartados das vías de Romanización. Precisamente o misterioso lugar de Sta. Eulalia de Bóveda pode ser unha das máis significativas e peculiar construcción relacionadas co culto relixioso dos priscilianistas, mesmo se ten dito que podería ser o lugar onde Prisciliano foi soterrado despois da súa decapitación no 385 xunto con outros discípulos seus en Tréveris acusado de herexía, e que condenou tamén todos os seus escritos e documentación, contribuíndo a facer deste movemento, que forma parte do primeiro espertar cultural de Galicia, algo máis enigmático e misterioso. En todo caso sabemos que foi capela cristianizada e que conten unha serie de pinturas únicas no noroeste penínsular.

Cuestionario para antes, durante e despois das visitas:

<u>MUSEO PROVINCIAL DE LUGO:ROMANIZACIÓN EVIDENTE
1- Localiza e transcribe os textos de alomenos dúas aras e dúas estelas funerarias das situadas no Claustro.

2- Hai unha curiosa inscripción realizada en lembranza dunha perruqueira localiza e transcribe o texto.

3- Transcribe o texto de algunha inscripción de tipo honorífico.

4-Localiza na visita este texto e indica que información nos transmite e en que material está realizada:

5- Cales son os motivos máis abondosos na decoración en mosaicos.

6- Para que serven os achadegos de moedas, por exemplo, atopadas nun castro. Intenta transcribir a inscripción dunha moeda romana das múltiples que se expoñen no museo.

7- Das Aras enumera nomes de deidades autóctonas e deidades romanas.

8- Localiza o Torques de Burela ¿de que metal é? ¿cal é o seu peso?

9- Localiza na visita o seguinte texto. ¿que tipo de documento é? Sinala que información nos transmite, en que lugar se atopou e en que material está realizado.


AS MURALLAS:
1- ¿En que século aproximadamente foron feitas as murallas e a como foi a súa construcción rápida ou lenta ante os materiais que ves utilizados?

2- Antigamente había catro portas, hoxe son máis, ¿cal cres que é a mellor conservada na súa confección galaico romana? ¿ Varia o tipo de material empregado nas portas da muralla?

3- A muralla tiña dúas alturas ¿ como poderías deducir ti isto mesmo tras a visita ás murallas?


A CATEDRAL DE LUGO:
1- ¿Que estilo arquitectónico domina nesta catedral?

2- Atopa e intenta traducir coa axuda do teu mestre a lenda latina que aparece nun lugar manifesto da catedral. Coméntaa.


O CASTRO de VILADONGA:
Interésanos nesta visita deslindar os aspectos de tradición castexa dos de influencia romana, ou efectos propios da romanización.
1- ¿Cales serían nas formas das casas as evidencias de que estamos nun castro da época galaico-romana?

2-¿Por que pensas que a distribución das casas era como a que ves?

3- Nas pezas atopadas na excavación e que se atopan no museo enumera 1O que sexan mostra evidente da influencia romana no hábitat o castro, e outras tantas que foran de uso tradicional na cultura castrexa. Razóao.

4-Para que se utilizaban os torques e as arracadas:

5- ¿Con cantas liñas defensivas contaba este castro?(Podes observalo in situ ou na maqueta do museo)















ver mapa de LUGO CENTRO
Categoría: Xeral - Publicado o 05-03-2008 07:45
# Ligazón permanente a este artigo
OUTRA LECCIÓN DE EPIGRAFÍA: ARAS
As inscricións votivas ou ARAS romanas están redactadas normalmente da seguinte maneira sobre a pedra:

- Nome da divindade en dativo( é dicir, o caso que indica para quen ou a quen se lle dedica) acompañado do S (acrum) "consagrado".

-Identificación do dedicante.

- Motivo da dedicatoria ( Ex Voto, Ex Iussu, Pro Salutem...)"por unha petición", "por un mandato" ou "pola saúde"...

-Fórmula final consagratoria V.S.L.M.
para ver máis
Categoría: EPIGRAFÍA - Publicado o 04-03-2008 23:43
# Ligazón permanente a este artigo
UNHA LECCIÓN DE EPIGRAFÍA: ESTELAS
As inscricións funerarias denominadas estelas constan das seguintes partes normalmente:

-Invocan aos Deuses Manes ( D. M. S.)

-Nome do defunto

-Idade con que morreu.

-Persoa/s que erixe/n o monumento F(aciendum)C(uravit).

-Fórmula final: H.S.L. e/ou o desexo de despedida coa tamén coñecida fórmula S.T.T.L. "Sit Tibi Terra Levis" (Que che sexa a terra lixeira)ou outra máis sinxela H. S. S:"Hic Siti Sunt" (aquí están sepultados)

A decoración das estelas que pode aparecer na parte superior, nun principio puído ter un significado simbólico, pero co tempo foise convertendo nunha decoración máis traballada. Entre os motivos que máis se repiten temos: o crecente lunar e as arquerías. A lúa, sempre cos cornos cara arriba, fai alusión posiblemente á escuridade da morte, ao mundo dos mortos. Por outra banda, as arquerías poden ser as portas do Hades, o mundo subteráneo onde residen dos mortos.

A figura humana pode aparecer, moi tosca regularmente en representación do morto, ás veces representando mesmo o oficio do defunto.

Nas estelas atopadas en Galicia imos vendo como as crenzas funerarias e ritos romanos van ser adoptados polos poboadores galaico-romanos progresivamente como efecto da Romanización do territorio.

Pero antes de ver exemplos da Gallaecia, vexamos un exemplo dunha estela da capital da Lusitania de Mérida do século II d.C.:

D.M.S Consagrado aos Deuses Manes
L(UCIO) IULIO Lucio Xulio
AMOENO. Amoeno
ANN(OS) XXXIIII Viviu 34 anos
H.S.E. Aquí está enterrado.
STTL Que a terra lle sexa leve.
CASIA AMOENA Casia Amoena
FILIO PIISSIMO para seu moi piadoso fillo
FECIT mandouno facer.


Categoría: EPIGRAFÍA - Publicado o 04-03-2008 23:21
# Ligazón permanente a este artigo
DAS LETRAS SOBRE A PEDRA
Definición:
A epigrafía (Grego, επιγραφή - "escrito enriba") é o estudo das inscricións gravadas en pedra ou outros materiais permanentes como o metal, a ciencia de clasificalas no seu contexto cultural e data, explicándoas e vendo que conclusións se poden extraer delas.

A epigrafía romana:
Imos achegarnos á epigrafía a través de diversas inscricións de época romana atopadas en Galicia, por exemplo do Museo Provincial de Lugo, utilizaremos a súa colección para coñecer de cerca esta ciencia e disfrutar con ela.

ARAS E ESTELAS

Unha ara é un altar votivo, un monumento con inscrición dedicada ás divindades,( por iso irán os seus nomes en caso dativo( o que nos chamamos función de Obxecto Indirecto) como xesto de agradecemento por algo ou por fervor relixioso. Na parte superior teñen un ou tres buratos chamados "foculus" para as ofrendas.

Estela é un monumento funerario colocados verticalmente no lugar onde etaba unha tumba. Lembran ao defunto nunha inscrición commemorativa. Adoitan levar como encabezamento as letras D.M.S. ( Diis Manibus Sacrum : consagrado aos deuses Manes, ou deuses dos espíritos.


Miliarios Pedras cilíndricas que se fincaban á beira das vías romanas e que tiñan como función indicas as distancias en miles de pasos "millas".
para saber e ver máis
Categoría: EPIGRAFÍA - Publicado o 04-03-2008 21:35
# Ligazón permanente a este artigo
TEATRO GRECOLATINO E ROMANIZACIÓN
Limiar con esta actividade comezamos a traballar o tema dedicado a TEATRO GRECO-LATINO e, á vez, nas prmeiras nocións de ROMANIZACIÓN DE GALICIA.

ITINERARIO DIDÁCTICO CULTURAL:
Xoves 6 de marzo 2008

Viaxan os cursos de 4º ESO A)- 4º ESOB)
CONTIDOS:
A)Saída 8h.da mañá da Alameda de Marín cara Lugo.
B)De 9 a 10 sesión informativa de video no bus: Cultura Castrexa e Galaico-Romana.
C)) 10,30 da mañá: Visita guiada ao Museo Arqueolóxico Provincial de Lugo: Romanización (segunda sesión de traballo didáctico de recompilación de datos sobre a pegada material da Romanización e análise das inscricións).
D)12 da mañá: Sesión matinal de traxedia grega TROIANAS de Eurípides no Auditorio "Gustavo Freire" en Lugo.
E) Comida en LUCUS AUGUSTI.

GUSTARÍACHE VIAXAR NO TEMPO? Con motivo do XV aniversario da declaración da #muralladelugo como patrimonio da...

Posted by Cultura e Turismo de Lugo on Venres, 20 de Novembro de 2015

F) Visita a partir das 4 da tarde ás murallas e a Catedral.
G) Ás 5 da tarde: Sesión tarde de comedia grega AS NUBES de Aristófanes no Auditorio "Gustavo Freire"( Lugo).
H) Ao rematar o teatro dirixirémonos ao Castro de Viladonga (a uns 14 km de Lugo) para facer a visita, antes do solpor, do Castro e do seu Museo (derradeiras cuestións do traballo didáctico).
I) Saída de Lugo de volta sobre as 20 horas da tarde cara Marín.

NOTAS:- O autobús costéao o ANPA do centro, a non ser a aquelas familias que non pagaran a cuota do ANPA. Neste caso deberán abonar ao ANPA o custe do autobús que é de 10 euros por persoa.
-Coordina a actividade Héctor M. Silveiro do departamento de Filoloxía do Colexio S. Narciso como profesor de Cultura Clásica, Latín e Grego do centro e responsable tamén da Aula de Teatro.
-Os asistentes teñen reserva feita das actuacións e recibiron cadanseu exemplar das dúas obras que van ver representadas á iniciativa da sección galega da "Sociedad Española de Estudios Clásicos".


Videos:
Sobre a orixe do teatro e a traxedia:



Podes seguir vendo en Youtube a parte segunda e a terceira moi interesantes deste documento ou seguir vendo outro sobre o paso do teatro grego ao romano:





para saber máis sobre LUCUS AUGUSTI
Categoría: Xeral - Publicado o 03-03-2008 20:54
# Ligazón permanente a este artigo
Categoría: GRECIA - Publicado o 03-03-2008 20:44
# Ligazón permanente a este artigo
SOBRE O MINOTAURO

1.Quen son os minoicos e os micénicos ou aqueos?-Minoicos:habitantes de Creta
-Micenicos ou Aqueos:habitantes gregos (do Peloponeso) procedentes das primeiras invasións indoeuropeas na zona.

2.Quen inventou e por que a lenda do Minotauro?-Os aqueos inventaron esta lenda produto tal vez da envexa ou como vinganza ante o dominio de Minos sobre territorios que desexaban controlar e que non podían pola superioridade e o prestixio cretense.

3.Creta era unha talasocracia.Que significa?-Talasocracia:do grego "thalassa", mar, e "kratos", goberno, denota o estado cuxos dominios son principalmente marítimos. Creta tiña unha poderosa flota que comerciaba cos pobos do Mediterráneo ( Grecia peninsular, Exipto e Chipre, posiblemente Minos foi dono de illas próximas como as Cícladas.

4. Eran os cretenses grandes guerreiros?-Non, porque eran comerciantes, non tiña os seus magníficos palacios amurallados ,nin se conservan restos de armamento en Creta.

5.Diferenzas entre "lineal A " e "lineal B". Está algún destes descifrados?-Lineal A : o que escreben os Minoicos.
Lineal B : o que escribían os Micénicos ou Aqueos, escrita copiada dos Cretenses, pero adaptándoo a súa lingua.
-Si o lineal B está descifrado e grego silábico antigo.

6.Que significa "labirinto"?
-Labirinto:Pazo ou palacio do “labris” machada dobre, símbolo cretense do poder.

7.Como foi destruída acivilización minoica de Creta?
-Primeiro por un maremoto acabou con case toda a súa flota atracada na súa capital, Cnosos, e os aqueos aproveitando esa debilidade aproveitaron e tomaron pola forza a illa.

8.Os Atenienses estaban castigados a levar 7 mozos e 7 mozas ao Minotauro, Por que?-O rei Minos debia sacrificar un fermoso touro, pero encantado co animal negou o sacrificio.
Enfurecido ante esta actitude, Poseidón, que ata ese momento favorecera a Minos para que este fose escollido rei de Creta, incitou á raíña Pasifae a ter relacións con animal. Tras da xestación deu á luz a unha criatura metade home e metade touro.
Para burla de Minos, a criatura foi denominada Minotauro. Tamén era chamado Asterión.
O rei entón mandou facer un labirinto no que nada nin ninguén puidese saír. Alí foi encerrado o Minotuaro.
Cada 9 anos os atenienses eran forzados a enviar a Creta 7 doncelas e 7 mozos que eran sacrificados como alimento ao Minotauro. A razón ( aínda estou buscándoa…)

Andrés Ríos
Categoría: 4º B 07/08 - Publicado o 03-03-2008 19:35
# Ligazón permanente a este artigo
AS MULLERES DE ENEAS

1-Como desaparece Creúsa, filla de Príamo o rei de Troia e primeira muller de Eneas?
Desaparece por voluntade divina durante a fuga de Troia.Dise que Creúsa foi raptada por Afrodita.Cando Eneas volve a Troia a buscala aparécelle unha sombra da súa esposa que lle predice que vai ir a Italia e o seu matrimonio con Lavinia.
2-Como se namorou Afrodita de Anquises?
Cando este coidaba do seu rabaño,no monte Ida,Afrodita tivo un desexo e seduciuno.
Acercouse presentándose como a filla do Rei de Frixia,Otreo,a quen Hermes raptara e transportara aos prados do Ida. Máis adiante esta reveloulle quen era,e díxolle que lle proporcionaría un fillo,Eneas,mais non debía dicir a ninguén que era fillo dunha deusa. Algúns falan de Lirno,un 2º fillo que tiveron Afrodita e Anquises.
3- Dido, a raíña de Cartago, un amor frustrado:
Cando Eneas chega a Cartago,Dido enamórase e Eneas a corresponde,e cando este parte a buscar unha nova patria,Dido organiza unha pira para quemar todos os recordos de Eneas e finalmente se suicuida
4-Como expresa Dido o seu amor por Eneas?
Suicidándose ao queimarse na pira que erguera.(A continuación un resumo da desgraciada historia deste amor).

UN AMOR FRUSTRADO POLO DESTINO
Venus queixábase ante Xúpiter das desventuras do seu fillo humano; as súas queixas tiveron éxito, pois o rei dos deuses enviou a Dido o seu mensaxeiro Mercurio para que lle acollera como hóspede ilustre e non como inimigo.Tras esa promesa,Venus aparecéuselle e lle fixo entrar na cidade xunto cos seus compañeiros baixo unha espesa néboa que lles ocultaba.
Dido estaba entón inaugurando un templo dedicado á deusa Xuno; ao ver os seus compañeiros (Eneas estaba aínda baixo a néboa), preguntoulles por Eneas, rapidamente disipáronse as nubes e presentouse. Dido invitoulles ao seu palacio, non sen que antes Acates, fiel compañeiro, fose a buscar ao fillo de Eneas, Ascanio, á praia a que foran arroxados polas ondas. A deusa Venus puxo en marcha outro plan para que Eneas puidese chegar a Italia e simultaneamente descansar durante un tempo: Ordenou ao seu fillo Cupido, deus do amor, que lanzase as súas frechas do amor sobre Dido; de esta maneira, quedaría prendada por Eneas e el, sen embargo, non sentiría moito no seu corazón o día da partida.Durante a cea o corazón de Dido se ía inflamando cada vez máis do amor polo heroe troiano.
Á mañá seguinte, Dido dedicouse a pasear polas murallas da cidade;seu corazón non puido descansar ata que lle contou a súa irmá Anna os seus sentimentos; esta animouna a facer caso do seu corazón. No ceo,as deusas seguiron conspirando para que Cartago e Troia non se separasen, con propósitos distintos, Xuno que o matrimonio chegara a bo termo,Venus que seu fillo descansara e así puidera fundar a cidade á que estaba destinado. Deciden a súa voda nunha cova, ás agachadas de todos, no curso dunha cacería.
Cando a cacería estaba case rematada, Xuno desatou unha gran treboada e cubriu cunha nube aos amantes; estes a súa vez decidiron refuxiarse nunha cova. Dido quería saber dos sufrimentos de Troia e dos seus habitantes;as respostas de Eneas lle facían namorarse cada vez máis. A pesar do temor a que o amado puidera partir, Dido entregouse a Eneas.
Ao seu regreso á cidade, todo os habitantes estaban ao tanto do sucedido;a alegría na cidade era grande, incluso á raíña se lle escapou que celebrara a voda con Eneas. Mais a felicidade non durou moito para os amantes.
A nova non tardou en chegar ás rexións veciñas. Iarbos,antigo pretendente de Dido e sempre desprezado por ela, presentou as súas queixas a Xúpiter, de quen era descendente. A súa vez Venus recordoulle que o destino de Eneas sempre fora fundar unha novaTroia en Italia. Estes dous feitos fixeron que de novo enviase a Mercurio á Terra; mais nesta ocasión as ordes irían dirixidas a Eneas: “Esquece a Dido e sae cos teus compañeiros e fillo a Italia”. Esta misiva entristeceuno, mais o sentido do deber, así como as palabras dos seus compañeiros, convencérono.
Repararon as naves, pintaron os cascos e aprovisionáronas de víveres. Estes traballos non pasaron desapercibidos a Dido, quen lle reprochou: “Qué será de min? Vou quedar nesta terra soa e desamparada?”. Eneas intentou convencela de que non a deixaba por falta de amor, senón que o facía porque os deuses así o querían, mais todo foi en vano. Incluso lle ameaza có suicidio nunha fogueira xunto ao palacio real. O piadoso Eneas ordena, por incitación de Mercurio, que os seus compañeiros armen as naves e se afasten das costas de Cartago. Así o fan ao amencer. Dido observa a partida dende as murallas da cidade con inmensa dor.
A historia deste amor acaba co suicidio da raíña. Ante a ausencia de Eneas, preparou unha gran pira con grosos madeiros e colocouse encima dela. De nada serviron as súplicas da súa irmá e dos cidadáns.Tomou unha tea, queimouna e suicidouse.Toda a cidade chorou, os sacerdotes ofreceron os seus sacrificios pola súa alma, mentres, ao lonxe Eneas, entristecido, dende a nave contemplaba o lume físico que a facía desaparecer.
Non foi a última vez que Eneas viu a Dido. Na súa baixada ao Inferno recoñeceuna entre as almas que por alí vagaban. De novo lle explicou as razóns polas que a abandonou, mais ela nin o mirou nin lle falou, tal era a xenreira cara esa persoa á que tanto amara.


PAZOS GÓMEZ,Alberto
para saber algo máis
Categoría: 4º B 07/08 - Publicado o 03-03-2008 18:58
# Ligazón permanente a este artigo
TESEO E O MINOTAURO

Cóntase que en Creta reinaba Asterión quen casara con Europa despois de ser raptada (baixo a forma dun touro branco) e seducida por Zeus. Asterión adoptou aos seus tres fillos do deus e de Europa: Minos, Sarpedón e Radamantis. Á morte de Asterión, minos dixo aos seus irmáns que os deuses desexaban o seu mandato sobe a illa e que o demostrarían concedéndolle o que solicitase. Foi cando Poseidón, atendendo ás suplicas de Minos enviou como sinal un magnífico touro saído do mar, que debería ser sacrificado por Minos en canto fose proclamado rei. Mais o rei non sacrificou ao animal por conservar a súa raza entreos seus rabaños. A vinganza do deus non se fixo esperar.
1-De quen vén sendo fillo o Minotauro?Da raíña de Creta, Pasifae, esposa do rei Minos e dun touro sagrado enviado por Poseidón, que debería ser sacrificado polo rei como agradecemento ao deus do mar. O castigo por non cumprir o prometido foi que a raiña concebise unha paixón polo animal que rematou co nacemento dun monstro con cabeza de touro e corpo de home ao cal chamaron Asterión. Axiña foi encerrado nun labirinto obra do ateniense Dédalo.
2-De quen vén sendo filla Ariadna?De Minos e Pasifae, que tiveron varios fillos máis, entre eles Androxeo, quen logo morrerá en Atenas.
3-Onde naceu Teseo e cando parte cara Atenas?
Naceu en Trecén e parte cara Atenas, cando move a rocha onde o seu pai deixara unha espada para el. O motivo da partida é coñecer ao seu pai Exeo, rei de Atenas que acudira a Trecén coa intención de ter un fillo. Mais en Atenas agora gobernaba desposado coa meiga Medea.
4-Que principais fazañas realiza Teseo antes de chegar a Atenas?Matar os asasinos e os monstros dos camiños para que foran máis seguros. Son as aventuras do heroe que aparecen na ilustración. Lembra a lectura da aula: Sinis o asasiño dos piñeiros, Procustes o qu asasiñba nun leito viaxeiros. Perifetes ao que se enfronta cunha maza. Tamén está a Porca salvaxe de Cromión e Escirón quen arroxaba dende un cantil as súas vítimas cando ían lavarlle os pes, e logo no mar eran devorados por unha tartaruga xigante.
5-Como foi recoñecido polo seu pai?Pola espada e as sandalias que levaba, que era o que puxera o rei Exeo debaixo da rocha. No momnto en que o recoñece pola espada impide que beba un veleno mesturado co viño que Medea lle ofrecera para desfacerse del.
6-Que ocorre con Medea?
Cando se entera de que Teseo é aceptado polo seu pai, Medea dí un conxuro e desaparece antes de que Teseo poida facer nada. Durante moito tempo resoan no palacio as imprecacións da maga. Pero Exeo e o seu fillo nos lles conceden moita importancia.
7-Por que tiñan que ir os atenienses a Creta?Nun combate contra un touro en Atenas, Androgeo, fillo do rei de Creta morreu e seu pai, Minos, acusou á cidade de Atenas de ser responsábel da morte do seu fillo e esixíu que lle enviasen durante nove anos un tributo de sete homes e sete mulleres para lle servir de alimento ao Minotauro.
8-Como logra Teseo matar ao Minotauro?Ariadna sostén na entrada do labirinto un nobelo de fío de ouro.Teseo colle un extremo do fío, entra no labirinto, e mata ao Minotauro dándolle un terrible. Finalmente, Teseo sae do labirinto guiado polo fío de ouro que Ariadna sostén a saída. Ariadna parte con Teseo pois esa fora a promesa do heroe.
9-Casa Teseo con Ariadna?Non, Teseo abandona a Ariadna nunha praia da illa de Naxos, mentres durmía. Ariadna logo será liberada polo deus Dionisos.
10-Como se chama o pai de Teseo? Por que morre no mar que leva o seu nome? Exeo.Teseo esqueceuse cambiar as velas negras polas brancas da vitoria sobre o monstro como prometera. As velas negras eran sinal de infortunio. Cando Exeo viu as velas negras pensou que o seu fillo fora derrotado e lanzouse dende os cantís e morreu afogado no mar que agora leva o seu nome.

CARLA LAVANDEIRA.
Categoría: 4º A 07/08 - Publicado o 27-02-2008 06:53
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal