VERBA VOLANT



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

INTROITUS
Velaí vén o san Antroido
coa facela cuberta
axuntaivos mozas todas
vámoslle facela festa.


Que é o Entroido e que relacións ten co mundo clásico é o que imos descubrir a partir das seguintes preguntas:

-Por que se chama así, ou cal é a orixe desta palabra?

- Cal é a orixe etimolóxica da palabra "carnaval"? Terá que ver coa expresión latina "carrus navalis" ou con ets outra "carnes tollendas"

Tamén chamado Antroido, Introido, Entruido, Entrudo, Entrudio (por ser a entrada á Cuaresma)

As orixes das palabras que denominan a esta festa son: o termo "Carne Vale" (é dicir "o adeus á carne"), do que despois derivou a palabra "Carnaval"; ó termo "Introitum" (que significa "a entrada á Coresma!) do que vén a palabra "Entroido" ou "Antroido".

O entroido fai referencia a unha época de "carne", tomando o sentido literal da palabra. O Entroido quere significar, dende sempre, a volta ó mundo do revés, a subversión, a ruptura das convencións sociais e o cambio de roles. As características comúns destes días son o comer, beber e cantar, rirse do máis sagrado, é dicir , as cousas que non se fan habitualmente.

En sentido relixioso trátase do triunfo de "don Carnal" sobre "dona Coresma", que reinará nos seguintes corenta días, ata a celebración do Xoves Santo. Pero o Entroido foi deixando pouco a pouco o seu sentido relixioso como festa preparatoria da Coresma para converterse nun acontecemento cheo de xolda e desenfreo.



As denominacións destas festas na maior parte de Europa teñen este sentido orixinal: desde o "Carne Vale" (Adeus á carne") ó "Introitum" co significado de entrada á Coresma, todos os calificativos para o Entroido fan referencia a que esta é unha época de carne (no sentido literal e no metafórico da Igrexa): "Carnal" na Idade Media, "Canestoltes" en Cataluña, "Carnestollendas" (de "carne" e "tolere", "levar a carne"). Carnisprivium, Canelevamen e formas semellantes en Francia, "darrers dies" (de carne) en Baleares...
O entroido é desde sempre a subversión, a volta ó mundo do revés, a ruptura das convencións sociais e o cambio de roles. O comer, beber e cantar ata rachar, o rirse do máis sagrado... todas son características comúns destes días.

A festa recibe en galego os nomes de entroido, antroido, intruido, entruido, entrudo e entroiro. Todos estes vocábulos teñen a súa orixe no termo latino introitus, co significado de "entrada ou comezo". Daquela, o étimo fai referencia a un significado da festa como entrada ou comezo nunha nova estación -a primavera-, independentemente de que a súa apropiación por parte do cristianismo nos faga pensar na entrada na Coresma -sendo preciso, polo tanto, despedirse da carne-.
No noso idioma é admisible tamén a voz carnaval, con dous posibles étimos distintos. Para uns este termo procede do vocábulo italiano carnevale, e este, á súa vez, da expresión antiga carne levare -sacar a carne-. Para outros, a súa orixe está na expresión latina carrus navalis, ou sexa, unha carroza decorada que posiblemente saíse en desfile durante estas datas. Dunha ou doutra maneira, non cabe dúbida de que calquera das dúas acepcións fai referencia a elementos asociados ao carnaval actual.

Outras interpretacións:
Pero a finais do século XX varios autores comezaron a sospeitar a orixe pagá do nome. Carna é a Deusa Celta das fabas e o toucino. Tamén estaría conectada con festas indoeuropeas, dedicadas ao Deus Karna (que no Mahabharatá aparece como un ser humano, irmán maior dos Pándavas, fillo do deus Sol e a raíña Kuntí). Algunhas persoas cren que a palabra carnaval fai referencia a unha suposta antiga tradición pagá na que se ofrecía carne ao deus Baal (carna-baal) nunha festa onde todo o vale.

ALGUNHAS CUESTIÓNS POR RESPONDER:
-O Entroido é unha festa móbil, por que razón e en función de que se celebra cada ano nunha data distinta?

- Onde e como se facía uso da máscara no mundo clásico? Ten algo que ver coa orixe do teatro?

- En Roma como se celebraba o Entroido?

-Os entroidos tradicionais de Galicia, considerados entre os dez máis orixinais do mundo (podes consultar en vieiros da escola no enlace de máis abaixo) que agocha, que ten de especial? Hai neles algo que lembre ás Lupercais romanas?

- Que orixe teñen os "enterros da sardiña" e eventos semellantes?
Comentarios (0) - Categoría: IDUS ET KALENDAS - Publicado o 11-02-2015 06:17
# Ligazón permanente a este artigo
DE CRETA A MICENAS
Segundo a mitoloxía grega, Helén era fillo de Deucalión e Pirra. Heroe epónimo (que orixina o nome) dos helenos, o territorio que ocupaba este pobo foi por iso chamado Hélade. De el descenden tres das principais ramas do pobo grego: os xonios, os eolios e os dorios.

Contrastemos estes datos coa historia:
Os aqueos parecen ser unha desas primeiras tribos que se instalan no Peloponeso, serán recoñecidos como micénicos por ser Micenas un dos seus lugares de asentamento máis coñecido. Serán eles tamén os protagonistas da mítica Guerra contra Troia.



Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2014-15 - Publicado o 10-02-2015 21:39
# Ligazón permanente a este artigo
Seguimos en Creta
Bótadelle unha ollada ao texto de J.L Borges La casa de Asterión

É o Minotauro un monstro? que pensas ti? O cadro de G. Watts fainos dubidar.



Que é a TAUROCATAPSIA



O símbolo da felicidade nos golfiños do baño da raíña no palacio de Cnossos, unha das más coñecidas representacións pictóricas de Creta.

A erupción minoica da illa de Tera.


Comentarios (0) - Categoría: DE CRETA A MICENAS - Publicado o 02-02-2015 18:21
# Ligazón permanente a este artigo
Un berro contra a guerra! Troianas!

TRISTES SON AS ARMAS SE NON SON AS PALABRAS

Os sentimentos pola paz sonche ben antigos. Un dramaturgo grego, Eurípides, exclamaba nunha das súas traxedias : Non hai ninguén tan estúpido que prefira as guerras á Paz. Mesmo un poeta latino, Tibulo, na época das cruentas guerras civís na Roma Imperial, comezaba un longo poema antibelicista interrogándose:

Quis fuit horrendos primus qui protuli armas?
Quam ferus et ver ferreus ille fuit!
Tum caedes hominum generi, tum proelia nata,
tum brevior dirae mortis aperta via est...


Que quere dicir:

Quen foi o primeiro que empuñou as horrendas armas?
Qué cruel e insensible foi aquel!
Daquela naceron as batallas e as matanzas do xénero humano, daquela foi aberto un camiño máis breve cara a terrible morte...


Un texto e unha representación Troianas




música: la fura dels baus
Comentarios (0) - Categoría: SI VIS PACEM... - Publicado o 26-01-2015 06:29
# Ligazón permanente a este artigo
Proba de xaneiro
ETAPAS DA HISTORIA DE GRECIA ANTIGA (I)
Período cicládico:
Creta e os Minoicos, quen son?
Micénicos ou Aqueos. Quen son?

Mitos relacionados con Creta:
Rapto de Europa
Minos, Pásifae, Ariadna, o Minotauro (Asterión).
Dédalo e Ícaro.
TESEO E O MINOTAURO.

DE CRETA A TROIA
O segredo de Prometeo.
Peleo e Quirón.
A voda de Tetis.
O xuízo de Paris.

O nacemento de:
Aquiles
Helena
Paris

GRAMÁTICA:

Que é unha declinación? unha serie de desinencias que teñen substantivos, adxectivos e pronomes para marcar as funcións ou casos sintácticos destas palabras na oración.

Poeta rosam puellae dat.
-a (SUX) -am (OD) -ae (OI)
O poeta dá unha rosa á moza.

Cales son as desinencias verbais do latín que xa me sei?
-o/-m, -s, -t, -mus, -tis, -nt.

VERBO AMAR
ego amo
tu amas
ille/illa amat
nos amamus
vos amatis
illi/illae amant

VERBO SER ou ESTAR
ego sum
tu es
ille/illa est
nos sumus
vos estis
illi/illae sunt

ROMAE: Que son as Saturnalia e as festas do Sol Invictus?
Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2014-15 - Publicado o 15-01-2015 22:12
# Ligazón permanente a este artigo
A VODA DE TETIS CON PELEO
Intenta indicar quen é quen na voda da nereida Tetis e do mortal Peleo.
Que deuses coñeces? Como os recoñeciches?

Que sucedeu con Eris (denominada en latín Discordia) ?
Din que este é o primeiro capítulo dunha das máis famosas guerras da Antigüidade. Por que?



Oe, pero quen viña sendo Helena, de quen era filla?

A historia lévanos de novo cara os deuses do Olimpo. Compróbao.

Que foi o quen fixo posible o seu casamento finalmente en Esparta?

Outro dos personaxes importantes nesta historia contan que naceu así:



Imos entrar nos detalles do Xuízo de Paris xa que nos interesa saber os motivos polos que comeza esa relación tan transcendente entre o príncipe troiano Paris e Helena de Esparta, que como xa sabedes estaba xa casada con Menelao.

Sobre PARIS:
1-Que debemos saber sobre o seu nacemento Paris?
De quen era fillo? Que problemas tivo para acabar como pastor de ovellas se en realidade era un príncipe?
2-Por que motivo foi escollido el para ser o xuíz das tres deusas que querían ser as agraciadas coa mazá da Discordia? Cales son as promesas das deusas e cal foi a agraciada coa mazá? Localiza tres cadros de distintas épocas que representen o xuízo de Paris.

Sobre HELENA:
3-Por outro lado, de quen vén sendo filla Helena?
Quen son os seus irmáns e como se chama a súa irmá?

4-A beleza de Helena sempre causoulle problemas, xa antes de casar, pero sobre todo á hora de casar. Como foi seleccionado o seu marido entre os moitos pretendentes que tiña? Que promesa ataba a todos os que desexaban casar con ela? Tivo algo que ver con tal xuramento o astuto Ulises?

5- Os problemas despois de casada non remataron, cal foi o maior dos problemas que tivo e debido ao que se fixo máis famosa?.

6-Localiza tres cadros que representen a historia dos pais de Helena.

Sobre Helena e Paris, os antecedentes da guerra de Troia, existe unha versión cinematográfica do ano 2003 pouco fiel ao mito da que podemos destacar varias escenas o nacemento de Paris, o rapto da nena Helena por Teseo ou o xuramento dos pretendentes no minuto 48 aproximadamente:



Pero para falar de Troia debemos distinguir o mito da realidade histórica. Imos facelo con este documental por exemplo:





Comentarios (0) - Categoría: 4º eso 09/10 - Publicado o 12-01-2015 06:51
# Ligazón permanente a este artigo
TETIS E PELEO ( o segredo e Prometeo II)
Tetis e Peleo
- Coñeces á deusa do mar Tetis?
- Oín falar que Zeus e Poseidón son os seus pretendentes, pero porque me fas esa pregunta, Quirón?
- A deusa Tetis non se casará con ningún destes pretendentes. Prometeo, encadeado no Caúcaso por orde de Zeus, revelou que o Destino faría nacer dela un fillo superior ao seu pai. De inmediato, os deuses retiraron as súas intencións e constituíronse en consello para debater que mortal será a que a despose.
- Non sei en que me interesará a min esta historia?
- Reflexiona, ti es novo e non vas seguir viúvo para o resto dos teus días… xa sabes que coñézo o porvir. Pois ben sei que este matrimonio está reservado para ti polo Destino.
Peleo sorprendido non manifestou entusiasmo, pero, que podía facer contra os mandatos do Destino?


Os deuses no Olimpo amosaron a súa satisfación, non podían correr o risco de que casara con outro deus, mais Tetis rexeitou a proposición. Zeus foi tallante e deulle ordes de que aceptase a man de Peleo. Pero a deusa cada vez que este se achegaba transformábase en lume ou en auga, en vento , en paxaro e logo fuxía axiña. Aquilo estimulou o amor propio do heroe conquistado ademais pola beleza da filla de Nereo.
Foi Quirón o seu amigo o centauro quen lle dará as claves par impedir que escapase nun próximo encontro, debería suxeitala e soportar pacientemente unha multitude de transformacións ata que a deusa cansase e volvese a súa forma orixinaria.
Así foi e finalmente a voda realizouse no monte Pelión e a ela asistiron os deuses e as musas. O centauro Quirón regaloulle unha lanza de freixo que tiña o don de sandar as feridas que fixera. Todo parecía ir ben, pero aquela voda estaría marcada pola Discordia. Eris que non fora invitada arroxou unha mazá dourada coa lenda “para a máis fermosa” para provocar as disensións entre as deusas e aquel matrimonio, a pesar de que Peleo colmaba de atencións á deusa, non sería feliz.
Tetis tivo un primeiro fillo e a deusa pensou no medio de eliminar do seu ser todos os elementos que o facían mortal. Axudándose do lume e na ausencia de Peleo botouno no medio das lapas e aquel neno morreu. Pasou o mesmo co segundo, o terceiro e así ata o sexto. Peleo estaba desesperado pois a primeira vez convencérao de que fora un accidente, pero xa no terceiro a deusa acosada por polas preguntas do noso heroe confesou a verdade.
-Só pretendo quitarlles a súa humanidade e aínda que o fago mal prefiro velos morrer así a que leven unha vida indigna da súa nai.
Pero Tetis seguira burlando a súa vixilancia. Cando o nacemento do sétimo se chegaba Peleo lembrouse do seu amigo o centauro, Quirón seguro que lle podería axudar. Como non se daría antes conta de pedirlle consello? Tería salvado esas vidas inocentes.
-Estaba esperándote. Sei a que vés. O teu sétimo fillo non perecerá entre as lapas. Converterase en alguén máis grande ca ti. Mais deberás estar moi vixilante en canto naza.
O neno naceu e déronlle o nome de Aquiles. Era un bebé fermoso e forte cos beizos curvados nunha especie de sorriso. Peleo sentía a Tetis nerviosa, irritable a medida que os días pasaban, pero el non baixaba a garda.
Un día a deusa ausentouse, Peleo pensou poder abandonar a vixilancia durante uns instantes, pero non fora máis que unha das astucias de Tetis. Cando quixo volver á habitación, xa estaba botando ao lume ao neno. Peleo arrebatoulle ao recentemente nacido das mans e a deusa vencida marchouse definitivamente a residir no mar coa súas irmás, negándose a volver ao seu carón. Pero Peleo estaba agora preocupado polas queimaduras que sufrira o pequeno. Sobreviviría? Só en dous lugares aparecía tocada a criatura. Nos beizos e no talón dereito. Tomou o neno no colo tras envolvelo coidadosamente e dirixiuse ás presas cara a cova do centauro Quirón.
-Tiñas razón que o meu fillo viviría -díxolle- pero está malferido. Ti podes curalo. Non permitas que unha enfermidade o marque ata a fin dos seus días.
O centauro comprobou que o óso fora case totalmente calcinado, había que colocarlle un novo. Quirón pensou en Damisos. Un xigante particularmente rápido na carreira. Acababa de morrer. O centauro desenterrouno e sacoulle da súa perna dereita o talón do pé que lle adaptou ao do neno. Polo que Aquiles ía logo ser chamado por Homero por iso “o dos pés lixeiros”, aínda que o seu nome literalmente significa “sen beizos” porque esa marca non foi reparada por Quirón. Hai quen asegura que Tetis marchara e non volvería a ver a Aquiles na súa infancia porque conseguira bañalo sendo un bebé nas augas da Estixe, río do Inferno que facía invulnerables a todos os que nela se mergullaban, pero foi no talón precisamente por onde a deusa sostivo á criatura para podelo meter na auga que lle conferiría a Aquiles a invulnerabilidade case que total, a non ser por aquel lugar polo que a deusa o agarrara.
Peleo vendo que Tetis non volvía e comprobando o cariño con que trataba o centauro ao seu fillo, pediulle ao seu amigo que aceptara facerse cargo da súa educación. Naturalmente o centauro aceptou, alimentado pola súa esposa a ninfa Cariclo nos primeiros anos para logo ensinarlle a cazar a domar cabalos e tamén algo de medicina. Quirón daríalle tamén carne de león e xabarín para que lle comunicaran poder e tamén de mel para que fose doce. Soubo por el que era a música e o canto o desprezo dos bens materiais e medrou axiña un heroe sabio e forte digno dos cantos que Homero inmortalizou na Ilíada.
Na máis recente versión cinematográfica da guerra de Troia, a única ocasión na que aparece unha deusa en escena é aquela na que Aquiles vai ser visitado de novo pola súa nai Tetis para advertirlle das dúas posibilidades que ten ante a guerra con Troia que Agamenón prepara. Opta por unha vida curta e gloriosa embarcándose na expedición dos gregos ou ben desexa vivir moitos anos, pero sen gloria. Aquiles aceptará a primeira segundo Homero, aínda hai autores posteriores que defenden que Tetis foi quen de ocultalo na corte do rei Esciro.

CUESTIÓNS:Despois de ler lembra e contesta:

5- Cal era o segredo que gardaba Prometeo e que ten que ver con Peleo?
6- Con quen casa Tetis finalmente? Que problema ten cos seus fillos?
7- Quen e como logrará que vaia a diante o sétimo dos fillos de Tetis? Por que Tetis mergulla ao seu fillo na lagoa Estixe? como se chama ese fillo?
8-Quen criará finalmente a este afortunado rapaz?
9- Porque cres que a Tetis intenta ocultar ao seu fillo, sendo xa todo un mozo, segundo nos conta Homero? Saberás investigar ata atopar quen é, e como consigue que finalmente o gran fillo de Tetis e Peleo vaia á guerra contra Troia?
Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2014-15 - Publicado o 19-12-2014 07:03
# Ligazón permanente a este artigo
PELEO E O SEGREDO DE PROMETEO (I)
Para poder resolver o misterio que gardaba Prometeo temos que coñecer a historia dun heroe chamado Peleo. Imos saber quen era:


Peleo e o centauro Quirón.
Peleo, fillo de Eaco, atopábase lonxe de Exina, a súa cidade natal. Incribles aventuras conducírano primeiro a Pitia, onde o rei Euritión lle dera a súa filla Antígona en matrimonio. Por desgraza, matou accidentalmente ao seu sogro no curso dunha cacería en Calidón e tivo que exiliarse de novo.

Atopara refuxio na corte de Acaste, que lle purificou daquela morte. Por que razón non recobrou inmediatamente a súa esposa, que permanecera en Pitia, a historia non o precisa. Este retraso estivo a piques de provocar a súa perdición. Era Peleo un bo mozo e Astidamía, muller de Acaste experimentou por el un violento amor. Naturalmente Peleo non quería traizoar nin a Antígona, á que amaba tenramente, nin ao seu hóspede que o recibira con tanta xenerosidade. Foi entón cando el lle dixo á raíña:
- Debemos pensar nos nosos compromisos. Maldigamos a nosa sorte por non termos coñecido antes, pero, por favor, tratemos de cambiar este amor imposible en amizade.

Astidamia finxiu aceptar a prudente solución. Pero desexou vingarse pois o seu amor frustrado transformarase en ira. Comezou por enviar secretamente un mensaxeiro a Pitia. Antígona estaba sen novas do seu home dende facía moito tempo. E o seu corazón deu un chimpo de alegría, pero ao ler a carta que dicía que Peleo mantiña amores coa esposa do rei Acaste palideceu ao instante e decidiu, levada da desesperación, aforcarse na intimidade da súa habitación.
Axiña foi Astidamía na procura do seu esposo para acusar a Peleo da falta da que ela mesma era culpable. O rei gardou un silencio sombrío e estivo varios días sen falar para, por fin anunciar que á mañá seguinte partiría de cacería.
- Serás dos nosos? – preguntoulle a Peleo.
E Peleo aceptou non sen temer algunha trampela, pois o silencio dos últimos días non lle parecía un bo presaxio. Mais Acaste non decidira aínda a forma de tomar vinganza. Non lle permitían as leis da hospitalidade cometer homicidio e pensou que unha cacería aumentaría as ocasións de accidente.
A cacería foi moi animada, ninguén dos participantes sospeitaba nada. A caza era abondosa e facíanse apostas sobre quen conseguiría maior número de pezas. Como o día estivera xa moi avanzado preguntaron a Peleo cantos animais abatera. Amosando o seu saco descubriu quince presas e todos os cazadores recoñecérono coma o mellor da xornada. Moitos despois de festexalo deitáronse no chan e botaron unha soneca. Peleo foi un deles. O rei pensou que chegara o momento, e tras comprobar que Peleo durmía, achegouse sen ser visto e quitoulle a espada agochándolla non moi lonxe de alí. Despois liscou xuntou aos cazadores esperando que durante a noite as feras da montaña caeran sobre o heroe desarmado.
Cando Peleo espertou viuse rodeado de bestas monstruosas, e chegou a crer nun principio que aquilo era unha broma dos compañeiros de caza, porque estes monstros levaban unha cabeza de home e de tal tiñan o peito, pero o resto dos seus corpos parecían os dun cabalo. Eran os centauros e axiña caeu na conta do perigo no que estaba porque estes animais de dobre natureza se alimentan de carne crúa. Cando foi buscar a espada, non a atopou, e sen apenas moverse estaba pensando en que sería mellor, loitar ou facerse o morto. De súpeto un dos centauros achegóuselle cunha espada na man.
- Cóllea- díxolle- foi a que che quitou o rei Acaste, Quirón devólvecha para que poidas escapar da furia dos seus semellantes.
Así soubo Peleo que o centauro Quirón non era como os outros. O seu nacemento fora máis nobre. Namentres os outros descendían do rei de Tesalia Ixión. El debíalle a vida a unha filla de Océano, Filira e do deus Cronos. Ademais era un bo amigo dos homes non era nómada vivía nunha cova ao pé do monte Pelión, pois os demais centauros non tiñan domicilio fixo. Quirón practicaba a mediciña que lle ensinara Apolo. Quirón tamén ensinaba, era mestre de moitos heroes gregos. Estaba dotado do don da adiviñación e coñecía a historia de Peleo, mesmo a morte da súa muller Antígona que el ignoraba aínda. Foi Quirón quen lla narrou co maior dos coidados e ofreceuse a axudarlle sempre que o necesitase. Tamén foi Quirón quen lle animou a coñecer a Tetis, cando xa pasara algo máis dun ano desde que se coñeceran.

Despois de ler lembra e contesta:

1- Peleo tivo mala sorte no seu primeiro matrimonio a causa da morte do seu sogro, que ocorreu ?
2- Que lle pasou coa raíña Astidamía, de que acusa a Peleo ante o rei Acaste?
3- Cal foi a reacción de Acaste?
4- Que vai a librar a Peleo dunha morte segura?

Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2014-15 - Publicado o 01-12-2014 23:41
# Ligazón permanente a este artigo
ZEUS e as titánides LETÓ e MAIA:
Outros dous novos amores de Zeus que terán gran transcendencia no Olimpo, porque van traer novos e importantes deuses a carón dos xa coñecidos Olímpicos serán os que Zeus tivo coas titánides Letó e Maia.

Letó e Asteria eran fillas dos titáns Ceo (titán do poder profético) e Febe (unha das divindades asociadas á Lúa). Zeus intentara violar á irmá de Letó, Asteria, que fuxira transformándose nunha ave denominada paspallás, arroxándose ao mar e convertíndose na illa flotante Ortixia (illa de paspallás).

Hera, a deusa coa que Zeus se comprometera a casar, nun ataque de ciumes, perseguirá a Letó e logrou que ninguén a acolla agás a illa Ortixia, que estaba deserta. Tratou logo Hera de impedir o nacemento dos fillos de Letó prohibindo a Ilitía, deusa dos partos, que a atendiera. Cando xa tiña Letó un retraso de 9 días, conmoveron as súas dores aos deuses, que fixeron que nacera primeiro Artemisa para axudar a súa nai a dar á luz a Apolo.

A illa Ortixia ficou fixada ao fondo con 4 columnas, e cambiou o seu nome polo de Delos, que significa brillante (por Apolo, deus da luz).

Posteriormente Hera logra que a serpe xigante Pitón, filla de Xea, persiga a Letó para matala, posto que o seu destino era que morrería a causa do parto, pero non o logrou.
Perseguidos por Hera, Letó, Artemisa e Apolo chegaron a un estanque, e, cando ía a nai a dar de beber aos seus fillos, uns labregos, instigados por Hera, removeron a augua e ao ser entoldada co barro, Zeus castigounos convirténdoos en ras. Catro días despois de nacer, Apolo (hai quen di que coa colaboración de Artemisa) matou á terrible serpe coas súas frechas. Contaban que logo a soterraron no lugar de Delfos.

Apolo e Artemisa foron grandes protectores da súa nai en distintas ocasións. Mataron ao xigante Ticio por intentar violala.

Maia era filla maior das sete que tivo o titán Atlas coa ninfa mariña Pléione. Din que esta titánide enxendrou nunha cova do Peloponeso do monte Cileno ao seu fillo con Zeus, Hermes. Hermes nada máis nacer nun descoido da súa nai foi quen de roubarlle gando a Apolo en Tesalia. Apolo solicitou a intervención do seu pai Zeus, pero ao ver a Hermes cun instrumento que acababa de inventar, a lira, decidiu cambiar aquel invento polo seu gando. Tamén se di que a lira, inventada por Hermes,regaloulla a Apolo a cambio do caduceo e, dende entón, figurou como atributo deste deus.

CUESTIÓNS

1- cales son os nomes latinos dos deuses que citamos? Onde estan Delos e Delfos?
2- Investiga que culto mediterráneo había en Delfos antes do culto a Apolo, un dos máis importantes do mundo grego.
3- Delfos era o embigo do mundo, por que?
4- Como é unha lira? Que ten que ver cunha tartaruga?
5- Que é o caduceo? Cal vai ser o traballo de Hermes que lle encarga Zeus no Olimpo?
6- Despois de facer as pertinentes consultas fai un retrato de Apolo, de Artemis e outro de Hermes.
Comentarios (0) - Categoría: AMORES DE ZEUS - Publicado o 23-11-2014 13:50
# Ligazón permanente a este artigo
Deucalión e Pirra e o mito dos andróxinos.
Unha sería máis ben un recreación a partir do mito de Deucalión e Pirra, que como deberíades saber son descendentes de Prometeo e de Pandora dous personaxes xa coñecidos e que teñen tamén moito que ver co tema da humanidade.

O obxectivo é investigar por unha banda sobre esta parella e a orixe dun diluvio universal que ten tamén a súa versión como seguro sabedes no Antigo Testamento. Repara nas semellanzas e nas diferenzas neste enlace dun blog educativo denominado en el camino a Ítaca moi completo no que tamén aparece este vídeo:



Outro mito de carácter máis filosófico pois é obra de Platón (ler unha tradución do texto) é o dos andróxinos que ademais da idea da orixe do ser humano intenta explicar a diferenza entre o masculino e o feminino.



Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2014-15 - Publicado o 20-11-2014 23:01
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal