VERBA VOLANT



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

IMOS CARA TROIA
A Guerra de Troia do mito, de Homero e do cinema

Primeiros apuntamentos sobre a primeira sesión.Imos ver na aula a película de Wolfgang Petersen titulada Troia, pero á vez imos ir procurando semellanzas e diferenzas co mito e co relato de Homero.
Comezamos coas primeiras escenas que son a introdución do filme, onde destacan o rapto de Helena e o logro do astuto rei de Ítaca, Ulises, ao convencer a Aquiles que se embarque cos gregos.

Sobre os personaxes que se nos presentan axiña botamos en falta aos deuses, omnipresentes na Ilíada e que aquí desaparecen como personaxes activos, tan só aparecerá dun xeito moi sutil a nai de Aquiles, a deusa mariña Tetis, imitando aqueles diálogos que Homero introduce no seu relato en distintas ocasións.

Botamos en falta en Troia á raíña Hécuba, esposa de Príamo, unha lamentable simplificación, e tamén chama a atención a inexistencia da princesa profética troiana Casandra, aínda que alguén pode pensar que a Briseida da película é, en parte, Casandra. Sobre Briseida falaremos nas seguintes sesións.

Imos consultar agora, antes de seguir adiante, o libriño recomendado "Agamenón e a guerra de Troia" os capítulos VI-VII-VIII para lograr coñecer algúns pormenores previos aos combates en Troia. Procura pois as respostas axeitadas:

1º Que soño tivo Hécuba?
2º Que facía Aquiles no xineceo, ou dependencias das mulleres? Quen o descobre?
3º Quen é Ifixenia e que ten que ver con Aquiles?

Logo seguindo coa película TROIA do ano 2004, imos na procura de semellanzas co texto básico da mesma a Ilíada de Homero:
Propoñemos estas cuestións para resolver cos textos de Homero diante:

NA PROCURA DE PARECIDOS (para unha segunda sesión)

1- As razóns históricas e mitolóxicas da guerra de Troia aparecen claras na película?
2- A cólera de Aquiles é o tema inicial da Ilíada. No filme aparece Briseida, pero na Ilíada de Homero Briseida e tamén Criseida.
Le o Canto I. e intenta explicar que semellanzas atopas entre a personaxe do cine e as orixinais de Homero.

Terceira sesión:
Paris enfróntase a Menelao. Morre alguén neste singular combate? Como conta este asunto Homero consulta os cantos III e IV da Ilíada?


A morte de Patroclo procura na Ilíada unha descrición deste momento no canto XVI. Cal é a reacción de Aquiles? cales sons as semellanzas e diferenzas que atopas entre a película e o relato de Homero (canto XXII)?

Por que motivo Príamo se achega á tenda de Aquiles? Este finalmente compadécese do rei troiano ao lembrar ao seu pai ( está no canto XXIV o final da Ilíada). Imos cunha curiosidade mitolóxica: Peleo, pai do heroe dos pés lixeiros, enviárao a Troia cos mirmidóns, cal é a orixe deste soldados de negro?

Na cuarta sesión

Estamos xa no final da película. Esta materia xa non se debe á Ilíada de Homero que remata cos funerais de Patroclo e Héctor, con Aquiles vivo e Troia sen conquistar.

Por un lado, está a gran estratexia do grego máis astuto. Cal é a ocurrencia e quen é o heroe de tan gran inxenio? Sufriron os gregos segundo a mitoloxía unha peste nas praias de Ilión como aparece na película?

A morte de Aquiles é un dos centros de interese. A película sitúanola dentro de Troia, coincide cos relatos da mitoloxía máis coñecidos?

Debemos chamar a atención antes de rematar sobre outras mortes. Morreu Agamenón en Troia?

Finalmente, salvouse alguén da toma de Troia? neste punto a película distánciase do que as fontes gregas nos transmitiron, especialmente no referente ás troianas como Andrómaca ou mesmo a Helena o que provoca sen dúbida confusións, tendo en conta que podemos ler na traxedia de Eurípides As Troianas.

E para rematar podemos ir repasando os datos fundamentais que debemos saber con este xogo didáctico sobre a Guerra de Troia. ou este outro xogo sobre a Ilíada que ademais nos obriga a practicar o inglés.(Son moitos os xogos deste tipo que hai no mercado cargados de violencia, violencia que tamén está presente en boa medida no texto orixinario de Homero).
Comentarios (0) - Categoría: 4º 2010-2011 - Publicado o 18-01-2011 18:28
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal