VERBA VOLANT



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

PROMETEO E OS MORTAIS

A ÉPICA de Hesíodo III:

Despois de ler na aula o mito das Idades do Home traballaremos outro que está intimamente unido a el: O mito de Prometeo. Estamos dándolle voltas á aparición dos mortais na superficie da Terra. Aquí tedes un texto de Hesíodo sobre Prometeo na súa obra " Os traballos e os días". Pero esperamos que sexades capaces de crear o voso propio texto a partir dun cómic.

Sobre a nosa condición de mortais Sófocles, un autor grego, na súa maxistral obra Antígona deixou dito:
"Non hai nada máis misterioso que o home... tan só á morte non lle atopou solución".

Por outra banda, Ovidio, o latino, narraba así o acontecemento:

Sanctius his animal mentisque capacius altae
deerat adhuc et quod dominari in cetera possit:
Natus homo est.

OVIDIO Metamorphoses, I 76-78

Un ser/animal máis nobre e dotado de mente sublime,
aínda faltaba, e que puidese ser dono dos restantes:
naceu o home.

Quam satus Iapeto, mixtam pluvialibus undis,
Finxit in effigiem moderantum cuncta deorum,
Pronaque cum spectent animalia cetera terram,
Os homini sublime dedit caelumque videre
Iussit et erectos ad sidera tollere vultus…
Tellus induit ignotas hominum conversa figuras
.
OVIDIO Metamorphoses, I 82-88

Coa terra amasada en auga de chuvia o fillo de Xápeto
crea figuras co molde dos deuses que todo o controlan.
Se ben os demais animais ollan á terra inclinados,
fíxolle ao home un rostro altivo e dispuxo que ao ceo altivo mirase
e cara ás estrelas alzase ergueita a cabeza…
Así a Terra remodelada vestiuse de imaxes estrañas de homes.

Pero a relación de Prometeo cos mortais non remata aquí, imos ver porque lle chaman o amigo dos homes.

CUESTIÓNS:
1- Como conta Ovidio que foi creado o home por orde de Zeus?

2- Na Teogonía PROMETEO aparece inicialmente na relación dos fillos de Xápeto e Clímene entreténdose Hesíodo á par dos castigos dos seus irmáns Atlas, Menecio e Epimeteo. Le este breve texto e explica como castigou Zeus aos Xapetonidas. Repara que se detén máis na narración do de Prometeo.

"Fillos de Xápeto e Clímene

Xápeto levouse á moza Clímene, Oceánide de fermosos nocellos e subiu ao seu mesmo leito. Esta deulle un fillo, o intrépido Atlas, e pariu ao moi ilustre Menecio, ao mañoso e astuto Prometeo e ao torpe Epimeteo, que foi desde un principio sempre ruína para os homes que se alimentan de pan. Pois el por primeira vez aceptou unha xoven muller modelada por Zeus. Ao violento Menecio, Zeus de ampla mirada afundiuno no Érebo, alcanzándoo co ardente raio, pola súa insolencia e desmedida audacia. Atlas sostén o vasto ceo a causa dunha imperiosa fatalidade alá nos confíns da terra, á entrada do país das Hespérides de fina voz, apoiándoo na súa cabeza e infatigables brazos; pois esta sorte lle asignou como lote o prudente Zeus. A Prometeo abundante en recursos atoulle con irrompibles ligaduras, dolorosas cadeas, que meteu a través dunha columna e lanzou sobre el a súa aguia de amplas ás. Esta comíalle o fígado inmortal e aquel durante a noite crecía por todas partes na mesma proporción que durante o día devoraba a ave de amplas ás. Matouna Heracles, ilustre fillo de Alcmena de fermosos nocellos e librou do seu horrible tormento ao Xapetónida, dando fin ás súas inquedanzas non sen o consentimento de Zeus Olímpico que reina nas alturas, senón para que a fama de Heracles, nacido en Tebas, fora maior aínda que antes sobre a terra fecunda. Por estes anhelos favorecía ao seu moi ilustre fillo e, aínda que irritado, calmou a cólera que antes tiña desde que Prometeo combateu a vontade do moi poderoso Cronión." (Teogonía 507-534)

3- A defensa que vai realizar Prometeo ante Zeus dos mortais vai provocar castigos de Zeus tanto para os homes como para o seu liberador. Para coñecelos debes comezar a tarefa de elaboración do cómic que aparecerá na seguinte entrada. Pero antes observa a ilustración do comezo desta entrada saberías indicar que personaxes son os que aparecen e o que está sucedendo, como a titularías?
Comentarios (0) - Categoría: 4º 2010-2011 - Publicado o 13-10-2010 16:09
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal