VERBA VOLANT



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Imos a LUGO, O noso primeiro contacto con Roma
Imos ver dúas obras de teatro ao FESTIVAL DE TEATRO GRECOLATINO a Lugo, pero tamén imos tomar contacto con ROMA coa súa civilización e coa cultura castrexa aquela que foi a primeira que de xeito singular se desenvolveu na terra que os romanos nomearon GALLAECIA.




Deixamos aquí uns apuntamentos iniciais:

I-AS FONTES: A través dos achádegos arqueolóxicos e as referencias escritas da época, ou á época, podemos facernos unha composición de lugar do que supuxeron para Galicia dous momentos da súa historia. Por unha banda, a que se pode considerar a primeira cultura de importancia que se xera na nosa terra, a cultura Castrexa, e a inmediatamente posterior e que foi todo un proceso de superposición sobre o mundo castrexo, lento, pero inexorable, referímonos ao mundo Galaico-romano.

II-A CULTURA CASTREXA: ANTES DA CONQUISTA DE ROMA. Xorde na idade dos metais a finais da idade de Bronce arredor do século VII-VI a. de C. desenvolvéndose con elementos indíxenas, centro-europeos e mediterráneos producindo unha cultura específica no noroeste peninsular. Ata o século II a. C. podemos dicir que permanece afastada da influencia romana que se fará máis notable a medida que os romanos avanzan no proceso de conquista da Península ata finalmente dominar e conquistar mesmo o territorio castrexo tras distintas operacións bélicas que rematarán no I d. C. Precisamente do mundo Galaico-romano é do que coñecemos máis testemuñas, dado que a meirande parte dos castros escavados tiveron o seu momento máis álxido precisamente a partir do século II-III d. C., polo que podemos asegurar que aínda queda moito por estudar e concretar en canto a vida castrexa de antes da chegada dos romanos.






III- A CONQUISTA DA GALLAECIA: CREACIÓN DO HÁBITAT GALAICO-ROMANO. Os romanos desexosos de dominar aos pobos cántabros, galaicos e ástures decidiron a conquista, interesados en controlar especialmente o ouro e outros metais nos que este territorio era rico. As primeiras incidencias no contexto castrexo íanse notar claramente mesmo no xeito de construír e de vivir dos habitantes dos castros: as construcións cuadrangulares, as tégulas en lugar das cubertas vexetais, determinados obxectos de uso común como os muíños de man, o torno e a cerámica de importación ou sigilata, etc...Un lugar inmellorable para asimilar e entender in situ este proceso é sen lugar a dúbidas o Castro de Viladonga e o seu Museo, unha das visitas que imos realizar centrará o noso interese xaquelogo nestes aspectos de primeiras incidencias e maduración do proceso de Romanización que se estaría a dar na Gallaecia cando o castro estaba plenamente habitado.

IV-ROMANIZACIÓN: Lucus Augusti é a capitalidade dun dos tres conventus nos que os romanos dividiron administrativamente o territorio da Provincia Gallaecia. Era unha cidade do imperio romano, e como toda cidade haberá algúns elementos que non falten, pero sen dúbida tamén temos que dicir que ou non conservamos ou careceu dalgunhas das construcións típicas das cidades romanizadas. O máis chamativo son as súas murallas as únicas conservadas en toda Europa nas que os carros podían ir en ámbalas direccións, e que foron consolidadas a finais do século III d. C. por medo á inestable situación do Imperio que vivía unha forte crise. Nos arredores de Lugo, e mesmo na cidade atopáronse restos que nos poden indicar claramente por onde e como camiñaba o proceso de Romanización. Faremos un alto especial no apartado da epigrafía e inscricións especialmente abondosas no Museo Provincial de Lugo, utilizaremos certas nocións de epigrafía latina que demos na clase para poder distinguir entre aras e estelas, e outras inscricións honoríficas, as distintas claves e siglas máis frecuentes, etc... A súa Catedral será tamén obxectivo da nosa saída cultural.

PARA AFONDAR: Material complementario estudar o fenómeno da Latinización ( á volta da saída)
V-A LATINIZACIÓN:O cristianismo e Priscilianismo. No proceso de expansión da lingua latina máis alá das cidades e campamentos romanos temos que saber que foi o cristianismo e concretamente Prisciliano unha das claves para que o latín se introducira dun xeito irreversible nas aldeas e lugares máis apartados das vías de Romanización. Precisamente o misterioso lugar de Sta. Eulalia de Bóveda pode ser unha das máis significativas e peculiar construción relacionadas co culto relixioso dos priscilianistas, mesmo se ten dito que podería ser o lugar onde Prisciliano foi soterrado despois da súa decapitación no 385 xunto con outros discípulos seus en Tréveris acusado de herexía, e que condenou tamén todos os seus escritos e documentación, contribuíndo a facer deste movemento, que forma parte do primeiro espertar cultural de Galicia, algo máis enigmático e misterioso. En todo caso sabemos que foi capela cristianizada e que conten unha serie de pinturas únicas no noroeste peninsular.
Categoría: 4º eso 09/10 - Publicado o 08-03-2010 18:32
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
© by Abertal