VERBA VOLANT



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O grupo BALBO representou Antígona e Mostellaria

O grupo Balbo do IES Sto. Domingo do Puerto de Sta María de Cádiz, realizaron a representación destas dúas obras o pasado día 10 de marzo en Lugo no Festival de Teatro Grecolatino 2009. Un grupo de 22 alumn@s do Colexio San Narciso acudiron e gozaron co espectáculo ben realizado deste grupo experimentado que a cada catro anos vai sufrindo, como recoñecía o seu director antes de comezar a representación de Antígona, unha remodelación lóxica e necesaria.
A súa Antígona presentaba unha introdución onde se presentaban os momentos previos á traxedia o enfrontamento entre Eteocles e Polinices e a súa morte. Para pasar logo ao texto da traxedia de Sófocles. Os coros aínda que recortados e comprimidos en extensión estaban moi ben traballados e lograban non ser nin monótonos , nin pesados para un público pouco paciente e experto en teatro clásico. Resultaban chamativos xogos de voces, aínda que resulte realmente complexo lograr meter na trama de cheo a espectadores tan heteroxéneos e pouco formados. de todos os xeitos a Antígona faltáballe forza e había un certo desequilibrio entre ela e o Creón moito máis acabado. Este foi baixo o meu punto de vista un dos principais obstáculos á hora de conseguir meterse ao público de cheo no bolso.
Cousa distinta foi a comedia, que xa pola temática resulta máis próxima e viva. Hai que dicir que a clave do gran éxito que acadou foi o feito de que os actores saíron a divertirse volcados co público que respondeu á invitación do grupo. E aínda que os argumentos e máximas da comedia non son nada complexos, pouco profundos, e a posta en escena era a esperable o que realmente agradeceu o espectador, tanto o non cultivado como o xa sabido, foi o traballo de personaxes como o do Filólaques e o logrado acabado que se traía a escena, tanto é así que mesmo o esperable e habilidoso personaxe do escravo Tranión, que é sen dúbida un protagonista , víase relegado ao papel de coprotagonista co do seu amo mozo. En xeral é de destacar pois a rotunda pericia á hora de actualizar con referencias ao presente o texto orixinal, sen recargar, pero ben situadas para gañar ao público sempre a carón das vellas e universais claves do humor plautino ben dosificadas e postas en escena.
As continuas entradas e saídas por entre o público deulle vigor, lonxe de cansar ao espectador que parecía estar esperando unha sorpresa pois a entrega do conxunto dos personaxes e o traballo actoral caricaturizando tanto os máis importantes como os de menor transcendencia para a trama lograron sen dúbidas un éxito na representación.
Categoría: 4ºB 08/09 - Publicado o 12-03-2009 06:31
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
© by Abertal