VERBA VOLANT



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

RomanicÉmonos
Aula aberta de Cultura Clásica:
ROMANIZACIÓN DE GALICIA.

COLEXIO SAN NARCISO(saída 6 de marzo do 2008)

I-AS FONTES: A través dos achadegos arqueolóxicos e as referencias escritas da época, ou á época, podemos facernos unha composición de lugar do que supuxeron para Galicia dous momentos da súa historia. Por unha banda, a que se pode considerar a primeira cultura de importancia que se xenera na nosa terra, a cultura Castrexa, e a inmediatamente posterior e que foi todo un proceso de superposición sobre o mundo castrexo, lento, pero inexorable, referímonos ao mundo Galaico-romano.

II-A CULTURA CASTREXA: ANTES DA CONQUISTA DE ROMA. Xorde na idade dos metais a finais da idade de Bronce arredor do século VII-VI a. de C. desenvolvéndose con elementos indíxenas, centro-europeos e mediterráneos producindo unha cultura específica no noroeste peninsular. Ata o século II a. C. podemos dicir que permanece aillada da influencia romana que se fará máis notable a medida que os romanos avanzan no proceso de conquista da Península ata finalmente dominar e conquistar mesmo o territorio castrexo tras distintas operacións bélicas que rematarán no I d. C. Precisamente do mundo Galaico-romano é do que coñecemos máis testimuñas, dado que a meirande parte dos castros excavados tiveron o seu momento máis álxido precisamente a partir do século II-III d. C., polo que podemos asegurar que aínda queda moito por estudar e concretar en canto a vida castrexa de antes da chegada dos romanos.

III- A CONQUISTA DA GALLAECIA: CREACIÓN DO HÁBITAT GALAICO-ROMANO. Os romanos desexosos de domeñar aos pobos cántabros, galaicos e astures decidiron a conquista, interesados en controlar especialmente o ouro e outros metais nos que este territorio era rico. As primeiras incidencias no contexto castrexo íanse notar claramente mesmo no xeito de construir e de vivir dos habitantes dos castros: as construccións cuadrangulares, as tégulas en lugar das cubertas vexetais, determinados obxectos de uso común como os muiños de man, o torno e a cerámica de importación ou sigilata, etc...Un lugar inmellorable para asimilar e entender in situ este proceso é sen lugar a dúbidas o Castro de Viladonga e o seu Museo, unha das visitas que imos realizar centrará o noso interese xaquelogo nestes aspectos de primeiras incidencias e maduración do proceso de Romanización que se estaría a dar na Gallaecia cando o castro estaba plenamente habitado.

IV_ROMANIZACIÓN: Lucus Augusti é a capitalidade dun dos tres conventus nos que os romanos dividiron administrativamente o territorio da Provincia Gallaecia. Era unha cidade do imperio romano, e como toda cidade haberá algúns elementos que non falten, pero sen dúbida tamén temos que dicir que ou non conservamos ou careceu dalgunhas das construccións típicas das cidades romanizadas. O máis chamativo son as súas murallas as únicas conservadas en toda Europa nas que os carros podían ir en ámbalas direccións, e que foron consolidadas a finais do século III d. C. por medo á inestable sitiuación do Imperio que vivía unha forte crise. Nos arredores de Lugo, e mesmo na cidade atopáronse restos que nos poden indicar claramente por onde e como camiñaba o proceso de Romanización. Faremos un alto especial no apartado da epigrafía e inscripcións especialmente abondosas no Museo Provincial de Lugo, utilizaremos certas nocións de epigrafía latina que demos na clase para poder distinguir entre aras e estelas, e outras inscripcións honoríficas, as distintas claves e siglas máis frecuentes, etc... A súa Catedral será tamén obxectivo da nosa saída cultural.

PARA AFONDAR:
Material complementario

V-A LATINIZACIÓN:O cristianismo e Priscilianismo. No proceso de expansión da lingua latina máis alá das cidades e campamentos romanos temos que saber que foi o cristianismo e concretamente Prisciliano unha das claves para que o latín se introducira dun xeito irreversible nas aldeas e lugares máis apartados das vías de Romanización. Precisamente o misterioso lugar de Sta. Eulalia de Bóveda pode ser unha das máis significativas e peculiar construcción relacionadas co culto relixioso dos priscilianistas, mesmo se ten dito que podería ser o lugar onde Prisciliano foi soterrado despois da súa decapitación no 385 xunto con outros discípulos seus en Tréveris acusado de herexía, e que condenou tamén todos os seus escritos e documentación, contribuíndo a facer deste movemento, que forma parte do primeiro espertar cultural de Galicia, algo máis enigmático e misterioso. En todo caso sabemos que foi capela cristianizada e que conten unha serie de pinturas únicas no noroeste penínsular.

Cuestionario para antes, durante e despois das visitas:

<u>MUSEO PROVINCIAL DE LUGO:ROMANIZACIÓN EVIDENTE
1- Localiza e transcribe os textos de alomenos dúas aras e dúas estelas funerarias das situadas no Claustro.

2- Hai unha curiosa inscripción realizada en lembranza dunha perruqueira localiza e transcribe o texto.

3- Transcribe o texto de algunha inscripción de tipo honorífico.

4-Localiza na visita este texto e indica que información nos transmite e en que material está realizada:

5- Cales son os motivos máis abondosos na decoración en mosaicos.

6- Para que serven os achadegos de moedas, por exemplo, atopadas nun castro. Intenta transcribir a inscripción dunha moeda romana das múltiples que se expoñen no museo.

7- Das Aras enumera nomes de deidades autóctonas e deidades romanas.

8- Localiza o Torques de Burela ¿de que metal é? ¿cal é o seu peso?

9- Localiza na visita o seguinte texto. ¿que tipo de documento é? Sinala que información nos transmite, en que lugar se atopou e en que material está realizado.


AS MURALLAS:
1- ¿En que século aproximadamente foron feitas as murallas e a como foi a súa construcción rápida ou lenta ante os materiais que ves utilizados?

2- Antigamente había catro portas, hoxe son máis, ¿cal cres que é a mellor conservada na súa confección galaico romana? ¿ Varia o tipo de material empregado nas portas da muralla?

3- A muralla tiña dúas alturas ¿ como poderías deducir ti isto mesmo tras a visita ás murallas?


A CATEDRAL DE LUGO:
1- ¿Que estilo arquitectónico domina nesta catedral?

2- Atopa e intenta traducir coa axuda do teu mestre a lenda latina que aparece nun lugar manifesto da catedral. Coméntaa.


O CASTRO de VILADONGA:
Interésanos nesta visita deslindar os aspectos de tradición castexa dos de influencia romana, ou efectos propios da romanización.
1- ¿Cales serían nas formas das casas as evidencias de que estamos nun castro da época galaico-romana?

2-¿Por que pensas que a distribución das casas era como a que ves?

3- Nas pezas atopadas na excavación e que se atopan no museo enumera 1O que sexan mostra evidente da influencia romana no hábitat o castro, e outras tantas que foran de uso tradicional na cultura castrexa. Razóao.

4-Para que se utilizaban os torques e as arracadas:

5- ¿Con cantas liñas defensivas contaba este castro?(Podes observalo in situ ou na maqueta do museo)















ver mapa de LUGO CENTRO
Categoría: Xeral - Publicado o 05-03-2008 07:45
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
© by Abertal