VERBA VOLANT



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Visita a Ourense ao FESTIVAL DE TEATRO GRECOLATINO


Imos ver dúas obras: a traxedia de Esquilo, Euménides e a comedia de Plauto, Menechmos. A nosa visita a Ourense servirá ademais para abrir novos camiños de coñecemento sobre o mundo clásico e a nosa terra, Un abc de coñecementos:

Imos comezar a nosa visita sabendo o que é unha ARA, un monumento dedicado a unha deidade en cumprimento dunha petición por algunha causa. como esta dedicada ás Ninfas aparecida en 1802 nas primeiras excavacións na zona :



Deidade a quen se lle dedica: NYMPHIS

Persoa que lla dedica: CALPURNIA ABANA AEBOSO


Motivo: EX VISU ( por un soño ou visión)

Fórmula final: V. S. L. (Votum Solvil Libens: "cumpriu gustosamente o voto /desexo / petición")



As orixes de Ourense están asociadas ás augas termais, nas excavacións máis recentes ( 1995-2010) na zona atopáronse varias aras dedicadas a un deus preromano denominado REVVE ANABARAEGO.

BURGA: Entre o CELTA Beru “quente” e o LATÍN burca “pía”.


Visitamos tamén o Centro de interpretación das Burgas e comprobamos que os romanos xa realizaron neste lugar un complexo termal.

CATEDRAL: Na visita á Catedral de Ourense reparamos especialmente no Pórtico do Paraíso, marabillosa representación do Románico policromado.

DIONISOS: Fixemos un alto na Sala de Exposición escultórica do Museo Provincial (que aínda está en proceso de remodelación) para contemplar o contrastre escultórico entre o castrexo e o romano. Reparamos así na curiosa estatua de Dionisos e o sátiro Ampelos.

EUMÉNIDES de ESQUILO: Asistimos logo á primeira das representacións As Euménides de Esquilo. Unha traxedia grega representada polo grupo Noite Bohemia.

FERRO
Desprazámonos a seguir cara ao Parque arqueolóxico de San Cibrao de Lás onde, tras a comida, comezamos unha visita guiada á Idade do Ferro, ao século II a. C. coetáneo da obra de Plauto que íamos ver pola tarde.

Este é o primeiro achegamento á Cultura Castrexa no presente curso que irá afondándose a partir desta primeira experiencia didáctica ao pé dun castro, un dos máis grandes de Galicia.

GALLAECIA: Un dos primeiros datos que debemos reter é que o territorio da cultura máis antiga da nosa Terra é un espazo que ocupa maior extensión que a actual Galicia. A cultura Castrexa abrangue Galicia, Norte de Portugal, parte de Asturias, León e Zamora como acredita a arqueloxía e cando chegaron os romanos van certificalo coa configuración neste espazo dunha Provincia romana denominada Gallaecia.

HOSPITIUM (tabula)
Os romanos, como comprobamos conquistaron o territorio despois dun longo proceso no que se deron curiosos pactos de hospitalidade como testemuñan as tábulas ou tesserae hospitium.

INVESTIGATIO:
Imos realizar un estudo detallado sobre esta etapa primixenia da nosa cultura, de como se produciu este encontro dunha cultura máis atlántica coa cultura mediterránea que trouxeron os romanos.

LÁS (antiga Lansbrica)
Deste castro partirá logo a nosa investigación sobre a confluencia que denominamos galaico-romana, para a que Ourense como puidemos comprobar aporta importantes datos. Un dos centros de referencia para o estudo desta época é o Centro de Lansbrica e as excavacións (ata o de agora dunha pequena parte da citania) que visitamos.

MENECHMOS
A continuación volvemos a Ourense onde asitimos no Auditorio a segunda das obras previstas, a Comedia dos Xemelgos ou Menechmos de Plauto.

A modo de resumo: NYMPHIS. Nunha ARA dedicada ás NYMPHAS, deidades romanizadas relacionadas coa auga e o seu poder curativo, nos lembra a orixe de OURENSE que, se cadra, en lugar de chamarse así polo ouro que arrastraba o Miño, era un espazo coñecido polas súas augas termais ( o topónimo hai quen dí que procede da expresión latina "aquae URENTES", é dicir augas abrasadoras, en lugar da cidade auriensis que quere dicir "de ouro").

PLAUTO: A obra de Plauto deu pé a realizar unha pequena reflexión de como se debe adaptar unha obra clásica aos tempos presentes. Debe unha actualización da obra reproducir a visión caduca e decadente doutra época, deben formar parte da súa representación moderna o fomento de usos e costumes hoxe criticables? Ou debe xogar un papel máis didáctico e acorde cos nosos tempos como obra de teatro adaptable á actualidade que incorpora a través do humor unha crítica audaz aos defectos dos nosos días sen caer nos chistes machistas e clasistas pretéritos que deberían estar pasados de moda?

QUERQUERNIS AQUIS (AQUILA) Esta visita servirá tamén para comezar a abordar a ROMANIZACIÓN da Península e analizar a repercusión que tivo tanto sobre as sociedades sometidas daquela, como nas consecuencias posteriores á conquista que aínda hoxe podemos observar na sociedade actual.

SAN CIBRAO/ SOL Un documental sobre a ubicación do castro e o solsticio de verán.

THEATRUM ( a etimoloxía do teatro vén do verbo grego ver "theomai" e o sufixo "-tron" e qeure dicir: "lugar para ver") Dúas obras que lemos e que vimos representadas e que agor apoderemos analizar con calma.

VISU. Calpurnia disque que cumpriu un soño ofrecendo a Ara ás Ninfas. Tamén a nosa saída é unha especie de soño e de visión que nos permitiu viaxar no tempo e a través da historia coa cultura e as palabras como compañeiras ineludibles da sabedoría.

X horas imos pasar nesta cidade onde aprenderemos moitas cousas sobre o noso pasado que nos axudarán a coñecer mellor o noso presente.
Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2015-16 - Publicado o 12-04-2016 20:10
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal