VERBA VOLANT



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Erinias e Euménides de Esquilo
As Erinias ou Furias da mitoloxía sofren unha curiosa evolución grazas á reinvención do mito que Esquilo introduce na súa obra "As Euménides", a terceira das traxedias da Orestíada que segundo parece se representaron en 458 a.C.

As Erinias para Hesíodo naceron das pingas de sangue que caeran sobre Gaia(a Terra) no episodio coñecido da castración de Urano.Serían tres irmás que residen coa Noite no Érebo ou no Tártaro dende onde se dirixen á Terra para cumprir o seu cometido: a vinganza dun asasinato, torturando ao seu causante e provocando nas súas vítimas a tolería. Son deusas antigas ás que deuses novos como Zeus deben obedecer. O seu aspecto produce pavor, de cor negra, cabelos mesturados con serpes e na man levan antorchas ou látigos que poden ser tamén serpes, son comparadas con cadelas (en ocasións representadas con cabeza de can) porque producen un gruñido ao poñerse a perseguir ao humanos que cometeron un homicidio, esa é a súa principal función.

Non é raro logo que foran chamadas tamén Maniai, é dicir, "as que volven tolo" ou maniáticas nunha das denominacións que recibían nun dos templos dedicados a elas na Arcadia. O nome de Euménides (Εὐμενίδες), que en grego significa «as bondadosas», utilizábase en Atenas como eufemismo do das Erinias que significa "deusas airadas vingadoras, furias", como para así impedir pronunciar o seu nome verdadeiro, é dicir, un tabú.

Este nome eufemístico sería utilizado por Esquilo para dar solución á terceira das traxedias na súa triloxía sobre Orestes tras ser convencidas por Atenea a converterse en deusas benévolas, Euménides. Esquilo reinventou en parte o mito para lograr deste xeito un dos seus obxectivos políticos e didácticos. Quería nas súas traxedias louvar as institucións da Atenas democrática que estaban en pleno proceso de formación e asentamento.


Para o filósofo Epiménides, un filósosfo cretense (do que se di coñecían os rituias de chamáns asiáticos) quen ao parecer colaborou no século VI a.C. con Solón na reforma do estado ateniense, as Erinias eran irmás das Moiras coas que aparecen confundidas ou con frecuencia solapadas, así como con outras deidades antigas e escuras pois fían o destino dos humanos.

Tamén son confundidas coas Gorgonas, aínda que segundo Esquilo non tiñan ás, hai quen as describe con ás de morcego, negras e con ollos inxectados en sangue.

Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2015-16 - Publicado o 03-04-2016 20:45
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal