VERBA VOLANT



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Filosofía, teatro e democracia en Atenas.
A influencia da filosofía e da democracia no teatro grego:

A invención do teatro está intimamente ligada a evolución política de Atenas, e esta evolución tamén é unha consecuencia do paso do mito ao logos, é dicir, da aparición da filosofía, do coñecemento do mundo e do ser humano con carácter científico.

Se o lema "coñécete a ti mesmo" do templo de Apolo en Delfos (o templo data do século VII)auguraba os mellores tempos para a filosofía grega, non poderemos entender tampouco a evolución dos ritos sagrados de Dionisio cara a unha manifestación cargada de ideoloxía do teatro en Atenas. O teatro é unha ferramenta política da Atenas democrática para concienciar, popularizar e difundir o novo réxime político e as súas institucións. Un exemplo moi claro podemos velo na obra das Euménides de Esquilo, onde se pasa do mito ao logos, de deidades primitivas como as Erinias a deuses novos como Apolo/Atenea que promoven novas fórmulas de goberno e das súas institucións (Areópago).

O interese da filosofía polo mito como exemplo e reflexión sobre a existencia humana, a súa realación cos deuses,etc... propiciou axiña a súa aparición no teatro cun uso moi semellante.

A función dos mitos que a traxedia utiliza e remodela ou reinventa, consiste en ser a expresión dunha "época pasada", con patróns políticos caducos e obsoletos, que se mostra como "allea" en relación coas normas actuais, as novas formas de goberno da polis de Atenas.


E se a traxedia escolle o mito e unha linguaxe elevada e transcendente para educar ao pobo. A Comedia ateniense do século V a.C. é claramente política e se sitúa no medio do debate a crítica aberta das opinións contrarias como podemos comprobar nas obras de Aristófanes.

Os mestres da verdade (tanto autores tráxicos como de comedias) son conscientes da función do teatro, pero tamén os propios gobernantes que se implicaban na organización dos concursos teatrais, presidían as repesentacións e procuraban habilitan espazos como o teatro de Dionisos en Atenas que reunían a máis de 15.000 persoas ao redor destes eventos de masas e de gran transcendencia social.

A traxedia e a comedia permitían o encontro cos límites da condición humana e coas leis que regulan tal condición no contexto da polis, á vez que posibilitaba e fomentaba a unidade dos cidadáns. Pero o teatro non só reunía a pobo na diversión, senon que tamén -sobre todo-, o educaba (tiña unha función pedagóxica e identificadora -construtora da identidade social-, na sociedade ateniense).

O teatro serviu desta maneira, para vehicular os ideais democráticos que naceron en Atenas e que facía ver a outras cidades tamén a través das representacións teatrais, ben porque se exportaran dende alí, ou debido aos espectadores estranxeiros invitados ás Grandes Dionisíacas.
Comentarios (0) - Categoría: TEATRO - Publicado o 31-03-2016 21:28
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal