 A traxedia de Esquilo titulada Euménides, non deixa de ser unha peza tráxica realmente chamativa porque, entre outras cousas, aínda que parte dunha serie de asasinatos e toca temas transcendentais que aborda un heroe como Orestes, non remata coa morte do mesmo.
Forma parte dunha triloxía (algo habitual),de feito é a única do autor que se nos conserva, pero á vez é, das tres obras das que forma parte, a menos representada: Agamenón e As Coéforas foron con moito sempre máis populares.
As últimas adaptacións realizadas desta obra deixan ver a todas luces a súa singularidade. Aínda que contamos cun traballo da Universidade de Barcelona moi interesante e completo para podérmonos achegar a esta obra de Esquilo, imos realizar unha síntese que nos permita entender cales son estas peculiaridades a grandes trazos.
DE DELFOS A ATENAS
A obra sitúa a acción en dous lugares ben distintos e distantes, en lugar dun só espazo como é o que acontece con case que todas as obras conservadas. Os espazos son o santuario de Delfos de Apolo e a democrática Atenas.
Ao utilizar o adxectivo democrática, estamos indicando dalgún xeito unha segunda característica específica das Euménides: o salto do tempo mítico ao tempo coetáneo á representación, é dicir, a Atenas do século V a. C. Fanse mencións a institucións e apelacións directas á cidadanía ateniense do momento, cousa tamén estraña á traxedia grega.
Xa indicamos un tercer aspecto raro como é que o heroe, lonxe de morrer, viva.
O desprazamento de Delfos a Atenas, que vén acompañado da presenza de dous deuses "novos" é fundamental para entender a trama desta peza que xira ao redor da xustiza e que nos leva á reflexión sobre o nacemento de novas formas e leis para conquerir unha verdadeira xustiza. Logo o desprazamento espacial ten tamén unha lectura política e social.
É moi importante sinalar que o teatro nace e ten unha compoñente relixiosa innegable, pero á vez é incuestionable que evoluciona cara a unha fórmula política e didáctica de socialización. As obras de teatro son dependentes do poder e contribúen poderosamente a perfilar moralmente ao conxunto dos cidadáns de Atenas. O teatro é unha ferramenta moi útil para educar á sociedade desta polis que estaba en pleno desenvolvemento dun novo sistema político chamado democracia.
Neste sentido Esquilo entendeu perfectamente a funcionalidade do xénero do que foi un deses mestres da verdade, se ben aínda non é quen de centrar os conflitos plenamente no ámbito humano e outórgalle aos deuses un papel central nas súas tramas. |