VERBA VOLANT



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

AOS QUE VIRON A PELÍCULA TROIA
DE HOMERO Á VERSIÓN DO CINEMA MÁIS RECENTE SOBRE A GUERRA DE TROIA

Homero din que viviu no 800 a.C. cando xa pasaran 400 anos da que, segundo os estudos realizados, puido ser a famosa guerra de Troia (arredor do 1200 a.C.)

Unha gran parte dos acontecementos narrados na Ilíada forman parte esencial da película:

Canto I: Enfrontamento entre Agammenón e Aquiles por Briseida.

Canto II ao X: Combate de Menelao e Paris, combate de Aiax e Héctor.

Canto XI: Avance troiano. Os xefes aqueos préganlle a Aquiles que volva á guerra.

Cantos XII ao XVI: Enfrontamento Héctor e Patroclo.

Cantos XVII ao XXIV: Combate de Aquiles contra Héctor. Encontro do Pélida Aquiles con Príamo, solicitandolle este o cadáver do seu fillo e os seus funerais.


Foron realmente 1000 naves gregas contra Troia? A Ilíada no canto II fai unha relación de reis e naves que asisten e facendo números ( 50 remeiros por nave) das 1186 que cita Homero, darían un número de 59.300 homes como mínimo.

Xa vimos na aula cal é a verdadeira Troia, a descuberta polos arqueólogos e podemos logo responder a esta pregunta:Foi Helena a causante da guerra de Troia? Todas as guerras teñen causas económicas.Troia esta situada nun lugar estratéxico de gran interés para o control de rutas comerciais.
Helena parece responder máis a un motivo literario.


O TEMA DA ILÍADA
Na mitoloxía a guerra durou dez longos ano, por que A Ilíada de Homero comeza no noveno ano de asedio da cidade de Príamo?

O seu tema central será: a cólera de Aquiles !

Os aqueos, Aquiles e Agamenón, discuten por unha escrava que, en realidade, son dúas: Criseida e Briseida.

No noveno ano do asedio un sacerdote de Apolo ofrece un rescate para que os aqueos lle devolvan a súa filla Criseida, escrava de Agamenón, o atrida rei de Micenas. Apolo castiga aos gregos ao non consentir inicialmente o rescate. O divino Aquiles será o que insista ante Agamenón.

Entón Agamenón, rei de reis, quítalle a Aquiles a súa escrava, botín de guerra que se chama Briseida.

Os deuses son para Homero personaxes principais, pola contra serán os grandes ausentes da película.

En Homero apoian aos gregos:
Atenea
Hera
Poseidón
Hermes
Hefesto
Tetis

Apoian aos troianos:
Afrodita
Ares
Apolo
Artemisa
Leto
Escamandro

Na Ilíada os deuses están atentos aos combates, pelexan mesmo entre eles a favor dos seus heroes, aos que alentan constantemente. Son uns personaxes activos. Vexamos un exemplo:
Nun combate inicial que teñen o esposo de Helena e o príncipe troiano que a levara a Troia, a deusa Afrodita salva a Paris dunha morte segura a mans de Menelao. Logo Helena chama covarde a Paris cando seguro tras das murallas chega ante ela e dílle:
—Vés da loita... E deberías perecer a mans do esforzado varón que foi o meu anterior marido! Dicías ser superior a Menelao, caro a Ares en forza y no uso da lanza; pois provócalle de novo a singular combate. Pero non: mellor que desistas, e non queiras pelexar nin contender temerariamente co loiro Menelao; non sexa que axiña sucumbas, ferido pola súa lanza.

Contestou Paris: —Muller, non me botes en cara amargas críticas. Hoxe venceu Menelao co auxilio de Atenea; outro día vencereille eu, pois tamén temos deuses que nos protexen….


O FINAL DA GUERRA
Homero, que narra a cólera de Aquiles, que deixa de pelexar ata que volve a guerra, non porque os gregos estean case derrotados, senón pola morte de Patroclo.Tras da morte do principe troiano Héctor remata a Ilíada cos funerais de Patroclo e de Héctor, con Aquiles vivo e Troia sen conquistar.

Por outro libro de Homero, A Odisea e outros como A Eneida de Virxilio, autor latino, saberemos como foi conquistada Troia.

Das grandes diferenzas entre A Ilíada e outros textos épicos e mitolóxicos que nos narran o final da guerra de Troia é importante tomar nota, porque son claves para valorar a película no seu xusto termo.

7 DIFERENZAS ESENCIAIS ENTRE A PELÍCULA E A MITOLOXÍA

1ª Aínda que se basa na Ilíada na película o asedio parece durar varios días, Homero di que foron 9 longos anos.

Na película faltan todos os deuses agás Tetis.

3ª Morren personaxes que Homero nunca matou como Menelao ou Agamenón.

Na película faltan personaxes femininas como Criseida, escrava de Agamenón ou Hécuba e Casandra, a raíña de Troia e a súa profética filla.

Patroclo non era curmán de Aquiles.

O Paris da mitoloxía morre na guerra, na película sálvase.

Aquiles na mitoloxía nunca estivo no cabalo de madeira, e morre antes de que os gregos entren en Troia.
Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2015-16 - Publicado o 22-02-2016 07:52
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal