 Ata o de agora estivo moi presente nos mitos que contamos a presenza do matriarcado e da deusa nai e outras poderosas deusas: Xea, Rea... pero coa aparición de Zeus e mitos relacionados coa creación dos seres humanos, como o de Prometeo e Pandora, imos percibir un cambio e aquel carácter equilibrado e mesmo dominante de elementos femininos vaise ir diluíndo nunha serie de mitos con fortes cargas patriarcais e claramente machistas.
Facéndolle unha chiscadela á celebración do Día contra a violencia de xénero, o 25 de novembro, imos fixarnos como cambia o conto. Imos ser críticos á hora de relatar os mitos cando a influencia indoeuropea impera en moitos dos que iremos contando e que son claramente machistas polo que debemos ter esa previsión á hora de achegármonos a eles dende unha óptica do século XXI. Esta compoñente debe logo terse moi presente a partir deste momento.
Imos comezar para evidenciar esta tendencia da mitoloxía clásica a falar da creación dos mortais que na mitoloxía grega presenta unha serie de relatos complexa (hai ata catro formas distintas de explicar a aparición dos seres humanos). Pois ben, os primeros seres humanos en nacer serán os homes de sexo masculino e logo chegará Pandora, a primeira muller.
Ademais de chegar de segundas, virá cargada dunha serie de calidades moi machistas como poderedes apreciar, unha primeira ao ser considerada "un agasallo". A etimoloxía é moi clara, o nome de Pandora en grego significa "o agasallo de todos (os deuses)" unha clara "cosificación" (como se unha persoa, neste caso a muller, fose unha cousa, un obxecto) e aínda que a palabra "agasallo" ou "presente" pode entenderse, en principio, como algo bo, veremos que as intencións de semellante entrega por parte dos deuses ten como finalidade procurar un castigo eterno a todos os mortais.
Finalmente, Pandora aparecerá solapada e á sombra doutro nome, o dun deus que, a pesar de ser un Titán, está debuxado con calidades positivas, propias dun verdadeiro heroe. Trátase de Prometeo, o amigo dos mortais.
Cuestións:
1- INVESTIGA:Ocorre isto mesmo noutras mitoloxías imos nvestoigar sobre cos relatos das primeiras mulleres noutras mitoloxías. |