VERBA VOLANT



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A TITANOMAQUIA: TITÁNS CONTRA OLÍMPICOS
SOBRE A GUERRA DOS TITÁNS CONTRA OLÍMPICOS

Prosigamos co relato no momento no que se narra a Titanomaquia na Teogonía de Hesíodo:

Xa facía tempo que loitaban soportando dolorosas fatigas enfrontados uns contra outros en violentos combates, os deuses Titáns e os que naceron de Cronos; os Titáns dende a cima do Otris, e dende o Olimpo, os deuses dadores de bens aos que pariu Rea, de fermosos cabelos, deitada con Cronos... levaban xa combatendo en conxunto máis de dez anos. E non se vía solución da dura contenda, nin final a favor de uns ou dos outros, senón que o resultado da guerra permanecía indeciso...

Mais a Briareo, a Coto e a Xiges, o Crónida e os demais deuses inmortais que concibiu Rea, de fermosos cabelos, conducíronnos de novo á luz seguindo as indicacións de Xea. Esta explicoulles que coa súa axuda conseguirían a vitoria e... Zeus ofreceu a todos os alimentos, néctar e ambrosía, que os propios deuses comen, e creceu no peito de todos ardorosa paixón, cando probaron o néctar e a deliciosa ambrosía.

-“Escoitádeme! - díxolle Zeus aos ilustres fillos de Xea e Urano- Por longo tempo xa enfrontados uns cos outros, loitamos todos os días pola vitoria e o poder, os deuses Titáns e os que nacemos de Cronos. Pero agora mostrade vós vosa terrible forza e invencibles brazos contra os Titáns en funesta loita, recordando a nosa doce amizade e como despois de tantos tormentos baixo dolorosa cadea, de novo viñestes á luz saíndo da escura tebra por decisión nosa.”...

Provocaron aquel día unha loita terrible todos, femias e varóns, os deuses Titáns e os que naceron de Cronos e aqueles aos que Zeus, mergullados no Érebo baixo a terra, trouxo á luz, terribles, violentos e dotados de formidable vigor. Cen brazos saían axitadamente dos seus ombros, para todos igual, e a cada un cincuenta cabezas nacíanlle dos ombros, sobre robustos membros...Terriblemente resoou o inmenso Ponto e a terra retumbou con gran estrondo...A violenta sacudida das pisadas chegou ata o tebroso Tártaro...

Xa non contiña Zeus a súa furia lanzando sen cesar relampos, avanzaba sen deterse; os raios, xunto co trono e o relampo, voaban dende a súa poderosa man. Por todos lados resoaba a terra portadora de vida envolta en lapas... Tanto estrondo produciuse ao chocar os deuses en combate! Ao mesmo tempo, os ventos expandían con estrépito a conmoción, o po, o trono, o relampo e o flamante raio, armas do poderoso Zeus, e levaban o balbordo e o clamor en medio de ambos...Entón aqueles, Coto, Briareo e Xiges insaciable de loita, na vangarda provocaron un violento combate. Trescentas rochas lanzaban sen respiro coas súas poderosas mans e cubriron por completo con estes proxectís aos Titáns.

(Texto adaptado)

O escritor latino Ovidio tras narrar a Titanomaquía, a guerra entre os Titáns e os Olímpicos, di sobre Saturno:

Postquam Saturno tenebrosa in Tartara misso
sub Iove mundus erat...


Unha vez enviado Saturno(Cronos) ao tebroso Tártaro, o mundos estaba baixo o poder de Xúpiter(Zeus na súa denominación grega).

Fíxate nas denominacións grega e latina dos deuses citados e vaite acostumando a usar ambas.

CUESTIÓNS:

1-Bótalle agora unha ollada a este anaco de vídeo para logo facer un resumo:



Sabías que o nome de Zeus é indoeuropeo e deriva da palabra deiwos, que significa “ceo brillante”, o mesmo nome aparece no Diespiter (Iúpiter) romano, no deus indio do ceo Dyaus Pita, e no termo xermánico Tuesday (dia de Thor). A mesma raíz aparece no grego eudia (bo tempo) e no latín, deus, dios e dies (día). Zeus aparece aquí xunto a outros, como o pai ceo, baixo a imaxe do luminoso ceo diurno. A esta engádense imaxes de tormenta: a do que reúne as nubes, a do que amaba os raios e os tronos. Todas as súas epifanías ou aparicións son espectaculares: brilla como o sol, lanza raios, fai resplandecer os seus relampos e amorea as nubes negras ao ruchando o sobrecello. A aguia voa nas alturas manifestando a súa presenza.

INVESTIGA SOBRE A INFANCIA DE ZEUS

Varios son os mitos procedentes de distintos textos posteriores a Hesíodo que relatan a infancia de Zeus en Creta. Procura información sobre:

1- Quen o coidaba na cova? Quen era Amaltea e Melita? Que animal o visitaba a diario para darlle a ambrosía que lle daba o vigor propio dun inmortal?

2- Que relación din que tivo coa Titánide Metis?

3- Contan que foi Metis quen lle axudou a elaborar un beberaxe que lle tiña que dar a Cronos.

4- Quen eran os Curetes ou Coribantes?

CUESTIÓNS:SOBRE A TITANOMAQUIA

1- Onde e por quen foron desterrados Brontes, Estéropes e Arxes? Quen son “o Crónida (repara no nome) e os demais deuses inmortais que concibiu Rea”?

2- Procura sobe un mapa de Grecia os espazos máis importantes nesta guerra (os mitolóxicos e os reais) Creta, Pitia, Olimpo, Otris, Tesalia, ...

3- Que é a Titanomaquía? Onde residen os contrincantes destas batallas interminables? Cando durou esta guerra?

4- Quen lle indica a Zeus que vaia falar cos Uránidas? Como os convence?

5- Que nome xenérico reciben os uranidas Coto, Briareo e Xiges? Como era o seu corpo? Que produce un gran estrondo audible tanto no ceo como no máis profundo do Tártaro?







Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2015-16 - Publicado o 08-11-2015 18:48
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal