VERBA VOLANT



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

ESTELAS: AS LETRAS SOBRE A PEDRA (I)
Sabías que os romanos tamén celebraban o Día de Defuntos? Eles realizaban unhas festas denominadas FERALIA nas que levaban aos mortos ofrendas. Fíxate neste texto do autor latino Ovidio:

"Estando os romanos entregados a longas guerras con belicosos exércitos, esqueceron a celebración dos Días dos Defuntos. Este esquecemento non quedou impune:...Contan -aínda que eu me resisto a crelo- que os nosos antepasados saíron das súas tumbas e comezaron a laiarse no medio do silencio da noite; e aseguran que a través das rúas da cidade e por amplos campos andaron ululando os espíritos sen forma, unha morea de pantasmas...

...Estes días as etéreas almas e os corpos que recibiron sepultura andan errantes; estes días as sombras dos mortos toman os alimentos que se lles ofrendaron... A este día denominárono Feralia porque se lles leva aos defuntos os honores debidos. Este é o último día para aplacar aos Manes."

Cuestións:
1- Lembrades algunha comitiva de mortos que anden errantes polos camiños na nosa terra? Por que cres que hai quen di que Galicia é o país dos mortos?

2-Quen son os Deuses Manes? Para responder a esta pregunta convén que lle botes unha ollada á unha inscrición funeraria en latín calquera xa que adoitaban estar encabezadas por tres letras: D. M. S. que significaba: Diis Manibus Sacrum (Consagrada aos Deuses Manes). Eran logo os espíritos dos familiares que ao morrer pasaban a ser considerados divindades protectoras da familia e da casa.


3- Un pequeno traballo de investigación e tradución:

A epigrafía (επι-γραφή: escrito enriba ou sobre "επι ") é o estudo das inscricións gravadas en pedra ou outros materiais permanentes como o metal, a ciencia de clasificalas no seu contexto cultural e data, explicándoas e vendo que conclusións se poden extraer delas.

3a) Quen está enterrado nas estelas que aparecen nas seguintes inscricións? Un home ou unha muller? Fíxate nas letras que suliñamos e nas formas verbais que veñen detrás:

HIC SITUS EST.

HIC SITA EST

HIC SITI SUNT.


Estela é un monumento funerario colocado verticalmente no lugar onde estaba unha tumba. Lembran ao defunto nunha inscrición commemorativa. Adoitan levar como encabezamento as letras D.M.S.
As inscricións funerarias denominadas estelas constan das seguintes partes normalmente ( ver a ilustración desta entrada):

-Invocan aos Deuses Manes ( D. M. S.)

-Nome do defunto

-Idade con que morreu.

-Persoa/s que erixe/n o monumento: F(aciendum)C(uravit).


-Fórmula final: H.S.E. e/ou o desexo de despedida coa tamén coñecida fórmula S.T.T.L. "Sit Tibi Terra Levis" (Que che sexa a terra lixeira)ou outra máis sinxela H. S. S:"Hic Siti Sunt" (aquí están sepultados)

Vexamos un par de exemplos dunha estela:

D(is) M(anibus) S(acrum) / Consagrada aos Deuses Manes
SENT(io) SACOMIO / Sentio Sacomio
ANN(orum). VIIII. SEN(tia) / de 9 anos de idade. Sentia
LUCROSA FILIO / Lucrosa para o seu fillo
PIENTISSIMO F(aciendum) C(uravit) / piadosísimo mandouna facer.
H(ic) S(itus) E(st) S(it) T(ibi) T(erra) L(evis) Aquí está enterrado, Que che sexa a terra leve!

D.M.S Consagrada aos Deuses Manes
L(UCIO) IULIO Lucio Xulio
AMOENO. Amoeno
ANN(OS) XXXIIII Viviu 34 anos
H(IC) S(ITUS) E(ST). Aquí está enterrado.
STTL Que a terra che sexa leve.
CASIA AMOENA Casia Amoena
FILIO PIISSIMO para o seu moi piadoso fillo
FECIT mandouna facer.



3b) Das distintas partes que habitualmente presenta unha inscrición nunha estela, cales son as que aparecen nestas dúas lápidas romanas atopadas en Galicia?

URBANILLA ANNORUM XXV. (A Estrada)

CUM QUI VIXIT ANNOS XVIII (Lugo)

Os mortos tamén falan
O costume romano de enterrar (in humus: inhumar) era máis frecuente entre as persoas de posición, aínda que normalmente se facía unha incineración (in cinis) previa e logo se enterraban as cinzas onde se colocaban unha estela. En non poucos casos a inscrición dirixíase ao que estaba a ler, son as lápidas parlantes, como se os espíritos dos mortos falasen cos vivos. Fixádevos nesta inscrición dunha lápida parlante:

UT, QUI LEGIS DICAS: "SIT TIBI TERRA LEVIS" (Lugo)
"Para que ti, que les, digas "Que che sexa a terra lixeira"


Para saber máis
4- Esta primeira entrada terá unha continuidade, pero para coñecer máis estelas imos a tres casos moi coñecidos da cidade de Mérida. Grazas a estas tres inscricións funerarias coñeceremos á rapaza da vosa idade Lutatia e a taberneira Sentia Amarantis. Que nos podes contar acerca delas?

5- O caso da Estela de Santa Comba. Investiga onde, como foi atopada e cal é a información que aporta esta singular estela.
Comentarios (0) - Categoría: EPIGRAFÍA - Publicado o 29-10-2015 23:43
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal