Quen son as Moiras sabedoras do destino de homes e mulleres?
Foi culpable Pandora, a primeira muller, da chegada dos males ao mundo?
Ariadna, a do labirinto e a do fío, confiou en Teseo, pero...
Houbo homes na antiguidade que dicían pelexar por unha muller como Helena, pero o que lles interesaba era Troia, onde ademais de apoderarse das riquezas e de sementar destrucción, tras arraxala por completo,matando a todos os varóns, escravizaron as súas mulleres troianas.Como se sentiron elas? Coñezamos ese sentir de Casandra ou de Hécuba ou Andrómaca repetido tantas e tantas veces ao longo dos séculos.
Namentres Penélope non moi lonxe tecía e destecía lá á espera do seu home, un grego de regreso da Guerra de Troia. Cantas Penélopes seguen esperando hoxe esperanzadas nunha volta que non sempre se produce e que en moitos casos é síntoma dunha dependencia atroz? Por que elas non navegan?
Os homes da Helade, os de onte, Polinices e Etéocles, coma os de hoxe, protagonizan continuos enfrontamentos violentos e agresivos que os conducen irremediablemente a autodestrución e a morte. Iso é visto como algo natural e hai quen será logo soterrado cos honores debidos a un heroe morto pola patria e hainos que o seu cadáver, aborrecido por ser o inimigo, se deixará apodrecer sen máis para que feras e voitres o devoren. Entón a voz de Antígona, ante unha Ismene temerosa e submisa, rebélase contra tal inxustiza, dándolle pé a tantas mulleres a dicirlle non ao poder patriarcal cruel e inhumano.
Finalmente, na Atenas de Pericles,unha muller estranxeira, Aspasia, admiradora de Safo, será quen de procalmar unha existencia libre e independente sendo muller nun mundo de homes. Non tardaría en chegar a súa caricatura, Lisístrata, capaz de disolver exércitos de homes vencidos "miles gloriosus" por un puñado de mulleres pacifistas atenienses e espartanas unidas e conscientes do seu poder. Se cadra un bo argumento para unha comedia antiga, pero sen dúbida unha máis que interesante lectura para a época moderna: Elas non só fiaron lá! |