VERBA VOLANT



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

PAUCA SCIO... Vita brevis, ars longa...iudicium difficile
Pauca scio, é dicir, "ben pouco sei" que evoca palabras sabias de Sócrates, o filósofo da Grecia Clásica que camiñando pola Atenas do século V a. C. e cun gran sentido crítico ía dándolle resposta á vida. Foi un mestre, ségueo sendo pasados máis de 2500 anos daquelas reflexións. A Cultura Clásica é o que ten, baséase nesa mirada cara o pasado, consciente do paso do tempo, do pequeno que é o home, do difícil que é pensar ben pois as experiencias vitais poden ser confusas e a propia fugacidade das cousas (lembrade aquilo de que nunca te bañarás na mesma auga, todo flúe) pesa moito á hora de reflexionar, de chegar a coñecer quen somos, aquela sentencia lapidaria do coñecerse a un mesmo gnosce te ipsum, segundo rezaba no famoso templo en Delfos, o embigo do mundo helénico.

E aquela sabedoría grega, a dos atenienses e espartanos, tamén dos tebanos ou macedonios, que axiña entrou en crise pola ambición de crear un imperio, atopouse, pouco máis tarde, co poderío dun pobo menos culto, máis belicista,con máis capacidade para facelo, pero que no seu devir soubo integrar unha parte daquel legado grego como acerbo propio para dar lugar ao mundo greco-latino. Roma, antes de ser a cidade eterna, foi efectivamente un imperio que dominou Europa. Os seus exércitos, manchados co sangue das guerras de conquista, estenderon á vez polo continente, polo mundo coñecido, a lingua do amo da que nacerían as linguas romances, esas que logo asentarían os cristiáns pacíficamente. Grecia e Roma chegaron a cada territorio de xeito peculiar ao fundirse coas culturas indíxenas, como a nosa no Finisterrae, a Castrexa, que tamizarían ese cúmulo de particularidades. Este proceso de séculos que constitúe a base e o celme do que hoxe somos, serán obxecto ineludible de estudo no presente curso.

Que a viaxe sexa longa e rica en experiencias!



Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2014-15 - Publicado o 09-09-2014 07:26
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal