VERBA VOLANT



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

OS CASTIGOS DE ZEUS (I)
OS CASTIGOS DE ZEUS

Enviáronos baixo a extensa terra e atáronos entre inexorables cadeas despois de vencelos cos seus brazos, aínda que eran audaces, tan fondos baixo a terra como lonxe está o ceo da terra; esa distancia hai dende a Terra ata o tebroso Tártaro. Pois unha zafra de bronce que baixara dende o ceo durante nove noites cos seus días, ao décimo chegaría á terra; e igualmente unha zafra de bronce que baixara dende a terra durante nove noites cos seus días, ao décimo chegaría ao Tártaro. En torno a el esténdese un muro de bronce e unha escuridade de tres capas envolve a súa entrada; encima ademais nacen as raíces da terra e do mar estéril. Alí os deuses Titáns baixo unha escura tebra están ocultos por vontade de Zeus, o que amorea as nubes, nunha húmida rexión no extremo da monstruosa terra; non teñen saída posible: Posidón púxolles enriba broncíneas portas e unha muralla rodéalles por ambos lados.
Alí habitan tamén Xiges, Coto e o valente Briareo, fieis gardas de Zeus portador da éxida. Alí da terra sombría, do tebroso Tártaro, do ponto estéril e do ceo estrelado están aliñados os mananciais e termos terribles e pútridos de todos, e ata os deuses os maldicen. Enorme abismo: non se alcanzaría o seu fondo nin en todo un ano completo, se antes fora posible franquear as súas portas; senón que por aquí e por alá te arrastraría furacán ante furacán terrible. Horrendo incluso para os deuses inmortais, este prodixio.
Tamén se atopan alí as terribles mansións da escura Noite cubertas por mouros neboeiros. Diante delas, o fillo de Xápeto (Atlas) sostén o ancho ceo, apoiándoo na súa cabeza e infatigables brazos, solidamente, alí onde a Noite e A Luz do día se achegan máis e saúdanse entre elas pasando alternativamente o gran vestíbulo de bronce. Cando unha vai entrar, xa a outra está indo cara a porta, e nunca o palacio acolle entre os seus muros a ambas, senón que sempre unha delas fóra do palacio dá voltas pola terra e a outra espera na morada ata que chegue o momento da súa viaxe. Unha ofrece aos seres da terra a súa luz penetrante; a outra lévalles no seu colo o Soño irmán da Morte, a funesta Noite, envolta en densa néboa. Alí teñen a súa casa os fillos da escura Noite, Hipnos e Tánato, terribles deuses; nunca o radiante Helios lles alumea cos seus raios ao subir ao ceo nin ao baixar do ceo. Un deles percorre tranquilamente a terra e os anchos lombos do mar e é doce para os homes; o outro, en cambio, ten de ferro o corazón e un alma implacable de bronce alberga o seu peito. Retén ao home que colle antes, e é odioso incluso para os inmortais deuses.
Alí diante se atopan as resoantes mansións do deus subterráneo, do poderoso Hades e a temible Perséfone; garda a súa entrada un terrible can, cruel e que se vale de trucos malvados: aos que entran saúdalles alegremente co rabo e ambas orellas ao mesmo tempo, pero xa non lles deixa saír de novo, senón que, ao axexo, come ao que colle no intre de franquear as portas.
Alí reside unha deusa maldita para os Inmortais, a terrible Estixe, filla maior de Océano que reflúe en si mesmo. Lonxe dos deuses habita un espléndido palacio con teito de enormes rochas; por todas partes apoiado sobre prateadas columnas que chegan ata o ceo. Raramente, a filla de Taumante, Iris rápida de pés, frecuenta este lugar voando polos anchos lombos do mar. Cando unha disputa ou querela se suscita entre os Inmortais, por se algún dos que habitan as mansións olímpicas falta á verdade, Zeus encarga a Iris que traia de lonxe o gran xuramento dos deuses nun recipiente de ouro, a auga xeada de moito renome que flúe dun alto e escarpado penedo. En abundancia baixo a extensa terra mana do río sagrado pola negra noite, brazo de Océano. Unha décima parte ao punto queda apartada; nove, facéndoos xirar en prateados remuíños pola terra e os anchos lombos do mar, precipítaas na salgada superficie. E esta soamente brota de aquel penedo, azote terrible para os deuses. O que dos Inmortais que habitan os nevados cumios do Olimpo xura en vano verténdoa, queda tendido sen respiración ata que se cumpre un ano; e non pode achegarse á ambrosía, o néctar nin alimento algún, senón que xace, sen alento e sen voz, en revestidos leitos e cóbrelle un horrible sopor. Logo, cando remate esta terrible enfermidade ao cabo dun ano, outra proba aínda máis dura sucede a aquela; por nove anos está apartado dos deuses sempiternos e nunca pode asistir ao Consello nin aos banquetes durante eses nove anos; ao décimo, outra vez participa nas asembleas dos Inmortais que habitan as mansións olímpicas. Tal xuramento fixeron os deuses á auga imperecedoira e antiquísima da Estixe que atravesa unha rexión moi áspera!
Alí da terra sombría, do tebroso Tártaro, do ponto estéril e do ceo estrelado están aliñados os mananciais e termos horribles e pútridos de todos, e ata os deuses os maldicen. Alí hai relucentes portas e un sólido broncíneo vestíbulo natural, asegurado con profundos alicerces. Diante, apartados de todos os deuses, viven os Titáns ao outro lado do tebroso abismo. Despois, os ilustres servidores do moi resoante Zeus habitan palacios sobre as raíces do Océano, Coto e Xiges; a Briareo, pola súa nobreza, fíxoo o seu xenro o gravisoante Ennosixeo; permitiulle casar coa súa filla Cimopolea.

CUESTIÓNS
1-A que distancia está o Tártaro da Terra, ou a terra do ceo?
2- Cales son os castigos para os Titáns e cal para Atlas?
3- A quen leva no colo a funesta Noite? Describe como son ou aparentan ser. Que palabras coñeces que teñan estes lexemas gregos?
4- Estixe, unha Titánide e os seus poderosos fillos, serán partidaria dos olímpicos na Titanomaquia. A cambio Zeus vai gardar a súa memoria a través dun ritual curioso que vai ser norma no Olimpo. En que consistía? Que ocorre cando un deus do Olimpo xura en vano ou minte?
5- Epítetos característicos dos textos deste xénero épico que facilitaban a memorización e o recitado de centos e centos de versos aos aedos , ou poetas da antiga Grecia. Completa os seguintes:
-a espazosa__________,

______, a de fermosos cabelos,

o estéril _______,

o estrelado _____,

_______, o que amorea as nubes,

a funesta________,

o _____________ Zeus,

o ____________ Ennosixeo,

Xea, a_______ _______.

6- Algunhas referencias levan a batalla final de Titáns e Olímpicos cara os montes próximos a Olimpia onde logo se elevará un gran templo a ......?

A TIFONOMAQUIA

Pero cando Zeus expulsara aos Titáns do Ceo,
a enorme Terra tivo ao seu fillo menor Tifeo do amor de
Tártaro, coa ayuda da dourada Afrodita





7- Despois de ver o vídeo saberás que houbo unha batalla máis contra os Titáns que aspiraban a recuperar o seu poder grazas á axuda de Tifón. Investiga que é a TIFONOMAQUÍA e como rematou. Que ten que ver esta historia co volcán do monte Etna (Italia)
8- Estaba Xea implicada nesta historia contra Zeus? Argumenta a resposta buscando as conexións de Xea con esta nova batalla de Zeus contra Tifón.
Comentarios (0) - Categoría: 4º eso 09/10 - Publicado o 07-10-2013 06:22
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal