VERBA VOLANT



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Achegándonos á Mitoloxía Grega: Espazo e relixión
Imos logo con esta primeira reflexión da nosa unidade cero do curso na que comezaremos por preguntarnos sobre a relación dos deuses e os mortais, a orixe e sentido do mito na Grecia Antiga.
Fíxate na fotografía desa estatua grega que acompaña esta entrada. Podería ser unha muller, pero se trata dunha deusa. Esta escultura é produto dunha fonda reflexión que protagonizou a civilización grega na antigüidade na fermosa travesía na procura do saber, no descubrimento da verdade do ser e a súa relación coa natureza e cos deuses que eran concibidos como homes ou mulleres perfectos, de aí o gusto polo espido na escultura grega.

Comezamos o curso facendo caso do lema e botando unha ollada cara o que pode ser a primeira e, se cadra, a máis grande e orixinal das creacións da Grecia Antiga: o mito. Logo virán outros magníficos aportes á cultura occidental europea e á universal como a filosofía, o teatro, as olimpíadas, a arte...

A mitoloxía grega pasa por ser unha das máis fermosas ademais das máis completas, orixinais e mellor coñecidas e estudadas do mundo. Por iso preguntámonos inicialmente:

Que debemos saber antes de ler mitos?

I-UN ESPAZO QUE CONDICIONA O MITO

A Antiga Hélade ou Grecia era un territorio distinto do Estado Grego moderno. Ademáis da zona continental e a península do Peloponeso, ademais das numerosas e da gran variedade das illas, estaba a Grecia Colonial de Asia Menor que hoxe é a costa de Turquía e outros moitos puntos diseminados polo Mediterráneo, especialmente no sur de Italia, que se denominaba a Magna Grecia.

Este espazo e os que o habitaron nun longo proceso de accións e reaccións seculares, pola orografía (Grecia é o segundo país máis montañoso de Europa)e outras circunstancias provocaron a creación de numerosos estados independentes (con distintas leis, gobernos, moedas, medidas...)pero que conservaban entre si un vínculo moi especial que lles daba a todas estas cidades-estado certa unidade. Os dous elementos comúns a todas elas que permiten falar desa unidade eran: a Lingua e a Relixión.

Reparemos moi rapidamente en dous Santuarios aos que acudían todos os gregos, ben en caso de conflitos ou problemas de todo tipo, o santuario de Delfos, (considerado o embigo do mundo e onde estaba o oráculo de Apolo, deus da luz e a beleza masculina, asentado sobre un antigo culto á Gran Deusa, onde unha sacerdotisa "a pitonisa" en transo pronunciaba as respostas enigmáticas que os romeiros solicitaban) ou ben cun sentido máis pacífico o santuario de Olimpia( para celebrar os Xogos na honra de Zeus, deus do raio, pero sabemos que con anterioridade tamén había alí un culto a unha deusa, Hera, que manterá o seu culto a carón do Templo do pai dos deuses).

A mitoloxía mantén coa relixión grega unha vinculación dificilmente separable. Podemos dicir que a mitoloxía en principio era relixión.

O estudoso e autor literario Robert Graves deixou dito na introdución ao seu trabalo sobre os Mitos Gregos: “Un estudo da mitoloxía grega debería comezar cunha análise dos sistemas políticos e relixiosos que prevalecían en Europa antes da invasores procedentes do norte e do este”

Estes invasores son os pobos indoeuropeos que procedentes do centro de Europa se farán donos axiña ao longo do II milenio antes de Cristo dos territorios da antiga Hélade, tras provocar a caída dunha gran civilización, a civilización cretense de orixe mediterránea.

II-DÚAS COMPOÑENTES NA RELIXIÓN GREGA

1ª) Ctónica ou Mediterránea: centrada nas divindades da fertilidade da terra propia dos pobos agrarios do Mediterráneo.

2ª) Olímpica ou Indoeuropea: de deuses celestiais e guerreiros, traída á Hélade polos invasores do Norte e do Este.

A relixión na antigüidade era un fenómeno ligado intimamente tamén ao propio goberno das comunidades primitivas.

Nota:Antes de continuar debemos saber que:
- matriarcal: –mater “nai” + arkhé: goberno, mando, poder.

- patriarcal: -pater “pai” + arkhé: goberno, mando, poder.

J.García Lopez no seu estudo sobre a Relixión Grega di: “O encontro dunha civilización de tipo patriarcal e pastoril cunha civilización matriarcal e agrícola presidiu e determinou o desenvolvemento das grandes civilizacións de Exipto e Anatolia, Mesopotamia e Xudea. A elas hai que engadir a civilización grega”

O SINCRETISMO DA RELIXIÓN DA ANTIGA GRECIA

Di Robert Graves que un acontecemento como que a antiga deusa da Sabedoría, Metis embarazada de Zeus, fose tragada por este e que logo da cabeza do deus nacese Atenea pode asociarse á aparición dos aqueos, primeiros invasores indoeuropeos no segundo milenio (do 1800 a. C. en diante) que debilitaron a tradición matrilineal. Atenea era a filla partenoxénica de Metis, a máis nova da Tríada encabezada pola súa nai. Zeus tragou a Metis, é dicir, os aqueos suprimen o culto a deusa atribuíndo toda a sabedoría a Zeus, deus patriarcal, pero manteñen os templos de Atenea a condición de que os seus adoradores acepten a soberanía de Zeus.
Efectivamente a configuración do Olimpo é produto da fusión das dúas compoñentes. Que Zeus sexa o Deus Supremo, deus do raio e do tormentas, non impedirá certa equidade, por exemplo, no número de deusas e deuses ou no gran poder que aínda conservan. Todos os deuses terán atributos animais, un elemento mediterráneo.

Fronte a deusas feraces e fértiles como Deméter, Hera ou Afrodita, haberá deusas indoeuropeas en canto a que son celosas da súa virxinidade e guerreiras como Atenea ou cazadoras como Artemisa, aínda que iso non impedirá a existencia dunha Artemisa como a de Éfeso dotada de numerosos peitos que é claramente unha deusa con marcado carácter mediterráneo, unha mostra máis da complexidade e evidencia do sincretismo na mitoloxía grega.

CUESTIONARIO
Indica agora cal destes trazos é mediterráneo e cal é indoeuropeo:
Atenea é unha deusa virxe da guerra e o seu animal é a curuxa.
Afrodita ten un amante chamado Adonis que morrerá…
Dioniso é un mozo deus do viño que nacía e morría anualmente.
Hera é a deusa de ollos bovinos ou de vaca.
Ártemis é unha deusa cazadora e virxe, pero o seu símbolo é unha lúa .
Hermes nace nunha cova no monte Cilene igual que Zeus.
Zeus ten innumerables amantes, divinas e mortais.
Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2013-14 - Publicado o 19-09-2013 06:46
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal