VERBA VOLANT



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

SI VIS PACEM...
Na Semana Escolar da non violencia e pola Paz sempre nos veñen á cabeza sentencias, frases e ditos relativos ao tema. Se cadra unha das máis citadas é a que Xulio César pronunciou en certa ocasión: "Si vis pacem, para bellum" (se queres a paz, prepara a guerra) na que aparecen as dúas palabras contrapostas evidenciando un claro e rechamante paradoxo aos ollos antibelicistas do noso século e que para o mentado dirixente romano non era tal, significaba unha xustificación da guerra imperialista e de ambiciosa conquista que Roma levaba a cabo.

Xa se ten dito que as razóns das guerras sempre teñen un transfondo económico e nesta época de crise debemos ter moi presente que a sociedade debe saber eludir sempre este tipo de mensaxes tendenciosas e interesadas. Deberemos pois reinventar a consigna e responder cun: "SI VIS PACEM, PARA PACEM" (se queres a paz, prepara a paz)

Son máis sabias e máis certas que as palabras de César as que deixou escritas Eurípides nunha das súas grandes traxedias de temática pacifista titulada "As troianas":
"Desgraciado aquel dos mortais que arrasa cidades, entregando ao abandono os templos dos deuses e as tumbas, santuarios dos mortos. El mesmo perece despois..."

ou aquelas do poeta latino Tibulo que nunha época de cruentas guerras civís na Roma Imperial comezaba así un longo alegado antibelicista:

Quis fuit horrendos primus qui protuli armas?
Quam ferus et ver ferreus ille fuit!
Tum caedes hominum generi, tum proelia nata,
tum brevior dirae mortis aperta via est...


Palabras que veñen a dicir:

Quen foi o primeiro que empuñou as horrendas armas?

Que cruel e insensible foi aquel!
Daquela naceron as batallas e as matanzas do xénero humano,
daquela foi aberto un camiño máis breve cara a terrible morte
...

Hai dous textos que evidencian a inxusta relación entre dominados e dominadores que provocaron as guerras de conquista de Roma nas Galias.

Discurso do xefe bretón Calgaco(punto de vista dos sometidos):

Os romanos son bandidos que se apoderan do mundo enteiro ávidos se o inimigo é rico, cobizosos se é pobre, xa que nin en Oriente, nin en Occidente os saciaron... Saquear,roubar, matar todo o disfrazan baixo o falso nome do Imperio. Os nosos fillos e familiares son levados á forza para ir servir noutro lugar. os bens van para o tributo; as colleitas anuais para a requisa; os corpos e as mans estráganse abrindo estradas nos bosques e pantanos, baixo golpes e aldraxes. Co dominio romano o que temos son tributos, traballos nas minas e todos os castigos reservados aos escravos...

O discurso dos romanos na boca dun legado de Vespasiano é o punto de vista dos dominadores en resposta a un grupo de galos sublevados:

Non faltaron guerras no territorio das Galias ata que chegastes a vivir baixo as nosas leis. E nós, tantas veces feridos polas vosas provocacións, non usamos dos dereitos que nos daba a nosa vitoria máis que para cargar os vosos ombros cun único fardo suplementario: aquel que debe permitirnos asegurar a paz. Sen exércitos non hai tranquilidade no seo das nacións; sen salario non hai exército; e non pode haber salarios sen tributos. Para todo o demais farmades parte da comunidade: moitas veces incluso mandades as nosas lexións; estas provincias gobernádelas vós mesmos. Se os romanos fosen expulsados ocorrería unha guerra universal entre as nacións.

Comentarios (0) - Categoría: 4º eso 2012-13 - Publicado o 30-01-2013 10:55
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0