VERBA VOLANT



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

ESTELAS: AS LETRAS SOBRE A PEDRA (I)
Sabías que os romanos tamén celebraban o Día de Defuntos? Eles realizaban unhas festas denominadas FERALIA nas que levaban aos mortos ofrendas. Fíxate neste texto do autor latino Ovidio:

"Estando os romanos entregados a longas guerras con belicosos exércitos, esqueceron a celebración dos Días dos Defuntos. Este esquecemento non quedou impune:...Contan -aínda que eu me resisto a crelo- que os nosos antepasados saíron das súas tumbas e comezaron a laiarse no medio do silencio da noite; e aseguran que a través das rúas da cidade e por amplos campos andaron ululando os espíritos sen forma, unha morea de pantasmas...

...Estes días as etéreas almas e os corpos que recibiron sepultura andan errantes; estes días as sombras dos mortos toman os alimentos que se lles ofrendaron... A este día denominárono Feralia porque se lles leva aos defuntos os honores debidos. Este é o último día para aplacar aos Manes."

Cuestións:
1- Lembrades algunha comitiva de mortos que anden errantes polos camiños na nosa terra? Por que cres que hai quen di que Galicia é o país dos mortos?

2-Quen son os Deuses Manes? Para responder a esta pregunta convén que lle botes unha ollada á unha inscrición funeraria en latín calquera xa que adoitaban estar encabezadas por tres letras: D. M. S. que significaba: Diis Manibus Sacrum (Consagrada aos Deuses Manes). Eran logo os espíritos dos familiares que ao morrer pasaban a ser considerados divindades protectoras da familia e da casa.


3- Un pequeno traballo de investigación e tradución:

A epigrafía (επι-γραφή: escrito enriba ou sobre "επι ") é o estudo das inscricións gravadas en pedra ou outros materiais permanentes como o metal, a ciencia de clasificalas no seu contexto cultural e data, explicándoas e vendo que conclusións se poden extraer delas.

3a) Quen está enterrado nas estelas que aparecen nas seguintes inscricións? Un home ou unha muller? Fíxate nas letras que suliñamos e nas formas verbais que veñen detrás:

HIC SITUS EST.

HIC SITA EST

HIC SITI SUNT.


Estela é un monumento funerario colocado verticalmente no lugar onde estaba unha tumba. Lembran ao defunto nunha inscrición commemorativa. Adoitan levar como encabezamento as letras D.M.S.
As inscricións funerarias denominadas estelas constan das seguintes partes normalmente ( ver a ilustración desta entrada):

-Invocan aos Deuses Manes ( D. M. S.)

-Nome do defunto

-Idade con que morreu.

-Persoa/s que erixe/n o monumento: F(aciendum)C(uravit).


-Fórmula final: H.S.E. e/ou o desexo de despedida coa tamén coñecida fórmula S.T.T.L. "Sit Tibi Terra Levis" (Que che sexa a terra lixeira)ou outra máis sinxela H. S. S:"Hic Siti Sunt" (aquí están sepultados)

Vexamos un par de exemplos dunha estela:

D(is) M(anibus) S(acrum) / Consagrada aos Deuses Manes
SENT(io) SACOMIO / Sentio Sacomio
ANN(orum). VIIII. SEN(tia) / de 9 anos de idade. Sentia
LUCROSA FILIO / Lucrosa para o seu fillo
PIENTISSIMO F(aciendum) C(uravit) / piadosísimo mandouna facer.
H(ic) S(itus) E(st) S(it) T(ibi) T(erra) L(evis) Aquí está enterrado, Que che sexa a terra leve!

D.M.S Consagrada aos Deuses Manes
L(UCIO) IULIO Lucio Xulio
AMOENO. Amoeno
ANN(OS) XXXIIII Viviu 34 anos
H(IC) S(ITUS) E(ST). Aquí está enterrado.
STTL Que a terra che sexa leve.
CASIA AMOENA Casia Amoena
FILIO PIISSIMO para o seu moi piadoso fillo
FECIT mandouna facer.



3b) Das distintas partes que habitualmente presenta unha inscrición nunha estela, cales son as que aparecen nestas dúas lápidas romanas atopadas en Galicia?

URBANILLA ANNORUM XXV. (A Estrada)

CUM QUI VIXIT ANNOS XVIII (Lugo)

Os mortos tamén falan
O costume romano de enterrar (in humus: inhumar) era máis frecuente entre as persoas de posición, aínda que normalmente se facía unha incineración (in cinis) previa e logo se enterraban as cinzas onde se colocaban unha estela. En non poucos casos a inscrición dirixíase ao que estaba a ler, son as lápidas parlantes, como se os espíritos dos mortos falasen cos vivos. Fixádevos nesta inscrición dunha lápida parlante:

UT, QUI LEGIS DICAS: "SIT TIBI TERRA LEVIS" (Lugo)
"Para que ti, que les, digas "Que che sexa a terra lixeira"


Para saber máis
4- Esta primeira entrada terá unha continuidade, pero para coñecer máis estelas imos a tres casos moi coñecidos da cidade de Mérida. Grazas a estas tres inscricións funerarias coñeceremos á rapaza da vosa idade Lutatia e a taberneira Sentia Amarantis. Que nos podes contar acerca delas?

5- O caso da Estela de Santa Comba. Investiga onde, como foi atopada e cal é a información que aporta esta singular estela.
Comentarios (0) - Categoría: EPIGRAFÍA - Publicado o 29-10-2015 23:43
# Ligazón permanente a este artigo
As paredes e os mosaicos que falan
Unha proposta didáctica sobre unha exposición de "La caixa" sobre as urbes e a civilización romana.

Véxase tamén esta nova sobre unha descuberta recente dun mosaico parlante
Comentarios (0) - Categoría: EPIGRAFÍA - Publicado o 16-01-2013 13:54
# Ligazón permanente a este artigo
Unha lápida cristiá para traducir
Na lápida aparecen uns pavos que son símbolo da inmortalidade na iconografía cristiá. Ademais tes as letras gregas alfa e omega maiúsculas, a primeira e a última letra do alfabeto grego que nun contexto cristiá significan que Cristo é o principio e a fin de todas as cousas: "Eu son a alfa e a omega, principio e fin de todas as cousas".

Abreviaturas:
M= menses; D= Dies

Nomes propios:
Agricius, -i: Agricio
Evonyma, -ae: Evonyma
Syrica, -ae: Syrica (nome que pode denotar a súa orixe siria)

Vocabulario:
caritas, caritatis: amor
hic: adverbio, aquí
pax, pacis : paz
pono, -is, -ere, posui, positum: poñer, colocar
pro: prep. de ablativo, por
requiesco, -is, -ere, requievi, requietum: descansar
soror, sororis: irmá
titulus, .-i: inscrición
vivo, -is, -ere, vixi, victum: vivir

Cuestións:

- Que significan os símbolos que aparecen na lápida?
- Quen é o defunto? Cantos anos tiña?
- Quen son os que dedican a inscrición? Que relación teñen co defunto?
- Que expresións de orixe cristiá aparecen na inscrición?
Comentarios (0) - Categoría: EPIGRAFÍA - Publicado o 26-11-2012 06:16
# Ligazón permanente a este artigo
O país dos mil ríos (hidrotopónimos) Grisel
Introducción: Que hai miles de ríos entre Galicia e o Bierzo.

LAMEIRIÑA

Lameiriña nace ao pe do monte das regueiras, no norte da península do morrazo, no lugar de Pardavila, en Marín, e realiza todo o seu curso no interior deste concello .Despois de cruzar o núcleo urbano de Marín, por onde vai parcialmente canalizado, desemboca no porto da escola naval.
Lama significa “terra mesturada con auga, lago, lagoa, tremedoiro”
A documentación medieval concentra o uso de lama na actual Galicia e reinos de León e Portugal. O latín lama-ae radica en que a lama latina e escasísima nos textos e so aparece duas ou tres veces na literatura clasica.

O RÍO SAR.

O río Sar é un afluente do río Ulla pola súa banda dereita. Nace na parroquia de Bando (Santiago de Compostela), e discorre polas parroquias tamén compostelás de Sar, Conxo e Laraño. Posteriormente, tras pasar por Iria Flavia e Padrón, desemboca no río Ulla facendo fronteira entre os concellos de Padrón e Dodro. Un tramo do río Sar está incluído na Rede Natura 2000.
No ano 2005 estanse producindo mobilizacións en oposición á minicentral da Silvouta no río Sar, promovidas por un grupo de veciños afectados que viven en San Tomé de Obra, e co apoio da asociación ecoloxista ADEGA

El étimo Sar- es común aos cursos de auga e ríos.
A raíz *sar- "fluir, discurrir" da apelativos en diferentes linguas indoeuropeas, como sánscrito sará- "líquido, fluido", sarít- "arroyo", sarâ "río, arroyo", grego oros e latín serum "líquido lechoso".

Conclusión:
Que os dous teñen algo en común: teñen o sufixo -iña. Os dous un significado relacionado coa auga.

Categoría: EPIGRAFÍA - Publicado o 16-04-2009 06:28
# Ligazón permanente a este artigo
OUTRA LECCIÓN DE EPIGRAFÍA: ARAS
As inscricións votivas ou ARAS romanas están redactadas normalmente da seguinte maneira sobre a pedra:

- Nome da divindade en dativo( é dicir, o caso que indica para quen ou a quen se lle dedica) acompañado do S (acrum) "consagrado".

-Identificación do dedicante.

- Motivo da dedicatoria ( Ex Voto, Ex Iussu, Pro Salutem...)"por unha petición", "por un mandato" ou "pola saúde"...

-Fórmula final consagratoria V.S.L.M.
para ver máis
Categoría: EPIGRAFÍA - Publicado o 04-03-2008 23:43
# Ligazón permanente a este artigo
UNHA LECCIÓN DE EPIGRAFÍA: ESTELAS
As inscricións funerarias denominadas estelas constan das seguintes partes normalmente:

-Invocan aos Deuses Manes ( D. M. S.)

-Nome do defunto

-Idade con que morreu.

-Persoa/s que erixe/n o monumento F(aciendum)C(uravit).

-Fórmula final: H.S.L. e/ou o desexo de despedida coa tamén coñecida fórmula S.T.T.L. "Sit Tibi Terra Levis" (Que che sexa a terra lixeira)ou outra máis sinxela H. S. S:"Hic Siti Sunt" (aquí están sepultados)

A decoración das estelas que pode aparecer na parte superior, nun principio puído ter un significado simbólico, pero co tempo foise convertendo nunha decoración máis traballada. Entre os motivos que máis se repiten temos: o crecente lunar e as arquerías. A lúa, sempre cos cornos cara arriba, fai alusión posiblemente á escuridade da morte, ao mundo dos mortos. Por outra banda, as arquerías poden ser as portas do Hades, o mundo subteráneo onde residen dos mortos.

A figura humana pode aparecer, moi tosca regularmente en representación do morto, ás veces representando mesmo o oficio do defunto.

Nas estelas atopadas en Galicia imos vendo como as crenzas funerarias e ritos romanos van ser adoptados polos poboadores galaico-romanos progresivamente como efecto da Romanización do territorio.

Pero antes de ver exemplos da Gallaecia, vexamos un exemplo dunha estela da capital da Lusitania de Mérida do século II d.C.:

D.M.S Consagrado aos Deuses Manes
L(UCIO) IULIO Lucio Xulio
AMOENO. Amoeno
ANN(OS) XXXIIII Viviu 34 anos
H.S.E. Aquí está enterrado.
STTL Que a terra lle sexa leve.
CASIA AMOENA Casia Amoena
FILIO PIISSIMO para seu moi piadoso fillo
FECIT mandouno facer.


Categoría: EPIGRAFÍA - Publicado o 04-03-2008 23:21
# Ligazón permanente a este artigo
DAS LETRAS SOBRE A PEDRA
Definición:
A epigrafía (Grego, επιγραφή - "escrito enriba") é o estudo das inscricións gravadas en pedra ou outros materiais permanentes como o metal, a ciencia de clasificalas no seu contexto cultural e data, explicándoas e vendo que conclusións se poden extraer delas.

A epigrafía romana:
Imos achegarnos á epigrafía a través de diversas inscricións de época romana atopadas en Galicia, por exemplo do Museo Provincial de Lugo, utilizaremos a súa colección para coñecer de cerca esta ciencia e disfrutar con ela.

ARAS E ESTELAS

Unha ara é un altar votivo, un monumento con inscrición dedicada ás divindades,( por iso irán os seus nomes en caso dativo( o que nos chamamos función de Obxecto Indirecto) como xesto de agradecemento por algo ou por fervor relixioso. Na parte superior teñen un ou tres buratos chamados "foculus" para as ofrendas.

Estela é un monumento funerario colocados verticalmente no lugar onde etaba unha tumba. Lembran ao defunto nunha inscrición commemorativa. Adoitan levar como encabezamento as letras D.M.S. ( Diis Manibus Sacrum : consagrado aos deuses Manes, ou deuses dos espíritos.


Miliarios Pedras cilíndricas que se fincaban á beira das vías romanas e que tiñan como función indicas as distancias en miles de pasos "millas".
para saber e ver máis
Categoría: EPIGRAFÍA - Publicado o 04-03-2008 21:35
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal