VERBA VOLANT



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Muller e mitoloxía (I)

Ata o de agora estivo moi presente nos mitos que contamos a presenza do matriarcado e da deusa nai e outras poderosas deusas: Xea, Rea... pero coa aparición de Zeus e mitos relacionados coa creación dos seres humanos, como o de Prometeo e Pandora, imos percibir un cambio e aquel carácter equilibrado e mesmo dominante de elementos femininos vaise ir diluíndo nunha serie de mitos con fortes cargas patriarcais e claramente machistas.

Facéndolle unha chiscadela á celebración do Día contra a violencia de xénero, o 25 de novembro, imos fixarnos como cambia o conto. Imos ser críticos á hora de relatar os mitos cando a influencia indoeuropea impera en moitos dos que iremos contando e que son claramente machistas polo que debemos ter esa previsión á hora de achegármonos a eles dende unha óptica do século XXI. Esta compoñente debe logo terse moi presente a partir deste momento.

Imos comezar para evidenciar esta tendencia da mitoloxía clásica a falar da creación dos mortais que na mitoloxía grega presenta unha serie de relatos complexa (hai ata catro formas distintas de explicar a aparición dos seres humanos). Pois ben, os primeros seres humanos en nacer serán os homes de sexo masculino e logo chegará Pandora, a primeira muller.

Ademais de chegar de segundas, virá cargada dunha serie de calidades moi machistas como poderedes apreciar, unha primeira ao ser considerada "un agasallo". A etimoloxía é moi clara, o nome de Pandora en grego significa "o agasallo de todos (os deuses)" unha clara "cosificación" (como se unha persoa, neste caso a muller, fose unha cousa, un obxecto) e aínda que a palabra "agasallo" ou "presente" pode entenderse, en principio, como algo bo, veremos que as intencións de semellante entrega por parte dos deuses ten como finalidade procurar un castigo eterno a todos os mortais.

Finalmente, Pandora aparecerá solapada e á sombra doutro nome, o dun deus que, a pesar de ser un Titán, está debuxado con calidades positivas, propias dun verdadeiro heroe. Trátase de Prometeo, o amigo dos mortais.



Cuestións:
1- INVESTIGA:Ocorre isto mesmo noutras mitoloxías imos nvestoigar sobre cos relatos das primeiras mulleres noutras mitoloxías.
Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2015-16 - Publicado o 27-11-2015 06:07
# Ligazón permanente a este artigo
REPASO DE CONTIDOS
HISTORIA:
Do pictograma ao alfabeto.
A pedra da Rosetta.

LINGUA:
O alfabeto grego.

LENDO AOS CLÁSICOS:
Estelas: As letras sobre a pedra.
Selección de textos de Hesíodo

MITOS:
Do Caos a Zeus:
- Cosmogonía
- Titanomaquia

Prometeo e os mortais
As Idades do home.

OS ESPAZOS DA CULTURA CLÁSICA:
Mapa da Hélade antiga.

DE ONTE A HOXE:
Ars longa... A evolución da deusa nai dende a prehistoria.
Distintas representacións dos mitos vistos na aula nesta avaliación.

Galicia, país dos mortos
Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2015-16 - Publicado o 22-11-2015 18:21
# Ligazón permanente a este artigo
HESÍODO E AS IDADES DO HOME
A aparición dos mortais tamén é un tema abordado por Hesíodo, escritor grego do VI a. C. neste caso nun texto sobre as idades do home do seu libro "Os traballos e o días".



Cuestións:
1- Despois de ler o texto na aula, imos resumir o seu contido atendendo as distintas etapas:

Idade de Ouro:

Idade de Prata:

Idade de Bronce:

Idade dos Heroes:

Idade de Ferro:

2- Compara estas cinco idades coas que relata Ovidio o poeta latino do século I nas súas Metamorfoses:
Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2015-16 - Publicado o 20-11-2015 06:43
# Ligazón permanente a este artigo
O ASTUTO PROMETEO, PROTECTOR DOS MORTAIS
Imos realizar na aula de Cultura Clásica- Informática un pequeno audiovisual sobre o mito de Prometeo tomando como base un cómic e coa intención de afondar e estudar sobre un dos mitos máis coñecidos da mitoloxía grega, sobre un dos deuses máis relacionados coa propia existencia do ser humano:

PROMETEO E OS MORTAIS

Quam satus Iapeto, mixtam pluvialibus undis,
Finxit in effigiem moderantum cuncta deorum,
Pronaque cum spectent animalia cetera terram,
Os homini sublime dedit caelumque videre
Iussit et erectos ad sidera tollere vultus…
Tellus induit ignotas hominum conversa figuras.

OVIDIO Metamorphoses, I 82-88

Coa terra amasada en auga de chuvia o fillo de Xápeto
crea figuras co molde dos deuses que todo o controlan.
Se ben os demais animais ollan á terra inclinados
fíxolle ao home un rostro altivo e que ao ceo altivo mirase
dispuxo e cara ás estrelas alzase ergueita cabeza…
Así a Terra remodelada vestiuse de imaxes estrañas de homes.



Un vídeo sobre o mito de Prometeo:


"Fillos do Titán Xápeto e Clímene, castigados por Zeus

Xápeto levouse á moza Clímene, Oceánide de fermosos nocellos e subiu ao seu mesmo leito. Esta deulle varios fillos, o intrépido Atlas, e pariu ao moi ilustre Menecio, ao mañoso e astuto Prometeo e ao torpe Epimeteo, que foi desde un principio sempre ruína para os homes que se alimentan de pan. Pois el por primeira vez aceptou unha xoven muller modelada por Zeus. Ao violento Menecio, Zeus de ampla mirada afundiuno no Érebo, alcanzándoo co ardente raio, pola súa insolencia e desmedida audacia. Atlas sostén o vasto ceo a causa dunha imperiosa fatalidade alá nos confíns da terra, á entrada do país das Hespérides de fina voz, apoiándoo na súa cabeza e infatigables brazos; pois esta sorte lle asignou como lote o prudente Zeus. A Prometeo abundante en recursos atoulle con irrompibles ligaduras, dolorosas cadeas, que meteu a través dunha columna e lanzou sobre el a súa aguia de amplas ás. Esta comíalle o fígado inmortal e aquel durante a noite crecía por todas partes na mesma proporción que durante o día devoraba a ave de amplas ás. Matouna Heracles, ilustre fillo de Alcmena de fermosos nocellos e librou do seu horrible tormento ao Xapetónida, dando fin ás súas inquedanzas non sen o consentimento de Zeus Olímpico que reina nas alturas, senón para que a fama de Heracles, nacido en Tebas, fora maior aínda que antes sobre a terra fecunda. Por estes anhelos favorecía ao seu moi ilustre fillo e, aínda que irritado, calmou a cólera que antes tiña desde que Prometeo combateu a vontade do moi poderoso Cronión." ( HESÍODO, Teogonía 507-534)



OS PROBLEMAS CON ZEUS

Pero Prometeo despois de crear ao home enfrontaríase a unha serie de problemas con Zeus por protexer a estes novos seres.

CUESTIÓNS: 1-Cales foron estes problemas con Zeus? Resume o mito.

2-Cal foi o castigo que Zeus lles envía aos humanos baixo a forma dun agasallo para Epimeteo?

Sobre este agasallo, Pandora

PARA SABER MÁIS:Para ver a importancia deste tipo de engano ver o eco das figuras de Pandora e Prometeo noutras mitoloxías (Eva e Adán)

3-INVESTIGA: Cal foi o castigo que lle espera a Prometeo?
Zeus, ademais sabía que Prometeo gardaba un segredo sobre a súa descendencia, por iso negouse a liberalo do seu castigo ata que logrou unha resposta clara a aquel misterio que gardaba o Titán. Saberías ti explicar cal é ese segredo?
Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2015-16 - Publicado o 17-11-2015 07:04
# Ligazón permanente a este artigo
A XEOGRAFÍA DA GRECIA ANTIGA: HÉLADE
Toca volver a mirar o mapa da Grecia Antiga para ir fixando esta xeografía que estamos citando como referencia espacial substancial dos mitos. A espazosa Tesalia, lugar onde se desenvolve a Titanomaquia, a illa onde nace Zeus, o monte residencia dos deuses, mesmo o volcán que aínda hoxe nos lembra onde está atrapado Tifón...

Pois ben imos trazar unha panorámica a través de dúas actividades: A visualización do seguinte vídeo:




A XEOGRAFÍA DA GRECIA ANTIGA

Grecia é un país moi montañoso con estreitos vales e pequenas chairas costeiras onde se concentrou tradicionalmente a poboación. As montañas continentais penetran no mar formando unha costa moi recortada e numerosas illas o que propiciou o aillamento de comunidades dispersas e mal comunicadas por terra que conforman un país de pequenas comarcas, divididas politicamente e fragmentadas en dialectos. Grecia pois viviu cara ao mar, do que ningún punto dista do mar máis de 90 km, xogou dende sempre un papel de unión (de feito a palabra Πόντοs, ademais de “mar” significa “camiño”).

O clima no norte é de tipo continental invernos curtos e fríos, pero nas illas é algo máis cálido, sendo os veráns moi calurosos. A chuvia máis ben escasa e lugares como Creta, unha gran illa con clima subtropical.

A vexetación é a típica mediterránea bosques de coníferas (piñeiros e cipreses), plantas aromáticas e os cultivos de cereais, oliveiras e viñas que ocupan o pouco terreo arable (un 18%). Se Arcadia é a terra “osos”, tamén hai lugares onde se crían cabalos, e rabaños de cabuxas e ovellas. Sendo unha incógnita se antigamente existían leóns como nos conta Homero.

Hélade (Ελλάδα) era o nome do país derivado de Helen, padre mítico dos heroes que dan lugar ás distintas estirpes helénicas. O nome de Grecia provén da tribo dos Graii coa que entraron en contacto os pobos de Italia e co que eles coñecerían aos restantes gregos.

Para coñecermos mellor a Antiga Grecia seguiremos o seguinte esquema da súa xeografía:

1- A GRECIA CONTINENTAL:
1.1- A GRECIA SEPTENTRIONAL
1.2- A GRECIA CENTRAL.
1.3- A GRECIA MERIDIONAL OU PENÍNSULA DO PELOPONESO

2- A GRECIA INSULAR:
2.1- ILLAS XÓNICAS.
2.2- ILLAS CÍCLADAS E ESPÓRADAS
2.3- AS GRANDES ILLAS: EUBEA, CRETA E CHIPRE.

3- A GRECIA COLONIAL:
3.1- ASIA MENOR
3.2- A MAGNA GRECIA
3.3- OUTROS LUGARES DE COLONIZACIÓN


A continuación o traballo dun cuestionario inicial de xeografía da Grecia antiga

Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2015-16 - Publicado o 14-11-2015 08:14
# Ligazón permanente a este artigo
A TITANOMAQUIA: TITÁNS CONTRA OLÍMPICOS
SOBRE A GUERRA DOS TITÁNS CONTRA OLÍMPICOS

Prosigamos co relato no momento no que se narra a Titanomaquia na Teogonía de Hesíodo:

Xa facía tempo que loitaban soportando dolorosas fatigas enfrontados uns contra outros en violentos combates, os deuses Titáns e os que naceron de Cronos; os Titáns dende a cima do Otris, e dende o Olimpo, os deuses dadores de bens aos que pariu Rea, de fermosos cabelos, deitada con Cronos... levaban xa combatendo en conxunto máis de dez anos. E non se vía solución da dura contenda, nin final a favor de uns ou dos outros, senón que o resultado da guerra permanecía indeciso...

Mais a Briareo, a Coto e a Xiges, o Crónida e os demais deuses inmortais que concibiu Rea, de fermosos cabelos, conducíronnos de novo á luz seguindo as indicacións de Xea. Esta explicoulles que coa súa axuda conseguirían a vitoria e... Zeus ofreceu a todos os alimentos, néctar e ambrosía, que os propios deuses comen, e creceu no peito de todos ardorosa paixón, cando probaron o néctar e a deliciosa ambrosía.

-“Escoitádeme! - díxolle Zeus aos ilustres fillos de Xea e Urano- Por longo tempo xa enfrontados uns cos outros, loitamos todos os días pola vitoria e o poder, os deuses Titáns e os que nacemos de Cronos. Pero agora mostrade vós vosa terrible forza e invencibles brazos contra os Titáns en funesta loita, recordando a nosa doce amizade e como despois de tantos tormentos baixo dolorosa cadea, de novo viñestes á luz saíndo da escura tebra por decisión nosa.”...

Provocaron aquel día unha loita terrible todos, femias e varóns, os deuses Titáns e os que naceron de Cronos e aqueles aos que Zeus, mergullados no Érebo baixo a terra, trouxo á luz, terribles, violentos e dotados de formidable vigor. Cen brazos saían axitadamente dos seus ombros, para todos igual, e a cada un cincuenta cabezas nacíanlle dos ombros, sobre robustos membros...Terriblemente resoou o inmenso Ponto e a terra retumbou con gran estrondo...A violenta sacudida das pisadas chegou ata o tebroso Tártaro...

Xa non contiña Zeus a súa furia lanzando sen cesar relampos, avanzaba sen deterse; os raios, xunto co trono e o relampo, voaban dende a súa poderosa man. Por todos lados resoaba a terra portadora de vida envolta en lapas... Tanto estrondo produciuse ao chocar os deuses en combate! Ao mesmo tempo, os ventos expandían con estrépito a conmoción, o po, o trono, o relampo e o flamante raio, armas do poderoso Zeus, e levaban o balbordo e o clamor en medio de ambos...Entón aqueles, Coto, Briareo e Xiges insaciable de loita, na vangarda provocaron un violento combate. Trescentas rochas lanzaban sen respiro coas súas poderosas mans e cubriron por completo con estes proxectís aos Titáns.

(Texto adaptado)

O escritor latino Ovidio tras narrar a Titanomaquía, a guerra entre os Titáns e os Olímpicos, di sobre Saturno:

Postquam Saturno tenebrosa in Tartara misso
sub Iove mundus erat...


Unha vez enviado Saturno(Cronos) ao tebroso Tártaro, o mundos estaba baixo o poder de Xúpiter(Zeus na súa denominación grega).

Fíxate nas denominacións grega e latina dos deuses citados e vaite acostumando a usar ambas.

CUESTIÓNS:

1-Bótalle agora unha ollada a este anaco de vídeo para logo facer un resumo:



Sabías que o nome de Zeus é indoeuropeo e deriva da palabra deiwos, que significa “ceo brillante”, o mesmo nome aparece no Diespiter (Iúpiter) romano, no deus indio do ceo Dyaus Pita, e no termo xermánico Tuesday (dia de Thor). A mesma raíz aparece no grego eudia (bo tempo) e no latín, deus, dios e dies (día). Zeus aparece aquí xunto a outros, como o pai ceo, baixo a imaxe do luminoso ceo diurno. A esta engádense imaxes de tormenta: a do que reúne as nubes, a do que amaba os raios e os tronos. Todas as súas epifanías ou aparicións son espectaculares: brilla como o sol, lanza raios, fai resplandecer os seus relampos e amorea as nubes negras ao ruchando o sobrecello. A aguia voa nas alturas manifestando a súa presenza.

INVESTIGA SOBRE A INFANCIA DE ZEUS

Varios son os mitos procedentes de distintos textos posteriores a Hesíodo que relatan a infancia de Zeus en Creta. Procura información sobre:

1- Quen o coidaba na cova? Quen era Amaltea e Melita? Que animal o visitaba a diario para darlle a ambrosía que lle daba o vigor propio dun inmortal?

2- Que relación din que tivo coa Titánide Metis?

3- Contan que foi Metis quen lle axudou a elaborar un beberaxe que lle tiña que dar a Cronos.

4- Quen eran os Curetes ou Coribantes?

CUESTIÓNS:SOBRE A TITANOMAQUIA

1- Onde e por quen foron desterrados Brontes, Estéropes e Arxes? Quen son “o Crónida (repara no nome) e os demais deuses inmortais que concibiu Rea”?

2- Procura sobe un mapa de Grecia os espazos máis importantes nesta guerra (os mitolóxicos e os reais) Creta, Pitia, Olimpo, Otris, Tesalia, ...

3- Que é a Titanomaquía? Onde residen os contrincantes destas batallas interminables? Cando durou esta guerra?

4- Quen lle indica a Zeus que vaia falar cos Uránidas? Como os convence?

5- Que nome xenérico reciben os uranidas Coto, Briareo e Xiges? Como era o seu corpo? Que produce un gran estrondo audible tanto no ceo como no máis profundo do Tártaro?







Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2015-16 - Publicado o 08-11-2015 18:48
# Ligazón permanente a este artigo
Repaso de contidos vistos

De onte a hoxe: In principio erat verbum...

Espazos clásicos: Mapa do Mediterráneo.
Un espazo que condiciona o mito.

Historia: As distintas orixes dos nosos nomes.
O marabilloso invento das letras: a invención da escrita. A Pedra da Rosetta.

LERMOS AOS CLÁSICOS: Sócrates e a escrita.

LINGUAS CLÁSICAS: As familias lingüísticas do mundo e o Indoeuropeo. Aprendendo o alfabeto grego.

MITOS: Introdución á mitoloxía grega.
Mito e relixión.
Relixión mediterránea e indoeuropea.
O sincretismo da relixión da antiga Grecia

Que vén sendo un mito?
Mito, literatura e arte.

VITA BREVIS:Os soportes da escritura.
Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2015-16 - Publicado o 17-10-2015 06:32
# Ligazón permanente a este artigo
O ALFABETO

A Comunicación na Prehistoria. A escrita no comezo da historia. Dos berros e xestos á palabra. Da palabra á pintura rupestre. Evolución da escrita.

Logo alfabeto grego ese gran invento que é a base do alfabeto latino que nós usamos, foi produto dunha evolución da escrita que nace na prehistoria.




INVESTIGA:

I SIGNOS SEN SON:

PICTOGRAMAS:

IDEOGRAMAS:

II- SIGNOS CON SON:

XEROGRIFOS (Exipto)


SILABARIOS (Micenas)

ALFABETO (Do fenicio ao grego e latino)





III- SOPORTE DA ESCRITA

As Pedras da Prehistoria.

Escrita cuneiforme en arxila cos Sumerios.

O papiro de Exipto.

O pergamiño.

O papel da China á Imprenta.


Podes ver estos vídeos sobre a marabillosa historia das letras:






Cuestións:

Eran os chamados indoeuropeos un pobo ágrafo? Argumenta a resposta.

Que é un pictograma? En que se diferenza do ideograma?

Que é escrita cuneiforme? onde se comezou a usar?

Que dificultade atopamos cos ideogramas chineses?

Que significa a palabra "xeroglifos"? Era un código secreto esta escrita dos escribas, seguramente polo uso que facían dela os poderosos, por exemplo en Exipto gardando os segredos das inundacións do Nilo. Que peculiaridade ten un xeroglifo distinta dos ideogramas?

Como se conservaron as inscricións en silabarios micénicos?

Que é un silabario?

Cal é o primeiro alfabeto creado polo ser humano? Que peculiaridades ten con respecto ao alfabeto grego?

Aprende o alfabeto grego. Escribe o teu nome coas letras gregas. podes facer prácticas co alfabeto grego aquí.



Que unha taboíña de cera? E un stilum?

Que signinifica en orixe a palabra libro (liber)?
Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2015-16 - Publicado o 09-10-2015 17:50
# Ligazón permanente a este artigo
O INDOEUROPEO E AS OUTRAS FAMILIAS DE LINGUAS DO MUNDO
Dende a India ata Fisterra atopamos unhas mesmas palabras para denominar ao lobo, o raposo, o oso, cervo, e ao porco (polo tanto o mundo da caza) unhas mesmas palabras para denominar ao boi, a ovella, a cabra, o leite, e se acaso aos ovos (é dicir , a gandeiría);unhas mesmas palabras para nomear o queixo, a lá, o mel, o sal, o carro, o xugo, a fariña ( é dicir, a agricultura); igual acontece co ouro, a prata, o cobre (metalurxía, co cabalo e co can ( animais domésticos) co arco e coa machada ( armas), co salmón e co barco, pero non co mar ( navegación fluvial). Pero, pola contra, non hai parecido ningún entre as respectivas maneiras de denominar o mar, o león, o tigre e o camelo.

Foi Fran Bopp no ano 1816 quen introduce o nome de Indoeuropeo para caracterizar as semellanzas entre estas palabras nun conxunto de linguas flexivas moi parecidas , aínda que moi distiantes no espazo ( do ïndico ao Atlántico) e mesmo no tempo ( do 1000 a. C ao 1800 d. C).

Como explicar tantas coincidencias?

Todos estes pobos que habitan tan amplo territorio teñen linguas que proceden dun único pobo prehistórico:o indoeuropeo.

No mundo hai, se simplificamos e atendemos a súa orixe por continentes, cinco grandes grupos de linguas:

A familia INDOEUROPEA, as linguas euroasiáticas entre as que se atopa o latín e a nosa.

A familia BANTÚ ou de linguas africanas, nas africanas, debemos separar as do centro e sur das do norte que pertence a outra familia.

A familia CAMITO-SEMITA entre as que se atopa o hebreo e o árabe, situadas no norte de África e a parte de Asia próxima ao Mediterráneo.

A familia SINO-AUSTRINA con linguas como o chinés e o xaponés en Asia e todas as de Oceanía.

A familia AMERINDIA das linguas do continente americano quechua, azteca, guaraní...

Un comunicado da Federación Internacional de Tradutores no Día Internacional da Tradución (30 de setembro)vén moi a conto:
"O noso planeta é rico na diversidade lingüística. As aproximadamente seis a sete mil linguas faladas en todo o mundo son o depósito da nosa memoria colectiva e o patrimonio intanxible. Pero a diversidade lingüística e cultural que ofrecen está baixo a ameaza: o 96% destas linguas son faladas por só o 4% da poboación mundial e centos de elas axiña se perderán para sempre.

A UNESCO e as Nacións Unidas pediron aos seus Estados Membros apoiar e protexer a variedade de linguas que se falan polos pobos do mundo. A Declaración Universal da UNESCO sobre a Diversidade Cultural, adoptada en 2001, establece que "a diversidade é tan necesaria para a humanidade como a biodiversidade para a natureza". O seu exdirector, Federico Mayor Zaragoza, dixo:
"Se perdemos a diversidade cultural, perdemos a maior riqueza que temos".


CUESTIÓN
Procuremos unha boa definición para este concepto. O indoeuropeo é...
Chámase indoeuropeo común, ou simplemente indoeuropeo (abreviado habitualmente como IE) a unha lingua prehistórica reconstruída a partir da comparación entre as linguas antigas e actuais das que estas proveñen. O indoeuropeo, que nunca foi escrito, é a lingua suposta que está nas orixes de todas as linguas indoeuropeas. O método que permitiu reconstruír esta protolingua repousa esencialmente sobre a lingüística comparada.

Podemos observar aquí un mapa das linguas do mundo e a expansión actual das linguas indoeuropeas

Imos realizar algunhas reflexións máis despois de ver o vídeo:



Quen é o avó do galego?

Que significa Gallaecia?

Que significa a palabra idioma?

De quen depende conservar a diversidade lingüística do mundo?
Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2015-16 - Publicado o 02-10-2015 06:14
# Ligazón permanente a este artigo
IN PRINCIPIO ERAT VERBUM...
Ἐν ἀρχῇ ἦν ὁ Λόγος...

Así comeza escrito en grego o evanxeo de San Xoán, que en latín sería IN PRINCIPIO ERAT VERBUM...

E como esta cita relacionase co comezo, co principio dos tempos, encaixa perfectamente co lema do centro deste curso 2015-16 relacionado coa creatividade e a innovación, e ademais porque fai referencia a palabra como elemento primixenio das cousas. A forza do home está na súa capacidade de falar.

Todos nacemos nun lugar, nun tempo, falamos unha lingua e nos sentimos identificados cunha cultura.

1- Imos saber logo que é para nós a Cultura Clásica?

UN ESPAZO: Botemos logo unha mirada sobre un espazo que vai principalmente da costa atlántica da Fisterra ao extremo oriental do Mediterráneo ou Mare nostrum, onde hoxe están cidades como Xerusalen ou países como Siria.

2- Que cres que significan estes tres nomes Fisterra, Mediterráneo, Mare nostrum?
3-Debuxa un mapa do mediterráneo no que apareza a península ibérica, a italiana e a grega, non deixes de incluír Turquía e o Norte de África e no extremo oriental pinta as terras onde está Xerusalén e hoxe tristemente nomeada Siria. Ah!, non esquezas as illas máis importantes.

UN TEMPO:Remoto e impreciso, un tempo mitolóxico que, ao longo do curso, imos ir precisando ata dar coa humanidade no seu paso da prehistoria á historia. Descubriremos o calendario coas civilizacións mediterráneas ou as festas e ritos que distinguen as xornadas laborables e como estas foron evolucionando ao longo dos séculos.

4- Que significan os seguintes conceptos:
Mito:
Arqueoloxía:
Calendario, procede de kalendas:
Hemeroteca:

UNHA LINGUA: Unha lingua esta formada por palabras. o idioma como chave do mundo. O poder da palabra ao longo dese tempo,a forza do home está na súa capacidade de falar. unha reflexión sobre como a lingua pasa a ser literatura.

5-Que significa: verba volant, scripta manent
- LITERATURA: da littera, o que produce un litterator


UNHA CULTURA:Palabras e escritos que se transmiten creando unha cultura, unha fórmula de entendemento de descodificación do mundo para unha sociedade: NATURA onde o home emerxe como medida da harmonía do KOSMOS.
Do mito ao logos, da procura relixiosa da mitoloxía á científica da filosofía

7- FILOSOFÍA, que significa esta palabra? e a expresión: AUDE SAPERE.


No santuario de Apolo en Delfos, había unha inscrición que dicía: "coñécete a ti mesmo" e os gregos inventaron Teatro, palabra que vén de theomai( verbo "ver") e significa “lugar para ver”, un espazo esencial da “polis” ou “civitas”.

8- Cal é a orixe destas palabras: Democracia, Senatu?

E a expresión:
ARS LONGA, VITA BREVIS?


A Cultura CLÁSICA é esa cultura que gregos e romanos compartiron e converteron en modelo para occidente, que logo se proxectou polo mundo enteiro. Unha invitación para volvernos e mirar atrás, para procurar modelos e

PARA INVITARMOS A CREAR!
Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2015-16 - Publicado o 16-09-2015 09:58
# Ligazón permanente a este artigo
[1] [2] [3] 4
© by Abertal