VERBA VOLANT



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

COSMOGONÍA II: O COSMOS, CRONOS E REA.
A Teogonía de Hesíodo (autor do século VII a. C.) é o libro que mellor nos narra a Cosmogonía, é dicir, a creación do Cosmos(universo ou natureza ordenada). Efectivamente os gregos antigos pensaban que a función dos deuses era a de ordear a natureza caótica nun principio.

Despois da aparición no medio do Caos de Xea e de Urano e da súa complicada descendencia, Hesíodo narra na Teogonía a creación doutras criaturas descendentes do Caos entre as que sitúa nun lugar destacado a Nix (a Noite).

Logo comeza a enumeración dunha longa serie de novas criaturas enxendradas polos Titáns e as Titánides, descendentes de Xea e Urano. Imos deter a nosa atención en Cronos e de Rea.

Seguindo o mito a través do relato épico de Hesíodo, poderás comprobar e ir respostando ás cuestións claves desta parte importantísima da TEOGONÍA:

Os Fillos de Rea e Cronos

Rea, entregada a Cronos, tivo famosos fillos: Hestia, Deméter, Hera de áureas sandalias, o poderoso Hades que reside baixo a terra con implacable corazón, o resoante Ennosixeo (Poseidón) e o prudente Zeus, pai de deuses e homes, por cuxo trono treme extensa terra.

Aos primeiros papounos o poderoso Cronos segundo ían chegando aos seus xeonllos dende o sagrado ventre da súa nai, conducíndose así para que ningún outro dos ilustres descendentes de Urano tivese dignidade real entre os Inmortais. Pois sabía por Xea e o estrelado Urano que era o seu destino sucumbir a mans do seu propio fillo, por poderoso que fora, vítima dos proxectos do gran Zeus. Por elo non tiña descoidada a vixilancia, senón que, sempre ao asexo, ía tragando aos seus fillos; e Rea sufría terriblemente.

Pero Rea cando xa estaba a punto de dar á luz a Zeus, pai de deuses e homes, entón suplicou axiña aos seus pais, os dela, Xea e o estrelado Urano, que lle axudasen a urdir unha estrataxema para ter ocultamente o parto do seu fillo e vingar as Erinias do seu pai e dos fillos que se tragou o poderoso Cronos de mente retorta. Aqueles escoitaron atentamente a súa filla e obedecérona; puxérona ambos ao corrente de canto estaba decretado que ocorrese respecto ao rei Cronos e ao seu intrépido fillo, e enviárona a Licto, a un rico pobo de Creta, cando xa estaba a punto de parir ao máis novo dos seus fillos, o poderoso Zeus. A este recolleuno a monstruosa Xea para crialo e coidalo na espazosa Creta. Alí dirixiuse, levándolle, ao amparo da rápida negra noite, en primeiro lugar, a Licto. Colleuno no seu colo e ocultouno nunha profunda gruta, baixo as entrañas da divina terra, no monte Exeo de densa fraga.

Rea envolvendo en panos unha enorme pedra, púxoa nas mans do gran soberano Uránida, rei dos primeiros deuses. Agarrouna entón coas súas mans e aquel introduciuna no seu estómago, ¡desgraciado! Non advertiu no seu corazón que, a cambio da pedra, ficaba para o futuro o seu invencible e imperturbable fillo, que axiña, vencéndoo coa súa forza e as súas propias mans,ía privarlle da súa dignidade e reinar entre os Inmortais.

Rapidamente medraron logo o vigor e os fermosos membros do soberano. E ao cabo dun ano,o poderoso Cronos, de mente retorta, botou fóra de novo a súa prole, enganado polas hábiles indicacións de Xea, vencido pola forza e habilidade do seu fillo. Primeiro vomitou a pedra, última cousa que enguliu; e Zeus cravouna sobre a extensa terra, na sacratísima Pito, nos vales ao pé do Parnaso, monumento para a posteridade, marabilla para os homes mortais. Librou aos seus tíos paternos das súas dolorosas cadeas, aos Uránidas Brontes, Estéropes e o vigoroso Arxes, aos que insensatamente encadeou seu pai; gardáronlle gratitude polos seus beneficios e aqueles agasalláronlle co trono, o raio e o relampo; antes tíñaos ocultos a enorme Xea, e con eles seguro goberna a mortais e inmortais.

CUESTIÓNS:

1- Cales son os nomes dos fillos de Cronos e Rea? Procura o seu nome en grego e en latín.
2- Por que Cronos era un cu de medo?
3- Quen son as Erinias, denominadas en latín Furias? Como naceran?
4- Onde naceu Zeus?
5- Procura unha, dous ou tres ilustracións da entrega de Rea a Cronos dalgún dos seus fillos, mesmo da pedra envolta en panos.

6- Contan que sendo xa Zeus o deus supremo, feito o sorteo para repartir poderes e territorios sobre os que gobernar, mandara a dúas aguias que voasen dende os estremos da superficie terrestre unha dende oriente, a outra dende occidente coa intención de que, cando se atopasen xusto no centro da extensa superficie da terra, deixasen caer alí mesmo, no centro do mundo a pedra que vomitara Cronos. Os gregos din que esa pedra está aínda nun lugar sagrado. Como se chama ese lugar sagrado onde reside a sacerdotisa Pitia? Busca unha foto desa pedra que aínda existe nese lugar que chaman ónfalos.

7- Se Uránida significa: “fillo de Urano” quen é o gran soberano Uránida?

8- Con que outro nome xenérico son coñecidos os Uránidas Brontes (trono), Estéropes (raio) e o vigoroso Arxes (relampo ou resplandor)? Que quere dicir ese nome co que se identifican as tres criaturas?





Comentarios (0) - Categoría: COSMOGONÍA - Publicado o 06-11-2015 06:45
# Ligazón permanente a este artigo
COSMOGONÍA (I): CAOS
Seguindo a Hesíodo (autor grego do século VIII a. C.) e a Ovidio (autor latino do século I a.c.) que foron dous autores que quixeron organizar os relatos da mitoloxía grega, imos comezar o noso relato de mitos pola COSMOGONÍA, é dicir, o comezo ou a orixe do Cosmos (*Cosmos- un universo ordenado/ e -gonía: a orixe ou o comezo).

Lembrade que a Mitoloxía grega pasa por ser unha das máis orixinais do mundo por:

- Estar bastante ben conservada.
- Manifestar certa complexidade.
- Entender a Cosmogonía dun xeito distinto a outras moitas mitoloxías.


Como contaban o comezo do mundo os antigos gregos aos seus fillos? Do mesmo xeito imos dar principio nós ao relato.


Hesíodo autor da Teogonía.

O noso relato debe seguir a lectura atenta das palabras da Teogonía de Hesíodo:

ἤτοι μὲν πρώτιστα Χάος γένετ’·

"En principio existiu o Caos..."



O concepto de Caos

Vén do grego antigo Χάος, ‘espazo que se abre’, ou ‘fenda’, procede do verbo χάω, que en formas derivadas significa ‘boquexar’, ‘abrirse unha herida’ ou ‘abrirse unha caverna’.




Pero como era o Caos? Para responder iremos ao texto latino de Ovidio que nos primeiros versos da súa Metamorfoses di:


Ante mare et terras et, quod tegit omnia, caelum
unus erat toto naturae vultus in orbe,
quem dixere Chaos, rudis indigestaque moles…


"Antes do mar e das terras e do ceo que todo o cobre,
a natureza tiña un só aspecto en toda a súa extensión,
á cal chamaron Caos, unha mole confusa e revolta..."


As metamorfoses, I ( 5-7) Ovidio

CUESTIÓNS

1-Segue lendo o texto de Ovidio e procura unha boa definición do Caos:

...quem dixere Chaos, rudis indigestaque moles
nec quicquam nisi pondus iners congestaque eodem
non bene iunctarum discordia semina rerum.
Nullus adhuc mundo praebebat lumina Titan,.
. 10

...a cal chamaron Caos, unha mole confusa e revolta
un peso inerte e máis nada, no mesmo lugar concentrada
a semente aínda en conflito das cousas non ben compactas.
Aínda ningún Titán fornecera de luz aquel mundo... 10


sic erat instabilis tellus, innabilis unda,
lucis egens aer; nulli sua forma manebat,
obstabatque aliis aliud, quia corpore in uno
frigida pugnabant calidis, umentia siccis,
mollida cum duris, sine pondere, habentia pondus.
20

...así era unha terra inestable, as augas innavegables
un aire carente de luz; no seu estado nada duraba,
todos contra todos loitaban porque nun mesmo
ser combatían frío e calor, humidade e secura,
brandura e dureza, o que non ten peso co que ten gravidade. 20


Todo era, pero non había nada, todo estaba nun completo desorde, o Caos. Logo naceron os deuses para organizar a natureza á que chamaron Cosmos (o universo en orde).

2- Redacta un texto no que describas o Caos ese aspecto primixenio que presentaba a Natureza.

3- Cales son as principais criaturas que nacen do Caos segundo Hesíodo? Imos realizar unha pequena árbore xenealóxica.
Comentarios (0) - Categoría: COSMOGONÍA - Publicado o 27-10-2015 18:41
# Ligazón permanente a este artigo
A COSMOGONíA seguindo a Hesíodo
Estaría ben que buscarades quen é o autor e a quen representa este cadro barroco.

Hai outro cadro dun pintor posterior co mesmo tema, pero seguramente é máis coñecido. Trátase dun cadro de Goya, o seu famoso
"Saturno devorando aos seus fillos".

Esta historia remóntanos á Teogonía de Hesíodo (autor do século VII a. C.) o libro que mellor nos narra a Cosmogonía, é dicir, a creación do Cosmos(universo ou natureza ordenada). Efectivamente os gregos antigos pensaban que a función dos deuses era a de ordear a natureza caótica nun principio.

Máis tarde, Ovidio, un poeta romano do século I, nas súas Metamorfoses dicíao así:

Ante mare et terras et, quod tegit omnia, caelum
unus erat toto naturae uultus in orbe,
quem dixere Chaos, rudis indigestaque moles...


"Antes do mar e das terras e do ceo que todo o cobre, a natureza tiña un só aspecto en toda a súa extensión, á cal chamaron Caos, unha mole confusa e revolta..."

O propio Ovidio tras narrar a Titanomaquía da que falaremos en profundidade na próxima entrada, a guerra entre os Titáns e os Olímpicos, di sobre Saturno:

Postquam Saturno tenebrosa in Tartara misso
sub Iove mundus erat...

Unha vez enviado Saturno(Cronos) ao tebroso Tártaro, o mundos estaba baixo o poder de Xúpiter(Zeus na súa denominación grega).

Bótalle agora unha ollada ao vídeo ( parte 1/2 e 3) logo resúmeas:



Comentarios (0) - Categoría: COSMOGONÍA - Publicado o 02-10-2012 05:35
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal