VERBA VOLANT



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Galicia, país dos mortos
O Outono é o tempo da morte en Galicia. Ten a súa lóxica se observamos a caducidade da natureza, (lembra que a palabra outono: "auctu-" + "annum" poderiamola traducir como "ano medrado, acabado ou maduro")e que segundo parece nos tempos remotos a cultura da prehistoria seica tamén celebraba algo así coa festividade do Samaín. Daquela xurdiu unha especie de peregrinación cara a Fisterra, máis antiga que a do que logo sería o Camiño de Santiago, que sería unha "romaría" cara o Alén, a Illa do Mortos situada nalgún lugar non moi lonxe da costa Atlántica ( o poeta Cabanillas no século XIX falaba de Sálvora e recentemente arqueólogos galegos diríxen a súa atención cara a illa do Areoso no mesmo mar de Arousa).



O dolmen que era iso? Parece unha creación atlántica propia da prehistoria:



Coa chegada dos romanos e logo do Cristianismo as crenzas mediterráneas foron solapándose sobre as outras atlánticas que tiñan tamén certas semellanzas. Os romanos creron que o río Limia sería o río do Esquecemento, un río que tradicionalmente atravesaban os mortos na derradeira viaxe. Os romanos facíanse eco seguramente do que contaban os historiadores gregos que pensaran que na nosa Terra achábase a fin do Mundo,lugar onde cada día morría o sol (un dos traballos de Heracles, co xigante Xerión localízouse de vello en Galicia e mesmo unha entrada cara ao mundo dos Mortos... da que logo se farán eco unha lenda asturiana e outras galegas que mantiveron viva esa idea ata os nosos días(Cova do Pico Sacro ou en Compostela).

O Cristianismo foi facendo medrar a idea do Purgatorio e as ánimas en pena, a celebración do Día de Defuntos que se instaura dende o Vaticano e polos Papas da Idade Media. Dende aquela o mes de novembro en Galicia foi o mes de Santos ou Defuntos que multiplicará, en época histórica, as tradicións e crenzas enraizadas dende a prehistoria no noso país. Vexamos este vídeo sobre "Santo André de Teixido onde vai de morto quen non foi de vivo"



A relación de Galicia coa morte logo será unha relación moi especial e que carga de identidade aos seus habitantes. Imos buscar algún argumento máis: A crenza popular e tan galega da Compaña, e doutros moitos avisos da morte (morte branca e moura, o paxaro da morte, a Estadea...) o feito de que o magosto sexa unha celebración no que a castaña ben sexa un símbolo das ánimas (castañas que se botaban dende os campanarios nos adros das igrexas) ou ben alimento que se lle deixa na mesa tradicionalmente na noite de Defuntos (sendo común deixarlle tamén un posto nesa mesa ou simplemente sen recoller os restos da cea costume que aínda se conserva por exemplo no Morrazo). E que diremos sobre outros aspectos do culto aos mortos como o tan coñecido das choronas (a chorar a Cangas)hoxe case perdido ou o restaurado recentemente co tallado das cabazas, que algúns relacionan coas caveiras con candeas dos celtas no Samaín?
Comentarios (0) - Categoría: O país dos mortos - Publicado o 14-11-2012 21:56
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal