Camiñamos cara un dos ciclos máis interesantes e importantes da Cultura clásica. Falamos da Guerra de Troia. Como sempre comezamos coa mitoloxía.
" Á voda de Tetis e Peleo (xa recordamos porque Tetis, unha divindade tivo que casra cun mortal) houbo unha deusa que non foi invitada. Era Eris, que en grego vén sendo algo así como "Discordia". Ela a pesar de todo asistiu de forma sorpresiva á cerimonia levando consigo un agasallo ben curioso.
Investiguemos pois:
Que agasallo era?
Quen son os peresonaxes deste cadro titulado " A voda de Tetis e Peleo" de Jordaens ?
Que problema teñen?
Busca varias ilustracións sobre o seguinte capítulo da "historia" que poderiamos titular así: "O xuízo de Paris".
Os Aqueos eran unha desas tribos indoeuropeas que penetran polo norte da península do Peloponeso ocupándoa case por enteiro. Aqueos son os que denominamos tamén micénicos pois Micenas era a cidade máis importante ou capital detes novos poboadores da Grecia continental que falaban xa grego e que van pasar inicialmente por un período de adaptación e encontro coa civilización cretense ou minoica, para ser pouco máis tarde os que pasen a conquistar Creta e rematar coa cultura mediterránea. A civilización micénica nacemento e evolución está moi ben resumida no presente vídeo:
QUE É O INDOEUROPEO?
Dende a India a Fisterra encontramos basicamente unha mesmas palabras para denominar o lobo, a raposa, o oso, o cervo e o porco ( polo tanto o mundo da caza); unhas mesmas palabras para denominar o boi, a ovella, a cabra, o leite, se a caso os ovos ( é dicir, a gandeiría); unhas mesmas palabras para denominar o queixo, a lá, o mel, o sal, o carro, o xugo e a fariña( é dicir, a agricultura); igual acontece co ouro, a prata, o cobre( metarlurxia), co cabalo e co can( animais domésticos), co arco e coa machada ( armas), co salmón e co barco, pero non co mar ( navegación fluvial). pero, en cambio, non hai parecido ningún entrea as respectivas maneiras de nomear o mar, o león, o tigre e o camelo:
Como explicar tantas coincidencias?
Todos estes pobos que habitan tan amplo territorio teñen linguas que proceden dun único pobo prehistórico: o indoeuropeo
No mundo hai polo tanto cinco grandes grupos de linguas: o indoeuropeo, as africanas, as amerindias, as camito-semitas (árabe e hebreo) e as sino-austrinas(chinés e xaponés)
CUESTIÓN 1:Procura pois unha boa definición de indoeuropeo, despois de informarte convenientemente.Onde se orixinou, como e cando se estende, como caeron na conta os lingüistas de das semellanzas entre as linguas; consérvase algún texto? Por que?. Cantas familias de linguas pertencen a este gran grupo de linguas chamado indoeuropeo? Cantas linguas non indoeuropeas existen actualmente en Europa?
Peleo e o centauro Quiron.
Peleo , fillo de Eaco, atopábase lonxe de Exina, a súa cidade natal. Incribles aventuras conducirano primeiro a Pitia, onde o rei Euritión lle dera a súa filla Antígona en matrimonio. Por desgraza, matou accidentalmente ao seu sogro no curso dunha cacería en Calidón e tivo que exiliarse de novo.
Atopara refuxio na corte de Acaste, que lle purificou daquela morte. Por que razón non recobrou inmediatamente a súa esposa, que permanecera en Pitia, a historia non o precisa. Este retraso estivo a piques de provocar a súa perdición.
Era Peleo un bo mozo e Astidamía, muller de Acaste experimentou por el un violento amor. Naturalmente Peleo non quería traizoar nin a Antígona, á que amaba tenramente, nin ao seu hóspede que o recibira con tanta xenerosidade. Foi entón cando el lle dixo á raíña:
- Debemos pensar nos nosos compromisos. Maldigamos a nosa sorte por non termos coñecido antes, pero, por favor, tratemos de cambiar este amor imposible en amizade.
Astidamia finxiu aceptar a prudente solución. Pero desexou vingarse pois o seu amor frustrado transformarase en ira. Comezou por enviar secretamente un mensaxeiro a Pitia. Antígona estaba sen novas do seu home dende facía moito tempo. E o seu corazón deu un chimpo de alegría, pero ao ler a carta que dicía que Peleo mantiña amores coa esposa do rei Acaste palideceu ao instante e decidiu, levada da desesperación, aforcarse na intimidade da súa habitación.
Axiña foi Astidamía na procura do seu esposo para acusar a Peleo da falta da que ela mesma era culpable. O rei gardou un silencio sombrío e estivo varios días sen falar para, por fin anunciar que á mañá seguinte partiría de cacería.
- Serás dos nosos? ? preguntoulle a Peleo.
E Peleo aceptou non sen temer algunha trampela, pois o silencio dos últimos días non lle parecía un bo presaxio. Mais Acaste non decidira aínda a forma de tomar vinganza. Non lle permitían as leis da hospitalidade cometer homicidio e pensou que unha cacería aumentaría as ocasións de accidente.
A cacería foi moi animada, ninguén dos participantes sospeitaba nada. A caza era abondosa e facíanse apostas sobre quen conseguiría maior número de pezas. Como o día estivera xa moi avanzado preguntaron a Peleo cantos animais abatera. Amosando o seu saco descubriu quince presas e todos os cazadores recoñecérono coma o mellor da xornada. Moitos despois de festexalo deitáronse no chan e botaron unha soneca. Peleo foi un deles. O rei pensou que chegara o momento, e tras comprobar que Peleo durmía, achegouse sen ser visto e quitoulle a espada agochándolla non moi lonxe de alí. Despois liscou xuntou aos cazadores esperando que durante a noite as feras da montaña caeran sobre o heroe desarmado.
Cando Peleo espertou viuse rodeado de bestas monstruosas, e chegou a crer nun principio que aquilo era unha broma dos compañeiros de caza, porque estes monstros levaban unha cabeza de home e de tal tiñan o peito, pero o resto dos seus corpos parecían os dun cabalo. Eran os centauros e axiña caeu na conta do perigo no que estaba porque estes animais de dobre natureza se alimentan de carne crúa. Cando foi buscar a espada, non a atopou, e sen apenas moverse estaba pensando en que sería mellor, loitar ou facerse o morto. De súpeto un dos centauros achegóuselle cunha espada na man.
- Cóllea- díxolle- foi a que che quitou o rei Acaste, Quirón devólvecha para que poidas escapar da furia dos seus semellantes.
Así soubo Peleo que o centauro Quirón non era como os outros. O seu nacemento fora máis nobre. Namentres os outros descendían do rei de Tesalia Ixión. El debíalle a vida a unha filla de Océano, Filira e do deus Cronos. Ademais era un bo amigo dos homes non era nómada vivía nunha cova ao pé do monte Pelión, pois os demais centauros non tiñan domicilio fixo. Quirón practicaba a mediciña que lle ensinara Apolo. Quirón tamén ensinaba, era mestre de moitos heroes gregos. Estaba dotado do don da adiviñación e coñecía a historia de Peleo, mesmo a morte da súa muller Antígona que el ignoraba aínda. Foi Quirón quen lla narrou co maior dos coidados e ofreceuse a axudarlle sempre que o necesitase. Tamén foi Quirón quen lle animou a coñecer a Tetis, cando xa pasara algo máis dun ano desde que se coñeceran.
Tetis e Peleo
- Coñeces á deusa do mar Tetis?
- Oín falar que Zeus e Poseidón son os seus pretendentes, pero porque me fas esa pregunta, Quirón?
- A deusa Tetis non se casará con ningún destes pretendentes. Prometeo, encadeado no Caúcaso por orde de Zeus, revelou que o Destino faría nacer dela un fillo superior ao seu pai. De inmediato, os deuses retiraron as súas intencións e constituíronse en consello para debater que mortal será a que a despose.
- Non sei en que me interesará a min esta historia?
- Reflexiona, ti es novo e non vas seguir viúvo para o resto dos teus días? xa sabes que coñézo o porvir. Pois ben sei que este matrimonio está reservado para ti polo Destino.
Peleo sorprendido non manifestou entusiasmo, pero, que podía facer contra os mandatos do Destino?
Os deuses no Olimpo amosaron a súa satisfación, non podían correr o risco de que casara con outro deus, mais Tetis rexeitou a proposición. Zeus foi tallante e deulle ordes de que aceptase a man de Peleo. Pero a deusa cada vez que este se achegaba transformábase en lume ou en auga, en vento , en paxaro e logo fuxía axiña. Aquilo estimulou o amor propio do heroe conquistado ademais pola beleza da filla de Nereo.
Foi Quirón o seu amigo o centauro quen lle dará as claves par impedir que escapase nun próximo encontro, debería suxeitala e soportar pacientemente unha multitude de transformacións ata que a deusa cansase e volvese a súa forma orixinaria.
Así foi e finalmente a voda realizouse no monte Pelión e a ela asistiron os deuses e as musas. O centauro Quirón regaloulle unha lanza de freixo que tiña o don de sandar as feridas que fixera. Todo parecía ir ben, pero aquela voda estaría marcada pola Discordia. Eris que non fora invitada arroxou unha mazá dourada coa lenda ?para a máis fermosa? para provocar as disensións entre as deusas e aquel matrimonio, a pesar de que Peleo colmaba de atencións á deusa, non sería feliz.
Tetis tivo un primeiro fillo e a deusa pensou no medio de eliminar do seu ser todos os elementos que o facían mortal. Axudándose do lume e na ausencia de Peleo botouno no medio das lapas e aquel neno morreu. Pasou o mesmo co segundo, o terceiro e así ata o sexto. Peleo estaba desesperado pois a primeira vez convencérao de que fora un accidente, pero xa no terceiro a deusa acosada por polas preguntas do noso heroe confesou a verdade.
-Só pretendo quitarlles a súa humanidade e aínda que o fago mal prefiro velos morrer así a que leven unha vida indigna da súa nai.
Pero Tetis seguira burlando a súa vixilancia. Cando o nacemento do sétimo se chegaba Peleo lembrouse do seu amigo o centauro, Quirón seguro que lle podería axudar. Como non se daría antes conta de pedirlle consello? Tería salvado esas vidas inocentes.
-Estaba esperándote. Sei a que vés. O teu sétimo fillo non perecerá entre as lapas. Converterase en alguén máis grande ca ti. Mais deberás estar moi vixilante en canto naza.
O neno naceu e déronlle o nome de Aquiles. Era un bebé fermoso e forte cos beizos curvados nunha especie de sorriso. Peleo sentía a Tetis nerviosa, irritable a medida que os días pasaban, pero el non baixaba a garda.
Un día a deusa ausentouse, Peleo pensou poder abandonar a vixilancia durante uns instantes, pero non fora máis que unha das astucias de Tetis. Cando quixo volver á habitación, xa estaba botando ao lume ao neno. Peleo arrebatoulle ao recentemente nacido das mans e a deusa vencida marchouse definitivamente a residir no mar coa súas irmás, negándose a volver ao seu carón. Pero Peleo estaba agora preocupado polas queimaduras que sufrira o pequeno. Sobreviviría? Só en dous lugares aparecía tocada a criatura. Nos beizos e no talón dereito. Tomou o neno no colo tras envolvelo coidadosamente e dirixiuse ás presas cara a cova do centauro Quirón.
-Tiñas razón que o meu fillo viviría -díxolle- pero está malferido. Ti podes curalo. Non permitas que unha enfermidade o marque ata a fin dos seus días.
O centauro comprobou que o óso fora case totalmente calcinado, había que colocarlle un novo. Quirón pensou en Damisos. Un xigante particularmente rápido na carreira. Acababa de morrer. O centauro desenterrouno e sacoulle da súa perna dereita o talón do pé que lle adaptou ao do neno. Polo que Aquiles ía logo ser chamado por Homero por iso ?o dos pés lixeiros?, aínda que o seu nome literalmente significa ?sen beizos? porque esa marca non foi reparada por Quirón. Hai quen asegura que Tetis marchara e non volvería a ver a Aquiles na súa infancia porque conseguira bañalo sendo un bebé nas augas da Estixe, río do Inferno que facía invulnerables a todos os que nela se mergullaban, pero foi no talón precisamente por onde a deusa sostivo á criatura para podelo meter na auga que lle conferiría a Aquiles a invulnerabilidade case que total, a non ser por aquel lugar polo que a deusa o agarrara.
Peleo vendo que Tetis non volvía e comprobando o cariño con que trataba o centauro ao seu fillo, pediulle ao seu amigo que aceptara facerse cargo da súa educación. Naturalmente o centauro aceptou, alimentado pola súa esposa a ninfa Cariclo nos primeiros anos para logo ensinarlle a cazar a domar cabalos e tamén algo de medicina. Qurón daríalle tamén carne de león e xabarín para que lle comunicaran poder e tamén de mel para que fose doce. Soubo por el que era a música e o canto o desprezo dos bens materiais e medrou axiña un heroe sabio e forte digno dos cantos que Homero inmortalizou na Ilíada.
Na máis recente versión cinematográfica da guerra de Troia, a única ocasión na que aparece unha deusa en escena é aquela na que Aquiles vai ser visitado de novo pola súa nai Tetis para advertirlle das dúas posibilidades que ten ante a guerra con Troia que Agamenón prepara. Opta por unha vida curta e gloriosa indo embarcándose na expedición dos gregos ou ben vivir moitos anos, pero sen gloria. Aquiles aceptará a primeira segundo Homero, aínda hai autores posteriores que defenden que Tetis foi quen de ocultalo na corte do rei Esciro.
CUESTIÓN: Investiga sobre esta versión. Quen e como consigue que Aquiles finalmente vaia á guerra contra Troia.
No mes de Defuntos imos volver a mirada a Roma para ver morrer a un emperador e ver como entendían ese paso ao mundo Subterráneo ou dos mortos.
Imos ver como morreu Claudio nunha versión da BBC que utilizou como guión a magnífica obra de Robert Graves: Eu Claudio. Este autor do século XX basea a súa historia en documentos da época como o famoso libro de Suetonio sobre a Vida dos Doce Césares de Roma.
Sobre a morte de Tiberio Claudio o que el denomina o DIVUS CLAUDIUS escribe:
Quidam tradunt epulanti in arce cum sacerdotibus per Halotum spadonem praegustatorem; alii domestico convivio per ipsam Agrippinam, quae boletum medicatum avidissimo ciborum talium optulerat.Etiam de subsequentibus diversa fama est. Multi statim hausto veneno obmutuisse aiunt excruciatumque doloribus nocte tota defecisse prope lucem.(Suetonio, De vita duodecim Caesarum- Divus Claudius 44).
"Aseguran algúns que foi o eunuco Haloto, catador dos seus alimentos, cando asistía a unha comida cos sacerdotes na fortaleza; outros din que foi a propia Agripina que nunha comida en palacio ofreceulle unha seta envelenada, a Claudio tipo de manxar do que tiña grande avideza.Circulan tamén diversas versións sobre os acontecementos posteriores. Moitos opinan que ao instante perdeu a fala pola queimante acción do veleno e con grandes dores atormentado durante toda a noite, morreu ao mencer."
CUESTIÓNS PARA DESPOIS DE VER OS DOUS VÍDEOS:
Que perigos axexaban a Claudio e a Británico en Roma?
Como se chaman os personaxes que aparecen no final do primeiro vídeo? Que relación teñen con Claudio?
Como morreu Claudio?
Quen herdou o seu posto?
Que lle pasou a Británico?
Quen era a Sibila?
A que barca e barqueiro fai referencia a Sibila nas últimas palabras?
Que semellanzas e que diferenzas atopas entre o que escribiu Suetonio e o que nos conta Robert Graves na súa novela en versión para TV?
Lembras o refrán "dun erro faise un enterro"
LER E PENSAR
Deberás entrar dende a páxina de inicio da web do San Narciso nos departamentos didácticos, procura a entrada do departamento de Clásicas e logo debes clicar onde pon ROMA. Alí atoparás un texto para traducir en latín, (trátase dunha lápida) e outros textos xa coñecidos sobre Claudio e un pouco máis abaixo unha proposta titulada UN TEXTO PARA LER E PENSAR que ten tan só unha cuestión que responder, faino, pero sobre todo reflexiona sobre a lectura, será importante para emprender a viaxe que pretendemos realizar a continuación para voltar a Grecia onde comezamos o curso.
Aquí queda tamén a proposta dun pequeno traballo sobre esta impresionante imaxe dun patricio romano portando as máscaras de cera dos seus antepasados, garantía da súa nobreza, é o denominado: "Ius Imaginum".
Cuestión para quen queira curiosear máis. Indica pois que era o Ius Imaginum?
Lembra que son tres as entradas e catro os debuxos que debes realizar.
Aparecerá agora Pandora, a que din que foi a primeira muller mortal. Lembra a súa creación deseñada como un castigo para os mortais. Ineludiblemente debes reflexionar sobre o contido deste mito despois de encher os textos que faltan nas viñetas. Pero non deixes de facerche estas preguntas:
1-Que significa o nome de Pandora? que ten que ver isto coa súa creación e nacemento?
Como se chamaba o irmán de Prometeo que casará con Pandora? Por que sabes que era un pouco "curto" de mente?
2-Este mito é un mito Mediterráneo. Noutras narracións doutras culturas mediterráneas tamén se percibe un espírito claramente machista ao facer aparecer a muller como un castigo para os mortais. Lembras algún outro relato semellante?
3- Debes realizar ti os debuxos e os textos da IV e derradeira folla deste cómic.
Os deuses debían recibir sacrificios dos mortais, ese parece ser un dos motivos polos que foron creados os homes que a cambio recibían, grazas aos olímpicos produtos para alimentarse e non morrer de fame, mesmo coa axuda dos deuses foron quen de "inventar" e usar o lume. Este mito conten tamén unha reflexión acerca deste grande adianto para o progreso do ser humano. Prometeo vai ser, neste sentido, un símbolo da liberdade e do progreso para o home, pois é o seu liberador como reflicten estas viñetas. Segue relatando o mito.
Debes saber facer teu o mito de Prometeo a partir da creación dos primeiros mortais. Vai colocando o texto en cada viñeta. Fíxate que nunha das primeiras viñetas hai varios deuses, pero unha delas cun escudo; é importante que a relaciones coa mesma creación dos mortais. Lembra o narrado na clase e responde:
1-Como se chama esa deusa en grego e en latín?
2-De quen vén sendo filla esa deusa, é dicir, o seu pai e a súa nai quen eran?
3-Din que Prometeo interveu no seu nacemento, como naceu?
4-Terá que ver esta deusa en algo coa creación dos mortais e que lles ensine Prometeo o alfabeto, como podes ver noutra das viñetas do cómic? Razóa a resposta.
A Épica é o primeiro xénero literario que recolle por escrito na antiga Grecia a rica tradición oral da mitoloxía.
Os aedos serán cantores de mitos que xa os reproducían de memoria en esencia cun formato literario. Cando pasou á escrita convertéronse en literatura de verdade.
Un dos primeiros autores da épica grega será Hesíodo que vai procurar unha compilación de mitos sobre a Cosmogonía que el vai titular a Teogonía.
Nesta entrada poderás ler e ver a Titanomaquia seguindo o mito a través do relato épico de Hesíodo, e mesmo comprobar respostando ás cuestións se xa sabes esta parte da Teogonía.
Os Fillos de Rea e Cronos Rea, entregada a Cronos, tivo famosos fillos: Hestia, Deméter, Hera de áureas sandalias, o poderoso Hades que reside baixo a terra con implacable corazón, o resoante Ennosixeo (Poseidón) e o prudente Zeus, pai de deuses e homes, por cuxo trono treme extensa terra. Aos primeiros papounos o poderoso Cronos segundo ían chegando aos seus xeonllos dende o sagrado ventre da súa nai, conducíndose así para que ningún outro dos ilustres descendentes de Urano tivese dignidade real entre os Inmortais. Pois sabía por Xea e o estrelado Urano que era o seu destino sucumbir a mans do seu propio fillo, por poderoso que fora, vítima dos planos do gran Zeus. Por elo non tiña descoidada a vixilancia, senón que, sempre ao asexo, ía tragando aos seus fillos; e Rea sufría terriblemente. Pero cando xa estaba a punto de dar á luz a Zeus, pai de deuses e homes, entón suplicou axiña aos seus pais, os dela, Xea e o estrelado Urano, que lle axudasen a urdir un plano para ter ocultamente o parto do seu fillo e vingar as Erinias do seu pai e dos fillos que se tragou o poderoso Cronos de mente retorta. Aqueles escoitaron atentamente a súa filla e obedecérona; puxérona ambos ao corrente de canto estaba decretado que ocorrese respecto ao rei Cronos e ao seu intrépido fillo, e enviárona a Licto, a un rico pobo de Creta, cando xa estaba a punto de parir ao máis novo dos seus fillos, o poderoso Zeus. A este recolleuno a monstruosa Xea para crialo coidalo na espazosa Creta. Alí dirixiuse, levándolle, ao amparo da rápida negra noite, en primeiro lugar, a Licto. Colleuno no seu colo e ocultouno nunha profunda gruta, baixo as entrañas da divina terra, no monte Exeo de densa fraga. E envolvendo en panos unha enorme pedra, púxoa nas mans do gran soberano Uránida, rei dos primeiros deuses. Aquel agarrouna entón coas súas mans e introduciuna no seu estómago, ¡desgraciado! Non advertiu no seu corazón que, a cambio da pedra, ficaba para o futuro o seu invencible e imperturbable fillo, que axiña, vencéndoo coa súa forza e as súas propias mans,ía privarlle da súa dignidade e reinar entre os Inmortais. Rapidamente medraron logo o vigor e os fermosos membros do soberano. E ao cabo dun ano botou fóra de novo a súa prole o poderoso Cronos de mente retorta, enganado polas hábiles indicacións de Xea, vencido pola forza e habilidade do seu fillo. Primeiro vomitou a pedra, última cousa que enguliu; e Zeus cravouna sobre a extensa terra, na sacratísima Pito, nos vales ao pé do Parnaso, monumento para a posteridade, marabilla para os homes mortais. Librou aos seus tíos paternos das súas dolorosas cadeas, aos Uránidas Brontes, Estéropes e o vigoroso Arxes, aos que insensatamente encadeou seu pai; aqueles gardáronlle gratitude polos seus beneficios e agasalláronlle co trono, o raio e o relampo; antes tíñaos ocultos a enorme Xea, e con eles seguro goberna a mortais e inmortais.
.....
CUESTIÓNS:
1- Cales son os nomes dos fillos de Cronos e Rea? Procura o seu nome en grego e en latín.
2- Por que Cronos era un cu de medo?
3- Quen son as Erinias, denominadas en latín Furias? Como naceran?
4- Onde naceu Zeus?
5- Procura unha, dous ou tres ilustracións da entrega de Rea a Cronos dalgún dos seus fillos, mesmo da pedra envolta en panos.
6- Contan que sendo xa Zeus o deus supremo, feito o sorteo para repartir poderes e territorios sobre os que gobernar, mandara a dúas aguias que voasen dende os estremos da superficie terrestre unha dende oriente, a outra dende occidente coa intención de que, cando se atopasen xusto no centro da extensa superficie da terra, deixasen caer alí mesmo, no centro do mundo a pedra que vomitara Cronos. Os gregos din que esa pedra está aínda nun lugar sagrado. Como se chama ese lugar sagrado onde reside a sacerdotisa Pitia?
7- Uránida significa: ?fillo de Urano?. Con que outro nome xenérico son coñecidos os Uránidas Brontes (trono), Estéropes (raio) e o vigoroso Arxes (relampo ou resplandor)? Que quere dicir ese nome coa que se identifican as tres criaturas?
Tamén podes visualizar na entrada anterior este relato nos vídeos 1, 2 e 3 do "Confronto dos deuses" centrado na figura de ZEUS.*
*NOTA:(Lembra que é mellor esperar a que avancemos no coñecemento doutros mitos antes de ver máis episodios deste documental).
Sigamos logo coa narración de Hesíodo:
Titanomaquia
A Briareo, a Coto e a Xiges, cando nun principio seu pai irritouse con eles no seu corazón, atounos con forte cadea temeroso do seu formidable vigor, así como da súa beleza e estatura, e fíxolles habitar baixo a espazosa terra. Alí aqueles, entre tormentos, vivindo baixo a terra, permaneceron nun lugar remoto, nos confíns da ancha terra, por longo tempo, moi angustiados e co seu corazón cheo de terrible dor. Máis o Crónida e os demais deuses inmortais que concibiu Rea de fermosos cabelos en abrazo con Cronos, de novo conducíronos á luz segundo as indicacións de Xea. Pois esta explicoulles con todo detalle que coa súa axuda conseguirían a vitoria e brillante fama.
Xa facía tempo que loitaban soportando dolorosas fatigas enfrontados uns contra outros a través de violentos combates, os deuses Titáns e os que naceron de Cronos; aqueles dende a cima do Otris, os ilustres Titáns, e estes dende o Olimpo, os deuses dadores de bens aos que pariu Rea de fermosos cabelos deitada con Cronos. Por entón enfrascados uns cos outros en fatigosa loita, levaban xa combatendo en conxunto máis de dez anos. E non se vía solución da dura contenda nin final a favor de uns ou dos outros, senón que o resultado da guerra permanecía indeciso.
Pero cando Zeus ofreceu a aqueles todos os alimentos, néctar e ambrosía, que os propios deuses comen, creceu no peito de todos ardorosa paixón, cando probaron o néctar e a deliciosa ambrosía. Entón xa lles falou o pai de homes e deuses:
-?Escoitádeme, ilustres fillos de Xea e Urano, para que vos diga o que me dita o corazón no meu peito! Por longo tempo xa enfrontados uns cos outros, loitamos todos os días pola vitoria e o poder, os deuses Titáns e os que nacemos de Cronos. Pero mostrade vós vosa terrible forza e invencibles brazos contra os Titáns en funesta loita, recordando a nosa doce amizade e como despois de tantos tormentos baixo dolorosa cadea, de novo viñestes á luz saíndo da escura tebra por decisión nosa.?
Así dixo e ao punto á súa vez respondeulle o impecable Coto:
-?¡Divino! Non nos descobres cousas ignoradas, senón que tamén nós sabemos o excelentes que son os teus pensamentos e intelixencia. Paladín fuches para os Inmortais dunha cruel contenda e pola túa sabedoría regresamos de novo saíndo daquela escura tebra, soberano fillo de Cronos!, despois de sufrir desesperantes tormentos entre inexorables cadeas. Por elo tamén agora, con corazón firme e resolta decisión, defenderemos o voso poder en terrible batalla loitando contra os Titáns a través de violentos combates.?
Así falou. Aplaudiron os deuses dadores de bens ao escoitar as súas palabras, e o seu espírito anhelaba a guerra con máis ansia incluso que antes.
Provocaron aquel día unha loita terrible todos, femias e varóns, os deuses Titáns e os que naceron de Cronos e aqueles aos que Zeus, mergullados no Érebo baixo a terra, trouxo á luz, terribles, violentos e dotados de formidable vigor. Cen brazos saían axitadamente dos seus ombros, para todos igual, e a cada un cincuenta cabezas nacíanlle dos ombros, sobre robustos membros. Aqueles entón se enfrontaron aos Titáns en funesta loita, con enormes rochas nas súas robustas mans. Os Titáns, doutra parte, afirmaron as súas filas con resolución. Uns e outros exhibían o poder dos seus brazos e a súa forza. Terriblemente resoou o inmenso Ponto e a terra retumbou con gran estrondo; o vasto ceo xemeu estremecido e dende a súa raíz tremeu o elevado Olimpo polo ímpeto dos Inmortais. A violenta sacudida das pisadas chegou ata o tebroso Tártaro, así como el xordo ruído da indescritible refrega e dos violentos golpes. De tal forma se lanzaban reciprocamente funestos dardos! A voz de uns e outros chamándose chegou ata estrelado ceo e aqueles chocaron con enorme alalá.
Xa non contiña Zeus a súa furia, senón que agora se inundaron ao punto de cólera as súas entrañas e exhibiu toda a súa forza. Ao mesmo tempo, dende o ceo e dende o Olimpo, lanzando sen cesar relampos, avanzaba sen deterse; os raios, xunto co trono e o relampo, voaban dende a súa poderosa man, xirando sen parar a súa sagrada chama. Por todos lados resoaba a terra portadora de vida envolta en chamas e rexeu con gran estrondo, envolto en lume, o inmenso bosque. Fervía a terra toda e as correntes do Océano e o estéril Ponto. Unha ardente fumareda envolveu aos Titáns nacidos do chan e unha inmensa chama alcanzou a atmosfera divina. E cegou os seus dous ollos, aínda que eran moi fortes, o escintilante brillo do raio e do relampo. Un impresionante bochorno apoderouse do abismo e pareceu verse ante os ollos e oírse cos oídos algo igual que cando se achegaron Xea e o vasto Urano dende arriba. Pois tan gran estrondo se levantou cando, deitada ela, aquel se precipitou dende as alturas. Tanto estrondo produciuse ao chocar os deuses en combate! Ao mesmo tempo, os ventos expandían con estrépito a conmoción, o po, o trono, o relampo e o flamante raio, armas do poderoso Zeus, e levaban o balbordo e o clamor en medio de ambos. Un estrépito impresionante ergueuse, de terrible contenda; e saltaba á vista a violencia das accións.
Declinou a batalla; pero antes, atacándose mutuamente, loitaban sen cesar a través de violentos combates. Entón aqueles, Coto, Briareo e Xiges insaciable de loita, na vangarda provocaron un violento combate. Trescentas rochas lanzaban sen respiro coas súas poderosas mans e cubriron por completo con estes proxectís aos Titáns.
Enviáronos baixo a extensa terra e atáronos entre inexorables cadeas despois de vencelos cos seus brazos, aínda que eran audaces, tan fondos baixo a terra como lonxe está o ceo da terra; esa distancia hai dende a terra ata o tebroso Tártaro. Pois unha zafra de bronce que baixara dende o ceo durante nove noites cos seus días, ao décimo chegaría á terra; e igualmente unha zafra de bronce que baixara dende a terra durante nove noites cos seus días, ao décimo chegaría ao Tártaro. En torno a el esténdese un muro de bronce e unha escuridade de tres capas envolve a súa entrada; encima ademais nacen as raíces da terra e do mar estéril. Alí os deuses Titáns baixo unha escura tebra están ocultos por vontade de Zeus, o que amorea as nubes, nunha húmida rexión no extremo da monstruosa terra; non teñen saída posible: Posidón púxolles enriba broncíneas portas e unha muralla rodéalles por ambos lados.
Alí habitan tamén Xiges, Coto e o valente Briareo, fieis gardas de Zeus portador da éxida. Alí da terra sombría, do tebroso Tártaro, do ponto estéril e do ceo estrelado están aliñados os mananciais e termos terribles e pútridos de todos, e ata os deuses os maldicen. Enorme abismo: non se alcanzaría o seu fondo nin en todo un ano completo, se antes fora posible franquear as súas portas; senón que por aquí e por alá te arrastraría furacán ante furacán terrible. Horrendo incluso para os deuses inmortais, este prodixio.
Tamén se atopan alí as terribles mansións da escura Noite cubertas por mouros neboeiros. Diante delas, o fillo de Xápeto (Atlas) sostén o ancho ceo, apoiándoo na súa cabeza e infatigables brazos, solidamente, alí onde a Noite e A Luz do día se achegan máis e saúdanse entre elas pasando alternativamente o gran vestíbulo de bronce. Cando unha vai entrar, xa a outra está indo cara a porta, e nunca o palacio acolle entre os seus muros a ambas, senón que sempre unha delas fóra do palacio dá voltas pola terra e a outra espera na morada ata que chegue o momento da súa viaxe. Unha ofrece aos seres da terra a súa luz penetrante; a outra lévalles no seu colo o Soño irmán da Morte, a funesta Noite, envolta en densa néboa. Alí teñen a súa casa os fillos da escura Noite, Hipnos e Tánato, terribles deuses; nunca o radiante Helios lles alumea cos seus raios ao subir ao ceo nin ao baixar do ceo. Un deles percorre tranquilamente a terra e os anchos lombos do mar e é doce para os homes; o outro, en cambio, ten de ferro o corazón e un alma implacable de bronce alberga o seu peito. Retén ao home que colle antes, e é odioso incluso para os inmortais deuses.
Alí diante se atopan as resoantes mansións do deus subterráneo, do poderoso Hades e a temible Perséfone; garda a súa entrada un terrible can, cruel e que se vale de trucos malvados: aos que entran saúdalles alegremente co rabo e ambas orellas ao mesmo tempo, pero xa non lles deixa saír de novo, senón que, ao axexo, come ao que colle no intre de franquear as portas.
Alí reside unha deusa maldita para os Inmortais, a terrible Estixe, filla maior de Océano que reflúe en si mesmo. Lonxe dos deuses habita un espléndido palacio con teito de enormes rochas; por todas partes apoiado sobre prateadas columnas que chegan ata o ceo. Raramente, a filla de Taumante, Iris rápida de pés, frecuenta este lugar voando polos anchos lombos do mar. Cando unha disputa ou querela se suscita entre os Inmortais, por se algún dos que habitan as mansións olímpicas falta á verdade, Zeus encarga a Iris que traia de lonxe o gran xuramento dos deuses nun recipiente de ouro, a auga xeada de moito renome que flúe dun alto e escarpado penedo. En abundancia baixo a extensa terra mana do río sagrado pola negra noite, brazo de Océano. Unha décima parte ao punto queda apartada; nove, facéndoos xirar en prateados remuíños pola terra e os anchos lombos do mar, precipítaas na salgada superficie. E esta soamente brota de aquel penedo, azote terrible para os deuses. O que dos Inmortais que habitan os nevados cumios do Olimpo xura en vano verténdoa, queda tendido sen respiración ata que se cumpre un ano; e non pode achegarse á ambrosía, o néctar nin alimento algún, senón que xace, sen alento e sen voz, en revestidos leitos e cóbrelle un horrible sopor. Logo, cando remate esta terrible enfermidade ao cabo dun ano, outra proba aínda máis dura sucede a aquela; por nove anos está apartado dos deuses sempiternos e nunca pode asistir ao Consello nin aos banquetes durante eses nove anos; ao décimo, outra vez participa nas asembleas dos Inmortais que habitan as mansións olímpicas. Tal xuramento fixeron os deuses á auga imperecedoira e antiquísima da Estixe que atravesa unha rexión moi áspera!
Alí da terra sombría, do tebroso Tártaro, do ponto estéril e do ceo estrelado están aliñados os mananciais e termos horribles e pútridos de todos, e ata os deuses os maldicen. Alí hai relucentes portas e un sólido broncíneo vestíbulo natural, asegurado con profundos alicerces. Diante, apartados de todos os deuses, viven os Titáns ao outro lado do tebroso abismo. Despois, os ilustres servidores do moi resoante Zeus habitan palacios sobre as raíces do Océano, Coto e Xiges; a Briareo, pola súa nobreza, fíxoo o seu xenro o gravisoante Ennosixeo; permitiulle casar coa súa filla Cimopolea.
CUESTIÓNS:
1- Onde e por quen foron desterrados Briareo, Estéropes e Arxes?
2- Quen son ?o Crónida (repara no nome) e os demais deuses inmortais que concibiu Rea??
3- Que é a Titanomaquía? Onde residen os contrincantes destas batallas interminables? Cando durou esta guerra?
4- Quen lle indica a Zeus que vaia falar cos Uránidas? Como os convence?
5- Que nome xenérico reciben os uranidas Coto, Briareo e Xiges? Como era o seu corpo? Que produce un gran estrondo audible tanto no ceo como no máis profundo do Tártaro? Por certo a que distancia está o Tártaro da Terra, ou a terra do ceo?
6- Cales son os castigos para os Titáns e cal para Atlas?
7- A quen leva no colo a funesta Noite? Describe como son ou aparentan ser. Que palabras coñeces que teñan estes lexemas gregos?
8- Estixe, unha Titánide e os seus poderosos fillos, serán partidaria dos olímpicos na Titanomaquia. A cambio Zeus vai gardar a súa memoria a través dun ritual curioso que vai ser norma no Olimpo. En que consistía? Que ocorre cando un deus do Olimpo xura en vano ou minte?
9- Epítetos característicos dos textos deste xénero épico que facilitaban a memorización e o recitado de centos e centos de versos aos aedos , ou poetas da antiga Grecia. Completa os seguintes:
-a espazosa__________,
______, a de fermosos cabelos,
o estéril _______,
o estrelado _____,
_______, o que amorea as nubes,
a funesta________,
o _____________ Zeus,
o ____________ Ennosixeo,
Xea, a_______ _______.
10- Algunhas referencias levan a batalla final de Titáns e Olímpicos cara os montes próximos a Olimpia onde logo se elevará un gran templo a ......?