VERBA VOLANT



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A RELIXIÓN MEDITERRÁNEA PRIMITIVA e A INDOEUROPEA
Nunha primeira fase todos os pobos primitivos tiñan unha visión máxica do mundo e adoraban ás forzas da natureza (o raio, a chuvia, os ríos…). Aparece logo o culto ás pedras sagradas como símbolo da divindade que despois se identifica con animais sagrados como o touro, o cabalo, a aguia… Este último aspecto pervive na mitoloxía grega cando asocia, por exemplo, Atenea á curuxa ou o cabalo a Poseidón. Máis tarde os deuses adquiren aspecto humano.
Toda Europa Neolítica adoraba á Deusa Madre e non había deuses pois non se introducira aínda o concepto da paternidade. Os grandes misterios asociados a ela a morte e a creación da vida. O non asociar fenómenos como facer o amor co nacemento. A Deusa Nai, unha deusa fértil que se representa frecuentemente embarazada e con atributos femininos moi marcados. É a deusa “de amplos peitos” que logo cantan Homero ou Hesíodo.

“ Vou cantar á Terra, nai universal de sólidos alicerces, a máis augusta, que nutre no seu chan todo canto existe. Canto camiña pola divina terra ou polo mar ou canto voa, aliméntase da túa exuberancia. Por ti vólvense prolíficos e frutíferos, soberana, de ti depende dar a vida ou quitárllela aos homes inmortais”
Himnos Homéricos, XXX.

Aínda que había lugares nos que a deusa branca era deusa da morte, a deusa que residía nunha cova tiña a maternidade como o seu principal misterio. A lúa era un símbolo asociado. As tres fases e o declinar do ciclo estacional contribúen a crear tríadas de deusa.

Unha vez admitida a relación coito-parto a posición relixiosa do home mellorou, deixouse de asociar aos ventos ou aos ríos a preñez das mulleres. A raíña da tribo matriarcal escollía un amante anual que sería o rei ata o seu sacrificio ritual da fertilidade ao rematar o ano no inverno, que se cría se reencarnaría nunha serpe.

Logo virá unha etapa na que os mozos eran substituídos por animais no sacrificio. Pero o poder era matrilineal.

A CIVILIZACIÓN CRETENSE ou MINOICA

No III milenio a.C. de orixe descoñecida a civilización cretens sería o máximo expoñente da cultura mediterránea previo a aparición dos indoeuropeos na terra da Hélade.
De indubidable pegada na relixión grega posterior. Unha sociedade matriarcal, relixión panteísta que vía o natural como algo divino, de deusas femininas que poboaban ríos, bosques e montes e unha deusa Nai, fonte de vida, asociada a diversos animais como a serpe ou o touro.

A RELIXIÓN INDOEUROPEA

O elemento indoeuropeo introduce en Grecia unha relixión que reflicte unha sociedade patriarcal, nómada, guerreira e un deus da luz e do día, das tormentas e fenómenos celestes, ademais dunha deusas virxes e guerreiras, seres libres da natureza. Son seres antropomorfos, dominan as forzas da natureza sen confundirse con elas.

Comeza así un proceso de fusión. O sometemento da poboación preindoeuropea, a destrución da civilización cretense e a instalación do reino dos Aqueos en Micenas pode percibirse en determinados mitos e a evolución da relixión grega produto da fusión das dúas compoñentes relixiosas a do mediterráneo e a dos indoeuropeos.


Comentarios (0) - Categoría: 4º 2010-2011 - Publicado o 27-09-2010 23:24
# Ligazón permanente a este artigo
I- MITO E RELIXIÓN

A mitoloxía mantén coa relixión grega unha vinculación dificilmente separable. Podemos dicir que a mitoloxía en principio era relixión.

o estudoso e autor literario Robert Graves deixou dito na introdución ao seu trabalo sobre os Mitos Gregos: “Un estudo da mitoloxía grega debería comezar cunha análise dos sistemas políticos e relixiosos que prevalecían en Europa antes da invasores procedentes do norte e do este”

Estes invasores son os pobos indoeuropeos que procedentes do centro de Europa se farán donos axiña ao longo do II milenio antes de Cristo dos territorios da antiga Hélade, tras provocar a caída dunha gran civilización, a civilización cretense de orixe mediterránea.

DÚAS COMPOÑENTES NA RELIXIÓN GREGA

1ª) Ctónica ou Mediterránea: centrada nas divindades da fertilidade da terra propia dos pobos agrarios do Mediterráneo.

2ª) Olímpica ou Indoeuropea: de deuses celestiais e guerreiros, traída á Hélade polos invasores do Norte e do Este.

A relixión na antigüidade era un fenómeno ligado intimamente tamén ao propio goberno das comunidades primitivas.

Nota:Antes de continuar debemos saber que:
- matriarcal: –mater “nai” + arkhé: goberno, mando, poder.

- patriarcal: -pater “pai” + arkhé: goberno, mando, poder.

J.García Lopez no seu estudo sobre a Relixión Grega di: “O encontro dunha civilización de tipo patriarcal e pastoril cunha civilización matriarcal e agrícola presidiu e determinou o desenvolvemento das grandes civilizacións de Exipto e Anatolia, Mesopotamia e Xudea. A elas hai que engadir a civilización grega”
Comentarios (0) - Categoría: 4º 2010-2011 - Publicado o 27-09-2010 23:08
# Ligazón permanente a este artigo
COMEZAMOS CO MITO

INTRODUCIÓN Á MITOLOXÍA

LIMIAR

Comezamos o curso facendo caso do lema "respecta" con esta "mirada atrás" cara o que pode ser a primeira e, se cadra, a máis grande e a primeira das creacións da Grecia Antiga: o mito. Logo virán outros magníficos aportes á cultura occidental europea e á universal como a filosofía, o teatro, as olimpíadas, a arte...

A mitoloxía grega pasa por ser unha das máis fermosas ademais das máis completas, orixinais e mellor coñecidas e estudadas do mundo. Por iso preguntámonos inicialmente: Que debemos saber antes de ler mitos?

UN ESPAZO QUE CONDICIONA O MITO

A Antiga Hélade ou Grecia era un territorio distinto do Estado Grego moderno. Ademáis da zona continental e a península do Peloponeso, ademais das numerosas e da gran variedade das illas, estaba a Grecia Colonial de Asia Menor que hoxe é a costa de Turquía e outros moitos puntos diseminados polo Mediterráneo, especialmente no sur de Italia, que se denominaba a Magna Grecia.

Este espazo e os que o habitaron nun longo proceso de accións e reaccións seculares, pola orografía (Grecia é o segundo país máis montañoso de Europa)e outras circunstancias provocou a creación de numerosos estados independentes ( con distintas leis, gobernos, moedas, medidas...)pero que conservaban entre si un vínculo moi especial que lles daba a todas estas cidades estado certa unidade. Os dous elementos comúns a todas que permiten falar desa unidade eran: a Lingua e a Relixión.

Reparemos moi rapidamente en dous Santuarios aos que acudían todos os gregos, ben en caso de conflictos ou problemas de todo tipo ( Delfos, considerado o embigo do mundo e onde se estaba o oráculo de Apolo, deus da luz e a beleza masculina, asentado sobre un antigo culto á Gran Deusa, onde unha sacerdotisa " a pitonisa" en trance pronunciaba as respostas enigmáticas que os romeiros solicitaban)ou ben cun sentido máis pacífico en Olimpia( para celebrar os Xogos na honra de Zeus, deus do raio, pero sabemos que con anterioridade tamén había alí un culto a unha deusa, Hera, que manterá o seu culto a carón do Templo do pai dos deuses).

Comentarios (0) - Categoría: 4º 2010-2011 - Publicado o 24-09-2010 09:21
# Ligazón permanente a este artigo
RESPECTA ET AUDE SAPERE, CRESCAS

Este curso o lema xira arredor do respecto. A palabra procede do latín, podémola dividir en dous elementos:
RE-: un prefixo moi habitual que signifca"volver atrás, repetir".
SPECTARE:o verbo "mirar, atender".

Respectare: é pois algo asi como deterse para observar con atención algo, mesmo mirar cara atrás.

Iso é o que imos facer baixo un lema adaptado á nosa materia que di RESPECTA ET AUDE SAPERE; CRESCAS "Mira cara atrás e atrévete a saber, medrarás!"

Con esta intención, a de saber máis mirando atrás, comezamos este curso e para facelo dun xeito máis agradable botaremos man dun relato mítico moi fermoso, o da nosa heroína Atalanta, que é esa rapaza que detén a súa carreira para recoller unha mazá de ouro do chan que arroxara o seu competidor.
Comentarios (0) - Categoría: 4º 2010-2011 - Publicado o 18-09-2010 08:15
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal