VERBA VOLANT



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

REMATANDO O CURSO ( modelo proba setembro)

Esta podería ser unha proba modelo para qquen teña que preparar a materia para setembro:

I-MITOLOXÍA: Realiza unha árbore xenealóxica dende o CAOS até as tres primeiras xeracións dos deuses gregos.
-Enumera os mitos que fan referencia á creación dos homes.
-Resume brevemente dous amores de Zeus.
-Escribe os nomes latinos de 10 dos deuses que coñezas.
- A imaxe que aparece nesta entrada a que mito cres que pertence? Ten que ver algo co noso centro?

II-Realiza un esquema coas principais etapas da historia da Grecia antiga.

III- LINGUAS DO MUNDO: Desde a India ata Fisterra atopamos unhas mesmas palabras para denominar ao lobo, o raposo, o oso, o cervo e o porco,as mesmas palabras para chamar ao boi, a ovella, a cabra, o leite, o queixo, a lá, o mel, o carro, o xugo, a fariña e o sal, tamén as mesmas para o ouro, a prata o cobre, o cabalo e o can, o arco e a machada, o salmón e o barco, pero non o mar, o león, o camelo ou o tigre. Por que razón? Razoa e argumenta a resposta ditas coincidencias:

IV-RELACIONA POR GRUPOS OS SEGUINTES NOMES: bretón, latín, grego, galego, éuscaro, chinés, amerindias, bantús, pictograma, catalán, inglés, francés, ideograma, indoeuropeas, alemán, xeroglífico, iranio, celta, camito-semitas, silabario, sino-austrinas, castelán, italiano, alfabeto.
*o invento da escritura:
*familias de linguas do mundo:
*linguas indoeuropeas:
*linguas non indoeuropeas:

V- ÉPICA: A ILÍADA.Cales son as razóns históricas e mitolóxicas da guerra de Troia?
Os principais personaxes da guerra TROIA? O cabalo de Troia que sabemos del pola mitoloxía e pola arqueoloxía?
Sobre a morte de Aquiles, a versión do cine sitúao dentro de Troia, que hai de certo?

VI-A ODISEA: No canto IX aparece Polifemo. Como o describirías e que fixo aos homes de Ulises ? Que fin pronostica a Ulises e aos seus?
A maga Circe, que relación ten con Odiseo? Que lles fai aos seus compañeiros? Por que e como axuda a Ulises?Como son as Sereas? Cando se atopan coas Sereas que fai Ulises e os seus compañeiros ?

VII- CULTURA CASTREXA: Cal é a extensión no tempo e as etapas polas que pasa a Cultura dos Castros.

VIII-TEATRO: As orixes do teatro grego e a súa relación con Dionisos.

IX-Os autores da traxedia. Evolución da Traxedia e contrastes entre eles.

X- ROMA: Cales son as características da crise da República? Que período abarca?

XI-ROMA: Que quere dicir que o exército era a columna vertebral do imperio romano?
- Cales son os motivos da caída do Imperio Romano? En que momento se produce?

XII-LATÍN: Declina estas palabras: poeta, poetae (m)/ lupus, lupi (m) / liber, libri (m) / templum, templi (n).
Declina da 3ª declinación rex, regis (m) / piscis, piscis (m)/ tempus, temporis (n)
Comentarios (8) - Categoría: 4º eso 09/10 - Publicado o 21-06-2010 13:20
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
A Guía do Peregrino, un texto para traducir
INTER DUOS FLUVIOS QUORUM UNUS VOCATUR SAR ET ALTER SARELA URBS COMPOSTELLA SITA EST: SAR EST AD ORIENTEM INTER MONTEM GAUDII ET URBEM: SARELA AD OCASUM. URBIS VERO INTROITUS ET PORTE SUNT SEPTEM. PRIMUS INTROUTUS DICITUR PORTA FRANCIGENA; SECUNDUS PORTA PENNE; TERCIUS PORTA DE SUBFRATRIBUS; QUARTUS PORTA DE SANCTO PEREGRINO: QUINTUS PORTA DE FALGUERIIS QUE DUCIT AD PETRONUM; SEXTOS PORTA DE SUSANNIS; SPTIMUS PORTA DE MARCENLLINOS PER QUAM PRETIOSUS BACCUS VENIT AD URBEM
(Capítulo IX do libro V do Códex Calixtino)

Despois de traducir (podedes usar o dicionario na rede) o texto investiga que partes ten este libro e intenta explicar por que ten tanta transcendencia.
Comentarios (10) - Categoría: 4º eso 09/10 - Publicado o 18-06-2010 11:02
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Unha peregrina da GALLAECIA a Xerusalén
Exeria ou Eteria quen viña sendo?
Comentarios (2) - Categoría: 4º eso 09/10 - Publicado o 18-06-2010 10:53
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
DE ROMA A COMPOSTELA
Os romeiros son aqueles que fan unha peregrinación a algún santuario. Fixémonos en primeiro lugar nestes dous termos. Romeiro é unha palabra que ten que ver con "romaría", pero cres que este termo ten algo que ver coa palabra "Roma"?
Esta palabra "romeiro" aparece, por exemplo, no romance (outra palabriña que podería ter que ver con Roma, non cres?) preservado pola tradición oral en galego e que nos fala dun tal Don Gaiferos de Mormaltán. Aude sapere! que quere dicir, atrévete a saber e procura saber o que lle pasou a este singular peregrino de época medieval.

Os peregrinos ían a Compostela (cal é a súa etimoloxía verdadeira ? Lembra que é unha das máis debatidas da toponimia galega e deberás buscar ben pois non todo o que na rede está escrito é certo, e que a pesar de que os organizadores do Xacobeo 201O repartan propaganda dicindo que significa "campo das estrelas" esta etimoloxía é moi improbable e pouco seria), un Camiño, o Francés, posto de moda de novo no século IX despois de que se producira un acontecemento que en latín, esa era a lingua da igrexa e da cultura daquela séculos despois da caída do Imperio Romano que fixera relixión oficial o Cristianismo despois de ter perseguido, como sabes, de xeito cruel aos seus seguidores durante os primeiros séculos da nosa era. Non nos perdamos, sigamos co Camiño; aquel acontecemento en latín chamouse "INVENTIO SEPULCRUM SANCTI IACOBI" (o achado do sepulcro do Santo Xacobe) que provocou unha avalancha de peregrinos despois de acondicionar o lugar no que o bispo fixera a descuberta e que segundo parece era un antigo cemiterio.
As peregrinacións cara o Occidente, onde morre o sol din que eran xa unha realidade antes daquela moda instaurada polos reis galegos e francos, coa axuda do poder da Igrexa, especialmente dos Papas, como Calixto ( século XII) que vai facer de Compostela un lugar de referencia para toda Europa.


Este é o himno Dum pater familias que se conserva nesa xoia bibliográfica da biblioteca da Catedral coñecida como Códice Calixtino:




ALGUNHAS RESPOSTAS
Por qué Galicia é o país dos mortos?

• Poñíanse velas para honrar a memoria dos mortos.
• Comíase bacallao e castañas porque era a comida dos mortos.
• Non se recollía a cea o día dos difuntos
• San Andrés de Teixido
• Fisterra era a fin do mundo e a porta ao mundo dos mortos
• Caronte era o barqueiro do mundo dos mortos
• O río Limia era o río de esquecemento
• A Santa Compaña, que vaga por Galicia

Que significa Compostela?
Compostela vén da palabra latina Compostum, que en galego significa “cemiterio.” Polo tanto, descártase a opción que di que Compostela significa Campo de estrelas.

Que significa Ultreia?
Ultreia é a palabra que designa o saúdo que se fan os peregrinos do camiño entre sí para darse ánimos.

Que é “Dum Pater Familias”? Con qué texto latin ten relación?
É unha cancion de loa á Santiago, que ten relación co Codex Calixtinus:

Dum pater familias
Rex universorum
Donaret provincias
Ius apostolorum
Jacobus Yspanias
Lux illustrat morum.
Primus ex apostolis
Martir Jerosolimis
Jacobus egregio
Sacer est martyrio
Jacobi Gallecia
Opem rogat piam
Plebe cuius gloria
Dat insignem viam
Ut precum frequentia
Cantet melodiam:
"Herru Sanctiagu
Grot Sanctiagu
E ultreya e suseya
Deus aia nos"
Primus ex apostolis . . .
Jacobo dat parium
Omnis mundus gratis
Ob cuius remedium
Miles pietatis
Cunctorum presidium
Est ad vota satis.
Primus ex apostolis . . .
Jacobum miraculis
Que fiunt per illum
Arctis in periculis
Acclamet ad illum
Quiquis solvi vinculis
Sperat propter illum.
Primus ex apostolis . . .
O beate Jacobe
Virtus nostra vere
Nobis hostes remove
Tuos ac tuere
Ac devotos adibe
Nos tibi placere.
Primus ex apostolis . . .
Jacobe propicio
Veniam speremus

Et quas ex obsequio
Merito debemus
Patri tam eximio
Dignas laudes demus.
Primus ex apolstolis


Que é a Compostela?
É un ‘certificado’ que se che entrega en Compostela se fixeches o camiño por motivos relixiosos. Se non o fas por eses motivos, entrégaseche outro documento parecido.


Cal é a etimología de peregrino?
Ven do latín peregrinus, que significa “pasar a través dos campos.”


Qué significa romeiro? Ten algo que ver con Roma?
Romeiro vén de Romarius, que é a palabra coa que se chamaba aos que peregrinaban a Roma.


Quen é a raíña Lupa?
É unha raíña relacionada coa chegada do apóstolo Santiago. Esta raíña entregou un trozo de terra para que fora sepultado o apóstolo Santiago.


Cal é a orixe da cuncha que levan os peregrinos? Cal é a especie en latín?
Cando os peregrinos cegaban a Santiago de Compostela, entregábaselles un pergamino que os confirmaba como peregrinos e colocábaselles sobre o seu sombrear e a súa capa a cuncha de vieira, que demostraba a súa estancia en Santiago, de modo que de regreso aos seus pobos de orixe, non quedaba dúbida do seu “logro e méritos persoais.”
Outra posibilidade é que a cuncha é unha estilización da pata dunha oca, símbolo para moitas tradicións antiguas de recoñecemento iniciático.
Finalmente, poder se que a concha de vieira significa o renacer da persoa, como símbolo de Venus.


Onde remataba o Camiño de Santiago?
Remataba en Finisterre, porque o consideraban o lugar onde remataba o mundo (Finis Terrae dos romanos), o sitio a partir do cal xa non se podía seguir máis o Sol no seu declive.

Irene Loira e Dani Seijo
Comentarios (1) - Categoría: 4º eso 09/10 - Publicado o 12-06-2010 20:22
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
A CAÍDA DO IMPERIO ROMANO
Tradicionalmente o Imperio divídese en dous períodos: o Principado e o Dominado. Princeps, significa o primeiro ou principal, iso é o que era o emperador , o principal cidadán de Roma. É o nome que se designa ao goberno de Octavio Augusto e os emperadores que o sucederon, unha etapa de asentamento das conquistas namentres o Senado vai perdendo atribucións. Nun primeiro momento a sucesión será dinástica, é dicir, dentro da mesma familia, pero a partir do 96 d.C. pasará a ser por adopción.
Tras o Principado xorde o Dominado. Comeza na época do emperador Diocleciano, e Dominado ( que vén de dominus, é dicir, o emperador considerado o "señor, o dono" dos seus súbditos)significará a orientalización do Imperio. Os problemas nas fronteiras comezan a dar serios problemas sobre todo polo empuxe dos pobos xermánicos e Diocleciano decide dividir en dous o territorio (Oriente e Occidente) cun emperador en cada parte que a súa vez escollería un axudante (era a Tetrarquía 284-305 d.C.) O sistema non funcionou moi ben porque volveuse a unir todo o imperio con Constantino, emperador coñecido tamén por desprazar a capital de Roma a Constantinopla ( cidade de Constantino ubicada na antiga Bizancio) e por proclamar a liberdade de cultos no 313, unha reforma relixiosa que puxo punto final da persecución do cristianismo, unha relixión que cada vez ía tendo maior aceptación entre as clases altas de Roma. Foi o seu sucedsor Teodosio que implantou como oficial o cristianismo. Á morte deste emperador divídese o imperio definitivamente en dous territorios(Oriente e Occidente).

Causas internas e externas son as que se esgrimen á hora de explicar porque se foi abaixo o Imperio que nacera despois das guerras civís ocasionadas á morte de César e que remataron tras proclamarse Octavio Augusto imperator no ano 27 a. C. O imperio dende o século III d. C. sufrirá unha serie de crises que irán debilitando a súa coherencia. As guerras de conquista con Adriano finalizaron e ao complexo entramado militar de Roma só lle quedaba defender as súas bastas fronteiras, especialmente as centroeuropeas da presión dos denominados pobos bárbaros e procurar que non provocasen disturbios os milleiros de escravos, alí onde estaban concentrados en maior número (os latifundios do sur de Hispania ou de Italia).
As vías romanas que se estendían por todo o imperio, así como os campamentos e as lexións distribuídas estratexicamente non permanecerán sempre iguais. Precisamente por ser o Imperio un amplo territorio que administrar e vixiar houbo que desprazar cada vez máis tropas cara o Norte, onde a os problemas cos pobos bárbaros eran continuos, descoidando os latifundios do Sur onde os escravos facían das súas ou ben eran liberados porque os amos xa fose por influencia do cristianismo ou por evitar problemas prefería darlles a liberdade e ofrecerlles terras para cultivar a cambio dunha parte da colleita ( un sistema de producción que preludia a Idade Media.Outros feitos son tamén un anuncio destes novos tempos: o emperador considérase autoridade relixiosa).
Os Hunos capitaneados por Atila empézanse a mover cara Occidente atraído pola riqueza de Roma. Pero serían os godos de Alarico os primeiros en asaltar Roma no ano 410 axudados por 40000 escravos que lle abriron as portas da cidade. A mediados do século V gran parte do Imperio xa estaba nas mans dos bárbaros, e foi un xefe xermano Odoacro, quen depuxo ao derradeiro emperador Rómulo Augústulo, un mozo de tan só trece anos, era o ano 476 d. C.
Ás causas externas, a presión das tribos bárbaras que se introduciran en algunha ocasión como aliadas para controlar a outros pobos inimigos e logo pasan a ocupar ou comprar territorios (como é o caso do pobo xermano dos Suevos que se instalaron na Gallaecia, unha provincia romana ata que foi vendida polo emperador momento no que se consolidará o primeiro reino medieval Europeo) temos que engadirlle pois a manumisión dos escravos por motivos relixiosos, a falta de control sobre os que aínda o seguían sendo.



Comentarios (0) - Categoría: 4º eso 09/10 - Publicado o 03-06-2010 07:01
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
ROMA IMPERIAL
A vida dos XII emperadores é unha obra de Suetonio que retrata dende César a Domiciano o percorrido da Roma Imperial na época máis significativa do esplendor deste imperio, pero é unha crónica peculiar porque intenta en clave cuase que xornalística, ás veces mesmo achegándose ao xornalismos sensacionalista, plasmar os claros e escuros daquela trepidante sociedade escollendo como protagonistas aos máis destacados membros dirixentes da clase política romana daqueles tempos. Viviremos no seu texto intrigas de pazo, movemento de sables, asasinatos políticos e envelenamentos, odios e amores dimes e diretes dos máis famosos emperadores romanos. Unha lectura recomendable para quen guste deste tipo de narracións históricas. Lembremos que o gran novelista Robert Graves tirou moitísimos datos deste autor.

Comentarios (0) - Categoría: 4º eso 09/10 - Publicado o 03-06-2010 06:50
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
DE ROMA
Vivir en Roma no século I ou no II non era cousa doada, durante a época imperial a cidade medrou e fíxose caótica, vivían nela máis dun millón de persoas e a carón de magníficos edificios erguíanse máis e máis insulae, eses edificios de ata sete plantas de altura cheos de vida, unha vida que se facía de todos os xeitos máis nas rúas. Rúas sempre ruidosas de día e perigosas de noite. Roma era a capital do mundo coñecido do Imperio.

Despois de visionar o vídeo OSTIA E A VIDA COTIÁ EN ROMA, procura responder a estas cuestións:

1- Que era Ostia e porque era tan importante para Roma?
2- Que é unha insula, describe que actividades se realizaban nos diferentes andares destes edificios?

Non todo eran ínsulas en Roma, tamén había "domus" é dicir, casas de xente rica que eran como podes ver neste vídeo:




3- As termas eran un dos lugares de moita concurrencia de xentes, habías públicas e privadas. Eran caras? Que se facían nas Termas?




4- As tabernae porque eran tan populares?
5- Que eran os Mercados de Traxano? Lémbrate a algún complexo da actualidade ?
6- Que comían e bebían os romanos? Que era iso do "garo" que lle botaban a case que todo?
7- Un dos monumentos máis impresionantes é o Coliseo. Por que se chama así? Que era o Coliseo?



8- Por que eran tan importantes para os emperadores os espectáculos como os do Coliseo?
9- Era fácil perderse en Roma, a que sedebe este crecemento caótico da urbe, cando comeza este problema?
10- Enuncia 10 monumentos que sexan habituais en calquera das cidades romanas a imitación da propia Roma.

Comentarios (0) - Categoría: 4º eso 09/10 - Publicado o 31-05-2010 14:16
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
A CRISE DA REPÚBLICA
CAUSAS e CARACTERÍSTICAS da CRISE DA REPÚBLICA:


Despois da Segunda Guerra Púnica que remata no 202 a. C. na batalla de Zama na que morre Anibal. O xeneral vencedor Publio Cornelio Escipión que o venceu sería chamado dende aquela “o africano”. Logo viría unha Terceira ( 149-146 a.C.) na que outro dos Escipións, Escipión Emiliano arrasaría a cidade de Cartago.
Estas guerras puxeron de manifesto a contradición entre a nova política exterior romana de carácter imperialista ou de conquista e a orixe campesiña do groso do exército de Roma. Os pequenos propietarios de Italia mobilizados durante anos contra Anibal (218-202 a.C.) abandonaron as súas terras ou malvendéronas aos terratenentes máis próximos. O problema agravouse porque pola competencia dos produtos importados máis baratos grazas a man de obra escrava que as conquistas proporcionaran provocaron a forzosa emigración dos pequenos campesiños cara Roma onde ía facéndose máis e máis numerosa unha plebe empobrecida que subsistía cos reparticións gratuítas de cereais e os subornos e compra dos seus votos nas asembleas.
Os efectos que vai provocar na sociedade romana son:
- A violencia e os asasinatos políticos como principal solución dos conflitos.
-Paso da loita política e o debate á ambición persoal de poder (autocracia militar) na que importan pouco as ideas, pero si a militarización da sociedade.
-Profesionalización do exército que fará posible a creción de exércitos privados que seguen a un xeneral baixo a promesa de pagas e beneficiosas
-Guerra civil enfrontamento de distintos exércitos romanos.
-Revoltas de aliados e de escravos. O caso máis coñecido e máis grave para Roma foi o de Espartaco.

A época dos Gracos (133-122 a. C.) Reivindicacións agrarias



A crise da República romana veu condicionada polo imperialismo de Roma e os seus primeiros síntomas a mediados del século II a.C. entre os anos 133 a.C. (tribunado de Tiberio Graco) e 27 a.C. (instauración do réxime imperial).
O exército romano estaba integrado por cidadáns propietarios, pero as necesidades militares eran cada vez maiores e o malestar social na plebe urbana polo desemprego e a suba de prezos provocou a división do grupo senatorial en varios grupos o facciones, que intentaban lograr as súas metas políticas manipulando as asembleas populares e utilizando aos tribunos da plebe

Tribunado de Tiberio Graco (133 a.C.)
Tiberio Sempronio Graco no 133 a.C. propuxo unha lei agraria (Lex Sempronia agraria) que prohibía posuír máis de 500 iugera (125 ha.) de ager publicus + 250 iugera por fillo (ata un máximo de 1000). A terra que debía ser devolta ao estado romano sería parcelada en fincas de 30 iugera (7,5 ha.) e asignadas a cidadáns pobres.

Esta lei agraria de Tiberio Graco prexudicaba aos grandes latifundistas da clase senatorial romana e beneficiaba á plebe, nese sentido era revolucionaria.

Tras da morte de Tiberio Graco as distintas faccións da nobreza senatorial romana aliñáronse en dous partidos contrapostos aínda que ambos tiñan patricios e plebeos nas súas filas, no dos optimates.

- Populares: partido dos Graco, intentaba favorecer á plebe e recortar os privilexios do Senado e dos terratenentes.
-Optimates: opositores dos populares tendencia predominante no Senado, defensores dos privilexios dos senadores contrarios ao reparto de terras públicas e restinxir os poderes das asembleas onde tiña maioría a plebe.
O senado obstaculizou a aplicación da lei e Tiberio Graco será asasinato polos seus inimigos optimates (Cicerón culpaba aos Escipións (132 a.C.)

Tribunado de Caio Graco (123-122 a.C.)
Foi elixido tribuno no ano123 a.C.Continuou coa política do seu irmán Tiberio (en contra dos abusos da nobreza senatorial terratenente) pero no 121 Caio Graco non foi elixido e quitouse a vida. Tras da súa morte a oligarquía urbana intentou acabar coa reforma agraria.

A época de Mario (107- 86 a. C.)

Con este xeneral de orixe humilde vencedor en varias guerras foi elixido cónsul no 107 a.C, cargo que logo ocuparía en varias ocasións emprendeu unha reforma militar consistente na profesionalización do exército, solucionando por unha banda o problema de empobrecemento dos pequenos campesiños e abrindo , por outra, a porta a que un xeneral baixo a promesas de pagas e prebendas ao licenciarse procurase a fidelidade dos seus soldados e que se utilizasen os exércitos con intereses particulares ditados pola ambición de poder.

Época de Sila (88-79 a.C.)

Revoltas de aliados e a guerra civil.
O descontento dos aliados itálicos ante a negativa de Roma de concederlles a cidadanía romana. Estas comunidades organizaron un estado paralelo ao romano. O estado romano acabou cedendo ás peticións dos aliados. A cifra global de cidadáns achegouse ao millón.

Lucio Cornelio Sila era un optimate descendente dunha familia patricia arruinada. Pero conseguira solucionar o conflito cos aliados e foi elixido cónsul polos conservadores. Mario organiza unha revolta e acaba expulsando a Sila da cidade. Pero Sila volverá vencedor ocupando militarmente Roma por vez primeira. Nestes momentos, Roma tiña problemas con Mitrídates VI rei do Ponto quen se apoderara da provincia de Asia e parte de Grecia. Sila foi o encargado de solucionar a guerra contra este rei, momento no que Mario volve a ocupar o poder. Á volta de Sila á cidade provoca unha guerra civil ( 84 a.C) cos partidarios de Mario, aos que elimina un a un, nomeándoselle logo dictator (con todos os poderes concentrados nunha persoa durante tres anos). Sila contaba cun exército leal ao que recompensara cos recursos obtidos de Oriente. Estableceu que as proposicións de lei dos tribunos da plebe debían ser aprobadas polo Senado antes de proceder á súa votación na asemblea do pobo.

- Rebelión de Espartaco 73 a.C.

Xa houbera varias revoltas no sur de Italia onde había maior concentración de escravos, pero un escravo tracio chamado Espartaco provocará o terror en Roma ao derrotar a varios exércitos, pero unha acción conxunta de Craso e de Pompeio rematará coa súa intención de abandonar Italia. Miles de escravos serán crucificados.

- A Conxuración de Catilina 63 a.C. contra Cicerón.

Un intento de golpe de estado por parte deste líder ambicioso dos populares que estivo a punto de aniquilar ao cónsul electo Cicerón, dos optimates, que descubrirá a conspiración no propio Senado pronunciando un famoso discurso “as Catilinarias”. Non sería o último dos disturbios nunha situación caótica.

- O primeiro TRIUNVIRATO 60 a.C. e morte de César

Tres homes (trium - viri) importantes personaxes van a pactar en segredo repartirse o poder en Roma. Eran Craso (o home máis rico de Roma grazas aos negocios do comercio consecuencia das conquistas e vencedor de Espartaco), Pompeio ( o delfín dos optimates con gran poder no exército) e César ( sobriño de Mario, o único que escapara sendo un neno da persecución de Sila e que tras unha campaña na Gallaecia era líder dos populares).
Tras casar a súa filla, Iulia, con Pompeio, César logra o mando dunhas lexións para iniciar unha empresa cunha tripla finalidade ( sona en Roma, diñeiro e un exército fiel). A Guerra das Galias ( escribe unha crónica que vai editando por entregas en Roma mentres el estña fóra durante os 8 anos que durou guerra de conquista do territorio celta, aproveitando as disputas internas e os conflitos cos xermanos). Pero en Roma, primeiro morreu Craso e logo a filla de César, e foron medrando os temores a un novo Mario entre os senadores, que deciden nomear cónsul único a Pompeio no ano 52 e ordena que César, rematada a conquista volva a Roma, licenciando aos seus exércitos. Pero César decide cruzar o Rubicón, río do Norte de Italia como xefe das súas tropas pronunciando a frase “alea, iacta est” (a sorte está botada), co que declaraba a guerra ao senado e a Pompeio. De novo unha guerra civil na que vencería César no ano 48 a.C.






César aproveitou a súa situación inestable de Exipto para axudar a Cleopatra (coa que chega a ter un fillo, Cesarión).
No ano 44 a.C. no Idus de marzo, como xa comentamos César será asasinado no Senado. e abríndose un período de guerra civil entre os seus partidarios Marco Antonio á cabeza e os seus asasinos Bruto e Casio, entre eles.

Segundo Triunvirato e Guerra civil.

Aniquilados os asasinos de César, Marco Antonio, Lépido ( outro dos xenerais de confianza de César) e Octavio Augusto (sobriño de César) conforman un novo triunvirato para gobernar, pero axiña rachará o acordo e tras da morte de Lépido, Octavio e Marco Antonio,o novo amante de Cleopatra, emprenden unha guerra civil que rematará co triunfo do que será o primeio emperador de Roma Octavio, que gobernará co nome de Augusto (27 a.C.)
Comentarios (0) - Categoría: 4º eso 09/10 - Publicado o 21-05-2010 07:53
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Orfeo e Eurídice





Comentarios (0) - Categoría: 4º eso 09/10 - Publicado o 03-05-2010 22:14
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
DA CRISE DA REPUBLICA
Esta segunda etapa da república é a que se produce por conformarse en Roma unha sociedade escravista consecuencia directa das Conquistas fóra de Italia (a primeira das cales e moi importante será provocada polas Guerras Púnicas)



Roma tras estas guerras atopouse en poucos anos con moita riqueza, pero en vez de distribuila esa riqueza foi parar ás clases privilexiadas, terras e escravos para os terratenentes (agrupados no partido da nobilitas )o que provocou a ruina dos pequenos agricultores de toda Italia que se procuraron a vida na capital colapsada por indixentes. Os tribuni da plebe e outros sectores progresistas ( o partido do pobo) comezaron entón a reclamar o reparto de terras equitativo. Os seus contrarios poderosos puxéronse en acción matando primeiro a Tiberio Graco no ano 133 a.C. e dez anos máis tarde a Caio Graco, seu irmán, que tamén intentaba poñer en marcha leis de reparto máis xusto. Comeza así a Crise da República, caracterizada entre outras cousas pola ambición de poder e os asasinatos políticos.
Comentarios (0) - Categoría: 4º eso 09/10 - Publicado o 30-04-2010 08:32
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
© by Abertal