Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
Vasoiras de xibarda


    Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

UN MINUCIOSO ESTUDO DA SOCIEDADE HABANEIRA “EL VALLE DE ORO”
Asina o historiador valadourés Prudencio Viveiro Mogo Os irmáns de América. As pegadas da emigración do Valadouro na Habana, unha ampla investigación publicada recentemente por Edicións Laiovento. Este traballo, augurado desde hai anos en artigos e aproximacións aparecidas en revistas especializadas, avivece a memoria dun colectivo que marcou firmemente a historia da comarca do río Douro.
Non supuxo unha excepción esta asociación de filántropos no ámbito da emigración galega, mais os numerosos logros acadados e unha intensa traxectoria ben merecían un estudo pormenorizado como o presente.
A presenza de El Valle de Oro exerceu grande influencia na sociedade local, tamén na prensa e na literatura, mais por riba de todo impulsou a educación, o agrarismo, a sofisticación da labranza e da silvicultura… E así poderiamos continuar até chegar á conclusión de que, como expresou nunha ocasión o autor valeco Isaac Ferreira, “a luz do Caribe aportaba visións moi lúcidas”.
Á parte da xénese das famosas escolas habaneiras e outras consecucións presentes en todo curruncho do país, a obra axudaranos a comprendermos e descubrirmos causas que non sempre foron convenientemente explicadas, como as determinantes consecuencias xeradas polas guerras nas colonias, factor que comprometeu seriamente a demografía e acabou convertendo en emigrantes a miles de mozos, homes novos que cruzaron o Atlántico eludindo o forzoso recrutamento militar.
A nivel local tamén acharemos datos que até agora permanecían ocultos ou eran coñecidos tan só por estudosos. Considero que no Valadouro poucos saben que no comité de fundación da Real Academia Galega houbo valecos, ou que existiron senllos órganos impresos das colectividades emigradas en La Habana e Buenos Aires.
Como alfocés (e polo tanto valadourés) e letraferido, gocei especialmente coa noticia daquela biblioteca popular circulante auspiciada pola delegación local de El Valle de Oro.
En definitiva, este impecábel traballo de pescuda dispénsanos unha inxente nómina de feitos, ideais e persoeiros que nutriron ricamente a historia, tanto a comarcal coma a galega, e por extensión a estatal e a cubana.
Non só os vinculados ao Valadouro deberiamos coñecer este estudo, senón todo lector curioso que precise as claves para entender o motivo polo que no século pasado, La Habana e Buenos Aires estaban moito máis preto de aquí que Madrid.

Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-09-2021 11:23
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0