Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O LIBRO ARQUITECTÓNICO E VICTOR HUGO

Seica afirmaba con frecuencia unha miña devanceira, que noutrora, quen ousara ler as obras de Victor Hugo, era irremediabelmente excomungado.
Achegárame á poesía deste autor francés e se cadra a algunha reflexión breve, mais lendo Nosa Señora de París, acho os motivos polos que a Igrexa anatematizou os seus textos. O escritor de Besançon non desbota oportunidades para escrutar, criticar, denunciar e escarnecer unha boa riola de aconteceres e manobras executados pola institución de Pedro ao longo da historia.
Mais, a vixencia da obra non a achei nesas páxinas –que son moitas- senón na vertente máis analítica do literato.
Quen se pare a ler Notre-Dame de Paris encontrará a crónica dunha defunción patrocinada por un nacemento. Narra don Victor, cun detallismo arraiano na obsesión, a implantación do libro impreso e o esmorecemento do “libro arquitectónico”. Tal denomina o autor as mensaxes presentes nos monumentos, nomeadamente nas catedrais.
(…) “A invención da imprenta é o meirande acontecemento da historia. É a revolución nai”.
Cando dei con esta constatación que Victor Hugo insire na novela a xeito de ensaio histórico monologado, a lectura veu a me evocar, necesariamente, a controversia –chamarémoslle así- actual sobre a xeneralización do libro electrónico e o futuro do libro tradicional.
É certo que o autor de Les Misérables e Le Petit Roi de Galice non está a nos describir a “loita” entre dous soportes da literatura senón entre a milenaria difusión da mensaxe -relixiosa, mitolóxica, histórica, filosófica…- nos frontispicios, pórticos e muros dos templos e mais a irrupción do libro en serie; xa que logo, fálanos da derrota da imaxe fronte á palabra, nunha lide auxiliada por factores económicos e funcionais.
“(…) Antes da imprenta, a Reforma só tería sido un cisma, a imprenta convértea nunha Revolución. (…) Gutenberg é o precursor de Lutero”.
Ben seguro, se don Victor vivise hoxe en día, estaría a prognosticar a desaparición paulatina da creación de Johannes Gutenberg e andaría a rexistrar para a historia o triunfo do libro electrónico, vitoria asistida por factores idénticos aos referidos no parágrafo anterior.
“(…) No século XVIII, [a imprenta] apodérase novamente da espada de Lutero, arma con ela a Voltaire e corre, tumultuosa, ao ataque desa vella Europa da que xa matou a expresión arquitectónica”.
Victor Hugo escribe Notre-Dame de Paris no século XIX, narrando acontecementos do XV; mais, regresemos ao noso século. Algunhas xeracións actuais conservan memoria de certas reliquias en pleno uso (a lareira) e están a ver a chegada de prodixios inauditos (o robot cirurxián). Con todo, a xente non renuncia á naturalidade da grella no tempo de lecer nin deixa de visitar a quen sanda a través de coñecementos herdados ou instintivos.
Cantas xeracións humanas lle quedan ao libro impreso? Cantas á lareira que indefectibelmente renace en restaurantes e estabelecementos de turismo rural? E aos amañadores de ósos?
Existirán no futuro editoras, imprentas e librarías tradicionais?
Don Victor afirmaría que unicamente sobrevivirán de xeito testemuñal e residual. Levémoslle a contra, el faríao.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 14-09-2016 11:41
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal