Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
Vasoiras de xibarda


    Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

ENCONTRANDO A LORCA
?No les faltó más que insultarlo de gran poeta?
Félix Grande

A semana pasada cumpríronse 84 anos do asasinato de Federico García Lorca, e por pura casualidade, neses días lin Diario de una búsqueda lorquiana (1955-56), un compendio de apuntamentos confeccionado polo catalanoamericano Agustín Penón.
Trátase dun traballo concibido como colectánea de entrevistas que acabaría sendo editado polo eminente estudoso Ian Gibson. Grazas ao coñecido investigador irlandés, o diario viu a luz convenientemente enriquecido en 1990, da man da editorial Plaza & Janés.
Estamos diante unha obra interesantísima, reveladora e de tremenda actualidade, non só pola efeméride maldita, senón porque aínda hoxe non foi resolto o grande enigma que rodea a morte deste poeta, dramaturgo e pescudador da tradición oral.
Cales foron as xoias que encontrei neste texto?
Unha mención referida a Blanco-Amor, a descrición dos cármenes do Albaicín, unha formidábel xénese literaria da obra La casa de Bernarda Alba, a descrición da canallada en forma de estafa sufrida pola familia do escritor cando xa fora asasinado, os pormenores dun acontecemento no que todo involucrado desexa pasar por clemente e ao tempo por descoñecedor, e como non, o nome dos responsábeis dunha das accións máis repugnantes do culturicidio practicado na Guerra Civil.
Paréceme un magnífico e necesario exercicio o de divulgar os nomes dos verdugos, pois non son amigo desa cautela benévola partidaria de evitar vergoña aos descendentes; despois de todo, ninguén é culpábel das ignominias cometidas polos seus devanceiros.
Non se dan exhumado os restos de García Lorca, no entanto, tamén está resultando imposíbel de inhumar, pois que ninguén se chama (aínda hoxe) a aquel infame fusilamento. En definitiva, Lorca descansa nun sepulcro de prestixio, xenialidade, e tamén rubor.
Mercé á contribución literaria legada polo andaluz en Seis poemas galegos, o escritor Manuel Rivas defende un Día das Letras Galegas adicado a Lorca. E, por que non? Don Federico representa un claro exemplo de poeta alófono e de algo aínda máis grandioso: O intelectual que logrou aprehender as realidades culturais da Península Ibérica sen complexos nin delirios, achegándose a elas con sá curiosidade para as degustar con paixón.
O autor de Romance de la Guardia Civil española deixounos a herdanza pedagóxica dun español que entendeu España como o que é e non como o que nunca foi.
Lendo os documentos sobre Lorca e aínda máis léndoo a el, fun chegando á seguinte conclusión: Como nun perfecto exercicio de xustiza poética, os herdeiros ideolóxicos dos asasinos teiman en invocaren unha identidade cultural que, pese a carecer de soporte nacional-estatal, tería tido no granadino un claro expoñente de consolidación. Eles mesmos cercearon o futuro da súa fantasía.
Penón nunca puido ver publicado o froito das súas intensas pescudas, e tería que ser Gibson quen recollese o legado daquelas entrevistas transcritas durante as visitas ás localidades lorquianas; agora nós, cos ollos do século XXI, deberemos interpretar uns testemuños recollidos a mediados dos ?50 por un viaxeiro entusiasta, auténticos tesouros orais que máis tarde serían revisados por un rigoroso historiador para unha publicación de comezos dos ?90. E Lorca sen aparecer.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-08-2020 12:26
# Ligazón permanente a este artigo
AFINIDADES ELECTIVAS

De tal maneira se denomina a actividade financiada pola Dirección Xeral do Libro (organismo de ámbito estatal) á que puidemos asistir o pasado mércores na vila de Foz. A experiencia consiste en convocar dous autores a traballaren en cadansúa lingua, co obxectivo de os someter a unha serie de cuestións relacionadas cos seus hábitos e teimas no transo da ideación narrativa.
Co auspicio da libraría Bahía, Berta Dávila e Juan Tallón foron ?enfrontados? a un acareo oficiado pola xestora do citado comercio.
A compostelá e o vilarexo procederon a despezaren polo miúdo, non unha das súas obras en concreto, senón a novela como artefacto, tal como quen explica o proceso de activación dun explosivo.
Desde o xerme que inspira o contido até o labor de expurgado textual, a xénese dunha narración foi exposta de xeito técnico, crú, íntimo.
Experimentei a sensación -sentado entre un auditorio enmascarado e distanciado por orde gubernativa- de que tanto Dávila como Tallón se viron por momentos acurrados por unhas cuestións de respostas imposíbeis.
Preguntariamos a alguén como fixo un fillo e con quen? Considero que así se sente un autor cando os seus lectores lle exixen a ecografía do feto literario.
Tivo lugar contra o final do acto un instante revelador. Sucedeu cando Juan Tallón confesou que ?Un autor non tira nada?, facendo referencia ao feito de que toda vivencia ou sensación fica rexistrada na mente do escritor, para, máis tarde ou máis cedo, acabar alimentando algunha das súas creacións.
Pola súa banda, Berta Dávila obsequiounos cunha concesión de outra tanta valía, cando afirmou que o autor adoita facer ?cameos? nas súas obras. Talvez, esta forma de explicalo resulte a máis pedagóxica e acertada para describir a achega persoal do escritor, nomeadamente cando é interrogado coa sempiterna pregunta: Canto de autobiográfico ten este libro?
Quizais, este experimento chamado Afinidades electivas estea resultando interesantísimo para as persoas vinculadas, dun ou doutro xeito, á literatura, no entanto, non sei até que punto o gran público se vai sentir atraído pola disección do proceso creativo literario.
Se o presente exercicio, no canto de presentarse dun xeito tan xenérico, atendese á análise pormenorizada de obras específicas, o lector común non se vería tan afastado dun debate que semella pensado para profesionais das letras.
Entre o obradoiro literario e o club de lectura existe un amplo espazo de posibilidades, nel deben procuraren o seu oco as Afinidades electivas.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-08-2020 12:23
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0