Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O "MANIFESTO" DE AMEIXEIRAS CONTRA OS VAMPIROS
Asina Diego Ameixeiras un interesante, lúcido e irónico artigo no Fugas do pasado 26 de xuño.
Gocei do texto cun sorriso de resignación nos beizos, mais antes de rematar a devandita lectura, manifestóuseme no recordo unha vivencia persoal que comparto con gusto.
Recibo a chamada dunha xornalista á que trato, saudámonos con afabilidade e falamos da vida; intúo que non se trata dunha chamada de cortesía.
A redactora en cuestión, destinada na sección comarcal dun xornal de gran tiraxe, aclárame que o motivo da comunicación é transmitir unha proposta do seu superior inmediato: Ofrécenme colaborar semanalmente co diario escribindo unha columna de opinión.
Antes de deixarme posuír pola vaidade, opto por imbuírme do realismo preciso para efectuar a pregunta maldita no ámbito cultural: Hai diñeiro polo medio?
Non sentín pudor algún en lle formular a cuestión a unha xornalista que, alén do que poida gozar co seu traballo, estou seguro de que obtén uns honorarios a cambio de, por exemplo, recrutar escritores para traballar de balde no xornal.
Ameixeiras describe situacións deste teor en parágrafos gloriosos. Por iso conmino o pobo a deterse en Vampiros á hora do xantar, unha auténtica declaración de fatiga e intencións.
Invoco e convoco o pobo, non por capricho nin deformación hiperbólica, senón para que a sociedade coñeza unha realidade que non sempre se torna visíbel, a dos servos do santísimo amor á arte.
“Xa non nos sorprende o pagamento da faena intelectual pola vía gastronómica”. Talvez resulta benévolo de máis o citado articulista neste punto, pois xa se teñen pagado conferencias cun cafeíño na cantina do centro social. Non obstante, máis adiante o propio Ameixeiras remacha cunhas liñas nas que evoca esforzos intelectuais recompensados cun “libriño de agasallo”.
De certo, por norma, non se pagan disertacións, presentacións de actos, pregóns considerados menores, encargas de textos conmemorativos… Porque, para empezar, ninguén ofrece e poucos preguntan.
O autor do artigo céntrase, sobre todo, no labor pretendidamente desinteresado dos membros de xurados de certames literarios. Debo recoñecer que un servidor non sufriu experiencias miserábeis neste senso, pois certamente foi gratificado con rigor e xenerosidade, mais, as honrosas excepcións non deben facernos caer en relativismos autocompracentes.
Algúns datos expostos no citado texto son ben reveladores, sobre todo cando se di que “Máis dun terzo dos empregados culturais traballaron sen remuneración durante a pandemia”; habería que definir con exactitude o sintagma “empregados culturais”, mais estou ben seguro de que unha infinidade de articulistas, narradores, poetas, dramaturgos e mesmo ensaístas, crearon gratis baixo a pauta do traballo pola causa.
Subscribo ao cen por cen este “manifesto” contra os vampiros, e propoño comezar a dicir non, sen vergoña e con firmeza.
Que facer ante a estendida crenza de que os creativos carecen de apetito e foron exonerados do pagamento de facturas?
Como premisa indeclinábel, negarse a colaborar cos entes e institucións que teimen en manteren prácticas abusivas. E para continuar, elaborar unha relación –pública, por que non- de entidades ruíns, coa finalidade de evitar que ninguén volva caer nas súas fauces.
Con tempo, tamén deberiamos revisar e aggiornar os dereitos do escritor con respecto á editorial, mais esa é unha batalla que deberemos dar des que venzamos nesoutras. Descúlpenme a linguaxe bélica, mais esta guerra tamén a gañaremos protexéndonos uns dos outros.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-07-2020 16:48
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal