Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

PRESENZA DA LINGUA GALEGA NO "VERSO DE MAIO"

Chamóuselle “ler o verso” á ofrenda relixiosa que noutros lugares se denominou “flores a María”; tratábase en realidade, alén do rito católico, dunha celebración herdada dos xogos florais de Roma, eventos nos que se honrou, desde tempos inmemoriais, a deusa Flora, padroeira da primavera no mundo grecolatino.
Sempre supuxen que o galego tería sido o idioma desterrado dos templos nos anos ’40 e ’50, mais souben estes días que non foi así en todos os lugares, nin en todas as ocasións.
Temos comentado nesta bitácora que no ámbito valadourés, concretamente na parroquia de Mor, a mestra Rita Andrade Abella adestrou varias xeracións de pícaras na lectura do verso; unha das súas funcións, á parte de transmitir as necesarias regras mnemotécnicas para non ficar en branco ante o público, viña sendo a adaptación de poemas tirados de libros e manuais. O que non sabiamos aínda, era que o galego tivo presenza naqueles rituais meteorolóxicos refundados polo cristianismo.
Estes días, por mera casualidade e pescudando no arquivo oral familiar (cos anos o individuo retorna ao clan na procura da sabedoría), tiven a fortuna de recoller unha composición poética daquelas que dona Rita aprendía as alumnas. Velaí o achado:
“Hai que cansadiña veño
coas flores que che collín.
Fun a casa de Galea
pa traguerche a cesta chea
pero non puiden enchercha
porque había mui pouquiñas,
e díxome don Jesús
que volvese outro día”.

Falamos dun poema sinxelo, adecuado á toponimia local e no que se amenta un antigo párroco do Castrodouro; é dicir, o ingrediente da proximidade foi traballado de maneira pedagóxica co obxectivo de lograr unha óptima aprendizaxe. O idioma empregado nos versos é o mesmo que falaban as nenas e mais a mestra en todos os ámbitos da vida, agás no escolar, onde o Estado non permitía o uso das linguas nacionais.
Eran tempos en que os libros de Noriega Varela e Iglesia Alvariño circulaban polas aldeas con considerábel profusión, achegando o galego culto a unha poboación que en moitas ocasións, cría empregar unha linguaxe desprezábel.
O autoodio, a prohibición, un pobo ágrafo na lingua de seu, unha posguerra tan cruel coma a propia guerra e moitos outros factores, obrigaron a lingua galega a sobrevivir en circunstancias extremas, nomeadamente cando moitos falantes, adoutrinados por un réxime delirante –coadxuvado por sectores eclesiásticos, non o esquezamos-, renegaban da propia fala.
Se a excepción que se deu na freguesía alfocesa de San Pedro de Mor encerra unha importancia suprema para min, non é só polo feito de ter acontecido na miña parroquia, senón porque a mestra Rita Andrade (falecida hai 49 anos), era a avoa de quen isto escribe.

Imaxe: Igrexa de San Pedro de Mor (Alfoz do Castrodouro)

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-07-2018 12:39
# Ligazón permanente a este artigo
MORREU O AMO DA LOBA
A finais dos ’90, a TVG emitía un espazo nutrido por contacontos (é a época en que os narradores orais adquiren carta de natureza para o gran público); por alí pasaron, Santi Prego, Paula Carballeira, Quico Cadaval, Manuel Lourenzo, Xosé Manuel Olveira “Pico”, Cándido Pazó, Carlos Blanco e entre outros moitos, por suposto, Xabier DoCampo.
Foi daquela cando escoitei, por boca de Francisco Xabier Puente DoCampo, un relato que me inquietou e marabillou de maneira absoluta. O conto falaba dunha parella con desavinzas, dunha traizón e dun animal que exerce unha sorte de xustiza poética.
Tratei, durante anos, de obter o documento daquela narración; volver escoitala, lela… sen achar éxito algún. Quizais o fracaso da pescuda radicou na procura solitaria, pois con ninguén compartín o impacto provocado por aquela narración, tal era o desacougo –e o pracer- provocado pola evocación do escoitado ao autor chairego.
Un día, cando xa supuña perdido no tempo o devandito relato (nunca tiven a oportunidade de coincidir con Xabier DoCampo), adquirín Cando petan na porta pola noite (Xerais, 1994), e alí, naquel libro conformado por catro relatos -e grazas ao cal o autor foi distinguido co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en 1995-, encontreime con A loba. Léano.
O gran contador e transmisor de contos deixounos o pasado 26 de xuño; a literatura oral , e tamén a infanto-xuvenil, perdían ese día un notario de excepción.
Decatémonos, tras a gran perda, de que aquelas narracións que recibimos ao vivo, corren o risco de se perder se non as rexistramos; escribíndoas, gravando as voces dos emisores ou filmando a quen as transmite.
Fagámolo en memoria de Xabier P. DoCampo.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-07-2018 12:49
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal