Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas |
|
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML. |
|
O meu perfil |
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
A QUEN ME RECORDA O HILOZOÍSMO...? |
|
 Ai si! A Xosé María Díaz Castro. As taxonomías ás veces son caprichosas, e o hilozoísmo vangardista galego resúltame tal.
Lin estes días a Luís Amado Carballo, un poeta de comezos do XX que pasou á historia como o fundador do hilozoísmo poético. Non vou entrar en disquisicións, procuren o termo e atoparán dúbidas nas que aínda non repararan.
Coido que todos lemos o ano pasado (ou antes) a Díaz Castro; e gozamos coa súa exaltación da natureza e o seu animismo cristianizado e cristianizante, ben emparentado coas composicións de Noriega Varela e de moitos outros poetas galegos. E logo estes non foron hilozoístas?
A belida Galiza/durmida nas súas mágoas/pon un ronsel de prata/na inquedanza das augas.
Estes versos atópanse en Carón do Atlántico, non pertencen a Proel nin a O Galo (manexei un volume que ofrece estes dous títulos máis uns ?Poemas soltos?), e o primeiro que me acordaron foi Penélope, a célebre composición do autor homenaxeado en 2014. Non é ningún demérito ?nin para o pontevedrés nin para o chairego- sinalar a Díaz Castro como epígono ?quen sabe se involuntario- de Amado Carballo, nin en observar certo parentesco entre aquela vangardista Escola Lírica Pontevedresa e a pía Escola Poética do Seminario de Mondoñedo. Ao cabo, don Luís nacera, tan só, trece anos antes ca don Xosé María.
A natureza como deusa, os prodixios do cosmos considerados mensaxes da divindade para nos lembrar a súa presenza, manifestacións de Deus en cada vexetal, en cada animal e nos catro elementos? Chamémoslle? Reminiscencias da antiga relixión? Literarias si, mais tamén, atlánticas e galegas, por razóns culturais, históricas e xeográficas.
Amósanos Amado Carballo ben referencias cultas e un alto nivel lingüístico, unha mestura de temáticas mariñeiras (é imposíbel non asociar estes versos cos do seu coetáneo Manuel Antonio) e labregas, e máis unha teima polos termos anglosaxóns, pecado perdoábel no vangardista.
Vou permitirme unha recomendación: S-6, un poema que forma parte d?O Galo, unha delicada delicia.
|
|
|
|
O VAL DOS NENOS ESCRITORES |
|
 Veñen de agasallarme cun libro que me encheu de esperanza, non só polo futuro que lle asegura á tradición oral ou á literatura en xeral no Valadouro, senón por ver como eses nenos que hoxe gañan premios literarios nos certames infantís locais, mañá publicarán. Tal e como veñen de facer grazas ao proxecto desenvolvido no Instituto de Educación Secundaria Alfoz-Valadouro.
Titúlase a obriña Contos, lendas e outras historias e foi editada o mes pasado polo devandito centro de ensino co patrocinio da Deputación de Lugo. Colaborou tamén no traballo un proxecto que leva uns anos sacando a arte á rúa co obxectivo de popularizala, a Semana das Artes Plásticas da Mariña, así como os artistas Lucía Vila, Xosé Blanco e Hipólito Xeada.
O libro dos pícaros (xa verán como esta é a denominación que vai callar) contén 45 narracións con cadanseu deseño alusivo; cada relatiño foi tirado de entrevistas con adultos ?nomeadamente vellos- e prevalece a temática esotérica ou o misterio.
Non oculto a honra de ter sido unha das fontes consultadas, nin a ledicia de ver como os nosos mitos (os valecos, os galegos, os atlánticos, os europeos, os universais) continúan vivos na memoria colectiva e xa inzaron na bagaxe académica dunha xeración de valequiños que vén de descubrir a riqueza da tradición oral, forma máis primitiva forma da literatura.
En vindeiros proxectos desta caste é conveniente que se corrixan certos desleixos de pouca magnitude para ir puíndo así a fasquía desta fermosa iniciativa: Ausencia de índice do contido, tipografía en cor gris que dificulta a lectura, ou, a necesaria unificación de criterios á hora de identificar os informantes (inserir nome completo, localidade, se cadra idade?), mais supoñen detalles que non desmerecen a boa intención desta mostra literario-etnográfica.
O contido de Contos, lendas e outras historias, mestura o froito da mitoloxía local con acontecementos reais e algunhas cantigas, ou mesmo con pescudas no Google; mais sobrancea (para min) a plasmación de dúas composicións do mítico Indalecio do Castro, un poeta aficionado que inmortalizaba veciños e sucedidos coa súa arte. Mágoa que na referencia das copliñas recuperadas non figure o nome do histórico xograr.
Dende agora, os alumnos do IES Alfoz-Valadouro (o libro ficará na biblioteca do centro para ilustración e estímulo dos cursos futuros) saben da importancia dos nosos contos, coñecen o valor e as posibilidades ?comercias, porque non?- da literatura de tradición oral e por riba de todo, descubriron que os costumes, as crenzas, os falares? Constitúen as identidades.
Imaxe: Mosaico de Xosé Blanco no edificio do IES Alfoz-Valadouro
|
|
|
|
MEDEA NO CASTRODOURO (2º acto) |
|
 Teatro clásico no Alfoz do Castrodouro! Óptima novidade!
Ben sabemos ?e témolo dito aquí- que O Valadouro é terra de teatro, mais queixarámonos do exceso de choqueiradas que chegaban aos nosos escenarios. Onte, por fin, o público valeco puido gozar da representación dunha obra clásica, Medea.
A soberbia interpretación de Carme Martínez encarnando á protagonista é algo que debemos salientar se desexamos facer crónica do intenso momento dramático vivido onte no cumio do Castrodouro. Mencionaremos ?é de xustiza- o magnífico traballo do ?mensaxeiro? Xosé Martínez, e por último, a mestría, a habelencia e a boa factura na adaptación do clásico, por parte do colosal Manuel Lourenzo, quen interpretou a Creonte, ensoñarándose das táboas diante dunha veciñanza que o ten por fillo predilecto do Val do Teatro.
Quen onte ascendimos á sala de conferencias da torre da homenaxe para gozar de Medea, puidemos experimentar varios deleites, mais o feito de escoitarmos a respiración dos actores grazas á súa proximidade, ou, percibirmos o alento dunha Medea grandiosa -e irada dende hai máis de vinte séculos- por ausencia de límites entre público e escenario, supón un gozo que poucos auditorios poden testemuñar, polo menos nunha bisbarra nada afeita á representación de traxedias gregas.
Un caldeiro, un cazo, dous tallos e un cesto con sabas compoñen o atrezzo desta adaptación lourenciana, porque o fundamental no teatro para don Manuel son os actores, e abofé que sabe formalos.
Tampouco o vestiario se amosou excesivo ou recargado, o básico é suficiente cando o reparto é de cualidade, e onte asistimos a unha exhibición de alta cualidade e sólida profesionalidade.
Celebramos que o simbólico vento de Elsinor chegase ao lendario Alfoz do Castrodouro, congratulámonos de que o teatro clásico teña renacido con éxito ás beiras do Douro; aledámonos disto no medio dun público que aplaudiu, parabenizou e mesmo despendurou carteis da obra para reclamar os autógrafos do cadro actoral.
Loor a Eurípides!
|
|
|
|
MEDEA NO CASTRODOURO (1º acto) |
|
 Non hai mellor escusa para reler Medea que aprestarse para gozar da súa representación. Tal acontecerá nuns días no castelo do Castrodouro, cando o Clube Teatral Elsinor poña en escena o clásico de Eurípides, baixo a dirección de Manuel Lourenzo.
Seica o propio director interpretará un papel na obra, seica tal papel é o de Creonte (rei de Corinto e pai da nova muller de Xasón), e que o reparto non será coral mais si de alta cualidade.
Por este motivo, tirei da miña biblioteca un vello volume da Colección Austral ?conxunto bibliográfico do selo Espasa-Calpe-, se cadra sen uso dende aquel afastado Bacharelato con Grego e Latín como materias de estudo. Neste libro editado en 1983 figuran outras dúas obras de Eurípides, Orestes e Andrómaca.
A lectura de Medea non é apta para corazóns sensíbeis ou pouco afeitos aos dramas clásicos, mais a representación teatral é aconsellábel para toda persoa con sensibilidade, cultural ou da outra; por moitas razóns.
Sinalarei só unha das razóns fulcrais: Non é frecuente contar con compañías da categoría do Clube Teatral Elsinor en localidades pequenas. Ende ben, neste Valadouro azoutado polo Nordés como Elsinor era azoutada polo vento do Báltico, contamos cun veciño excepcional, o gran señor do teatro galego.
Por iso, o sábado 11 de xullo ás 20:00 horas, convén subir até o segundo andar do castelo de Kronborg; perdón! do Castrodouro? Pois que alí estará Medea.
|
|
|
|
MONDOÑEDO LITERARIO (ou a oportunidade da redundancia) |
|
 Presentouse onte na moi poética, dramática e parnasiana (lembremos o título de ?moi nobre, leal e fiel? outorgado por Afonso VII) cidade de Mondoñedo, unha publicación que loce na capa un adxectivo non por consabido menos merecido. Mondoñedo é literaria até a medula, madia leva! Por autores, por argumentos inspirados, por presenza nos textos, pola Escola Poética do Seminario, pola Escola Paisaxística Lucense, por don Álvaro, por don Manuel e por tantos autores que hoxe moran ou permanecen unidos afectivamente á eterna Vilamaior.
O Centro de Interpretación do Camiño Norte está a se converter nun presentadoiro de libros; insigne destino para un edificio de ignominioso uso no pasado (foi cuartel da Garda Civil) e maos recordos para moitos. Ao que entramos no edificio abrolla a primeira anécdota infausta.
Xosé Ruiz Leivas, escritor, presidente da Asociación de Amigos da Cidade de Mondoñedo e alma máter do periódico Mondoñedo, relátanos aquela xornada da súa mocidade na que foi sorprendido pola Garda Civil cantando A Rianxeira polas rúas da cidade cun fato de amigos. O bo de Pepe acabou detido e ?confinado? na leñeira do cuartel, non sen recibir o bautismo da labazada represora; máis polo idioma empregado no canto ca por empregar a vía pública como auditorio.
Atópase moi vinculado á xénese de Mondoñedo Literario Xosé Ruiz Leivas, pois que foi el quen lle suxeriu ao autor a confección dun volume no que aparecesen fixados os literatos que deu a cidade. A idea primixenia era que ese libro fose publicado pola asociación anteriormente citada co apoio da Deputación de Lugo, mais a devandita institución pregou ser o selo editor en canto reparou na importancia do traballo, e tal aconteceu.
Este precedente foi descrito por Armando Requeixo, autor da obra e home de letras, quen non sen pouca emoción, gabou a cidade natal e máis o potencial literario e cultural nela manifestado en todos os tempos; do mesmo xeito suliñou a presenza dunha canteira poética que xa comeza a ofrecer froitos na vila da Paula.
Mais non abriu o evento literario o autor senón un antigo seu profesor en Lugo, Claudio Rodríguez Fer. Foi el o ?culpábel? de que o noutrora estudante mindoniense se introducise na ?capela afectiva da literatura?; con estas agarimosas palabras cualificou Requeixo o proselitismo exercido polo profesor universitario perante a súa incipiente paixón literaria.
Rodríguez Fer non deixou pasar a ocasión para comentar, por primeira vez en público, a xestación da súa coñecida composición A brétema, incluída no poemario Historia da lúa (1984) e traducida ao inglés por John Ruthenford.
O poema naceu tras unha viaxe do profesor a Mondoñedo co obxectivo de visitar á escritora Marina Mayoral, tras aquela experiencia mindoniense, a brétema transfigurouse en verso. A intervención de Rodríguez Fer rematou, como non, co recitado d'A brétema.
Recoñeceu con afecto Armando Requeixo que foi o seu profesor quen lle falou por vez primeira do xornalista Eduardo Lence-Santar, a quen o mozo mindoniense descoñecía malia compartir cidade de nación. Anos despois tense convertido Requeixo nun estudoso e divulgador das letras que xurdiron na terra do seu berce.
En definitiva, dende onte, temos nas mans unha obra necesaria na que poderemos atopar literatos, textos, publicacións exhumadas ou influencias foráneas nos creadores literarios do Val de Brea.
Loor a Mondoñedo! Loor ás letras! Parabéns lectores, estudosos e orgullosos do noso.
|
|
|
|
|
|