 Andamos no 125 cabodano de Valentín Lamas Carvajal, un autor do que lera, até agora, o celebérrimo Catecismo do labrego, e do que veño de descubrir a Escolma Poética que a Biblioteca Básica da Cultura Galega de Galaxia publicou en 1983.
Para sermos exactos, realicei unha escolla instintiva na devandita Escolma, pois algunhas composicións, aínda gozando de interese, continúan o ronsel enxebrista e laudatorio doutros versificadores coetáneos. No entanto, achei verdadeiras xoias que degustei calmadamente; O falar das fadas pode supor un ilustrativo exemplo.
Encontrarémonos nesta colectánea cunha poesía narrativa, descritiva e mesmo pedagóxica, mais por riba de todo, teremos diante os ollos unha magna lección de etnografía.
Lamas Carvajal coñeceu o solpor do XIX e a rompente do XX, polo que puido asistir a usos e modos que hoxe constitúen materia de documentais e centros de interpretación. Só por iso pagará a pena achegarse a esta escolma poética lanzada pola Editorial Galaxia nos albores da Autonomía.
Unha boa mostra disto que sinalo é A desafío, o poema adicado á improvisación lúdica de coplas, esa tradición coñecida xa popularmente como regueifa.
Non en van, Lamas sería o auspiciador da primeira publicación periódica redactada integramente en galego, tal é O tío Marcos da Portela.
Mais don Valentín, por riba de bo atestador do seu tempo, non deixa de ser un acedo denunciante da situación social e política que lle tocou vivir. O caciquismo e a corrupción reciben nos seus poemas crúas e elaboradas filípicas, do mesmo xeito que critica o escurantismo sociolóxico para loar a ciencia con verdadeiro ímpeto, facendo fincapé, sobre todo, nas doenzas que daquela colidían coa superstición.
Desapareceron as antigas crenzas, no entanto, permanecen as doenzas sociais. Cómpre ler a don Valentín para avergoñármonos un chisco.
|