Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

A TENRURA ETRUSCA DE JOSÉ LUIS SAMPEDRO
La sonrisa etrusca é por riba de todo, un testemuño de tenrura, un manual de despedidas dignas e unha obra literaria ben planificada; talvez, dotada de capítulos nutridos con excesiva xenerosidade; así e todo, nunca estará de máis aproximarse a este título senlleiro da literatura en castelán.
O autor viña de se converter en avó cando ideou a novela, e tal eventualidade reflíctese abondosamente nas páxinas dun texto que, trinta e dous anos despois, non deu adquirido a pátina de obsolescencia que puideron gañar outras obras da época; lembremos que estamos a falar dos ’80, a década en que moitos artistas deron en pór e quitar máscaras de modernidade ou de aggiornamento ideolóxico. Don José Luis no entanto, opta polo intimismo da familia e a voracidade dunha guerra que non quixo que fose a de sempre; de tal xeito, preferiu empregar como horizonte evocador a loita de liberación dos partisanos de Italia.
Quizais a resolución da trama resulte espontánea de máis ou menos traballada ca outras partes do texto, quizais o desenvolvemento da narración fainos esperar unha apoteose que Sampedro evitou; seguramente, de xeito premeditado, pois que a dozura e a sinxeleza fan boa parella.
A edición que manexei (Círculo de Lectores, 1985), inclúe unha emotiva nota do propio autor, rematada pola frase: “A vuestra sensibilidad me encomiendo”, e certamente, estamos ante un libro que fará vibrar os resortes da melancolía, sempre tan subordinada á tristura.
Fíxose coñecido este autor –falecido hai catro anos- entre o público mozo, por prologar a edición en castelán de Indignádevos!, aquela obriña de Stéphane Hessel que tamén contou cunha versión galega, prologada nesta ocasión por Manuel Rivas.
José Luis Sampedro foi un deses sabios que se botan de menos cando os factores biolóxicos se impoñen, traéndonos a certeza de que só poderemos gozar das obras que nos deixaron, mais non recibiremos novas orientacións. Marchou satisfeito e esgotado o gran Sampedro, afirmando que a súa existencia carecía de sentido cando, ás mañás, debía pór os ollos, colocar os ouvidos… e que se continuaba avante con algún interese, facíao pola súa muller.
Xa o dixemos, un mestre da tenrura.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-06-2017 11:05
# Ligazón permanente a este artigo
AQUEL ORBALLO DA MEDIA NOITE QUE NON DEU ESVAÍDO
Ler a única obra poética de Roberto Blanco Torres é unha experiencia que adiei desde 1999, o ano en que se lle adicou o Día das Letras Galegas.
O volume no que me deleitei foi publicado para a ocasión coa colaboración do Concello de Viveiro, entidade que figura na contracapa dunha edición que contou coa contribución erudita de Miro Villar, quen ofrece ao lector unha extensísima introdución con “Perfil bio-bibliográfico”, “Xénese e historia editorial” ou “Métrica e recursos estilísticos”, por exemplo.
Completa edición, nomeadamente, para os estudosos dunha época en que os poetas morrían baixo o fogo dos fascistas analfabetos, casemente, coma en todas as épocas da historia.
Encontraremos na poesía de Blanco Torres unha sorte de protoambientalismo, gozaremos dunha terminoloxía cultísima e descubriremos unha rotunda vixencia de inquedanzas e preocupacións.
Tan pouco temos mudado nestes noventa anos?
O diagnóstico social e as solucións suxeridas son as de hoxe, pois que, o poeta ocúpase do que se ocupan todos os poetas, e tamén do que conmove e promove os activistas.
Executa tentativas, o autor, por escribir no que hoxe chamariamos galego reintegrado, e tal sensibilidade xa nos indica por que cauces navegaba o pensamento do malogrado patriota.
Transmite don Roberto un compromiso firme co propio e inmediato; e percibiremos, ben seguro, unha inxección de calidade na segunda parte do poemario, persoalmente da que máis gocei.
Unha curiosidade: a edición á que nos referimos trae un agasallo, un marcapáxinas da Delegación de Cultura do Concello de Viveiro; non é má idea que os concellos colaboren cos lanzamentos editoriais, nomeadamente nuns tempos en que vemos malbaratar fondos en trangalladas e orquestras paifocas.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-06-2017 16:56
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal