Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
Vasoiras de xibarda


    Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

DÍAS DE LÍRICA HELÉNICA
Ando a ler estes días un volume da miña biblioteca particular, un libriño con certa historia que me regalaron hai, exactamente, trinta anos.
Unha das mellores profesoras que me instruíu chamouse María Ángeles Martín, impartía aulas de grego no instituto San Isidro, de Madrid, e dela, ademais da lingua clásica que deu orixe a varios idiomas actuais, aprendiamos ética do traballo.
Aquela docente citaba os alumnos menos avantaxados no Seminario de Grego (un local destinado, en principio, ao profesorado da devandita materia) ás sete e media da mañá ?unha hora antes do inicio do horario lectivo- co obxectivo de ofrecer clases de reforzo. Todo un exemplo de dedicación, celo e responsabilidade.
Dona María Ángeles tiña por costume regalar un libro o derradeiro día do curso, un para cada alumno! E por suposto, sempre se trataba dun título vinculado á cultura helénica. Na dedicatoria persoal, unha frase en grego debía facer pensar ao alumno en cuestión.
No meu exemplar, unha cita de Menandro (desde logo, escrita en alfabeto grego) aconséllame sobre o razoamento humano. Está asinada esta dedicatoria en maio de 1990.
Antología de la poesía lírica griega. Siglos VII-IV A.C. é o título do libro entregado a aqueles alumnos que rematáramos o COU na primavera de hai tres décadas, e non sei por que razón, estes días tomei o volume do andel con ansias anovadas, disposto a imbuirme da primixenia literatura europea.
Desde os versos iámbicos á lírica popular, a antoloxía fai un repaso por toda aquela poesía primitiva que así e todo, permaneceu vixente (experimentando as evolucións oportunas) até non hai tantas xeracións. Non exaxero. Pensemos que os epitalamios de Safo poden supor a remota orixe das regueifas nupciais, ou o costume de tocar o corno ante o fogar duns viúvos desposados, unha sorte de frívolo himeneo.
Fálasenos neste libro dun ?poeta mendicante? chamado Hiponacte de Éfeso, e ao ler o que se nos conta sobre a súa vida, non puiden evitar pensar nos cegos cantores, mais sobre todo, naqueles poetas que os meus maiores acordan rogando caridade polas portas, tal como foi Eugenio Díaz Martínez ?El aventurero?, tamén alcumado ?O poeta?. Este vadío percorría os camiños do Valadouro a mediados do século pasado e del temos falado aquí con anterioridade.
Poderiamos hoxe divulgar un poema en loor do autor dun magnicidio? Sabemos que non; no entanto, na Hélade, si. Non temos máis que ler En honor de los tiranicidas.
Endebén, hoxe sería reprobada, non sen razón, certa composición machista que se lle ocorreu a Semónides de Amorgos; pura misoxinia.
Desde logo, na actualidade gozamos dunha poesía que pode competir perfectamente coa creación destes primeiros vates, mais dubido, con infindo pesar, que os estudantes de hoxe gocen de profesionais da educación coas cualidades da miña profesora de grego. Síntoo por eles e por todos nós.
O antólogo, tradutor e prologuista desta publicación de Alianza Editorial é o profesor Carlos García Gual, helenista e académico da RAE que a finais do ano pasado manifestou: ?Es un mundo absurdo, pero estaba previsto que fuera así. Los pensadores de la Escuela de Fráncfort se dieron cuenta de que el marxismo no triunfaría porque la gente no iba a hacer la revolución si se contentaba con pequeñas cosas.?
Aquela xeración de profesores educou a quen agora somos hipercríticos e tachados de radicais. A culpa radica na transmisión da paixón pola cultura e o saber. Gloria a eles!
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 27-05-2020 09:54
# Ligazón permanente a este artigo
POÉTICA VONTADE DE FERRO
?Toda a terra era un cantil de anxos caídos?
Manuel Rivas

Fomos moitos os que permanecemos pendentes das pantallas de móbiles e computadores o pasado primeiro de maio, o día en que se celebra ?entre moitas outras dignísimas conmemoracións- ?Mondoñedo é poesía?.
Desde aquel 2014 en que a evocación de Leiras Pulpeiro abriu o camiño, un congreso anual da carminofilia ten lugar polas rúas de Mondoñedo, tal como fomos dado conta puntualmente nesta bitácora.
A edición do presente ano houbo de ser ofrecida a través dunha rede social, entendo que a organización auspiciadora colixiu que nós, os adeptos, máis que nunca precisabamos o alento tépedo do verso próximo, do escenario local e acolledor, e por riba de todo, das voces dos vates e bardos da tribo, a proporcionarnos a cadencia precisa para afrontar unha realidade que unicamente proclama incerteza.
Cun estado de alarma decretado, no medio dunha emerxencia sanitaria e en pleno confinamento por corentena, resultou imposíbel manter a cita de 2020 tal e como a esperabamos, mais os activistas do colectivo MONDOÑEDO É? non se deixaron someter pola resignación e trasantonte, facendo gala dunha vontade de ferro, foron quen de sortearen as ameazas todas.
O proxecto medra e mellora substancialmente en cada edición, e a presente, pese ás dificultades, non supuxo excepción ningunha.
Nesta ocasión, o evento foi denominado Mondoñedo é Luz, rendendo homenaxe á desaparecida Luz Pozo Garza, unha poeta que estivera a punto de participar nunha das edicións e que finalmente debería escusar a súa asistencia.
Xaora que botamos de menos as actuacións ao vivo, o encontro cos amigos, o ambiente festivo das Quendas e aquelas rúas atemporais, no entanto, puidemos gozar da poesía como cada primeiro de maio. Isto, nas actuais circunstancias supón un regalo impagábel.
Abriu a presente edición o son das campás da catedral, e a seguir, Antonio García Teijeiro comeza a recitar sobre unhas estacións baleiras, tan baleiras coma eses empedrados que ano tras ano transitabamos en comitiva pletórica, facendo paraxes ante bustos de poetas, casas de poetas e flanqueados por poetas, mais todo se acaba para que todo renaza.
Porá colofón ao evento un poema de Luz Pozo Garza na voz de Cristina Lombao, mais polo medio soaron e conmovéronnos os principais nomes da poesía nacional, como Miriam Ferradás e os seus paxaros infelices, ou os Ex-poemas de Manuel Rivas, co evocador O tolo de abril e os seus vagalumes extintos.
Como sempre, ?Mondoñedo é poesía? non é para contar, é para sentir.
Visiten o YouTube e embébanse de emoción con Mondoñedo é poesía 2020 Edición Virtual definitiva, e recoméndeno ás súas amizades.
Fomentemos as orxías das letras, excitemos a lingua de noso e gocemos da sensualidade do verso, velaquí a chave para que a primavera retorne, mil Mondoñedos máis.


LIONEL REXES
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 04-05-2020 11:40
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0