Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

OS NOSOS BARDOS, INCONFUNDÍBEIS NO PAÍS
Explicaba hai uns días a conmemoración do Día das Letras Galegas a un antigo profesor meu; don Luis, segoviano de nación e madrileño de habitación, sentiu curiosidade pola devandita efeméride, e ao se fixar no nome de Antonio Fraguas, a memoria vooulle cara ao ilustrador “Forges”, galego por vía paterna, por certo.
Ninguén, no meu ámbito xeográfico inmediato, acabou confundindo a Antonio Fraguas Fraguas con Antonio Fraguas de Pablo, feito que lonxe de ser reprensíbel, resulta esclarecedor. Aquí, o Fraguas de Cotobade non precisa matizacións.
Do mesmo xeito, na Galiza evocamos a Rosalía polo seu nome nu, sen temor a que alguén nos pregunte de que Rosalía estamos a falar, malia que na actualidade, tras o éxito recabado por unha cantora catalá homónima, esteamos a ler e escoitar o nome da artista moza en todos os medios de comunicación.
Como se refiren os ingleses a don William Shakespeare? Exclamando con orgullo “O Bardo de Avon”. Xaora.
Nós, sen tanto orgullo e talvez de maneira inconsciente, dicimos Antonio Fraguas sen nos decatar de que no mundo hai outros célebres Antonios Fraguas, e nomeamos a Rosalía coa boca chea da mesma maneira, coma quen invoca o padroeiro da súa parroquia, sen caer na conta de que tamén os santos están repetidos.
A familiaridade que demostramos acerca de certos autores e autoras de noso, denota a asunción dun sistema literario no que nos recoñecemos, autónomo e integrado na sociedade do país que o le. Porque en contra do que nos pareza, Galiza le. Abofé.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 27-05-2019 17:48
# Ligazón permanente a este artigo
POESÍA ADULTA, URBANA E CANALLA
Este primeiro de maio cadrou nun mércores pouco apracíbel climatoloxicamente falando; mais o “Mondoñedo é poesía” chegou, combateu e venceu auga e friaxe coa caloriña adoita.
Vimos de asistir á sexta edición e o nivel non deixa de elevarse nesta cita anual, pois que unha das marcas da casa, mesturar consagrados con noveis, está a convocar o melloriño do panorama poético encontro tras encontro.
Nesta ocasión, se tivese que resumir o encontro nunha epígrafe, diría que o recital vén de facerse adulto, urbano e canalla.
Non imos negar que xa houbera algo disto en anteriores edicións, mais desta volta, a presenza de Alberte Momán e de Antón Reixa tatuaron o MÉP de pulsións urbanas e “esquinas de amor urxente”, tal como cantaba o vigués na súa Cumbia china.
Durante a declamación de Reixa non puiden deixar de lembrar outra peza musical d’Os Resentidos, concretamente a que dicía “Il mondo, il mondo, Mondoñedo, viño branco viño tinto, Galicia sitio distinto…”, e entre recordos do primitivo rap patrio, escachamos de risa coa poesía canalla deste bocalán incorrixíbel.
Momán é concluínte e recita en falsete de voz de trono, unha técnica que lle teño observado a Claudio Rodríguez Fer e que por veces resulta acaída. O ferrolán sobe, recita e baixa do escenario como se a area o queimase nos pés, mais resolve sen vacilar.
E non nomeáramos, aínda, a Martiño Maseda, o poeta chairego que nos trouxo o recendo dos Mondoñedo é poesía de sempre, coa súa atmosfera de aldea urbanizada, verso doído e afecto no alento; cousas de adultos.
Estes tres homes marcaron a lume o festival deste ano, mais as cinco mulleres d’A banda da Loba beiceron o evento coa súa música culta e leda. A feminidade brava está a tomar os escenarios galegos (Sés, De Vacas…), e iso afortunadamente, non ten volta; a música galega fala en muller, e non era sen tempo.
Certamente, temos acadado un cumio con esta edición distinta e anovada, e aínda que algúns botamos de menos o roteiro poético pola cidade, comprendemos que a evolución do MÉP é imparábel e as mudanzas introducidas xustificadas.
Quizais por isto comezamos a crónica polo final, mais non podemos obviar a homenaxe rendida ao Pallarego, o barbeiro que dotara a Cunqueiro dun refuxio literario onde achar inspiración.
Creo que moitos dos asistentes puidemos observar unha carroza dos maios por vez primeira, tal era o agasallo con que fomos recibidos ao pé do auditorio Pascual Veiga. Non era casualidade, Manuel Ledo Bermúdez, O Pallarego, impulsara a recuperación desta tradición na II República coa colaboración dos intelectuais mindonienses da época.
Cada Mondoñedo é poesía sucede de modo orixinal e irrepetíbel, por iso mesmo é preciso estar e non se contentar con que cho conten.




Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-05-2019 17:54
# Ligazón permanente a este artigo
O PRESTIXIO DA LITERATURA EN LINGUA GALEGA
Os aspectos identitarios galegos sufriron –e sofren- un histórico factor estrangulador, factor adoito propiciado pola aspiración neutralizadora dun Estado que outorga carta de natureza a uns concretísimos -e alleos a nós- trazos culturais. Mais non imos falar hoxe de séculos escuros nin de autoodio; hoxe polo contrario imos administrarnos unha dose de optimismo e vangloria.
Non sempre os galegos se ven recoñecidos no tesouro cultural que os milenios foron forxando, mais existe unha arte que logra avir compatriotas de sentimentos enfrontados ou mesmo a desleigados recalcitrantes; trátase da literatura en lingua galega.
Antes de que quen isto escribe se convertese en autor de textos literarios, unha emotiva anécdota proporcionáralle a proba de que as letras galegas gozan de adhesións inopinadas.
Aquela camareira non tería máis de vinte anos, aproximábase a hora de peche e botaba ao lixo os xornais que ficaran esfarrapados sobre o mostrador.
Unha sorte de suplemento xurdiu daquela morea de páxinas cotifadas, e a mirada reflexiva de Rosalía de Castro pareceu escrutarnos desde a nebulosa da noite tabernaria.
A rapaza alisou as follas, achegounas a peito e dixo algo así como “Isto é de Rosalía e non se tira”.
As letras galegas gozan de numerosos nomes totémicos, e este feito incide mesmo nas persoas que non len. Cantas veces escoitamos gabar a Rosalía, a Castelao, a Pondal, a Cunqueiro ou a Luz Pozo Garza? Estamos seguros de que os seus valedores leron tales autores?
Todos sabemos que un automóbil de fabricación alemá goza dun prestixio incontestábel ou que a reloxaría suíza non ten rival coñecido, non é preciso que teñamos conducido un carro xermano ou que midamos o tempo nun swiss made, así pois, á nosa literatura acontécelle algo semellante. Se o libro está en galego, sábese ou intúese que ten calidade. Talvez, as vicisitudes históricas das nosas artes coadxuven á hora de lles supor calidade excelsa ás nosas letras.
O galego está catalogado como lingua minoritaria (pese a contar o portugués con 250 millóns de falantes), por tal motivo, moitos galegos dan por suposto que se un texto literario deu superado os filtros e obstáculos até chegar á libraría, ha ser porque se trata dunha obra de altísima calidade. Quizais non sempre sexa así nin teña porque o ser.
Non é o galego un idioma estatal (malia ser o portugués oficial en nove estados independentes), e polo tanto a nosa literatura debeu achar a súa representatividade no esforzo e no enxeño; se non, pensemos na exportación do realismo máxico ás latitudes onde se fixo adulto.
Recapacitemos sobre o boom da literatura infantil en galego nos últimos anos. É doado de facer, pois chegará con evocar o fenómeno Ledicia Costas, e agora, calculemos cantos meniños empregan a lingua galega acotío no noso país.
Certo, as contas non cadran. Unicamente cadrarían se nos detemos a cavilar no prestixio do que goza para pais e mestres un conto en galego.
A LIX é hoxe unha potencia cultural na Galiza, mentres nenos e mozos farfallan nesa koiné do “no doy hecho” e do “voy cubrir el papel”. Tal é a lóxica do ilóxico.
Teñamos en conta que se tan só os galegofalantes fosen consumidores de libros en galego, ducias de editoras, imprentas e distribuidoras terían desaparecido hai tempo, mais o libro en galego goza dunha alta consideración entre nós, independentemente das ideoloxías, das sensibilidades e dos estratos sociais.
Poderiamos considerar nesta altura, que goza dun futuro menos abrupto a nosa literatura ca a nosa lingua, mais, que chave debemos aplicarmos para entendermos esta realidade delirante? A dun pobo que se enaltece e se avergoña a partes iguais.
Sexa como for, somos depositarios dun rico sistema literario, vivo e de altísima calidade, os autores en galego son legatarios dunha bagaxe reputada, mesmo no ámbito europeo culto, e por suposto, recoñecida nesa América onde a nosa cultura se refuxiou nos momentos de cativeza e persecución.
Unha boa proba da vizosidade do sistema literario galaico represéntana as entidades e institucións que con máis ou menos sorte, pulan polas letras galegas; desde a histórica Real Academia Galega até a Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega, sen obviar o Centro Pen Galicia, Dramaturga ou a Academia Galega do Teatro. Tampouco debemos esquecer a presenza duns poucos medios de comunicación orientados a dar conta da noticia literaria: Luzes, Erregueté, Fervenzas Literarias, Criticalia, Biosbardia…
Temos unha alfaia e somos conscientes da súa importancia. Gratulémonos do acerto.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-05-2019 15:34
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal