Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

E MANUEL MARÍA VOLTOU POLO ALFOZ DO CASTRODOURO

Se redacto estes parágrafos, non é coa intención de constatar as miñas intervencións nos eventos celebrados co gallo do Día das Letras Galegas nos municipios do Valadouro; feito polo que me sinto moi honrado, mais sei que non merecen tales achegas -feitas con máis vontade ca ilustración- un texto de mención.
Se quero lembrar e compartir de novo, as celebracións do ano de Manuel María nas terras do Douro, é para agradecer a deferencia dispensada por dous amigos; labrego un deles, escritor o outro.
Non me digan que non é casualidade que, as dúas almas de Manuel María (agro e escrita), se manifesten –oportunanmente- para me facilitaren unha valiosa documentación a través de dúas persoas que coñeceron e trataron o poeta.
Tales amigos son, Emilio Méndez, propietario da Finca Galea, e Ramom Reimunde, autor de A Costeira, Con textículos, O tesouro do Monte e varios títulos máis.
Situémonos. O 15 de maio, convidado pola Asociación Cultural O Castelo, interveño no acto denominado “O Poeta do Miño”, no Centro Social do Alfoz. No devandito evento, no medio dunha semblanza de Manuel María, recordo ao auditorio que o autor escribiu un artigo xornalístico louvando a beleza da Finca Galea e mais a contorna daquel “edén na metade do paraíso”.
Reitero que nese artigo noméase o concello do Alfoz, a parroquia do Castrodouro e por suposto a bisbarra do Valadouro.
Comentei tamén a transcendencia que chegou a experimentar un texto que debe estar presente nos cartafoles de viaxe de media Europa, pois chegou a formar parte da publicidade da Finca Galea (o magnífico hotel rural goza dun visitadísimo espazo etnográfico) durante moitos anos.
Nos días previos á intervención busquei tal folleto mais non o dei atopado. Con todo fiquei tranquilo, seguro de ter atesourado, noutrora, o devandito impreso no meu caótico arquivo; mais algo apenado tamén por non dispor da referencia exacta de edición do artigo para a mencionar na disertación.
O 17 de maio, tiven que repetir a pequena conferencia na Casa da Cultura “Manuel Lourenzo”, de Ferreira, a pedimento da Concellaría de Cultura do Valadouro.
A sorpresa foi maiúscula e grata cando, ao me achegar ao auditorio, vexo a Emilio Méndez agardando para me entregar tres textos:
O artigo A Galea, de Manuel María, publicado no xornal El Correo Gallego o 27 de agosto de 1994; o folleto publicitario publicado polo propio estabelecemento hostaleiro a partir do devandito artigo; e aínda outro artigo máis de Manuel María.
Tratábase, nada máis e nada menos que dunha publicación póstuma.
O derradeiro artigo do poeta da Terra Chá foi publicado tamén por El Correo Gallego, nas horas inmediatamente posteriores á súa morte. Titúlase O Mariscal, e foi inserido, finalmente, na sección de opinión, malia ter sido escrito para a cultural “O Correo das Culturas”.
Este texto, o derradeiro artigo, fala de Pardo de Cela, da Frouseira e dos seus prantos, da “Paula” e da Ponte do Pasatempo; nomea a Emilio Méndez e a súa dona Carmen, a Antón Meilán, a Asociación O Mundo de Galea e de novo, menciona O Castrodouro e o municipio alfocés.
Agora que nos estendemos en nomes, patronímicos e topónimos, non podo deixar de lembrar un bo amigo que me serviu de leitmotiv nas conferencias destes días pola súa proverbial amizade con Manuel María. Trátase de Suso Fernández, Suso do Bahía. Libreiro, escritor, dinamizador cultural, cronista oficial de Foz e por riba de todo, excelsa persoa; querida, entrañábel e imprescindíbel á hora de falar das letras e da cultura en xeral na Mariña.
Por certo, Suso aparece nomeado no artigo de 1994, naquel que a Finca Galea empregou nun díptico publicitario.
Mais, aínda foi quen de me resolver outra dúbida a propicia aparición de Emilio. Eu lembraba ter coñecido a Manuel María na Finca Galea nun Día das Letras Galegas, coa música e a voz de Suso Vaamonde como fondo sonoro, porén, fórame imposíbel lembrar o ano en cuestión.
Emilio, o oportuno anxo da memoria, traía consigo o cartel do devandito acto cultural para mo mostrar; fora en 1998.
O meu asombro non rematou cos inesperados agasallos de Emilio, pois que ao entrar no salón de actos –xa ateigado-, Ramom Reimunde fíxome entrega de dous documentos:
Un completo folleto editado polo I.E.S. de Foz á morte do egrexio chairego, composto por unha biografía, unha bibliografía e unha semblanza asinada polo propio Ramom; e mais un fermoso artigo que este amigo focego-alfocés escribiu nestes días tan evocadores: Manuel María: poeta con alma de galego.
Decátome agora, de que comecei este texto coa misión de agradecer a un labrego e a un escritor uns inesperados regalos, mais vexo, que a memoria me chamou á atención nos últimos parágrafos para que Suso Fernández (a quen nomeei en repetidas ocasións nas disertacións do 15 e o 17 de maio) non ficase sen unha merecida mostra de gratitude.
Xa que logo, moitísimas grazas a estes tres amigos: Un labrego, un escritor e un libreiro…
Estamos no ano de Manuel María, afágamonos a estas fermosas casualidades.
LIONEL REXES

Imaxe: Finca Galea
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-05-2016 16:17
# Ligazón permanente a este artigo
ABRIL DE LUME E FERRO NO VALADOURO
Debemos aprender o público a ir ao teatro, mellor dito, debemos instruílos sobre as normas básicas de corrección durante o desenvolvemento da representación; ese momento máxico en que os actores interpretan e… A xente fala en voz alta, atende un móbil ao que non lle quitou o son, comenta as escenas, volve atender un aparello que non silenciou tras a primeira chamada…
Eu, sendo benévolo, aplicaríalles lume e ferro a eses desaprensivos que acoden ao teatro para nos lembrar que descendemos do mono; dun mono certamente maleducado, molesto e antisocial.
Non é a primeira vez tampouco, que falamos nestas páxinas da teima mariñá por asociar,indefectibelmente, teatro a humor. Nin será a última, intúoo.
Mesmo desde as compañías amadoras contribúese –coa mellor intención, seino- a propagar tal falsidade, e a manter –coa inercia do conservadorismo- a fidelidade dun público que segundo teño escoitado, “tan só desexa rir”.
Por iso, durante a representación de Abril de lume e ferro o pasado 14 de maio, co gallo da celebración das Letras Galegas, puiden observar que certos espectadores rían ruidosamente ante escenas que nada tiñan de humorístico ou hilarante. É boa verdade que somos animais de costumes; algúns, mesmo, son animais sen matices. Con todo o meu respecto para a comunidade animal.
Tiven a ocasión de descubrir unha caste de espectadores que ao sentar as nádegas na butaca do auditorio e enxergar actores de carne e óso, comezan a afrouxar os beizos e a ceibar unhas sonoras e desagradábeis gargalladas.
A culpa non é deles, senón de quen os confundiu, facéndolles crer que traxedia e drama non son xéneros teatrais.
Dito isto, falemos da obra, da coral compañía carralesa e dunha entidade municipal que optou por un teatro de calidade antes ca por un título ao chou.
Abril de lume e ferro foi representada polo grupo de teatro da asociación homónima, creada en Carral na honra daqueles militares mártires de 1846, sublevados contra os desatinos da coroa española.
Para Manuel María, escribir sobre os Mártires de Carral foi un exercicio de patriotismo, e para o elenco de Abril de lume e ferro, representar esta obra significa, decote, administrar unha inxección de galeguismo á sociedade.
Nunha das escenas, os actores demandan a colaboración do público, converténdoo en nube de figurantes para a recreación do momento en que o pobo se ergue, indignado, contra o inminente fusilamento dos insurrectos.
A compañía carralesa empregou o auditorio todo como escenario, tanto durante a representación como á hora de ubicar os decorados, estendidos ao longo do salón de actos.
Xa víramos noutra ocasión, neste mesmo auditorio, actores convertendo o patio de butacas en apéndice da escena; foi na visita do grupo de teatro da Asociación Ollomao, de Barreiros, coa representación de Os vellos non deben de namorarse.
Quero rematar felicitando a compañía teatral Abril de lume e ferro pola súa magnífica representación, e ao mesmo tempo, pola implicación demostrada na difusión da figura de Manuel María; do mesmo xeito, non podo desaproveitar a ocasión para dar os parabéns á Concellaría de Cultura do Valadouro, por ter contratado teatro de calidade, eludindo as sempiternas comedias; xénero que debe posuír un lugar de seu, xaora, mais nunca capitalizar o teatro nin invadir o espazo do resto de xéneros teatrais.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-05-2016 10:41
# Ligazón permanente a este artigo
DÚAS LECTURAS SIMULTÁNEAS AO CHOU

Encarar dúas -ou máis- lecturas a un tempo, é un hábito frecuente entre os bibliómanos.
Hai unhas semanas, baixei do andel La naranja mecánica, de Anthony Burgess; un libro adquirido en datas recentes. Aos poucos días, rescatei do curruncho dos libros poeirentos, Caza menor, a tradución elaborada por Manuel Serrat Crespo da obra Retrat d’un assassí d’ocells, de Emili Teixidor. Tal volume, envelleceu na miña biblioteca e sufriu mudanzas de domicilio; pois trátase dun libro mercado na histórica Librería San Ginés, de Madrid. Un estabelecemento que cada mañá invade -literalmente- a rúa con libros de lance, costume que mantén desde o século XIX.
E así foi como as falcatrúas de Alex coincidiron no meu lecer cos tormentos de Niel; e aquelas follas marelecidas, foron proporcionándome impresións ben distintas.
O meu exemplar de La naranja mecánica corresponde á quinta reimpresión (1988) daquela versión castelá elaborada por Aníbal Leal e editada polo selo Minotauro en 1976.
A obra de Burgess é unha novela vibrante, un texto fero e desconsiderado, que sen pretender ser doado, maniféstase accesíbel e ameno.
En troques, a obra de Teixidor vólvese tediosa en numerosas ocasións, recreándose nun retoricismo nada amigo da atención constante.
Caza menor componse de 30 capítulos, e até o décimo, a novela non deu captado un mínimo interese pola miña parte; por varias veces pensei no abandono; así e todo, a partires do décimoquinto decidín continuar a lectura até o final, por fin encarreirado na trama, mais desasistido pola apetencia que debe acender unha novela.
Nos últimos anos falouse de Emili Teixidor grazas a unha adaptación cinematográfica da súa novela Pa negre, dirixida en 2010 por Agustí Villaronga; fita rodada en catalán premiada en numerosas ocasións.
Volvendo á obra de don Anthony, direi que descoñezo a versión cinematográfica dirixida por Kubrick, polo que accedín á novela en estado virxinal, sen prexuízos nin críticas maculadoras.
Algo que chama á atención e que non deixa de empecer unha lectura fluída, é a xiria ideada polo autor. O vocabulario Nadsat (unha sorte de argot xuvenil) inza e penetra un texto que intúo desprezado por lectores sen paciencia ou susceptíbeis ante a dificultade evitábel, tal é a presenza de máis de dous centos de termos ciscados con profusión ao longo de La naranja mecánica.
Máis cómoda resultou, sen dúbida, a viaxe á Catalunya rural da posguerra a través de Caza menor, texto que ilustra con destreza os costumes e tradicións dunha época e dun lugar concretos, coas pantasmas da guerra, da posguerra e da Ditadura axexando en cada páxina, e mais en cada revolta do camiño.
Gocei especialmente coa recreación daqueles xoves santos conmemorados baixo devoción forzosa; unhas dramatizacións tenebristas cos templos como escenarios, soberbiamente descritas polo autor nuns parágrafos, que reflicten perfectamente, tamén, as antigas celebracións pascuais nas igrexas galegas.
En troques, as recreacións de Anthony Burgess en La naranja mecánica maniféstanse comedidas por veces, nomeadamente cando irrompe unha sexualidade, a miúdo unida á violencia, que o autor resolve sen matices. Quen se mergulle na orixe da novela comprenderá a ausencia de descricións explícitas.
A violencia, a crueldade e a brutalidade son elementos comúns en ambos textos; con todo, Burgess abusa máis da súa concorrencia ca Teixidor, pois que o neno protagonista de Caza menor, carece do sadismo exhibido polo adolescente narrador de La naranja mecánica.
A loita de clases encabezaría unha sinopse urxente da novela do catalán, e a violencia chocada nos imperfectos sistemas contemporáneos da do inglés.
Tiven a sensación, lendo Caza menor, de que se trata dun texto elaborado en tres momentos diferentes; mesmo a linguaxe literaria sofre variacións nestes tres bloques albiscados.
Se encontrei algo positivo nesta obra foi a necesidade de esforzo á hora da comprensión, xa que o errático exercicio obríganos a interpretar, esculcar e cismar; nas motivacións e nas raíces, e por suposto na Historia.
Don Emili non nos redacta as claves, tan só, trázaas con tinta borrosa, para que o lector engada a conclusión.
Máis nidio no seu flanco pedagóxico resulta Burgess, pondo en boca dalgúns personaxes –xa na parte postremeira do texto- a intencionalidade dunha novela que non pasou inadvertida.


Imaxe: A Librería San Ginés, sita no número 2 do Pasadizo de San Ginés, en Madrid.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-05-2016 10:36
# Ligazón permanente a este artigo
CABODANOS LITERARIOS: RISCOS E PROVEITOS
2016 é o ano de Shakespeare; non menos de Cervantes; tamén de Cela, de Rubén Darío, de Valle-Inclán e de Castelao; e ben seguro, de moitos literatos máis que naceron, morreron, publicaron ou se exiliaron nun ano rematado en 6.
Convén lembrar –é un dicir- que en 1936, moitas persoas (creativas ou non) tiveron que abandonar forzosa, apresurada, temporal ou definitivamente o chan, a identidade, a arte, a lingua e moitas outras posesións que os totalitarismos adoitan consideraren perniciosas. Tamén a vida.
Hai 85 anos, a Cultura foi condenada a un arresto domiciliario de varias décadas; se cadra por iso agora conmemoramos efemérides coma quen celebra o aniversario dun fillo, ou a despedida de solteiro dese mellor amigo que xamais leu a Valle, nin a Cela, e moito menos a Shakespeare.
Nin os lerá nunca, por moito que a TVE nos meta polos ollos a Fernando Rey, un coruñés con helmo e lanza; combatente republicano, prisioneiro de guerra e quixote.
Eu xa avisei, artellar conmemoracións nun ano rematado en 6 pode traer rabo. Mellor ca ninguén expresouno o poeta Juan Gelman: “Para os atenienses o antónimo de esquecemento non era memoria, era verdade”.
Non debemos conmemorar tamén a morte –nada natural- de García Lorca?
2016 é un ano literario, de efemérides e autores que marcaron épocas, fitos e porque non dicilo, tamén mitoloxías arrastradas até a actualidade. Non en van, o autor de El ingenioso hidalgo don Quixote de la Mancha, ten nado en varios lugares distintos, tamén nalgún concello do noso país.
Sexa como for, por algún camiño tiveron que chegar até don Miguel –iso é incuestionábel- dous apelidos de liñaxe e etimoloxía galegas. Con todo, a vella Complutum ten gañado o preito con anterioridade á controversia.
Confeso que tales mitomanías non dan xerado ningunha ardencia en min, xa que sempre considerei que a pertenza a un lugar ou a unha cultura é cuestión vinculada ao voluntarismo e non ao azar. Despois de todo, nacemos onde nos paren.
Nos catro meses que levamos do 2016, chegaron á nosa mente e aos nosos fogares –a través de diversos medios de comunicación- centos de noticias, filmes, documentais… referidos aos autores homenaxeábeis ou a algunha das súas obras inmorredoiras. Mais, entrou algún libro? Si, tamén serve electrónico. Entrou?
Toda esta demostración de exuberancia literaria está moi ben, mesmo queda elegante nunhas latitudes onde se considera Cultura calquera espectáculo de lecer. Aínda que, sexamos serios, existen amplos sectores que permanecerán indiferentes ás badaladas de canto cabodano teña lugar, neste ano ou nos sucesivos.
Mesmo haberá individuos que acaben por odiar certas referencias cultas, após un bombardeo mediático que puido ser responsábel do rabenado dun noticiario deportivo, ou quen sabe se da interrupción temporal dun ciclo de cinema español dos ‘60.
Cómpre ter presente, que algún dos herdeiros do autor de Rayuela, decretou en 2014 deter os fastos do Ano Cortázar, temendo que moita xente chegase a detestar a don Julio.
Coido que en vindeiros cabodanos literarios –que non teñen por que acabar en 6, meigas fóra!- os organizadores e convocantes das efemérides literarias deberían contemplar unhas actividades destinadas a ámbitos concretos, nomeadamente para garantir o éxito da celebración e non ficar coa sensación de ter desbaldido fondos públicos.
Centros de ensino, bibliotecas, locais societarios, museos ou centros culturais deberían se converter en principais beneficiarios dunhas campañas, que en ocasións choven sobre terreo impermeábel.
É posíbel que esteamos a gañar neste ano 2016 algúns adeptos á causa literaria; enténdaseme: lectores ocasionais, lectores definitivos, respectuosos coas letras, nenos que pousan o mando do videoxogo e abren un tebeo… Mais debemos calibrar a que prezo e con que puntaría; e mais con que acerto e baixo que premisas e obxectivos.
Conmemorar, conmemoraremos, si. Mais, como? E, para quen?
É preciso comezar por aí.
Propoño un exercicio; individual, mesmo introspectivo. Non teremos por que exteriorizar o resultado da sondaxe, nin sequera as causas do resultado.
Ollo! Imos viaxar á intimidade dos nosos instintos e preferencias literarias:
-Dos autores citados anteriormente –exceptuaremos a Cortázar por non estar no seu ano-, temos lido algunha obra completa de cada un deles?
-Témolo previsto?
“Non se soubo o que lle respondeu o vello”.

Imaxe: Castelao en Bos Aires, traballando nas máscaras para a representación da súa obra Os vellos non deben de namorarse.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-05-2016 15:50
# Ligazón permanente a este artigo
AS CALENDAS MINDONIENSES DA LITERATURA
Mondoñedo é poesía, aquel evento nado hai dous anos, prospera decididamente, e non medra aos poucos, non.
Edición tras edición, a cita móstrase irrecoñecíbel na súa magnitude, continuando porén, fiel ao espírito primixenio.
Mondoñedo é poesía conserva e alimenta a súa vocación mindoniense-mariñá-galega-universal coa que foi concibido; logrando en cada ocasión, convocar, amais dos imprescindíbeis poetas da contorna, nomes destacados no panorama xeral. Deste xeito, puidemos escoitar versos en boca de Darío Xohán Cabana ou gozar dun emotivo espectáculo do dúo Aldaolado.
Por certo, Lucía Aldao e María Lado coñecéronse nun congreso de escritores celebrado en Mondoñedo no ano 2001. A feliz conxunción foi narrada -coa simpatía habitual- a un entregue e numeroso público, apousentado xa na anoitecida no Auditorio Pascual Veiga, após ter desafiado durante dúas xornadas un nordés tan xélido coma poético.
Desta volta o acto -que xa conta cunha lexión de adeptos- delongouse durante dous días completos, véndose reforzado cunha feira do libro que a organización denominou Expo-libro, e na que puideron presentar as súas obras unha ducia de autores.
Mais si, a camiñada que deu lugar á celebración anual tivo lugar o 1 de maio, coma sempre. E os poetas botáronse ás rúas de Mondoñedo e vestiron de versos os beizos das roseiras cunqueirás, aquelas dos días máis felices, coma estes d’As Quendas mindonienses.
Un posto de libros de ocasión fíxome sucumbir a unha tentación na que adoito caer, e grazas a Mondoñedo é poesía, a miña biblioteca conta agora co volume Escolma de poesía A. Iglesia Alvariño, unha antiga edición da Editorial Galaxia onde se recollen as dúas obras senlleiras do abadinense; Corazón ao vento e Cómaros verdes.
De novo, hai que felicitar o colectivo Mondoñedo é…, por ter levado á rúa versos e autores, lectores e amadores, músicos e cantores; xa que logo LITERATURA-CULTURA-POBO. Arbres vellos que é preciso coidar decote para evitar posíbeis depredacións, parasitismos, secas, lumes, esgazaduras ou machados mutiladores.
Xa que estamos nas calendas de maio, celebremos a chegada da luz agarimando a enramada das nosas letras, pois que aínda somos donos da abidueira, da dorna e da ponte e da fonte.
Aí vén o maio, e a presente primavera fai o número…
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 03-05-2016 10:23
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal