Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O TEATRO QUE NACEU ÁS BEIRAS DO DOURO
No ano 1972 a censura non permitiu levar aos escenarios a obra Erros e ferros de Pedro Madruga, do dramaturgo valadourés Manuel Lourenzo; daquela, a compañía refuxiouse –do mesmo xeito mais con mellor fortuna que Pardo de Cela 489 antes- no Castrodouro, e a obra acabou representándose no patio de armas do Castelo. Curiosamente, cando foron demandar permiso ao Concello de Alfoz, a única dúbida -disfrazada de recomendación- foi:
-Non falaredes mal do Mariscal?
E foi alí, diante a torre da homenaxe do Castelo do Castrodouro onde as pantasmas medievais tornaron ao presente, grazas á censura do réxime ditatorial.
O Valadouro e a dramaturxia manteñen un varudo vínculo dende hai moito tempo, e a relación, endebén, non arrefeceu senón que foi anovada pouco e pouco por unha xente que devece polo pano ergueito.
O xénero dramático goza dunha tradición local que xa nos anos ’60 deu lugar a que o crego da parroquia de Mor auspiciase unha representación no Salón de José Ramón, na Seara. O bo facer dos actores –todos homes como na Antiga Grecia- e máis o éxito das funcións favoreceron a itinerancia da improvisada compañía por outras parroquias do val.
Non podemos obviar que a vila de Ferreira é o berce de tres persoeiros ben unidos ao teatro galego, tales son Manuel Lourenzo, Xesús Pisón e Isaac Ferreira, nin que a súa presenza facilita a celebración de eventos, representacións ou mesmo colaboracións cos proxectos dramáticos locais, ou, que a toponimia, a xeografía, os mitos e mesmo algúns habitantes reais do Valadouro, acaban poboando as súas creacións.
Nas bibliotecas de Alfoz e Ferreira é doado atopar unha colección de xoias, os números todos da Revista de Teatro Casahamlet, grazas ás sucesivas doazóns destes tres próceres das letras que malia moraren na Coruña, continúan a cultivar o seu valequismo sen descanso. Cómpre salientar que a alma máter desta publicación é o rigoroso e metódico Isaac Ferreira, de quen aprendeu quen isto escribe a levar decote unha libreta, e deste xeito recoller in situ os tesouros da tradición oral que aínda se escoitan polas parroquias do val.
Outro agasallo que o respectábel non esquece é a representación de Dourada Babel a cargo do alumnado da Escola de Teatro Casahamlet (sociedade na que participou Manuel Lourenzo até hai uns meses) no verán de 2013. Foi o propio autor e director quen abriu o acto no escenario da Casa da Cultura de Ferreira, arroupado por veciños e amigos, os cales gábanse de ter como veciño a un Premio Nacional de Literatura Dramática (galardón de ámbito estatal obtido en 1997) e asemade un Premio Nacional da Cultura Galega (galardón de ámbito nacional acadado en 2008). Na actualidade, o egrexio dramaturgo centra a súa actividade no Clube Teatral Elsinor.
Cómpre lembrar que no Valadouro mentres non houbo casas da cultura, o teatro representábase onde se podía. En Ferreira eu teño visto obras na praza, tamén no local da Asociación Amado Lar e mesmo recordo unha representación no pavillón polideportivo, tratábase de Ei Feldmühle! Fantasía do Valadouro con vampiros, de Xesús Pisón. Decote, espazos ateigados. Porque o Douro e o theatrón, xa dixemos que dan bo xuntoiro.
Na actualidade, nas terras do Douro existen nada máis e nada menos que tres grupos de teatro: O Grupo Teatral Raiolas (leva máis dunha década nos escenarios), o Grupo de Teatro Xuvenil A Maseira e o Grupo Humorístico Trípode. Lembro o extinto grupo da Asociación Cultural Amado Lar actuando na Semana do Teatro de Ferreira; hoxe en día, o evento continúa a se celebrar e o presente ano chegará á trixésima edición, mais o grupo vinculado á devandita asociación hai anos que desapareceu. Celébrase no Alfoz do Castrodouro dende hai uns poucos anos o Mes do Teatro, en novembro, cita xa consolidada e afortalada pola presenza dos actores e actrices locais.
Non podemos esquecer que grazas a esta dinámica teatreira xurdiu –ou deuse a coñecer- un magnífico actor da parroquia de Mor, trátase de Antonio Jesús Lorenzo “Cachín”, quen comezou en Raiolas e agora forma parte de Trípode, mesmo ten ofrecido espectáculos en solitario como improvisador. En definitiva, un actor do método, do método Douro.
Coido que podemos nomear como continuador deste fenómeno ao novísimo Alberto Níñez, un mozote da parroquia de Moucide, actor dende neno nos grupos locais e mesmo contacontos para adultos… Sendo el un aruxo que logo non se vía sobre as táboas!
E se nomeamos os grandes actores locais tampouco podemos esquecer o dramaturgo que xurdiu do val, José Vázquez Peinó, autor e actor, mentor de novos talentos e fundador ou alentador dos grupos todos que na actualidade existen a ambas as beiras do Douro. O Peinó é un auténtico dinamizador cultural, non en van, o Mes do Teatro do Alfoz, é un invento seu.
Esta presenza do teatro na vida dos valecos favorece que ao longo do ano cheguen ao público unha boa cantidade de representacións; e así, novos e vellos, cultos e ignaros, espectadores interesados ou ocasionais, van ao teatro.
Grazas a esta frecuencia escénica, puiden ser espectador nos últimos tempos de dúas obras que lembro pola calidade do cadro actoral e pola riqueza do seu argumento, Os vellos non deben de namorarse, interpretada polo grupo de teatro do Colectivo Cultural Ollomao, de Barreiros, e máis 2155, unha sublime profecía futurista de Xoán G. Laxe, interpretada polo grupo lugués Nova Escena Teatro.
É de xustiza sinalar que o circuíto “Proxecto Teatral Educativo Buxiganga” da Deputación de Lugo, foi determinante á hora de facilitar a presenza de grupos de teatro amador nas pequenas localidades, aínda que nos concellos do val non fose preciso grazas ao autofornecemento dramático.
Onte mesmo, Día das Letras Galegas, na Casa da Cultura do Alfoz do Castrodouro o Grupo Teatral Raiolas congregou o seu fiel e entregado público coa representación de Madia leva!, unha oportuna obra sobre a problemática dos médicos que non empregan a lingua galega nas súas consultas e as negativas consecuencias do seu desleixamento. Como dicía o lembrado Galeano: “Moita xente pequena, en lugares pequenos, facendo cousas pequenas, pode cambiar o mundo”.
E despois de tanto encomio é o momento de inserir unha crítica, benévola e construtiva: No canto de facer que proliferen tantas comedias e argumentos á procura da gargallada no respectábel… Por que non un chisco de reflexión? Que tal unhas pinceladas de teatro combativo?
Só insinúo que ás veces é positivo –e preciso!- darlle ao veo da máquina de pensar, só iso.
Propoño un brinde popular no cumio da Frouseira por mil dezasetes de maio máis cos escenarios do Valadouro plenos de letras galegas!

Imaxe: Xesús Pisón, dramaturgo.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-05-2015 12:24
# Ligazón permanente a este artigo
1989, O ANO QUE CELSO EMILIO APADRIÑOU UNHA GALEGUIZACIÓN
O Día das Letras Galegas de 1989 foille adicado a Celso Emilio Ferreiro; na noite daquel lonxincuo 17 de maio, a segunda canle da TVE emitiu un documental sobre o poeta de Celanova. E grazas a aquela emisión, escoitei recitar –por primeira vez- Longa Noite de Pedra… Curiosamente, o verán pasado, nun curso de reciclaxe laboral tiven que desenvolver un exercicio que consistía na declamación dun poema; a miña elección, como non, foi Longa Noite de Pedra, e lembrei –coido que mesmo imitei- aquela voz televisiva que me emocionou un afastado 17 de maio de 1989.
Grazas a aquela reportaxe descubrín a Celso Emilio, souben do seu poema senlleiro e tiven coñecemento da existencia do día da nosa literatura. Cómpre sinalar que naquela altura eu moraba fóra da Galiza e as estadías na Terra non excederan os trinta días.
Nos anos seguintes, ao se aproximar o 17 de maio, trataba de me informar sobre os actos de conmemoración e celebración na Galiza. Naquela época, case a única maneira de coñecer tales fastos representábana os xornais galegos que se podían adquirir na Puerta del Sol ou na Gran Vía; eu adoitaba mercar El Correo Gallego, e pouco despois O Correo Galego, antecesor do que máis tarde foi Galicia Hoxe, cabeceira da que só sobrevive a edición dixital.
Aquel 17 de maio de 1989 a literatura galega chegou a todos os currunchos do Estado a través dos televisores, mágoa que no sucesivo non se convertese en costume aquela pinga de normalidade; mágoa non só por nós, senón polos millóns de habitantes dunha realidade administrativa tan variada como artificial; mágoa polas persoas que permanecen alleas e ignorantes ás diversas identidades culturais que moran –con incomodidade, con resignación ou con indiferenza- no crebacabezas da Hespaña, como adoitaba escribir Castelao coa esperanza depositada nunha xenerosidade ofrecida e xamais correspondida.
Deste xeito descubrín a grande efeméride literaria da Galiza. Dous anos despois foi don Álvaro o autor homenaxeado, non lembro reportaxe ningunha nas televisións de ámbito estatal, mais recordo, con carraxe, unha referencia nos informativos de Telecinco, onde o escritor e xornalista canario Juantxo Armas Marcelo advertía do perigo desta caste de celebracións, polos sentementos que podía chegar a espertar o feito de honrarmos o propio… Outra volta a España da podremia e a cativeza cos seus complexos identitarios e as súas teimas imperialistas de fidalgo famento.
A miña saudade medrara ben aquel 17 de maio de 1991. Mentres estudaba para os exames do meu primeiro curso universitario, cavilaba en que na cidade de Mondoñedo estarían a conmemorar o día nacional das letras, a lembrar a Cunqueiro e a espallar prosa e verso en galego, a lingua do “País dos dez mil ríos e dos mil vales”.
Representan os dezasetes de maio unha boa ocasión para incorporármonos á lectura en galego, mais non durante un día, nin durante o mes que xa denominamos das letras, non; é un bo día para renacer, conscientemente, con orgullo, á identidade de noso, á única lingua que mora na nosa psique, pois as outras, as aprendidas, moran na memoria, mais non na psicoloxía. Debido a este fenómeno damos por feito que podemos traducir directamente a outras linguas expresións como “cubrir o papel”, cando é algo exclusivo da nosa, xa que no resto dos idiomas significaría porlle algo enriba. Isto ocasiónao un determinado proceso mental: Só pensamos na lingua que nos outorgou o pobo, malia que non nola falasen no fogar. A sintaxe é psicoloxía.
Falemos no que pensamos, non só por patriotismo, tamén para evitar ridículas meteduras de zoco.
Como di a xornalista Débora Campos: “Falo galego porque o galego fala de min”. Por certo, Débora mora en Bos Aires, onde naceu.
Feliz, consciente, concienciado, desacomplexado e insubmiso DÍA DAS LETRAS GALEGAS!
Pensemos para falar, leamos para pensar, falemos para sermos, nós.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-05-2015 19:16
# Ligazón permanente a este artigo
HAI DEZ ANOS ESPERTOU A LITERATURA NO VALADOURO
Nos derradeiros meses de 2004 presentábase en Ferreira O crime de Santa Cruz do Valadouro, obra de pescuda e divulgación dun acontecemento que xa forma parte da historia e a lenda das terras do Douro. Trátase dun feito real mais a imaxinación dos nosos devanceiros foi creando, mesmo, diálogos extremos coma o que ten recollido o dramaturgo Xesús Pisón: -E mátasme meu primo?
Preguntoume ben veces un meu amigo bretoñés, se aínda se percibía no Valadouro malquerenza cara a xente de Bretoña, pois que súa nai tiña sufrido noutrora o desprezo das bañistas valecas nas praias de Foz. Eu sempre respostaba que as xeracións actuais esqueceran tal e que ademais, na noite deleteria de 1888, tanto vítimas coma verdugos eran bretoñeses de nación, malia exerceren os seus oficios na parroquia valadouresa de Santa Cruz.
O autor deste ensaio é o xornalista Miguel Vila, cubano de nacemento, galego de patria e valeco de corazón. O crime de Santa Cruz do Valadouro foi publicado por Ediciós do Castro no 2004, e desafortunadamente xa non se ve polos trinques dos comercios libreiros do Valadouro.
Hai dez anos, Contos do Valadouro consolidábase como o grande arquivo da literatura oral da bisbarra do Douro. Ediciós do Castro lanzaba unha edición ampliada con novos contos, partindo dos xa publicados nas dúas edicións primixenias de Edicións A Nosa Terra a finais dos ’90.
Curiosamente, este libro non gozou de presentación, os seus autores –os coñecidos Isaac Ferreira, Manuel Lourenzo e Xesús Pisón- atarefados en mil e un proxectos teatrais foron deixando pasar o tempo e contentáronse con aquel evento de 1998 no que o traballo se deu a coñecer no Pub Atalaia de Ferreira; alí merquei o meu volume daquela histórica primeira edición de Contos do Valadouro.
Como anécdota contaremos que as primeiras remesas da edición de 2005 traían un defecto na capa, a resina empregada para esmaltar o cartón saía do prelo con engurras. Varios deses exemplares chegaron ás librarías do val mais tal incidencia foi detectada e comunicada decontado a Ediciós do Castro por Isaac Ferreira. Na actualidade, a editorial puxo en circulación unha boa cantidade de volumes que permaneceron gardados nos seus almacéns durantes case unha década, polo cal, outra volta pode adquirirse o libro no Valadouro.
Coido que unha boa parte das persoas que hoxe escriben no Valadouro teñen recibido o influxo desta obra que alén do puramente literario, situou a bisbarra do Douro no mapa das identidades.
E no mesmo ano 2005, o docente xubilado Pedro Rubal Pardeiro publicaba a súa primeira obra, un ensaio titulado De Maquiavelo a Wallraff. Dos víctimas de la hipocresía ajena. No devandito estudo, as tramas do posnazismo e o xornalismo de pescuda amósanse ao lector diseccionados pola ollada precisa e fiucega do profesor Rubal, quen fiel á disciplina que aprendeu a varias xeracións de estudantes, aplica o filtro da filosofía a todo feito histórico ou social.
A presentación deste libro autoeditado e impreso en Mondoñedo no histórico prelo Sucesores de Mancebo, tivo lugar no Salón de Conferencias do castelo do Castrodouro. É posíbel que aínda existan exemplares á venda na focega Libraría Bahía.
Estas tres obras, totalmente diferentes, encetaron unha época na que con máis esporadicidade da desexada polos letraferidos, O Valadouro foi escenario de varios nacementos literarios. A época, endebén, continúa viva; apoiada pola dinámica cultural –non exclusixamente literaria- xurdida hai uns poucos anos grazas á presenza de varios grupos de teatro locais, a creación do mes do teatro en Alfoz, o xurdimento do Seminario de Estudos do Valadouro, o traballo divulgador da Liga Céltiga Galaica…
Velaí a boa nova: A cultura está a vivir unha época dourada nas ribeiras do Douro, mais o ermo fertilizouno a irrupción literaria de hai dez anos.
Naquel 2005, cumpríronse cincuenta anos da publicación de Cóxegas, o poemario de Celestino Cabarcos Suárez; falouse daquela nos ámbitos culturais e societarios –Miguel Vila quentara o ambiente cun artigo incendiario-, de celebrar tal efeméride coa publicación dunha edición facsimilar. O proxecto nunca viu a luz, mais, non é preciso agardar ao centenario para retomar a idea e pór en circulación unha obra que marcou un fito na literatura valeca; pois, como xa temos comentado nestas páxinas, dende a publicación de Cóxegas en 1955, para un valeco unha cóxega é un poema.

Imaxe: Isaac Ferreira e Manuel Lourenzo, coautores xunto a Xesús Pisón de Contos do Valadouro.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-05-2015 18:25
# Ligazón permanente a este artigo
MONDOÑEDO É POESÍA (e é tal)

O primeiro día de maio desenvolveuse na cidade das dez mil tabernas (permítanme este xogo ao fío dun comentario do poeta Lois Pérez) o evento “Mondoñedo é poesía”, acontecemento que congregou un bo número de persoeiros das letras, e ao mesmo tempo unhas poucas e senlleiras figuras da música e das artes plásticas. Esta segunda edición rematou de consolidar un proxecto que xa gozou de grande éxito o pasado ano, cando artellara o acto o Grupo Literario Leiras Pulpeiro; desta volta exerceu de anfitrión o colectivo recén nado Mondoñedo é…
Comezou a ruta literaria na Praza da Catedral –ao peíño de don Álvaro fosilizado- e aos poucos foi chegando –coas paraxes precisas para que os versos foran ficando liberados naquela atmosfera primaveral e festiva- ao barrio da Alcántara, onde se asenta o Auditorio Pascual Veiga; nel, un público que ateigaba o Centro Cultural deleitouse coas voces de Miro Casabella e César Morán, decote presentes nos actos culturais mindonienses.
Cómpre felicitar aos artífices deste magnífico evento cuxo leit motiv foi un poeta do que temos falado nestas páxinas non hai moito, Antonio Noriega Varela. A elección non foi feita ao chou, pois que hai cento vinte anos, o mindoniense obtiña un premio no Certame Literario das San Lucas co seu poema De Ruada.
Malia que no devandito recital non había poetas mediocres, non me resisto a destacar uns cantos nomes que me emocionaron especialmente, non só polo contido dos seus versos –tamén- senón polo seu virtuosismo á hora da declamación, xa que todos sabemos que hai grandísimos vates que non son quen de ler con xeito as súas creacións, e a calidade da dicción –cada día menos frecuente- é esencial nesta cuestión.
Hai ben tempo que me recomendaron a Baldo Ramos, descubrino en Mondoñedo este 1º de maio e cautivoume a sensibilidade da súa poesía. Recoméndoo.
Non hai moito que vira a Lois Pérez botando contos –el autodenomínase traficante de ideas-, mais escoitalo recitar coa guitarra ás costas é un deses espectáculos que toda persoa vinculada á literatura debe experimentar polo menos, sempre que se poida. Recéitoo.
Yolanda Castaño sei que é moi lida no noso país, mais non chega con lela, cómpre sentila. Sentila. Percibila. Aconsélloa.
Eu non sabía do catalano-galaico Eduard Velasco até que o ano pasado obtivo o Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro, descubrilo supúxume un grato e refrescante achado. Prescríboo.
Desafortunadamente a inmensa Luz Pozo Garza non puido asistir á convocatoria, malia todo, recibiu o aplauso dun público embebido de poesía e entregado a uns artistas que deron o mellor da súa arte nun serán inesquecíbel para calquera amante das letras.
Se houbo unha temática recurrente foi sen dúbida a defensa e exaltación da lingua galega. Dende os novos aos maduros, dende os consagrados aos noveis, dende os urbanos aos rurais, aquel xuntoiro de trobadores proporcionoulle á lingua da Galiza unhas cinco horas de gloria e reinado, non só pola súa presenza nas composicións –absoluta- senón polo fomento e proselitismo efectuado dende as voces todas.
E se todo isto abondaría para que os máis sensíbeis comezaran a percibir síntomas da síndrome de Stendhal… Aínda resta algo por testemuñar, e non é cousa pequena.
O público asistente recibiu dous agasallos: Ao entrar no auditorio unha reprodución do xa mencionado poema De Ruada, e ao saír, un cartafol coas composicións escollidas polos poetas convocados na presente edición.
Se cada vila, cada concello, artellase, aínda que só fose unha vez para cada xeración, un evento literario semellante –ou a metade deste-, viviriamos outra realidade; teriamos outra Literatura, outra mocidade, outra Galiza.


Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 03-05-2015 12:36
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal