 Accedín estes días á lectura da novela Réquiem por un campesino español,
talvez a obra máis coñecida de Ramón J. Sender.
Recordo a énfase que puña o meu profesor de literatura Luis Cañizal en aclarar a correcta pronuncia do apelido do novelista, pois téndese a nomear desatendendo a acentuación acaída.
Estamos ante unha novela breve, sinxela e con poucos personaxes, no entanto, chegan estes recursos para retratar unha época riquísima desde o punto de vista histórico: a da esperanza motivada polas reformas republicanas, mais tamén a da posterior arbitrariedade delirante sobrevida coa sublevación militar de 1936. En definitiva, un relato rotundamente clarificador non exento de matices autobiográficos.
Convén pescudar no traxecto vital do autor para obtermos os porqués que o levarían a escribir, desde o exilio mexicano, a crónica dunha morte desvelada nas primeiras páxinas do texto.
Sei que tal característica da trama evocará, a calquera lector experimentado, aquela novela garciamarquiana que algúns criticaron polo feito de sacrificar a intriga no comezo, non obstante, non será este o único trazo común coa narrativa latinoamericana, pois durante a lectura os ambientes da literatura do boom visitarannos recorrentemente. Un escenario rural e arcaico, unhas atmosferas por veces asfixiantes e algúns elementos vinculados á violencia intestina, conducirannos até aquelas célebres novelas que, no entanto, son posteriores, pois Réquiem por un campesino español aparece publicada por vez primeira (aínda que con outro título) no México de 1953.
Esta obra recrea, sen aforrar pormenores, un episodio dramático da intrahistoria da Guerra Civil, destacando o papel dos ministros da Igrexa ante a polarización dunha sociedade atenazada por estruturas medievalizantes.
Miseria, inxustiza, resignación e mesmo superstición, van revestindo o texto cuns elementos sólidos que nos anuncian un desenlace pouco alentador, mais o retrato plasmado na novela tamén nos ofrecerá o documento dunha época en aspectos non menos interesantes: crenzas, oralidade, usos agrícolas… non deixa este Réquiem de presentar un testemuño etnográfico.
Desde logo, trátase dunha obra absolutamente recomendábel que hoxe, ante o retorno de posicións ideolóxicas contrarias ao sentido común, convén ter moi presente.
|