 Vén de se aprobar a nivel estatal unha lei sobre a eutanasia. Eutanasia, este termo de vigorosas reminiscencias helénicas, é unha palabra que non aparece na novela Acabadora, no entanto, non é preciso que a “boa morte” sexa nomeada no devandito texto, pois que o concepto sobrevoa a obra toda.
Contra o que se poida pensar nun primeiro momento, esta obra da sarda Michela Murgia non é unha novela agre nin anguriosa, ou, para sermos exactos, tales ánimos serán proporcionados nas mesmas doses que en calquera outra.
Accabadora (na súa versión orixinal) foi publicada en 2009, e nove anos despois apareceu traducida ao galego no selo Rinoceronte Editora.
Trátase dun texto ben ameno, perfectamente estruturado e puído con man sabia. Debo confesar que había tempo (desafortunadamente moito tempo) que non caía nas miñas mans unha novela encadrábel na alta literatura; endebén, dona Michela obrou o milagre. Non en van, durante o traxecto lector experimentei unha sensación esquecida, ese ímpeto de proceder a unha segunda lectura en rematando a primeira.
Quen goste da tradición, do folclore e dos costumes do rural europeo, atopará nesta novela unha auténtica apoteose da antropoloxía e a etnografía da nosa civilización. A superstición, esa primitiva forma de relixiosidade, goza en Acabadora dun verdadeiro lugar de culto e recreación.
Esta novela de profundo interese fálanos dunha Sardeña labrega e autosuficiente, non moi afastada da nosa realidade máis próxima. Agás polo seu carácter insular, o ámbito descrito (cos seus ciclos naturais e as súas pouquidades) non dista moito do rus dos pobos ibéricos.
Subxace, durante a obra toda, a constatación da sobrevivencia e a perseveranza dun país abandonado polo Estado, pola metrópole, e unicamente recordado á hora de extraer o preciso. No caso que nos ocupa, a cobizada materia prima eran homes para a guerra. Debemos ter presente que Michela Murgia distínguese por reclamar a soberanía para Sardeña.
Non só é unha lectura recomendábel Acabadora pola súa calidade, trátase amais diso, dunha obra ben acaída para os nosos días, uns tempos en que por fin, a lexislación condenou o padecemento.
|