Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

MOLIÈRE E OS IMPERATIVOS LEGAIS
Tras ler Tartufo, unha obra dramática profunda, amena e con espazo para a reflexión, o lector ficará estrañado perante a resolución da trama, ofrecida nun último acto redactado a posteriori e dalgún xeito, por imperativo legal. Non esperariamos, no momento en que as páxinas desta terceira edición de Cátedra rematan e a obra recende a conclusión, topármonos cun deus ex machina en toda regra, e moito menos cunha machina engraxada por aquelas monarquías de orixe divina. Así e todo, era aquela unha época en que os monarcas auspiciaban o teatro comprometido. Canto recuamos!
Cando o lector extingue o acto cuarto para encetar o quinto, os responsábeis da edición –Encarnación García e Eduardo J. Fernández- advirten de que aquel acto non formaba parte do Tartufo primixenio.
O gran Molière debeu ter que loitar contra os detractores da súa obra e atopou refuxio nun Luis XIV amante das artes, en troques, el convertiría o monarca nun superheroe. Nada novo, nomeadamente se temos en conta que os inimigos do dramaturgo eran tamén os do rei.
Nos extensos escolios desta edición de 1989, de maneira reiterada, os citados estudosos e tradutores recórdannos a probábel inspiración do parisiense nunha novela publicada tres décadas antes, trataríase de La hija de Celestina, obra do madrileño Alonso Jerónimo de Salas Barbadillo. Sexa como for, eu quixen atopar reminiscencias d’O rei Lear nesta traxicomedia ben enfiada, que de non ser polo obrigado servilismo ao que se viu obrigado o autor, seguramente ofrecería máis trazos de traxedia que de comedia.
Desgrazadamente, os actos inseridos por agradecemento desvirtúan o texto e restan vigor literario a unha obra que fixo do dramaturgo unha referencia universal.
Por outra banda, a dimensión de actos e escenas presentan pronunicadas diferenzas, e esta irregularidade tampouco é allea á magnitude dos diálogos, onde deberemos enfrontarnos con auténticos discursos.
De modo que, o cadro actoral que deba abordar a representación dun Tartufo, haberá exercitar a memoria e quen sabe se resucitar os vellos apuntadores.

Imaxe: Capa dunha edición en portugués.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-04-2018 11:35
# Ligazón permanente a este artigo
O ADEUS ÁS ARMAS CONTADO POR IÑAKI EGAÑA
“Hai que aprender a manexar as armas do adversario, mais co debido noxo”.
Nicolás Gómez Dávila

Lendo El desarme. La vía vasca, un decátase de que ETA xa non existe, ou cando menos, non existe tal e como a coñecemos até hai unha década; porque o adeus ás armas comezou hai sete anos, aínda que en realidade, deu en xestarse moito antes.
O escritor e articulista Iñaki Egaña, autor desta crónica publicada pola tríade Mediabask, Txalaparta e Gara, non aforra datos nin teme caer en reiteracións; todo é pouco para explicar un proceso que –aínda por rematar- poucos coñecen en toda a súa dimensión.
ETA deixou de ocupar titulares de prensa e o conflito vasco semella ter perdido protagonismo nas sociedades do Estado español, xa que logo, quen viviron de preto o inicio desta andada para “propiciar un novo ciclo político” (tal é o que transmite o texto de Egaña) deben esforzarse en describir iso que o Goberno español teima en denominar “a derrota de ETA”.
Todos sabemos que derrotar é o verbo máis empregado na España historiada e o menos practicado na España real; por iso, soamente para contrarrestar a propaganda triunfalista do aparello estatal, convén ler esta oportuna e necesaria crónica.
Chegaremos a varias conclusións tras nos mergullar nas páxinas de El desarme. La vía vasca, e poucas coincidirán coa versión oficial cociñada nas cueiras de gobernos, partidos e medios de comunicación.
Observando os inventarios do desarmamento (reproducidos no libro a partires dos propios documentos elaborados por ETA e con fotos de armas e explosivos) chegaremos ao convencemento de que a sempiterna cantilena da extinción irremediábel, é tan dubidosa como deseñada polos aparellos de propaganda. Un dato obxectivo proporcionaranos unha imaxe que nos foi negada e que nos sandará das intoxicacións mediáticas: os verificadores do proceso foron depositarios de tres toneladas e media de armamento.
Entidades internacionais esforzábanse en mediar e persuadir ás partes da necesidade dun final negociado, o compromiso da poboación de Iparralde (a Euskal Herria baixo administración francesa) estendía o clamor do conflito até o palais de l’Élysée, e por riba de todo, Noruega implicárase na pacificación até límites insospeitábeis. Sirvan estes parágrafos como mostra: “Tres representantes de ETA estuvieron acogidos en Noruega durante más de quince meses a la espera de una delegación española que nunca llegó.”
Alguén sabía que a intervención do Estado noruegués fora fundamental no cesamento de hostilidades por unha das partes?
En cada páxina acharemos roles e protagonistas que os noticiarios de TVE, Antena 3, Cuatro ou La Sexta non nos descobren, pois a narración dos feitos, como sempre, é transmitida de xeito alterado, mirando de vencer no eido informativo.
Existiu un factor determinante que tampouco transcendeu fóra de Euskal Herria, un profundísimo debate aberto no seo da esquerda abertzale (ese conglomerado formado por sindicatos, partidos, colectivos xuvenís, asociacións culturais, sociais, humanitarias, os propios presos…) até chegar á certeza de que o ruído das armas nada bo traería no momento actual.
A canseira desa parte da sociedade vasca que se autodenomina abertzale (patriota), percibíase desde hai ben tempo, nomeadamente cando as últimas treguas suscitaran unha ilusión que parecía deixar avistar unha solución pactada. Isto non o conta Egaña, isto respirábase nas rúas e corredoiras de Vasconia, onde os máis próximos á clandestinidade viron que o enquistamento da situación (Egaña denomínao “bloqueo”) favorecía soamente ao Goberno español.
Outra das conxecturas estendidas polo oficialismo que esta lectura disipará é a dun desarmamento en soidade, pois, actores, facilitadores e mediadores colaboraron decontino na viaxe cara á pacificación; desde históricos negociadores noutros conflitos até o Vaticano, desde vasquistas militantes da non violencia até a Confederación Helvética…
Si; grazas ao libro de Egaña advertiremos as numerosas cortinas de fume que boa parte dos medios nos colocan diante os ollos acotío.
A linguaxe desta obra que supera as trescentas páxinas é meramente xornalística, descritiva até a iteración exhaustiva, co manifesto ánimo de achegar nitidez a uns episodios que non todas as partes desexan revelar.
Non ten desperdicio a pasaxe sobre o acontecido en Luhuso, onde se nos describe un momento crítico do proceso en que os propios observadores sofren o acoso policial.
Non hai vitimismo no texto de Iñaki Egaña, nin acusacións feroces contra as institucións que retorceron a información até límites grotescos ou dificultaron a destrución do instrumental da morte, unicamente ilusión no futuro, nun mañá onde as armas, pese a todo, continuarán presentes, pois a unilateralidade foi a compañeira máis fiel na viaxe cara a un proxecto emancipador sen cheiro a pólvora.
Esta obra lanzada en xaneiro deste ano publicouse en éuscaro, francés e castelán; non deixou de sufrir algunha censura na campaña de lanzamento, mais, quen espera que as verdades incómodas experimenten un parto sen dor?

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-04-2018 17:18
# Ligazón permanente a este artigo
A PRIMAVERA VALECA
Se a capital do Valadouro posúe un símbolo de seu, ese é o MERCADO.
Mercados temos semanais, de outono, do mel, ou de primavera, e houbo mercados que hoxe son unicamente, historia e memoria.
Non na noite dos tempos senón na historia dos sábados, xorde o vínculo entre o comercio e a vila de Ferreira.
Din as crónicas que o mercado puido nacer coma o resto dos mercados, para que os produtores da contorna puxesen á venda o froito das súas hortas e as carnes dos seus cortellos, mesmo se di que a afluencia de comerciantes chegados desde Castela, nas longuísimas rutas dos negociantes maragatos, axudou a que a capital do Valadouro consolidase unha cita para o encontro entre seareiros e comerciantes.
Mais eu, desde sempre, quixen asociar o nome de Ferreira ás augas ferruxinosas do río homónimo, emparentado coas explotacións metalúrxicas das terras do Valadouro, documentadas xa, no século XVI.
Supuxo, ben seguro, este metal, o máis primitivo comercio da nosa vila; así o testemuñan os numerosos topónimos locais vinculados ao ferro: desde Ferrocente no Cadramón até As Forxas en Frexulfe, sen esquecer as numerosas Escouras, Escouridos e Escouridais presentes en Budián, en Adelán, nas Oiras, en Recaré e no Pereiro; nin os Machucos, auténticos enxeños para estirar o ferro que dan nome a barrios de Lagoa, de Budián e de Santa Cruz.
Non en van, nas proximidades de Ferreira asentouse a ferraría máis próspera dos tempos en que o ferro supuña o auténtico ouro vermello do noso val. Era O Valadouro naquel tempo, un Valdeferro.
Así e todo, a tradición negociante do Valadouro non é exclusiva da capital nin adscrita a un tempo concreto. E digo máis, algunha peza artesanal, elaborada no noso val, chegou a formar parte das mostras etnográficas do gran museo dos galegos; recordemos se non, o que dicía o poeta Luís González Tosar hai uns anos, nun nostálxico artigo xornalístico. O sabio autor escribía:
“Pero sería (…) nos comezos do Museo do Pobo Galego, cando intimei con Salvador [García Bodaño], encargado entón da sección etnográfica de oficios e arte popular. Pasámolo bárbaro nunha xeira ao cume do Cadramón, no Valadouro, onde foramos na procura dun cesteiro. Imposible esquecer a impresión daquel home metido nunha chouza baixa e escura, labrando vergas de carballo cunha ferramenta primitiva de todo. Despois dun inquérito lingüístico e de mercarlle un par de cestos brutos, baixamos camiñando, un bo pouco envoltos nunha néboa tépeda, convencidos -como dixo Bodaño- de termos estado no século XII.”
Afortunadamente, se a visita dos dous poetas se producise hoxe en día, non afirmarían tal; pois O Valadouro pelexou por se incorporar ao seu tempo e non quedar atrás, mirando para o pasado co único ánimo da recreación, e por riba de todo, da aprendizaxe.
Sexa como for, hoxe celebramos un renacemento. O daqueles vintecincos de marzo en que as rúas de Ferreira se enfeitaban para recibir valecos e visitantes ávidos por gozar das tres novidades.
Unha tríade de elementos festivos distinguía o mercado do 25 de marzo dos mercados ordinarios: os produtos exóticos, o paseo e o cine.
Os produtos exóticos viñan da man de tendeiros que se achegaban a Ferreira unicamente tres veces no ano: o 2 de febreiro, Mercado da Candeloria; o 8 de setembro, día grande das festas patronais e mais no Mercado do 25 de marzo.
O paseo era unha actividade que hoxe, pouca xente recorda e entende. Tratábase dun exercicio de exhibicion das mellores galas, mediante un percorrido pausado desde Tanín á Feira Nova; velaí os confíns da nosa vila.
E o cine; porque o 25 de marzo había proxección no cine de Ferreira, e así os cinéfilos valecos podían gozar de Gilda, de Arroz amargo ou de Mogambo, títulos acosados pola censura dos tempos escuros, e no entanto, filmes que chegaron ao Valadouro para escándalo de mentes estreitas e depauperadas.
Hoxe, o Mercado do 25 de Marzo chámase Mercado Tradicional de Primavera. O costume foi recuperado e adaptado a uns tempos en que os Paseos de mocear son virtuais e teñen lugar nas redes sociais; o cine descárgase na Rede e moitos produtos exóticos deixaron de selo por cultivárense xa, no propio val.
Porén, hoxe coma onte, o mercado celebra o nacemento da luz, o renacer da natureza e o agromar dos froitos de tempada; festéxase en definitiva, a despedida do inverno.
É esta unha festividade na que os netos calzan as zocas dos avós, bambean os caxatos das avoas e locen esas boinas que andaban pola casa desde antes de eles naceren.
Xa que logo, o éxito do Mercado de Primavera está conquerido e garantido, pois vendo que as xeracións máis tenras tiveron que aprender a andar en zocas, a mover longas enaugas de liño e a enfundarse en refaixos de feltro, o futuro da primavera valeca retorna prometedor.
Resulta gratificante contemplar os actuais festexeiros, co smartphone agochado na faldriqueira, participando coa mesma devoción que o fixeron os seus devanceiros. E tal fusión de épocas, diversións e ímpetos xuvenís fainos chegar á conclusión, de que o renacer da primavera xamais se deixará de conmemorar no Valadouro; tal e como se fixo sempre, en comunal cerimonia, oficiada hoxe como hai décadas, en torno ao mercado máis agardado por valecos e valecas de todos os tempos.
Viva a primavera valeca!

LIONEL REXES

(Pregón pronunciado a noite do 23 de marzo de 2018 na Casa da Cultura “Manuel Lourenzo” da vila de Ferreira).
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 02-04-2018 12:17
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal