Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

GOZANDO O DÍA DO LIBRO EN BERTAMIRÁNS

O Concello de Ames artellou, o sábado 22, un evento de nome fermoso para conmemorar o Día do Libro; Literatura na praza.
Literatura na praza é unha cerimonia de entronizamento do libro, da escrita, da lectura e, en definitiva, de calquera actividade xermolada en úteros literarios.
Cheguei até a localidade de Bertamiráns após terme convocado o Servizo de Normalización Lingüística municipal. Ía ter lugar a presentación do volume cos textos gañadores do XIII Certame Literario do Concello de Ames, e debía estar presente para ler un fragmento de A mortalla do demo.
Era mediodía e o acto non comezaría até as cinco da tarde, había tempo para pasear e coñecer a hostalaría local. Foi así como me decatei, na Praza da Maía, de que un banco público estaba ocupado por varios libros.
Non era o posto improvisado dun libreiro ambulante nin o froito das présas dun lector desprecatado; tratábase dunha iniciativa institucional.
A Deputación da Coruña, o programa Ler conta moito e mais o Concello, “conspiraran” para que os transeúntes namoraramos dalgún volume “esquecido” sobre o mobiliario urbano.
Sen custos nin compromisos, os viandantes puidemos fornecérmonos de poesía –tal foi o meu caso-, de ensaio, de narrativa…
Tratábase, sinxelamente, de dar acollida a un libro; un libro emancipado por entidades públicas en plena rúa. Toda unha incitación, todo un exercicio pedagóxico, un regalo superior… Isto, créanme, ten moito de exaltación da liberdade: espazos públicos, cultura á disposición do pobo de xeito gratuíto… As letras tomando as rúas!
De feito, os libros portaban un colante marcapáxinas co lema “Libros para sermos libres”. E no respaldo do banco, un tentador cartel proclamaba: “Estes libros son un agasallo”.
Mais non era algo restrinxido ao banco que chamou a miña atención, pois aquela literatura micótica inzara no resto dos bancos da praza.
Chegou a tarde e dirixinme ás carpas instaladas na Praza do Concello.
Postos de venda de libros e tamén de intercambio, obradoiros de marcapáxinas, teatro, recitais… xa o dixemos, unha cerimonia de exaltación das letras; o rito dos pobos cultos, avanzados, civilizados.
Lemos anaquiños dos nosos textos, coñecemos as creacións dos outros autores –de idades diversas e procedentes de diferentes puntos do país- e recibimos un ramalliño de flores.
E todo en galego, coa normalidade agardada e cultivada por quen escribimos na lingua de Bertamiráns, de Ortoño, de Lens…
Bravo polo Concello de Ames!

LIONEL REXES

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-04-2017 19:33
# Ligazón permanente a este artigo
O MELLOR POEMA DO MUNDO ESTÁ ESCRITO EN GALEGO
De xeito anual e desde 2014, Ediciones Nobel convoca o Premio Internacional de Poesía Jovellanos; do mesmo xeito, auspicia un premio de ensaio, tamén internacional e tamén na honra do autor asturiano.
A lingua guaraní, a persa e mais a castelá, teñen sido as afortunadas en anteriores edicións, mais este ano, grazas a un poema da coruñesa Emma Pedreira, a lingua galega obtivo o recoñecemento dun premio ao que optan composicións en innúmeros idiomas.
Lista da compra da viúva é o título do poema presentado por Emma Pedreira, autora da denominada Xeración dos ’90, quen recentemente, nunha entrevista concedida ao programa Zigzag Diario da TVG, afirmaba que se se congratulaba de algo, era de ter elevado o galego a un ámbito de ampla transcendencia, pois que adoitaba levar a lingua por bandeira. Honroso e feraz estandarte.
Temos dito nalgunha ocasión que non hai linguas pequenas, senón en todo caso, mentalidades estreitas; por iso, resultan moi necesarias as iniciativas desta caste. Xa que logo, parabéns para Ediciones Nobel; e por suposto parabéns para dona Emma.
É curioso que a lingua galega triunfe en ámbitos internacionais (o departamento de turismo de Londres promociónase en galego, Chévere representa Eroski Paraíso fóra da Galiza en versión orixinal, Sés e Guadi Galego eríxense como cantoras de culto soando en radios estatais… Mesmo unha aeronave norueguesa loce a efixie de Rosalía polo mundo adiante!) ao mesmo tempo que perde terreo no seu espazo natural. Cando se decatarán, eses cosmopolitas de sotaque irrefutábel, de que o gran problema non está no galego senón na súa propia actitude, mísera e limitada?
Dito queda, o galego triunfa e garántese séculos de existencia; malia que nun futuro non moi afastado, os estudantes de filoloxía galega se vexan obrigados a emigraren para cumpriren os períodos de prácticas.
Sempre nos quedará Bos Aires.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-04-2017 12:13
# Ligazón permanente a este artigo
TEATRO POPULAR VS TEATRO CULTO?
O 16 de abril presentouse no Alfoz do Castrodouro Vinte obras de teatro afeccionado, a segunda publicación de Pepe Peinó, quen exerce a docencia no devandito municipio desde hai un cuarto de século.
A mañá do domingo acabou supondo unha homenaxe ao eido dramático, mais tamén significou a abertura dun debate que levaba anos latente entre persoas do eido cultural local: É preciso escribir comedias, indefectibelmente, cando o teatro vai destinado a un público sen formación superior?
Na mesa principal estaban, ademais do autor da obra recén nada, o dramaturgo Manuel Lourenzo, o cineasta Matías Nicieza e o actor local Cachín.
E a “controversia” xurdiu espontaneamente, avivada polos consellos velados do cineasta e mais o dramaturgo (quen resulta ben explícito no prólogo de Vinte obras de teatro afeccionado), moi interesados en descubrir unha outra faceta dramatúrxica de Peinó.
A cuestión radica –e isto é unha mera reflexión persoal- no hábito que os axentes teatrais (autores, actores, grupos, departamentos municipais de cultura…) poidan estar a inocular nun público que vai ao teatro –unicamente- cando se acenden as luces do centro social da localidade.
Con todo, non sería teorizar o obxectivo principal do evento, senón a presentación dunha obra de obras, un volume de 989 páxinas que recolle parte do traballo dramatúrxico dun escritor incansábel, dun dinamizador cultural que non só escribe; tamén dirixe, actúa, xestiona, cohesiona e artella.
Pepe Peinó é unha institución cultural en si mesmo. Dicir teatro no Valadouro é facer referencia á súa persoa, mais tamén dicir cinema, e proxectos culturais municipais, e radio, e outras iniciativas que non terían xurdido sen contar co seu impulso emprendedor.
Raiolas, A Maseira, Trípode, O Centiño… Son nomes de colectivos teatrais onde Pepe Peinó achegou ou achega os seus textos e todo o seu esforzo. Pois que falamos, non só dun home creativo, senón dun traballador comprometido. Goza arrolándose polo escenario e non rexeita apeitar cos decorados; produce textos a velocidade vertixinosa e se as subvencións non dan chegado achega diñeiro do seu peto. O que for preciso para que o espectáculo continúe. Si, un imprescindíbel.
Polifacético é un dos adxectivos que lle acae perfectamente ao noso Pepe; soamente un deles, porque se falamos de calidade persoal non chegaría con bondadoso, solidario, leal…
Si, claro; cando se fala dos amigos nunca se é obxectivo, mais Peinó logra opinións unánimes ben semellantes á do parágrafo anterior. Recolle o que sementou. Amizade.
Regresemos á presentación do día 16. Resultou tremendamente interesante a intervención de Manuel Lourenzo, quen retornou á orixe do teatro para nos falar das máscaras mortuorias coas que naceu o oficio da interpretación, pois que esas carautas míticas que hoxe chamamos Comedia e Traxedia, un día foron de cera e estiveron emparentadas coa tanatopraxia.
Xa dixemos que non se trata dun libro pequeno, e para o facer máis grande (en todos os sensos), aparece fornecido con deseños de Xosé Blanco, quen ilustra desde hai anos boa parte da literatura que abrolla no Valadouro.
Mais nun acto artellado por Pepe Peinó non podía faltar unha representación teatral, e desta volta, gozamos de tres. A ocasión merecíao.
Escolléronse pezas tiradas de obras incluídas no libro presentado, interpretadas por actores e actrices de varias épocas, e onde o propio autor non renunciou a un papeliño.
Ars dedicandi.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 20-04-2017 10:18
# Ligazón permanente a este artigo
DE CANDO A LITERATURA ORAL SALVOU A XEREZADE
As mil e unha noites é un deses libros que entrou na mitoloxía dos tesouros universais e que seguramente, ninguén poderá gozar xamais na súa totalidade. Ao longo do tempo, diferentes versións e traducións foron fornecendo bibliotecas e ánimos lectores con diverso número de relatos; pois que a obra sufriu achegas e talladas que lle mudaron o contido revisión tras revisión.
Trátase duns contos ben diferentes aos que alimentaron á nosa bagaxe oral; móstranse moi elaborados, prolónganse no tempo, son rotundamente conclusivos e advírtese que naceron en épocas onde o tempo, era dilatado e empregado en beneficio da tradición oral.
Como transmitirías hoxe un relato de As mil e unha noites?
Resultaría imposíbel rematalo sen que soase un móbil, sen que alguén comprobase as mensaxes recibidas (perdendo totalmente o fío da narración) ou mesmo sen que un ousado –e maleducado- espontáneo preguntase pola data en que vai chegar aos cinemas a historia en cuestión.
Son outros tempos; e a literatura oral daqueles séculos afastados é visitada, unicamente, por persoas coma vós, letraferidos e bibliómanos.
Fantasía a eito, adoutrinamento moral e loanzas ao deus dos musulmáns inzan os relatos do invocado compendio, unha obra que andará a cumprir ao redor de doce séculos.
Cada edición comercializada é distinta, mesmo o título vén sufrindo alteracións; por iso, non debemos tratar de procurar a colección definitiva, xamais a acharemos. Mergullémonos no volume que teñamos á man e estabelezamos paralelismos coas narracións propias das nosas culturas, dos nosos autores e do noso tempo, velaí a chave das noces.
Todo adepto ás letras en lingua galega encontrarase con Álvaro Cunqueiro nos contos de Sinbad o mariño. Si, a maneira de crear, inventar e fabular que todos gabamos no autor mindoniense, xa foi ben cultivada nos relatos vinculados ás vivencias do mítico mariñeiro árabe, aínda que debemos salientar que en lei dereita, os devanditos textos non formaron parte, inicialmente, de As mil e unha noites.
E a riola de inspiracións non remata aí, pois dise que o ciclo sinbadiano tiña tomado, á súa vez, boa nota da Odisea.
Manexei un exemplar da histórica Biblioteca Básica Salvat (os populares ‘libros RTV’) do selo Espasa-Calpe, editado en 1970 e prologado por Juan Vernet, o coñecido arabista catalán falecido hai poucos anos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-04-2017 17:41
# Ligazón permanente a este artigo
UNHA PRESENTACIÓN EN VILAMOR
Que a Casa da Penela é un espazo con vibracións literarias é algo que está a ficar claro nos últimos tempos. Por iso e por moitas outras razóns, entre os seus muros de pedra antiga tivo lugar a presentación de El humo del diablo.
Esta obra, do xornalista Fernando Salgado, é unha crónica con argumento biográfico e feitío de libro de memorias. Porque o autor, conviviu varios meses coa persoa que cedeu o seu testemuño para nos arrepiar.
El humo del diablo narra un descenso; máis cós infernos ás cloacas do límite humano, a eses recantos escuros onde habita a maldita facultade para comerciar con vidas, vontades e dependencias, e por riba de todo, á capacidade de resistencia deses individuos que parecen gozar das famosas sete vidas felinas.
Os territorios polos que discorre El humo del diablo son xeografías extremas, latitudes onde a existencia se torna incompatíbel coa habitabilidade e cada minuto supón unha batalla contra os elementos. Mais neste caso, a cuestión non radica nun clima adverso nin na hostilidade dunha paisaxe de neves perpetuas; El humo del diablo é unha viaxe ás ensullas dos labirintos da cobiza, ao miolo desas leprosarías que o bazuko propiciou en Bogotá, desde o momento en que as organizacións de narcotraficantes se viron obrigadas a procurar un mercado interior, pobre e pouco exixente, despois de que Europa e Estados Unidos dificultaran a entrada masiva de estupefacientes desde Colombia.
Se temos afirmado, en infinidade de ocasións, que a historia do pobo galego favoreceu unha sorte de rede de embaixadores polo mundo adiante, tamén neste caso veremos como é un compatriota noso quen nos leva da man polas espenucas da degradación humana.
José Antonio Iglesias Prieto coñeceu in situ aqueles vertedoiros de seres humanos condicionados pola adicción; mais este galego de Portonovo non é médico, policía ou reporteiro. Foi, sinxelamente, un protagonista, unha vítima.
A crónica está redactada en primeira persoa, lucindo os modismos propios do castelán de Bogotá; mais trátase da voz de Iglesias Prieto emprestada á pluma de Fernando Salgado.
A presentación que tivo lugar o 1 de abril na Casa da Penela, en Vilamor (Mondoñedo), foi auxiliada cun documental de vinte minutos de duración, grazas ao que se pode observar o José Antonio posuído polo fume do diaño e mais o José Antonio rehabilitado.
Tras a proxección do vídeo, é o autor quen se dirixe ao público para matizar todas aquelas cuestións que o documental non dá apreixado.
Salgado leva celebrado máis de vinte presentacións da obra e a experiencia percibiuse no completo e estruturado evento de Vilamor, onde o xornalista estivo flanqueado por Fernanda Cedrón Trigo (neta de Luis Trigo Chao, o mítico Gardarríos) e Xulio Rodríguez Leiras (activista cultural mindoniense).
Se o documental deixa o público co estómago encollido (e ao mesmo tempo con pouca gana de experimentar con substancias dubidosas), a narración oral exposta por Fernando Salgado non resulta menos contundente; non esquezamos que estamos a falar do delegado do Diario de Pontevedra no Salnés, e o oficio delátase en cada referencia, na disposición do relato e nos datos ofrecidos.
A obra foi prologada (en galego) polo polifacético Calros Solla, e desde logo, o texto abre o volume con todas as honras e mestrías propias dun experimentadísimo autor.
Fernando Salgado non deixou pasar a ocasión para explicar por que optou pola autoedición (do mesmo xeito ca en Elefantes y Hormigas, obra publicada en 2013), aducindo que cando un título non dá funcionado ben no mercado nun primeiro momento, a editora inhíbese e o devandito libro desaparece dos andeis; no entanto, unha autoedición é xestionada e defendida polo autor día a día.
Deberán tomar boa nota os axentes implicados na edición, pois que na actualidade, non só a autoedición, senón multitude de proxectos editoriais que venden os seus servizos a través da Rede, poden chegar a comerlles as papas na cabeza a certos selos consolidados.
E como rematou o evento da Casa da Penela? Cunha cea, onde non só se falou de literatura.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-04-2017 16:00
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal