Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

A MELANCOLÍA DE HESSE
Coido que aínda nunca atopara a palabra FIN no remate dunha novela até que estes días cheguei á derradeira páxina de Peter Camenzind, a primeira novela de Hermann Hesse, publicada en 1904.
Hesse, autor prolífico e coñecido universalmente pola novela Der Steppenwolf (O lobo estepario), amósanos en Peter Camenzind a un ser humano atormentado polas intensas cavilacións que bolen na súa mente e asemade pola dificultade para se relacionar na comunidade social.
Con todo, a novela vén sendo unha inmensa lección de humanismo, humanidade e humanitarismo; si, en moitas ocasións dende o trinque da distancia profiláctica mais –nomeadamente no tramo final- dende a implicación máis entregada.
Hai dúas divindades presentes no criterio do protagonista ao longo da narración, unha é a atribuída á figura do deus clásico nos dogmas monoteístas, e outra, máis ca presente omnipresente, a natureza… Ben sospeitará calquera lector, que o autor está a insinuar unha fusión/confusión dos deuses aos que rende culto. Non en van, as reflexións de San Francisco de Asís –un protoambientalista- e máis a propia localidade que dá nome ao santo, aparecen reiteradamente na novela.
Peter Camenzind é un exercicio continuo de introspección, de análise –por veces enfermiza, paranoica e descarnada- da condición humana, da busca incansábel dos porqués que non nos veñen explicados cando o azar nos bota ao mundo; este ronsel de dúbidas que adobía a narración toda, pode chegar a ser atafegante para un hipotético –e desprecatado-lector que procure acción ou dinamismo no texto.
É a paixón pola natureza quen rescata o protagonista cando os fracasos sentimentais veñen a demostrarlle que a única e imperecedoira fidelidade só pode atopala nas montañas que tantas veces saciaron e mitigaron –a contradición é unha constante na novela- a súa soidade, por outra banda desexada e buscada. Veremos como o protagonista chega mesmo á personificación da venerada natureza nalgún dos seus éxtases de comuñón coa Creación, pois que a doutrina cristiá non deixa de ter certa presenza sen chegar a se manifestar de xeito fatigante.
Melancólica sería o adxectivo máis acaído para esta obra de Hermann Hesse, cun final pensado para un público piadoso e cun principio que non nos permite dexergar o desenvolvemento cara a apoteose da “salvación”.
A tradución ao castelán que eu lin é da autoría de Jesús Ruiz, foi editada en 1977 (unha terceira edición) pola Biblioteca Universal Caralt, nome comercial da histórica casa barcelonesa Luis de Caralt Editor.
A capa, deseñada por Balaguer, non supón unha desas presentacións que enganan ao lector cunha imaxe sen vinculación coa caste de obra que atopará no interior do libro, pois recén chegados xa se nos convida á melancolía coa fotografía dun camiñante soidoso baixo un sol alaranxado e crepuscular.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 27-04-2015 11:20
# Ligazón permanente a este artigo
OPÚSCULOS
Ben seguro que toda biblioteca conta con algún opúsculo, esas publicacións de pequeno formato que nunha presiña de follas conteñen uns cantos poemas, un sainete, uns microrrelatos ou algún breve ensaio.
Falaremos hoxe duns exemplos que ocupan catro oquiños ben discretos na biblioteca de meu; dúas foron no seu día edicións promocionais e as outras dúas constituiron produtos editoriais clásicos.
Comezarei por un opúsculo que de certo estará presente en boa parte dos fogares galegos, pois que foi distribuido dende as oficinas da extinta Caixa Galicia, entidade daquela cunha ampla rede de sucursais. Supuxo a divulgación do transcendental discurso de Castelao Alba de Groria, e publicouno en 1999 -nunha edición non venal- Promocións Culturais Galegas (o selo do desaparecido semanario A Nosa Terra) para a Fundación Caixa Galicia, proxecto no que tamén colaboraron a Editorial Galaxia e o semanario antes citado. Aquel emotivo discurso pronunciado por Afonso Daniel Rodríguez Castelao en Bos Aires no ano 1948 ficaba deste xeito ao alcance de todos os galegos. A descrición da procesión de ánimas heroicas que o político rianxeiro relata con pluma mestra e colosal dramatización, zumega tal sensibilidade que pode chegar a emocionar a calquera lector que posúa nocións de historia da Galiza, sexa ou non natural do país.
O segundo exemplo escollido é un opúsculo que adoitaban regalar en eventos promocionais de caste variada no Madrid dos anos ‘80. Intitúlase Poemas satíricos, contén dezanove composicións de Francisco de Quevedo e foi o selo barcelonés Ediciones Nauta quen puxo en circulación este humorístico compendio quevediano en 1983. Neste libriño ilustrado por Goñi podemos ler A una mujer pequeña, Poderoso caballero es don Dinero, Mañoso artificio de vieja desdentada, A un hombre de gran nariz ou Al mosquito del vino, entre outros poemas do mesmo estilo. Foi para min, unha boa, temperá e divertida maneira de acceder a Quevedo.
Mais non todo é épica ou lirismo, o terceiro exemplo lévanos ao eido teórico. Intelectuais e Galeguismo (Ensaio encol da historia do pensamento nacionalista galego), adquirino no posto da Libraría Bahía da Feira do Libro de Foz, aló polo ecuador dos anos ’90. Este ensaio de A. Alfonso Bozzo foi editado en 1977 na Colección Arealonguiña (dirixida polo actual presidente da RAG) do histórico selo Akal, radicado en Madrid mais fundado polo afouto galego Ramón Akal González.
E non abandonamos o galeguismo ao detérmonos no cuarto opúsculo, obra do pastoricense Dino Pacio Lindín –dende hai décadas emigrado nos Estados Unidos- quen publicou en 1979 Terra Húmeda, unha auténtica máquina xeradora de patriotismo galego.
Comeza a obra reproducindo acesos textos de Goethe, Rosalía e Castelao; e o lector continuará atopando ao longo do texto numerosas citas literarias e referencias a autores varios. Vén sendo Terra Húmeda unha análise sociolóxica e económica da Galiza da primeira metade do século XX, tamén un diagnóstico dunha ameazada cultura nacional acosada por un Estado que non entende, xa non a diferenza, senón o dereito a ela. Despois disto, non estrañará a ninguén que as derradeiras páxinas reflictan unha proclama independentista.
Posúe varias e atractivas curiosidades este volume: Foi ilustrado polo mindoniense Xosé Vizoso, quen deseñou unha fermosa e totémica capa; ten o prezo impreso na lapela da contracapa -150 ptas.- e acompáñao unha fe de erratas en folla solta. Este libriño de fermoso feitío foi imprentado e editado polo selo lugués Ediciones Celta.
Nestes libros de pequeno tamaño é ben posíbel que atopemos boísimas lecturas e ademais, supoñen un “inofensivo engado” para o lector neófito ou para aquelas persoas que afirman no gozar da literatura. Non semellan libros mais sono.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-04-2015 12:12
# Ligazón permanente a este artigo
REIGOSA E O ENCANTO DA TRADICIÓN ORAL
Venres presentouse en Mondoñedo Galicia Encantada. O país das mil e unha fantasías, un título herdado da páxina web que leva dez anos atesourando a literatura galega de tradición oral. Antonio Reigosa –autor do proxecto cibernético, do libro homónimo e cronista oficial de Mondoñedo dende hai uns meses- quixo para o gran día arrodearse de colaboradores ben coñecidos no eido cultural local, tales como Fran Bouso ou Paco Piñeiro, e na parte escénica por Lois Pérez, un narrador novo que comeza a destacar no ámbito lugués.
Na mesa de presentación comezou lembrándose a dous grandes da literatura falecidos recentemente: Eduardo Galeano e Günter Grass, traídos á memoria polo rexedor mindoniense, Orlando González, vinculado ao Uruguai por vía migratoria.
Tomou a palabra a continuación o autor da obra recén nada e fíxoo abrindo fogo sen reviravoltas. Describiu varias das lendas e crenzas rexistradas en Galicia Encantada co seu habitual ton humorístico, facendo fincapé nas lendas urbanas que continúan a medrar e xurdir, como mostra de que ese patrimonio inmaterial denominado tradición oral non desaparece senón que adquire volume segundo avanta o tempo. Quixo deixar claro Reigosa que o obxectivo principal dos seus proxectos é que a nosa literatura oral poida ser consultada polas vindeiras xeracións, posibilitándolles deste xeito, o coñecemento da súa orixe.
Fran Bouso falou da súa querenza polos contos populares, teima que o leva a procurar as narracións propias dos territorios onde a vida o vai levando; nestes momentos as súas pescudas céntranse no Val do Sil, onde está a tirar a historia lendaria de varios personaxes locais.
A xustificación popular do topónimo Oirán e un hipotético itinerario mariscaliano servíronlle a Bouso para explicar o modo en que os pobos buscan e proporcionan respostas suplindo a carencia de coñecementos etimolóxicos ou históricos. Dese xeito e co paso do tempo, as fantasías populares van aséntandose na imaxinaría colectiva.
Se cadra a intervención máis longa foi a do dinamizador cultural, dramaturgo e investigador Francisco Piñeiro, mindoniense asentado en Cervo e alma máter de varios grupos teatrais. Comezou evocando a don Álvaro Cunqueiro -soterrado a poucos metros do local onde se oficiou a cerimonia literaria-, pois que se está a cumprir o aniversario da entrada do grande fabulador na RAG co discurso Tesouros novos e vellos. Algunhas imaxinacións sobre tesouros.
O Vedral ou O Reguengo foron algúns dos lugares nomeados por Piñeiro, reais e míticos a un tempo na infancia do dramaturgo, quen non esquece o imaxinario que a fantasía local ten creado acerca do “Furado” (no lugar de San Pedro), onde as donicelas falan coas cobras, ou a leira onde agromaban carallos tras a maldición dunha muller malfalada; sen esquecer a Fonte da Galiña –animal mítico por excelencia nos encantos-, unha das sete fontes que xorden no Padornelo.
O monologuista, contador ou improvisador Lois Pérez deleitounos coa súa virtude narradora, demostrando que a arte da tradición oral non só continúa viva, senón que medra vizosa nos galegos que na actualidade beben das fontes –encantandas xaora- do tempo en que os animais falaban.
Eu, para confirmar a importancia e valor da literatura de tradición oral, sempre poño como exemplo o mito da Compaña ou Procesión das Ánimas; hoxe noso, mais escandinavo de nacemento, xermánico de adopción e céltico na súa madureza; e posuidor da resposta ás incógnitas que boa parte das civilizacións europeas resolveron rudimentariamente ao longo dos séculos.
Estes tesouros xurdidos e alimentados pola imaxinación e a tradición populares non só son fundamentais para coñecermos a nosa orixe, por riba diso son imprescindíbeis á hora de descifrar a filosofía, as crenzas e o pensamento dos nosos devanceiros.
En definitiva, este magnífico traballo de Antonio Reigosa, ilustrado por Noemí López e editado por Xerais, debe ter oco nas bibliotecas –non só nas persoais- galegas e en xeral nas dos interesados pola cultura dos pobos. Obras como esta coadxuvan non só na divulgación, senón tamén na demostración de que toda nación goza dunha Cultura de natureza inmaterial, tan importante coma a que podemos captar polos sentidos convencionais.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 20-04-2015 10:44
# Ligazón permanente a este artigo
UN PRANTO QUE BAGOA DIGNIDADE E NON RESIGNACIÓN
O bibliófilo achará, senón un tesouro, si un exemplar de interese na terceira edición de Pranto Matricial, aquel poemario que Valentín Paz-Andrade escribiu en memoria de Castelao catro anos despois do pasamento do rianxeiro, a quen o poeta designa “vivo mastro en loita núa”.
E por que a terceira edición? O motivo ben merece unha explicación delongada. Xa o subtítulo nos apercibe da caste extraordinaria desta alfaia de Edicións do Castro que vén de cumprir corenta anos: “Edición pentalíngüe no 25 cabodano de Castelao”.
En abrindo o libro veremos que foi prologado por Rafael Dieste; a continuación do poemario orixinal, atoparemos unha versión en portugués do brasileiro Guillerme de Almeida, outra en éuscaro a cargo de Gabriel Aresti (o autor de Nire aitaren etxea, composición que lin con degoxo nun libro de texto do Bacharelato), unha versión en lingua catalá do poeta Francesc Vallverdú, e pechando o volume apareceranos a versión en castelán, cuxa autora foi a escritora arxentina María de Villarino.
Con ilustracións interiores de Maside e Arturo Souto e capa deseñada por Xosé Díaz, coido que estamos a falar dunha obriña que catro decenios despois da súa publicación merece lugar de honra nas bibliotecas de galeguistas, saudosos, coleccionistas e bibliófilos en xeral.
Quen me dera contar, ademais, con aquela primeira edición bonaerense publicada por Edicións Galicia (o selo do Centro Galego) en 1955, ou con aqueloutra edición viguesa –a segunda- de 1968, tamén de Edicións do Castro; mais pentalingüe só é a de 1975, publicada en Sada.
Hai algo máis que poesía neste libro que xa forma parte da historia da Literatura Galega.

“O de morrer alá teu sino era.
Alá, sen escoitar as elexías
do violino dos cegos,
e a zanfona de pedra dos Profetas,
que tan soilo por ti soar pudera.”
Do poema Teu destiño
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-04-2015 10:38
# Ligazón permanente a este artigo
O REALISMO REXIONALISTA DE RÓMULO GALLEGOS
Paréceme que non moitos personaxes literarios recibiron homenaxe e tributo en forma de estatua; en todo caso nunca os “maos” da novela terían sido obxecto de tal honra, mais o caso de Doña Bárbara é unha rara avis que deu lugar a efixies dos bos e máis dos outros.
Esta obra de Rómulo Gallegos Freire publicouse na Venezuela de 1929 e supuxo unha revolución literaria no ámbito latinoamericano. O asombro continúa, pois que 86 anos despois aínda supón inspiración na creación de produtos televisivos.
Co primeiro que se atopará o lector é cunha lingua inzada de termos vernáculos e pouco semellante ao castelán actual; o dicionario auxiliar faise nesta lectura imprescindíbel, baixo risco de perder contidos se non se emprega tal ferramenta, pois que chinchorros, vales, lambederos, aricas, guás e aguaitares proliferan polo texto todo. Endebén, a edición que dende hai pouco mora na biblioteca de meu, inclúe un glosario titulado “Vocabulario de venezolanismos que no figuran en los últimos diccionarios de la Lengua Española”. Trátase duha edición de 1975 (a trixésima terceira naquela altura!) pertencente á célebre Colección Austral da Editorial Espasa-Calpe.
Agradecerá o aficionado á etnografía a procesión de seres fantásticos, lendas, crenzas e supersticións que ao longo da obra nos ilustra acerca da mitoloxía do llano venezolano. En xeral, trátase dunha obra atractiva por todas as súas bandas e ángulos: rico vocabulario, estilo impecábel, abraiante destreza na descrición, argumento mesto… Don Rómulo coñecía a psicoloxía humana e sabía captar a atención do lector, non en van, chegou a ser presidente da República de Venezuela.
Supuxo unha sorpresa ben grata, despois de ter falado nestas páxinas da literatura de tradición oral, atopar na novela de Gallegos alusións ben cumpridas aos improvisadores e máis á súa habelencia. E descubrimos deste xeito que o seu facer é ben semellante ao dos regueifeiros e repentistas:
“Y así, cada cual apoyándose en un verso del otro, y en cada copla la llanura, la musa ingenua y chispeante del hombre, en contacto con la naturaleza, saltaba, en la agilidad de las réplicas, de lo tierno a lo picaresco, de lo risueño a lo trágico, sin pausas ni titubeos mientras hubiera cuerdas en el cuatro y capachos en las maracas, (…)”
Cada vez que me achego á obra dun autor latinoamericano acrecéntase en min a sensación de que a literatura daquelas latitudes constitúe un xénero en si mesmo, ou un subxénero, ou un algo diferente, xa que os ismos reinantes fican escasos para abranguer tanta mestría e argumentos-temáticas de seu.
Doña Bárbara constitúe un referente do denominado realismo rexionalista, ben emparentado co realismo máxico e mesmo contaxiados mutua e benevolamente, porque quen non coñeza a taxonomía literaria ao uso, afirmará sen máis preámbulos que a obra que nos ocupa pertence ao eido que máis tarde cultivarán García Márquez ou Carlos Fuentes.
Xa dixemos que Doña Bárbara foi unha novela que creou escola –tamén- fóra do ámbito literario, en rexistros cultos e tamén nos populares, pois que o seu argumento deu orixe tanto a unha ópera como a unha radionovela, así como a varios filmes e teleseries.
Lean Doña Bárbara, e decataranse de que o rural galego aínda precisa algún Santos Luzardo. Xulguen, asemade gozan da excelsa prosa de don Rómulo:
“Pero ¿no se había propuesto, acaso, cuando decidió internarse en el hato, renunciando a sus sueños de existencia civilizada, convertirse en el caudillo de la llanura para reprimir el bárbaro señorío de los caciques, y no era con el brazo armado y la gloria roja de la hazaña sangrienta como tenía que luchar con ellos para exterminarlos? ¿No había dicho ya que aceptaba el camino por donde el atropello lo lanzaba a la violencia? Ahora no podía volverse.”
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-04-2015 11:46
# Ligazón permanente a este artigo
NORIEGA, O ANIMISTA
Neste irregular, dubitativo e por veces extremo enceto da primavera, a lectura de Do ermo resultou unha magnífica elección; ademais, don Antonio cántalle en dous poemas, ambos intitulados -como non!- Primavera; pois que o Poeta da Montaña non esquece manifestación ningunha da Natureza-Terra-Nai.
Do ermo, que por certo intitulouse Montañesas na súa primeira edición, glosa a través das súas composicións poéticas, a vida, as cores, a vexetación e as angueiras e angurias da montaña e os seus habitantes.
O autor, ora gaba o esforzo de “carpazonas” e brañegos en harmonía coa natureza ora se doe da miseria dunhas vivendas e dunhas existencias expostas aos rigores dunha fera climatoloxía ou dalgúns costumes xa extemporáneos a comezos do século XX. Do mesmo xeito, e sen contradición aparente, celebra o autor o tradicionalismo presente nas celebracións montañesas ou mostra a súa felicidade por ter como único ben unha casoupa naquel universo bravo e afastado.
Esta íntima contradición que albiscamos na obra do mindoniense, íspese nidiamente no poema Rarezas, o cal supón toda unha declaración animista ou neopagá, e non deixamos de percibir este sentimento en Porque non son profano..., composición na que afirma: "...E que o fausto da virxe natureza/sea fúnebre pompa do meu enterrro."
Porén, noutros poemas rexeita as supersticións e as figuras creadas pola mitoloxía galega, claramente influído pola doutrina católica, da que se amosa afervoado valedor.
Se don Antonio tivese dado ao prelo outras producións literarias poderiamos xulgar con máis coñecemento o seu xeito de encarar as crenzas e os costumes dos labregos daquela altura, mais Do ermo foi o único libro que nos legou a súa habelencia poética. Trátase esta obra dun conxunto que foi mudando edición tras edición, xa que o propio autor cerceou nalgunha edición aquelas composicións que lle resultaron pouco acaídas e engadiu outras, concibidas despois daquela publicación inicial en 1904. O exemplar que atesoura a miña biblioteca pertence a unha edición da Editorial Galaxia do ano 1995, encadrada na colección Biblioteca da Cultura Galega e patrocinada pola CRTVG. O devandito volume baséase na sexta edición -1946-, a cal reúne a obra poética completa do mestre escritor, quen falecería ao ano seguinte.
A obra está salferida de dedicatorias e préstamos, así como de homenaxes a autores de grande sona ou de recoñecemento local. Semella Do ermo o testemuño dun traxecto vital (amoríos, madureza, perdas familiares, declaracións de intencións emanadas da experiencia…), con concesións estilísticas ao saudosismo, o costumismo e tamén ao galeguismo –máis tarde os acontecementos históricos orixinan no autor unha involución ideolóxica que lle fai abandonar o ismos máis comprometidos-, xa que cómpre lembrar que Noriega estudou no Seminario de Santa Catarina, e non é alleo á Escola Poética do Seminario de Mondoñedo.
Por certo, Do ermo, en contra do que din varias referencias literarias, non está adicado en exclusiva a ningún poeta coetáneo de don Antonio, pois que o libro non posúe adicatoria inicial, mais, como dixemos anteriormente, moitos dos poemas inclúen encabezamentos nominais
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-04-2015 12:19
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal