Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

A NACIÓN DE JÓN KALMAN
Alén de controversias ideolóxicas e posicións políticas, convén reflexionar sobre a afirmación realizada polo escritor islandés Jón Kalman Stefánsson hai uns días, nunha entrevista ofrecida ao programa Página Dos da TVE.
Interrogado sobre o gran valor que os islandeses outorgan á súa literatura, o autor veu afirmando que o pobo islandés, certamente valora moito as súas letras, pois é consciente de que se non gozase dun idioma de seu, Islandia non sería unha nación.
Xa que logo, segundo Kalman, tal é o motivo polo que a arte literaria forma parte da vida cotiá dos islandeses.
Ben sei que este razoamento non é o máis acaído para empregar como argumento cultural na nosa sociedade (pasividade secular, individualismo, autoodio…); con todo, reflexionemos.
Por riba de debates puramente políticos, non estaría mal que os galegos, independentemente das siglas que enchan os nosos ollos, tivésemos en conta uns factores identitarios que outros pobos aprecian e que nós, en ocasións ignoramos; cando non son considerados unha pexa para o progreso.
Se reproducimos uns datos sobre Islandia, veremos que a “terra do xeo” existe como comunidade humana diferenciada por decisión propia, máis ca polo seu peso específico no ámbito europeo.
300000 habitantes, unha economía baseada na agricultura e a pesca até finais do século XX, un estado soberano con 73 anos de existencia… É dicir, estamos a falar dun “novo país”, alicerzado nunha cultura antiquísima e nunha vontade construtivista fóra de dúbidas.
Galiza (si, porque a fin de contas non era a nosa intención alentar un estudo sobre o milagre cultural islandés), podería chegar a se converter nunha potencia cultural, asentándose como ponte entre ámbitos cos que a súa historia e a súa identidade a emparentaron.
Referímonos, fundamentalmente a dous factores: Emigración e lusofonía.
E agora, como estamos en Vasoiras de xibarda, debemos regresar á literatura, sen abandonar o fío que nos trouxo até aquí.
Os libros publicados por selos editoriais da Galiza, acaban por se consumiren en varios países americanos onde os galegos conservan un tecido asociativo considerábel; circulan ao mesmo tempo por toda Europa debido a razóns semellantes e tamén a causa dos fluxos migratorios desenvolvidos nos últimos anos; manteñen igualmente un mercado importante noutros territorios do Estado español, onde a presenza galega continúa a ser numerosa, ou onde o feito diferencial non supón unha extravagancia senón un atractivo.
A lingua galega deu orixe ao idioma que empregan ao redor de 250 millóns de falantes baixo a denominación xenérica de portugués. Xa que logo, a comunidade galegofalante conta cun código de comunicación empregado no Brasil, en Moçambique, en Cabo Verde, na chinesa Macau, na hindú Goa, nas caribeñas Bermudas, nas Guinés africanas e en moitos outros territorios do planeta. O portugués é ao mesmo tempo, lingua oficial de varios organismos internacionais (UE, Mercosul, Banco Interamericano de Desenvolvimento, OEA…), e non esquezamos que a Comunidade Autónoma Galega pertence como membro observador á Comunidade dos Países de Língua Portuguesa (CPLP).
A literatura islandesa, carecendo de ferramentas para a internacionalización, tenta situarse no mundo da man das traducións, porén, a literatura galega, contando con potenciais lectores no mundo todo, non dá superado unha inxusta consideración periférica.
Porque o argumento que debemos manexar quen entendemos que a lusofonía é o noso ámbito lingüístico-literario natural, non debe ficar na magnífica oportunidade que temos para lermos a Eugénio Tavares, Jorge Amado, Camoes ou Pessoa en versión orixinal, senón tamén en sermos lidos noutras latitudes, no galego da Galiza. Permítaseme a intencionada redundancia.
Debemos ter presente, polo ben dos nosos e do noso, aquilo que deixou dito Castelao: “Se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma”.
Amén.

Imaxe: Símbolo da CPLP.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-03-2017 19:37
# Ligazón permanente a este artigo
A VIXENTE ENSINANZA DO MESTRE DE STRATFORD-UPON-AVON
Por descontado, ler a Shakespeare supón toda unha experiencia literaria, ora ben, enfrontarse a unha das súas obras máis emblemáticas, devén nunha experiencia superior; non exenta de complexidade, desde logo.
El rey Lear, lida nunha edición de hai case corenta anos e baseada na tradución ao castelán que nos anos ’30 elaborou Luis Astrana Marín (o fundador da Sociedad Cervantiva), implica tamén imbuírse nun concepto ortodoxo da tradución, onde a totalidade do corpus (nomes propios, locucións…) é barutado polo filtro sociolingüístico da nova versión; e onde as palabras grosas son evitadas cuns oportunos puntos suspensivos. Ou don William tería evitado tamén o termo bitch no texto orixinal?
Seguindo esta tradición interpretativa, afirmarei que O rei Lear pode resumirse cun refrán galego de profunda carga filosófica: O bocado comido non fai o amigo.
Toda a problemática actual dos anciáns desprazados, dos avós itinerantes por vivendas de fillos que dispensan –interesadamente ás veces- un fogar temporal, e mesmo a da ancianidade condicionada por bens que a descendencia arela gozar antes da extinción biolóxica do titular, está presente nesta extensa e pedagóxica obra.
Con todo, tamén encontraremos humor no miolo da traxedia, grazas á dualidade dun persoanxe: o bufón que exerce como oráculo ou avisado conselleiro.
Xa que logo, calquera das dúas máscaras históricas do teatro primitivo teñen cabida nesta obra.
Unha boa parte dos diálogos presentan unha redacción cumprida, ben emparentada coa narrativa do monólogo, feito que nos obrigará a reler e descifrar contidos en numerosas ocasións, práctica esta que non ten por que ser considerada allea ao pracer da lectura.
Falemos un pouco do volume que manexei. Trátase dun exemplar publicado en 1981 pola Editorial Espasa-Calpe na Colección Austral; unha undécima edición (a primeira está datada en 1939) de capa gris, coma todos os clásicos do selo.
Dei con este título nun posto ambulante, a bo prezo e no medio dunha morea de libros de toda índole.
Tales encontros, propician que o bibliófilo chegue ao seu fogar portando un libro con sinais evidentes dun uso anterior; non necesariamente ha supor tal feito unha obrigada deterioración do volume en cuestión, senón nalgunhas ocasións todo o contrario.
O meu exemplar de El rey Lear está coidadosamente forrado, apenas loce unhas insignifcantes máculas causadas pola humidade na derradeira páxina, e para deleite de fetichistas e anticuarios, mostra o nome dunha propietaria anterior. Por discreción, reproducirei tan só as iniciais, C.B.
Si, na primeira páxina aparece manuscrito un nome en tinta azul; descoñezo se foi C.B. a primeira persoa que leu o libro que hoxe mora na miña biblioteca, quen o sabe.
Xa que temos penetrado nos terreos da mitomanía, confesarei que hai uns anos, un gran amigo, devoto de don William e dramaturgo conspicuo, agasalloume cunha pedriña traída da contorna do templo onde descansan os restos do gran autor inglés.
Na próxima ocasión que falemos do sabio de Stratford-upon-Avon (inevitabelmente e con gusto regresaremos ao seu legado literario), ofrecerei unha imaxe do galano en cuestión; conservado coma unha reliquia a carón das miñas máis apreciadas xoias impresas.

Imaxe: Tumba de Shakespeare na Holy Trinity Church (Stratford-upon-Avon, Inglaterra).

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-03-2017 11:20
# Ligazón permanente a este artigo
PRESENTACIÓN DE O SEGREDO DE SHEELA NA GIG, DE IOLANDA ALDREI

Como presentador do acto quero transmitirvos o agradecemento a todos vós por ter respondido á convocatoria; tamén a Iolanda por traer os seus versos até San Martiño, a Daniel “Caxigueiro” por cedernos o Espazo Caritel, a André Pena por vir para nos ilustrar, a Xavier Ponte por regalarnos a súa música e a María José Fernández pola súa voz poética.
Cando Iolanda me propuxo estar hoxe aquí, recibín unha alegría. Eu asistiría de calquera xeito, mais, desta maneira tiven o privilexio de saborear o poemario unhas semanas antes. E ademais experiméntase unha emoción especial desde esta banda da mesa.
Iolanda forma parte de proxectos coma o colectivo poético A porta verde do sétimo andar; este verao estivo en Alfoz participando na Ponte Literaria e tamén artellou o recital Memoria do mar de Foz, no CENIMA.
Por iso, o que máis admiro da súa faceta creativa, ademais da obra, é o seu activismo literario.
Hai persoas que escriben, publican, pescudan, len… e mais, non tratan de se xuntaren con outras persoas que escriben, publican, pescudan, len…
Coido que nun país por emancipar, nunha situación lingüístico-cultural como a presente e cunha literatura condicionada por todas esas circunstancias, non podemos permitirnos a loita en solitario ou desde a casa.
E afortunadamente, vemos que o seu compromiso coa Mariña e coas letras da Mariña continúa vixente porque hoxe presenta aquí O segredo de Sheela na Gig.
Para min a lectura de O segredo de Sheela na Gig supuxo un retorno ao telúrico, ao atavismo, á ancestralidade… a todo iso que na obra se resolve, acertadamente, co substantivo MATRIA.
Matrias, para min, son esas deusas proscritas que deron lugar, por exemplo, a unha dramaturxia clásica sen actrices e mais con argumentos centrados en Medea, Fedra ou Electra; ao cabo, MATRIAS proscritas.
Aconteceume algo curioso, este poemario evocoume A casa da paixón, unha obra narrativa de Nélida Piñón onde se describe á protagonista tendéndose na herba para ser fecundada polo sol.
Lembremos que Nélida Piñón é unha autora brasileira de orixe galega; e sempre lembra que na primeira viaxe que realizou á Galiza, sendo rapaza, descubriu, como unha revelación, a diferenza entre o antigo e o arcaico.
E algo moi semellante ides experimentar durante a lectura da obra de Iolanda.
Para mostrar un bocado do poemario que estamos a presentar, tomarei a liberdade de lervos unhas estrofas:

“Desceu um corvo dos ombros da chuva.

Abres as pálpebras e conto-te
porquê estou molhada de alegrias,
porquê tenho caminhos de asas
marcados no rosto.

A luz é leve.
Abre o dia e entra o sorriso nos lençóis
de todos os quartos,
de todas as casas,
o tempo curvado da volúpia
que aninhou em min.

Procuro a seta para o arco.
Cheira a chuva.
Como o amor chove no rosto!”


Só por estes versos, paga a pena adquirir o poemario, mais nestas páxinas encontraredes moitísimos outros resplandores de sensibilidade, de sensualidade e de poesía con maiúsculas. Un bo exemplo diso que se vén chamando, alta literatura. Obrigado.

LIONEL REXES
(San Martiño de Mondoñedo -FOZ-, 18 de marzo de 2017)

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 20-03-2017 10:41
# Ligazón permanente a este artigo
QUIM MONZÓ E A TIRANÍA DO MERCADO "CURTO"
Había moito tempo que non precisaba tantas semanas –meses quizais?- para rematar un libro; se matizamos que se trata dun libro de relatos, o diagnóstico sobre a calidade do mesmo pode ser preocupante. Así e todo, non ditaremos unha sentenza severa.
Splassshf é unha obra de Quim Monzó que o Círculo de Lectores editou na década pasada, composta por contos curtos -algúns deles microrrelatos- de dimensións variábeis e temática dispar.
Desde que comecei a lectura até que a concluín, con intermedios considerábeis para abordar outras creacións máis atractivas, transcorreu tanto tempo que non son quen de recordar se na primeira parte do volume xurdiu algún relato que me conquistase; con todo, non gardo recordo de que a obra de don Quim me ilusionase especialmente, polo menos até que cheguei ás derradeiras páxinas de Splassshf e dei con Vacaciones de verano; daquela, reencontreime coa literatura de calidade.
Pagou a pena tragar algún sapo sen moita sustancia para ser conducido até un conto que parece elaborado con outras inquedanzas, ou polo menos cunha habelencia superior á empregada en moitos dos textos que nutren o compendio.
Unha curiosidade: A obra que nos ocupa foi traducida do catalán ao castelán por Javier Cercas e Marcelo Cohen; o primeiro anda estes días por Galiza a presentar a súa última novela, participando en eventos culturais e atendendo entrevistas dos medios galegos.
Láiase Monzó no texto que pecha Splassshf da seguinte maneira: “Todo el mundo habla, últimamente, de las virtudes de la narrativa corta, pero él, si pudiese ser sincero, confesaría que detesta los cuentos en general y los cortos en particular. A pesar de eso, para no perder comba, se ha visto obligado a unirse a la oleada de farsantes que fingen ser unos apasionados de la brevedad”.
A confesión, revela unha evidencia e ao tempo deixa entrever –ao meu modo de entender- a suposta présa coa que deberon seren redactadas varias das narracións que acabaron conformando Splassshf.
A evidencia da que falamos ten que ver coas modas e tendencias que tamén inzan o eido literario; se no mercado libreiro florece o relato curto, os autores son forzados polas súas editoras a traballaren coas liñas contadas. De feito, o texto de onde tiramos as frases reproducidas entre aspas no parágrafo anterior, intitúlase Treinta líneas.
Estamos pois, a falar da tiranía do produto comercial. E a literatura, como calquera arte, non é intocábel nin inmutábel, mais tampouco resultará frutífero que fique suxeita ás regras do mesmo mercado que escolle a cor de moda nos utilitarios.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-03-2017 18:15
# Ligazón permanente a este artigo
ANTROIDO E ORALIDADE
O Martes de Antroido as coplas regresaron a Ferreira do Valadouro; e sempre constitúe unha boa nova que calquera manifestación literaria, por popular que sexa e afastada da norma culta que estea, gañase un oco no lecer.
Realmente, estamos a falar dun restabelecemento, pois que os versos, as coplas e nomeadamente a oralidade, sempre estiveron presentes nos antroidos valecos.
As sucesivas actualizacións que sufriu a devandita festividade, as mudanzas nos usos sociais e a eterna maldición demográfica padecida polo país do Douro, fixeron que a lapa literaria fose esmorecendo até desaparecer da celebración carnavaleira.

“Quen nos inventou a banda
foilles o Afilador
Pero se non o conocen e queren saber quen é
é o que esta en Ferreira erguendo e baixando un pé”.


A mediados dos anos ’40 do século XX, unha comparsa percorreu a parroquia de Mor recitando esta copliña polos fogares visitados; ao mesmo tempo lucían as súas caracterizacións e mollaban a palabra, como era costume naquela altura.
Cada comparsa debía levar unha persoa de “garda” coa face descuberta, garantindo coa súa presenza que os enmascarados eran de fiar.
Os membros das comparsas, case sempre persoas do mesmo sexo, memorizaban unhas coplas satíricas e burleiras coas que deleitaban os veciños visitados.
Como diciamos, tal costume extinguiuse no Valadouro, mais o xénero copleiro e a oralidade permaneceron vixentes en localidades próximas como Foz, onde cada ano o Touporroutou (coplas recollidas previamente por locais comerciais da vila para seren lidas publicamente) congrega centos de persoas.
Por toda Galiza, o Antroido e a literatura oral estiveron irmandados desde sempre, un bo exemplo poden ser os “atranques” dos xenerais da Ulla, coplas sarcásticas que son recitadas polas aldeas da comarca durante o percorrido dos xenerais a cabalo.
Este Martes de Antroido en Ferreira tivo lugar un touporroutou local, artellado polo escritor e activista cultural Pepe Peinó co apoio da Concellaría de Cultura do Valadouro.
Coplas elaboradas pola veciñanza sobre as carencias do municipio, a unificación de concellos, o prometido polígono industrial ou as actitudes de políticos e funcionarios locais, foron facendo rir e asemade reflexionar á morea de veciños que se achegaron á praza da vila para escoitaren as devanditas composicións.
As coplas foran depositadas por mans anónimas en caixas habilitadas para tal fin nos bares da capital local, e cada poeta ou copleiro foi por uns minutos, o fistor dun auditorio formado por valecos e visitantes.
Noraboa por unha iniciativa que revive e alimenta a rica literatura oral dun val con longa tradición “acopladora”, de tal xeito era denominada ás beiras do Douro a arte de facer rimas á conta de sucesos e protagonistas locais.

Imaxe: Capa dun cancioneiro recompilado en Rosario de la Frontera (Salta, Arxentina)

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 02-03-2017 15:16
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal