Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

MISTERIO TRANSOCEÁNICO
Estes días andei a cultivar o xénero fantástico; quizais por isto, exhumei –o termo é acaído pola temática do volume- un libro que non lía desde a infancia; cando mo regalaron con pouco criterio e moito cariño.
Falamos de El Horror, unha antoloxía editada na Arxentina polo selo bonaerense Intersea, dentro da colección Los fantásticos.
Sen máis pretensións ca ofrecer unha mostra de inquietantes contos breves,
El Horror fai unha escolma dos autores máis témeros, na que figuran entre outros: Lovecraft, Robert Bloch, Ray Bradbury ou Tennessee Williams.
Trátase realmente da tradución ao castelán austral da colectánea The Unspeakable People, compilación de vinte relatos de misterio (a versión arxentina escolmou a metade) publicada en 1969. El Horror viu a luz nove anos despois.
A prologuista e seleccionadora Adriana Martínez Dalke advirte, con bo xuízo que “o horror só estará en ti, lector”. Certo, os textos que acarician a liña entre o aquén e o alén son capaces de evocar unha serie de imaxes e vivencias que estimulan non só a lectura, senón tamén a interpretación. Isto, sabémolo ben, acontece no resto dos xéneros, pois que supón o celme da literatura; mais o ignoto, o sobrenatural ou o esotérico, dispoñen dunha virtude especial.
Existe hoxe en día a editorial Intersea? Quen é Héctor Magno -tradutor de El Horror-? Como e porque cruzaron o Atlántico algúns exemplares?
O misterio continúa a arrodear o meu libro de contos de medo.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-02-2016 16:15
# Ligazón permanente a este artigo
ANDERSEN EN GALEGO
Atopei estoutro día unha xoíña nun posto de libros usados, trátase de Contos de Andersen, unha tradución de Teresa Barro editada por Ediciós do Castro en 1983 na colección Narrativa pra nenos. Acho que tal volume ha ser mao de conseguir hoxe en día, mais nos postos ambulantes ás veces atópase algunha rareza xa desaparecida de catálogos e almacéns.
O volume está completamente novo e semella que xamais foi utilizado por ninguén, posibelmente formou parte, noutro tempo, dos fondos dunha libraría en liquidación.
Posúe o meu libro de contos unha fermosa portada de Karawane e mais unhas cantas ilustracións interiores. A serea da capa augura que un dos contos incluídos na colectánea será, sen dúbida, o coñecidísimo relato inspirado nas lendas de femias híbridas moradoras do universo abisal; conto que, segundo a tradutora, tense convertido en mito da imaxinación colectiva.
Velaí: O mito dá o conto, e este reforza ou crea un novo mito. Eis o poder da tradición oral!
Amais d’A Sireíña, conforman a compilación: Claus o Grande e Claus o Pequeno, O rexo soldado de estaño, O Reiseñor e O Parruliño Feio.
A normativa empregada por Teresa Barro naquela altura foi a denominada Mínimos Reintegrados. Casualmente, moitos termos aparecen ben adaptados á normativa vixente (sancionada en 2003 pola RAG), despois de ter sufrido “clandestinidade ortográfica” durante varias décadas.
Unha introdución pródiga en declaracións de intencións e desexos para o futuro do país –nomeadamente no eido lingüístico- inaugura un traballo que eu quixen comezar a ler polo relato das sereas, calificado como “enigmático conto” neste rico limiar; onde se nos matiza que Hans Christian Andersen afirmaba non escribir para nenos en particular senón para o lectorado en xeral.
Conclúe Teresa Barro afirmando que “Esta tradutora soña unha Galiza que resucite no futuro a arte e tradizón de contar contos. Soña unha Galiza na que se conten contos, ou se leian en voz alta, nas feiras, nas casas e nas escolas, (…)”.
Acredito nisto, comparto a arela, e confeso que xa puxen en práctica a experiencia, tamén con este volume recén chegado á miña biblioteca. Para saciar curiosidades, aclararei que o auditorio ficou agradecido, e iso que escollín un público experto en contos, e adulto.

Imaxe: A escritora e tradutora Teresa Barro

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-02-2016 11:47
# Ligazón permanente a este artigo
A CASA DE NÉLIDA PIÑON
Conta Nélida Piñon, que aprendeu a distinguir entre o arcaico e o ancestral na súa primeira viaxe á Galiza, non tendo chegado aínda á adultez.
Achegueime estes días á súa obra a través d’A casa da paixón, un texto nada doado e construído para ler cos sentidos todos á espreita.
Percíbese na tradución ao galego de Marga do Val que a versión de orixe foi concibida nunha lingua irmá, pois que detectei varias concesións á “variante” lusobrasileira.
A casa da paixón furga nos mitos e obsesións que perseguen o individuo desde que se emancipou da familia simia até hoxe. Todo iso que a literatura –oral, dramática…- bautizou e caracterizou con nomes como Electra, Edipo ou Hamlet.
Xa que logo, Nélida Piñon volta ao comezo para anovar o xénero novelístico, e de feito conségueo.
Estamos a falar dunha obra publicada en 2006 pola Editorial Galaxia na colección Literaria, mais trátase dun texto editado orixinariamente no ano 1972. Como foi acollida no Brasil dos ’70 unha novela con relampos de procacidade? É seguro que non todas as voces ficaron quedas ante o atrevemento desta autora.
A casa da paixón supón toda unha experiencia non apta para lectores inexpertos ou en iniciación, pois que unha redacción pouco accesíbel e por veces complexa poden distanciar un lectorado casual ou non prevido convenientemente.
Con todo, eu agardo con degoxo o momento de ler A república dos soños; onde esta filla da emigración galega emprega as vivencias familiares como argumento.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-02-2016 10:51
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal