Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

AS ACCIÓNS POÉTICAS ABROLLAN NA GALIZA


Non é un canto solemne
só un berro elegante

(Anónimo)

Recomendo unha experiencia ciberliteraria: Introducir o sintagma “acción poética” nun buscador da Rede, e a seguir observar as imaxes achegadas.
Centos de muros inzados de poesía deleitarán os nosos sentidos. Cerrumes case sempre urbanos; endebén, este andazo estético e de extrema sensibilidade semella ter afuracado as murallas –agora poetizadas- das urbes.
Hai máis dun lustro que en Lisboa inauguraron unha ciclovía ás beiras do Tejo ornada con versos de Pessoa; deste xeito, os lisboetas fan vida saudábel mentres alimentan o intelecto. Mens sāna in corpore sānō… et sapiens!
No outono de 2014 unha nova misteriosa foi divulgada polos medios de comunicación de ámbito estatal, varias rúas de Madrid amenceran con versos pintados no asfalto. A culpa levouna o colectivo artístico Boa Mistura –si, ten o nome en portugués, as linguas só atopan pechadas as portas de quen non ten luces-, e sexa como for, botar a poesía a andar polas rúas e deixar que os transeúntes a lesen e a luísen, encheu de ledicia a moitos cidadáns que seguramente asociaban a arte do verso a un libro aburrido, custoso e innecesario.
Coido que as composicións máis celebradas foron “Te comería a versos” e “Mi más sentido bésame”; o amor e a súa periferia supuxeron unha das principais canteiras á hora de fornecer de inspiración a estes poetas da noite.
Hai poucas semanas, varios colexios de Ribadeo desenvolveron unha acción poética denominada “Cruzando versos”, actividade artellada para uns nenos que alegraron as rúas pintando composicións de autores galegos e asturianos nos pasos de cebra da vila. Parabéns, mestres de Ribadeo!
E hai uns días coñeceuse o proxecto do colectivo Nova Poesía Guitirica: Colocar versos no alumeado público durante o Nadal. Fermoso! A luz da poesía fará resplandecer Guitiriz.
En Vigo está a funcionar o proxecto Ewa, grazas ao cal, quen desexe que o muro da súa quinta ou da súa edificación sexa ornado con poesía, debe dirixirse aos responsábeis do devandito proxecto e ofrecer a súa “páxina en branco”; deste xeito, propietarios e artistas coadxuvan no embelecemento da cidade, e, factor aínda máis importante, no fomento da cultura.
Esta sorte de intervencións artísticas na América latina non supoñen novidade ningunha, naquelas latitudes quedan moitos muros por derrubar, mais todos se encontran xa feridos pola poesía; mesmo os máis rexos, e e que a poesía é un instrumento tan poderoso coma democrático.
Con todo, os valados porteños, montevideanos, cariocas ou santiaguinos, reflicten pensamentos tanto de temática amorosa coma reivindicativa, e a metapoesía tamén posúe espazo de seu.
Non é preciso salientar que nestas accións, a estética cóidase non só no eido literario, senón tamén no visual, pois que non estamos a falar de inscricións á toa ou de “pintadas”. A beldade impregna a acción toda.
Contáronme dunha volta que nos ’70 era doado ler versos -de altísima calidade- inscritos a rotulador nos portais de Compostela e outras capitais galegas; creacións de poetas nómades, vadíos creativos ou necesitados da poesía en xeral. Eis o xerme das accións poéticas!
Se algo temos na Galiza son poetas, de onte e de hoxe; se outro elemento é consubstancial á nosa terra son os obstáculos illadores, así que con estes vimbios, nin un só quilómetro cadrado do territorio ten por que ficar alleo ás accións poéticas.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-12-2015 19:23
# Ligazón permanente a este artigo
UNHA MERETRIZ DO VALADOURO NUNHA OBRA DE CELA
Se hai un título xunguido á polémica na obra de Camilo José Cela, sen dúbida é La cruz de San Andrés. Tal novela gañou o Premio Planeta en 1994, e tras ser publicada, unha escritora coruñesa acusou o autor de plaxio.
María del Carmen Formoso Lapido enviara un orixinal inédito –e inscrito no rexistro da propiedade intelectual- ao célebre certame literario, a súa novela non resultara afortunada mais cando leu a obra escolleita, descubriu sospeitosas semellanzas co texto que tiña presentado. A cousa chegou aos tribunais.
Non tiña eu intención de ler a Cela estes días; o encontro propiciouno un tomo da colección que a Editorial Planeta adicou ás obras galardoadas co premio convocado pola casa. Trátase dun volume compartido por Lituma en los Andes e mais La cruz de San Andrés; a miña visita á biblioteca municipal motiváraa á obra de Vargas Llosa, mais non desprecei a equipaxe.
Tras ler a magnífica novela de don Mario premiada co Planeta en 1993, encarei a obra premiada ao ano seguinte.
Segundo o autor, o texto é a crónica dunha derruba. Eu califacaríaa de novela estraña non exenta de interese, mais caótica e de redacción intensiva (fiel ao estilo acostumado polo autor padronés), premedetidamente descoidada (hai produtos literarios de fasquía excéntrica á mantenta e hainos redactados á brosa por preguiza), con reminiscencias do Cela de todos os tempos e con incorporacións contemporáneas. Aparece unha mención á Fundación Camilo José Cela.
Afirma o escritor e xornalista Luís Pousa estes días nun suplemento cultural, que os “celianos” prescinden das discusións dos expertos sobre a clasificación dispensada a aquelas novelas do padronés escasamente fieis ao canon. Continúa Pousa recordando que o propio autor mantiña que novela era todo libro cognominado co substantivo na capa.
Non agardaba eu rigoroso respecto pola toponimia galega nesta –xa que logo- novela, non; mais o autor xoga á ruleta cos nomes das localidades do país que o viu nacer, coa mesma naturalidade introduce un topónimo correcto ca un deturpado, os exemplos non son escasos: Vilatuxe, Villagarcía, Muxía, Conjo, Seixosmil, La Coruña, Seixo Branco, Orense… Ou mesmo practica unha incisión no barrio de La Bañou.
Do mesmo xeito podemos chegar a Órdenes nun primeiro tramo da lectura, ou viaxar a Ordes ben avanzada a novela.
Algo máis de respecto reciben os apelidos, nos que o autor propende a indultar a grafía correcta; Xestoso, Seixón, Toxosoutos… Aínda que non supón norma xeral.
Mais fixémonos no seguinte fragmento:
“(…) la policía detuvo a la Caralluda de Valadouro porque le partió la cabeza a un cabrito de un botellazo, lo más probable es que con razón, Trini la Madrileña y Carmeliña Conacha Brava le llevaban pitillos y tortilla de patatas a la cárcel, anís no porque lo prohíbe el reglamento, a los quince o veinte días la soltaron.”
As alusións a esta prostituta aparecen en cinco ocasións no transcurso da novela, malia que non estamos a falar dun personaxe senón dunha simple referencia.
Non é probábel que Cela coñecese O Valadouro, quen si puido telo visitado foi seu pai, funcionario da alfándega en Foz a comezos do século XX.
Camilo José Cela gardaba gran querenza polo antigo barrio coruñés do Papagaio e polas súas connotacións; de feito, en 1976, no acto de celebración artellado polas autoridades locais para outorgar o nome do escritor a unha rúa da cidade, o agasallado recibiu como presente un antigo rótulo da “Calle del Papagayo”.
Veño de anotar na miña listaxe de lecturas pendentes Carmen, Carmela, Carmiña (Fluorescencia), a novela que a autora denunciante presentara ao Premio Planeta, e finalmente publicada no ano 2000 en Punto Crítico.
Estaría algunha vez a señora Formoso Lapido no Valadouro?
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 20-12-2015 17:42
# Ligazón permanente a este artigo
A GUERRA DE PEINÓ
Coñeciámolo como autor de obras de teatro para todos aqueles grupos amadores que contaron ou contan coas súas achegas ao libreto, ao elenco ou á dirección. Mais, o 12 de decembro de 2015, Pepe Peinó estreouse ante o público como novelista con Escombros, moitos escombros.
Foi na Finca Galea, no Castrodouro, ao luscofusco dos ríos e as barcas custodias, nun espazo etnofluvial onde noutro tempo -aínda próximo-, Neira Vilas e Manuel María descubrían O Valadouro íntimo dos muíños e os batáns, con cantarela de trécolas.
Tiven a honra de ser convocado por Pepe como mantedor do evento, e de compartir tribuna con el para a presentación en sociedade deste texto recén publicado mais non recén escrito. Velaquí unha obra concibida para a reflexión e a constatación dunha vixencia letal, o atavismo da guerra como catarse colectiva.
Si, un conflito bélico actúa como eixo vertebrador da novela, mais non é o único, pois que a infancia actúa no texto como contrapeso, xurdindo a xeito de agocho para unha realidade fera que non cesa de invocar os anos da nenez como antídoto, máis que da morte, do medo á morte.
Non é o autor desta novela o mesmo Peinó das comedias teatrais representadas por Raiolas, A Maseira, Trípode ou O Centiño; non. Aquí xorde o escritor transcendental e nostálxico, cunha voz narradora altamente poética.
Neste texto emerxe o debuxante de imaxes mentais, o hábil trazador das descricións de vivencias infantís que, redactadas cunha mestría soberbia, logran imbuír o lector na recreación que deseñan.
Aquelas comedias hilarantes e enxeñadas á medida duns actores fronteirizos no teatro clown, cederon o paso a unha narración dura, tensa, profunda, atafegante por veces grazas á voz dos desertores da tolemia, uns personaxes aveciñados na anguria e conducidos polo autor cara á incerteza baixo a anestesia da infancia evocada. Fragmentos estes, aos que un lectorado afeito lles ventará a orixe autobiográfica. É neses lances onde este novelista novel se enseñora do texto para capturar a atención do lector.
Curtido en galas, espectáculos e conmemoracións de toda caste, Pepe artellou unha auténtica festa de inauguración para a miríade de amigos que asistiu ao nacemento da súa primeira novela.
Gozamos dunha presentación nada convencional, con música, canto, humor, petiscos e intervencións varias ou mesmo espontáneas. Estamos a falar, en realidade, dun acto festivo; un festexo co que celebramos o afloramento dun novelista chegado desde a dramaturxia seareira.
Escombros, moitos escombros foi editada polo selo galego Finis Terrae Ediciones, e presumo que a devandita casa terá que ir aprestando deseguida a segunda edición. A calidade do texto e a sona dun dinamizador cultural do talle de Pepe Peinó, xogan a prol da repercusión da obra. Non será precisa máis publicidade.
Libro recomendábel, moi recomendábel.

Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-12-2015 14:26
# Ligazón permanente a este artigo
VELADAS INDECENTES
Ler a Manuel Lourenzo supón un indescritíbel pracer e toda unha vaga de maxisterio literario. Non é paixón de amigo –tamén por suposto-, é a realidade avalada polos recoñecementos obtidos ao longo da súa carreira.
Veladas indecentes era un deses libros que repousaba na miña biblioteca agardando pola súa quenda. Un pracer deses que vas reservando porque sabes con certeza categórica que suporá unha experiencia intensa e desexas adiala; co obxectivo de te recrear na escrita sabia e no argumento magno. Non é paixón de lector devoto –convicto, confeso e entregue-, senón a constatación da vivencia.
A obra Veladas indecentes foi motivo en 1997 da concesión do Premio Nacional de Literatura Dramática (galardón de ámbito estatal) ao seu autor. Acerca deste acontecemento, gardo un recordo que desexo compartir.
En marzo de 1998 a veciñanza do Valadouro, honrada polo recoñecemento acadado polo seu veciño Manolo, cumprimentouno nunha cea de homenaxe que tivo lugar na Finca Galea, eido turístico con ampla tradición literaria.
Foi un acto multitudinario no que don Manuel recibiu o obsequio dun Merlín de pedra, esculpido polo bretoñés Iván Alvite.
O Merlín pétreo mora agora na casa de Vilaúde, no salón contiguo a un dos despachos onde adoita traballar o dramaturgo nado en Ferreira do Valadouro.
Quen aborde a lectura de Veladas indecentes atoparase no texto cunha reliquia dos ’90 que é má de atopar nas publicacións de hoxe, aquela normativa ortográfica denominada Mínimos Reintegrados, varrida pola prometedora –e aínda non desenvolvida nin asentada- Normativa de Concordia, sancionada pola RAG en 2003.
Esta obra constitúena tres pezas independentes; A velada de Londres, Cando chega Decembro e A velada espectral de Mister Peabody. Tras enunciar os títulos, amezo a miña modesta achega orientativa para lecturas de urxencia ou irreflexivas: A obscenidade, a irreverencia e a corrupción.
Trátase dunha obra que nos evocará aquela década auroral da decadencia que hoxe padecemos. As súas páxinas aparecen impregnadas de esguello polo bafo dos festexos dunha CEE que decidía chamarse Unión Europea para se outorgar un ar de familia; pola consolidación dunha especulación que facía tremer os cimentos dun patrimonio cultural que estorbaba aos ignorantes na tarefa de superar a súa eiva vernizándoa con diñeiro; e asemade, polo estigma da Guerra dos Balcáns, aquela hecatombe que avergoña actualmente o continente.
Se callar, foi naquela altura, naqueles primitivos noventa, cando se evidenciou obscenamente que o mercantilismo colléralle a vez aos Estados, e o que é peor, aos Pobos.
O autor nunca ocultou a súa querenza pola novela máis coñecida de Bram Stoker, e de feito, A velada de Londres vén sendo unha transfiguracións dalgúns personaxes de Drácula; un maxistral exercicio de travestismo literario grazas ao que, Mina Harker (recatada e pueril na novela) busca sexo desaforadamente.
A parella protagonista deste primeiro texto acaba sucumbindo ao mal (un xiro que sacode e mesmo perfecciona aquela novela de personaxes planos e inacabados), ou é unha liberación dos convencionalismos? Lean. Descifren.
Hai algo de Edipo rei e algo de Medea en Cando chega Decembro. Non é raro. O patriarca das táboas do teatro galego traballou –e traballa!- eses textos decote, e para el supoñen algo máis ca teatro clásico; pois que permanecen vixentes nas culturas actuais.
Asistiremos nesta segunda peza á formulación da metáfora dunha Europa en ruínas e distraída nunha preocupante metamorfose.
A loita entre conservación (vixencia do tradicional para estudo no presente e do presente) e pseudoprogreso (comerciar sen límites nin regras, tamén cos bens públicos) latexa nidia en A velada espectral de Mister Peabody, unha peza non só para a reflexión e a perda da inocencia –alguén a conserva nesta altura?- senón tamén para rir, porque outra das virtudes de Manuel Lourenzo, é o humor, o bo humor, o humor como arma, como instrumento de transformación, e de defensa, e de denuncia. Velaquí a arte do humor que en ocasións non ten por que facer rir.
Como era de esperar, como todos supoñen, unha obra sublime e intensa.
Xa dixemos que Veladas indecentes supuxera causa e mérito para don Manuel recibir o Premio Nacional de Literatura Dramática, e verbo diso, comentamos agora unha curiosidade.
Tras divulgarse a nova de que tal recoñecemento fixárase no traballo do autor galego; o presidente da Xunta da Galiza por aqueles lustros, enviou unha comunicación a Manuel Lourenzo cos parabéns polo galardón acadado, grazas á obra Peladas indecentes (sic).
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-12-2015 18:32
# Ligazón permanente a este artigo
A PROTORREALIDADE VIRTUAL DE BIOY CASARES
Desde aquel afastado Bacharelato no Instituto San Isidro da calle Toledo, de Madrid, non sucumbira á lectura dunha obra de Adolfo Bioy Casares.
Fora Diario de la guerra del cerdo o título que nos propuxera o profesor de Literatura, obra moi acaída nunha época na que os medios de comunicación difundían novas alarmantes sobre unhas enfermeiras austríacas que fixeran da eutanasia un hábito tan voluntarioso coma arbitrario, tratábase dos célebres anxos exterminadores de Viena.
Non gardo un recordo moi nítido daquela lectura adolescente, mais non a acordo sinxela, e o texto que veño de abordar, abofé que supón unha lectura ardua.
Don Adolfo regresou ás miñas lecturas estes días grazas a La invención de Morel. Novela claustrofóbica na que inza un abano de metáforas
–algunhas complexas á hora da interpretación- futuristas. Trátase da configuración –evocada- dun mañá hipotético e mais as súas posíbeis formulacións de índole social, política, ideolóxica… En definitiva, un manual de apocalipses.
Nesta altura xa fica claro que non estamos diante dunha lectura accesíbel, e por riba, cómpre advertir que atoparemos unha redacción críptica que obrigará o lector a manter unha atención desvelada.
Evocoume esta novela unha remota lectura de adolescencia da que xa falamos aquí, El castillo de Noé, de J.R. Townsend, se cadra pola atmosfera robinsoniana que invade ambas narracións. Non é preciso aclarar que os graos de complexidade nada teñen que ver.
O empregadísimo recurso do espello máxico fai aparición neste texto, e grazas a ese elemento pode aparecernos na subconsciencia o mundo fantástico artellado por Lewis Carroll, universo literario que por certo, está a cumprir os 150 anos da súa publicación, e trinta des que Alice's Adventures in Wonderland foi traducida ao galego.
Bioy Casares ensaia en La invención de Morel a recreación de iso que hoxe denominamos realidade virtual; mais non perdamos de vista os oito decenios que afastan o nacemento da obra coa actualidade; o mérito maior deste exemplo de literatura de anticipación radica en que veu a luz no ano 1940, época na que o xénero fantástico se encontraba aínda asentando unhas coordenadas que hoxe manteñen vixencia; exceptuando claro está, as incursións aurorais de Jules Verne.
Unha curiosidade, esta novela foi adicada a Jorge Luis Borges, grande amigo do autor.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-12-2015 14:57
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal