Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

UN PASEO POLA BEN NARRADA COMPOSTELA
La casa de la Troya é unha novela que recrea a Compostela de finais do século XIX;
con estudantes, troula, casino e algunhas miserias onde, afortunadamente, as coincidencias coa actualidade xa foron esvaíndo.
Só polos honores dispensados a Rosalía (a décima musa!), paga a pena ler esta novela, típica e prototípica daquela época en que escribir unha narración longa, viña supondo un ampuloso exercicio de retórica e lucimento; ortográfico, sintáctico, semántico –por riba de todo- e estilístico.
Hoxe, pese a que o eido compostelán non mudase considerabelmente, fariásenos imposíbel escribir unha novela con tal alarde de pirotecnia literaria. Na actualidade, apurar as posibilidades lingüísticas até os límites da máxima elegancia non sería ben acollido, seguramente, por ninguén.
Debemos ter presente que na nosa realidade inmediata –independentemente do idioma que empreguemos- impuxéronse as frases feitas, o english e a curtidade.
Coloquialismos badocos como “o chocolate do loro”, termos alleos como mainstream e telegrafismos e simplezas como gym, “contacontos” ou “modo on”, poboan non só a fala popular, nin exclusivamente xornais e televisións, senón tamén as publicacións especializadas. Algún suplemento cultural do ámbito galego comeza a se parecer –polo vocabulario empregado e os préstamos lingüísticos aceptados- a aquelas revistas “rocanroleiras” dos anos ’80; unicamente faltan os celebérrimos “tíos”, “machos” e “troncos”.
Na novela que nos ocupa, zugóuselle á lingua todo o que o latín nos legou na noite dos tempos, mais non só á lingua castelá; tamén o idioma galego ocupa un espazo nas páxinas de La casa de la Troya -a adicatoria reza A miña nai-, até o punto de que un lector alleo á nosa realidade sociolingüística pode chegar a perder o fío da narración nalgún parágrafo; licenza que congracia a obra co escenario onde ten lugar a acción, ese Santiago ao que os seus poboadores chaman “pueblo”.
Tamén contemplaremos unha presenza, deliberada, diso que hoxe chamariamos castrapo, un castelán interferido –á man tenta- pola lingua vernácula, mais non se lle observa a Alejandro Pérez Lugín ningún trazo de ridiculización, senón de mera recreación dunha realidade social.
Existe unha edición en galego auspiciada por insititucións do país, un museo homónimo na compostelá rúa da Troia, e desde 1930 ofrece os seus servizos, no miolo de Madrid, unha libraría especializada en textos universitarios chamada La Casa de la Troya. Dunha volta, en tempos pasados, foime necesario pasar por alí á procura dun libro mao de atopar.
E ao evocarmos tempos idos, xorde o mellor instante para afirmar que ler La casa de la Troya, supón un exercicio de melancolía.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 27-11-2017 19:05
# Ligazón permanente a este artigo
UNHA GUÍA LITERARIA PARA A GRAN CAPITAL DAS LETRAS
Facer coincidir nun evento a cidade de Mondoñedo, o príncipe das letras e mais o crítico literario Armando Requeixo, supón un encontro do xénero fundacional, deses que recordaremos, afirmando con orgullo non disimulado, eu estiven alí.
E certamente fomos moitos os que ateigamos o salón de plenos municipal para asistir á presentación de Álvaro Cunqueiro e Mondoñedo. Guía literaria; útil ferramenta a disposición de ávidos camiñantes desde o día 1 de novembro.
Non en van, a idea do proxecto impreso naceu camiñando pola cidade, no marco dunha actividade realizada a pasada primavera ao abeiro das sombras literarias que inzan as rúas mindonienses.
Dixémolo noutras ocasións e contianuaremos a o reiterar até que todas as institucións, entidades e persoas con repercusión social se conciencien, definitivamente, de que o futuro socioeconómico da cidade de Mondoñedo pasa pola activación dos seus tesouros literarios (casas de autores, localizacións literaturizadas, referencias da tradición oral…): se Viena vive do seu simbolismo musical, Mondoñedo pode vivir das letras que o viron medrar, facerse capital e agora resaltar neste sistema literario das fisterras atlánticas.
A publicación desta guía literaria non é o primeiro paso practicado no proceso de consolidación –aínda errático-, mais supón un chanzo definitivo para instituír a cidade como capital literaria da Galiza. O día que o mundo coñeza tal nomeamento -aínda oficioso-, Mondoñedo progresará grazas á súa industria cultural.
Álvaro Cunqueiro e Mondoñedo é unha viaxe longuísima, cronoloxicamente falando; e mais unha peregrinación sen esforzo nin pés magoados, pese a que triparemos o Camiño; como non! E sen saírmos dos lindeiros de Mondoñedo, percorreremos o mundo todo. Non é maxia, senón o froito da avinza secular entre a literatura e a vella Vila Maior.
Armando Requeixo, mindoniense militante e coñecedor absoluto das letras aveciñadas nas terras de Brea, artellou un itinerario de trinta e cinco puntos, grazas ao cal, a creatividade cunqueirana vai abrollando e evidenciando as súas pegadas na cidade nodriza.
Aínda que, como era de esperar, non se limita esta guía literaria ao legado que don Álvaro entregou á cidade, pois que o resto de autores de Vallibria non deixan de seren nomeados neste didáctico traballo.
Deste xeito, o visitante que chegue a Mondoñedo tras o ronsel de Cunqueiro, levará a maiores no seu fardelo de sapiencia a Leiras, a Noriega, a Lence-Santar, a Díaz Jácome, a Marina Mayoral…
É esta unha guía útil para quen desexe coñecer a cidade sen contemplar vínculos afectivos coa literatura? Seguramente esta pregunta tamén a formulou o equipo que trazou o traballo (autor, fotógrafo, entidades editoras…), por iso, quen adquira a obra, obterá ao mesmo tempo información sobre a Festa da Árbore, o convento de Alcántara ou a Sociedade de Obreiros Católicos, entre outros fitos, lugares e espazos que nutriron a historia local.
Mondoñedo engalou, agora precisa coller velocidade e manter o voo. Estas viaxes tripuladas por Armando Requeixo poden significar a ratificación de Mondoñedo como capital literaria nacional. Non deixemos que o voo cara ao futuro do municipio faga escalas no desazo.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 04-11-2017 19:27
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal