Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
Vasoiras de xibarda


    Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O ESPANTO DE VÉRMONOS NO ESPELLO
A nova da concesión do Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais a Manuel Lourenzo, chégame nos mesmos días en que ando a ler Nunca paraíso. Teatro breve (1973-2015). É este traballo, editado por Xerais e presentado na Coruña hai poucas semanas, o título máis recente do dramaturgo.
Nunca paraíso é unha obra de obras, un volume nutrido de pezas breves mais non lixeiras, pois que o autor do que falamos non é amigo da lixeireza nos seus argumentos.
O lector decatarase de que estes textos foron concibidos após ter colocado unha lente de aumento sobre a tribo, o mundo, o teatro e tamén, as mesmísimas ensullas do ser humano.
O dramaturgo non deforma as imaxes que captou, unicamente as dota de palabra. Outórgalles voz, espazo e situación para que nós, espectadores (da vida en xeral, non da escena en particular), ao lérmonos nas páxinas de espello, batamos coa propia imaxe reflectida; ebria da nosa estulticia, de miopías e de embigos.
O usuario (lector, espectador?) de Nunca paraíso toparase cun bo número de pezas en que os personaxes se comunican polo teléfono móbil; curiosamente o autor non posúe ese aparello que o resto dos occidentais temos convertido nun apéndice da nosa anatomía. Velaí a denuncia e velaí, outra volta, a riola de secuencias a plasmar teimas e vezos dunha civilización que rende culto aos ferranchos; uns ídolos incontestábeis que o mago da lente decidiu ignorar.
Por iso, alén da calidade literaria e o chispazo escénico que lapea en cada parágrafo, a obra é terapeuticamente recomendábel. Ler Nunca paraíso proporciona -amais do pracer ao que nos ten acostumados o xigante das nosas letras- lucidez.
Porque, pese a escoitarmos todos os días que se está a perder a comunicación (nos mesmos medios que a desfavorecen), poucas veces se escoita que a palabra está a morrer de soidade, exhibindo xa unhas deformacións en fase aguda.
?O teatro só se parece a si mesmo? lemos en Humana comedia, e ao longo do compendio descubriremos tamén de onde xorde: dos medos, da indecisión, do desexo, da frustración? é dicir, de nós; moradores desa lanterna máxica que Lourenzo escruta con atención cirúrxica.
O xogo limpo de María Esther ou Colisión supoñen unha farsa da miseria coa que temos aceptado convivir; enfrontarémonos nestes dramas a circunstancias totalmente actuais malia que algunhas pezas foran elaboradas hai tempo ?reúnese material de catro décadas-; Tombo mariñán é unha aventura na que enxergaremos a Cunqueiro aló no horizonte, e en Refundición, atoparémonos co desconcerto da información desinformadora.
Quen procure a excelencia e o lategazo emocional atoparaos en Camiñar polo arame cunha lata de cervexa, unhas páxinas rotundamente poéticas onde a melancolía da fin de traxecto (ademais sitúase ao final do volume) conduciranos á conmoción.
Aínda que en varios textos contemplaremos o teatro a falar do teatro, non é un ensaio metadramático, mais podería constituír a presente obra grande axuda para o ensaísta literario, pois que Nunca paraíso ten algo de enciclopédico.
Por riba do antedito, acharemos unha riqueza léxica que xa comeza a rarear no actual panorama literario galego. ?Irei cando me saír dos??, ?Ao meu sabor?, ?Vagariños?, ?Ares?? Son termos e construcións sintácticas que foron desaparecendo das novidades editoriais por unha razón ben sinxela: moitos escritores descoñécenas.
Alén da actualidade, os mitos clásicos e a tradición oral inzan un volume onde o home do Valadouro non deixa de visitar A Azoreira, Frexulfe, Cendemil ou O Bermún, eses territorios que, sendo reais, o autor transmutou xa en ámbitos lendarios.
Agora que se aproxima a época dos agasallos, regalar Nunca paraíso. Teatro breve (1973-2015) pode supor unha demostración de afecto inconmensurábel, pois neste libro atesóuranse deleites que non acharemos na vida prosaica á que nos condenaron/condenamos nesta banda da lente, dese vidro prodixioso que Manuel Lourenzo emprega no canto de móbil.
Algo nos quere dicir, a mensaxe encóntrase en Nunca paraíso.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-11-2016 16:47
# Ligazón permanente a este artigo
OS PAZOS DE DONA EMILIA 130 ANOS DESPOIS
Non pretendía eu celebrar ningunha efeméride cando me acheguei á biblioteca pública coa intención de demandar o préstamos de Los Pazos de Ulloa, mais tal obra resultou estar publicada en 1886.
E xa antes de rematar a lectura cheguei, tristemente, á conclusión de que este museo esquizoide das tradicións que chamamos Galiza, mudou sen que se fagan imposíbeis certos factores que Emilia Pardo Bazán retrata con pincel fino e pulso de cirurxián.
Los Pazos de Ulloa é unha novela magnífica, e non adoita cualificar xenerosamente nin doar adxectivos ao chou quen isto escribe, secasí, cheguei á devandita conclusión no capítulo décimo da trintena con que conta a obra.
Cóntase na sinopse da contracapa (manexei unha edición de peto de Alianza Editorial do ano 2004) que tal obra foi motivo de escándalo no tempo da súa publicación. Xaora; a autora fala claro de máis, deixa co cu ao ar (permítaseme) submisións, segredos que todos coñecen e todos ocultan, corruptelas, costumes hipócritas, miserias e ruínas, suciedades reais e metafóricas? Un escándalo, ao cabo.
Si, dona Emilia emprega un estilo que hoxe sería considerado cursi, mais estamos a falar do século XIX, e confésolles que unha inxección de barroquismo literario pode resultar mesmo saudábel; estamos a falar, enténdaseme, do consabido vaso de viño ás comidas.
O texto supón tamén un manual de usos, costumes e tradicións daquel século que nos queda tan afastado no literario.
Describe Pardo os ?belenes?, uns sonetos satírico políticos de creación popular, detense profusamente nos acostumados vinte e seis pratos dos que se daba conta no xantar da festa patronal, retrata festas e misas maiores, fala do emprego do torques romano (sic) como algo cotián entre as campesiñas ou plasma unha lenda que se mantivo viva na Galiza até hai poucas décadas, a das cobras chuchando no leite das vacas; en definitiva, deseña a necesaria Galiza de onte para comprendermos a Galiza de hoxe.
A novela non é allea ao léxico galego, ofrecido en cursiva, agás algúns termos que se lle escapan, non sei se a autora ou aos editores. Debemos ter en conta, e supoño que dona Emilia non era unha excepción, que moitos intelectuais galegos, non acaban de discernir aqueles vocábulos que son patrimonio da lingua galega e que por seren de uso tan común entre os habitantes do país considéranos propios tamén doutras linguas latinas. Así, a novelista emprega mallar e majar alternativamente e mesmo redacta o sintagma ?majar en ellos? ou fala de ?papeletas cubiertas?? Cando darán entendido os galegos que optaron por prescindir do idioma galego que ?cubrir el papel? só ten sentido no noso eido idiomático?
Por certo, Pardo Bazán refírese á nosa terra como ?país? e á nosa lingua como ?dialecto?.
Teño por seguro que poucas veces empregou o idioma galego a autora que nos ocupa, mais a súa mente, elaboraba procesos sintácticos na devandita lingua, e amosaba a presenza dunha ampla terminoloxía galega na súa bagaxe cultural. Realmente padece ela, inconscientemente, o mesmo fenómeno que lles fai padecer deliberadamente aos seus personaxes Bico de rato e Perucho; a quen pon a falar nun castelán forzado moi semellante ao castrapo que hoxe se escoita nas urbes do país. Mais adiante, outro personaxe dotado dun nivel cultural máis elevado pronuncia ?fuera el alma!?, de novo unha expresión que carece de significado alén das nosas raias identitario-culturais.
O que non considero froito das confusións dunha autora castelanfalante é que no texto apareza impresa a aberración muñeira. Estou certo de que Pardo Bazán coñecía e pronunciaba o termo muiñeira perfectamente, porén, é algo moi común que as persoas alleas á nosa cultura deturpen o devandito termo e lle outorguen unha horríbel transcendencia en textos de toda caste. Lembro ter visto tal deturpación nunha musicasete de Milladoiro. Arrenégote demo!
Así e todo, Emilia Pardo Bazán fai gala dun vocabulario riquísimo e mais dun soberbio manexo da linguaxe. Estamos xa que logo, diante dun texto para gozar, co argumento e mais coa lectura reflexiva.
Non debo pasar por alto unha maxistral descrición dun soño angustioso no capítulo dezanove (alta literatura!), o cal remata aprendéndonos que durmir sobre o lado esquerdo favorece os pesadelos (literatura de tradición oral?).
Tamén encontrará o lector parágrafos ben prescindíbeis, descricións concienzudas da paisaxe que chegan a provocar certa canseira por non ter aplicado a redactora un sentido da medida máis racional e menos reiterativo. Si, dona Emilia párase e recréase ás veces en retrincos que o texto non botaría de menos, mais todo o compensa a excelencia exhibida noutras alíneas. Son salientábeis as páxinas onde logra provocar unha inquietude emocional que outros autores (cultivadores do xénero fantástico) non lograron cando o fixeron á mantenta. Falo de Stoker e Shelley, por exemplo; tamén do XIX e propensos a unha temática que busca o arrepío; o mesmo calafrío que consegue dona Emilia describíndonos un descenso aos sotos dos Pazos en plena tormenta? A figura ou imaxe psicoliteraria non ten desperdicio.
Ben seguro, Los Pazos de Ulloa pode ter algo diso que se deu en denominar novela romántica (do romanticismo), mais as etiquetas coas que transcendeu foron as do realismo e o naturalismo, totalmente merecidas e perfectamente adxudicadas; aínda que, se Doña Bárbara, de Rómulo Gallegos foi clasificada no realismo rexionalista, a obra da galega tamén goza dos méritos suficientes.
O caciquismo e o servilismo, os mesmos que aínda non demos esconxurado por consideralos patrimonio do país -coma o radón-, aparecen recreados e criticados con pluma aguda.
Ao noso secular minifundio denomínao subdivisión atomística e ás diferenzas políticas que abrollan no rural: combate naval en una charca.
Que ninguén me veña con visións elitistas dunha señora da alta sociedade, Emilia Pardo Bazán describe sabiamente o disfraz ideolóxico-partidario que miles de miserábeis empregan (non falo agora do século XIX) para optar a postos e prebendas, para gobernar desgobernando e facer chegar rabaños de obtusos manexábeis a concellos e deputacións.
E é que Los Pazos de Ulloa supón un retrato do agro submiso e resignado, mais tamén é un tratado sobre o caciquismo, a relixión, o rol da muller, a economía e a socioloxía; sen desbotar as teorizacións arredor do amor incomprendido, do platonismo e deses sentimentos que non abrollan, cando é o mesmo interesado quen non o permite.
Hoxe os donos dos pazos non conservan poder ningún e loitan tan só por manter en pé unhas construcións que requiren investimentos decontino, mais isto xa lle ocorría a Pedro Moscoso, aínda que a el non lle provocaba grandes dores de cabeza, contentábase con ser considerado o marqués. Outra volta, a dramatización permanente na que desexa vivir a sociedade galega: Antes a aparencia cá solvencia.
É unha obra do XIX si, mais podería non o ser.

Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-11-2016 11:04
# Ligazón permanente a este artigo
TEATRO, CON MAIÚSCULAS
Se reunimos compoñentes e elementos como o Clube Teatral Elsinor, o dramaturgo Manuel Lourenzo, un elenco por el guiado e a dramatización do mito que deu orixe a Hamlet ?si, o Hamlet que máis tarde dotou de inmortalidade a todo autor que o empregou nos seus textos- nunha noite de chuvia e frío ao abeiro dun auditorio no norte do país, teremos aprestada a maxia precisa para nos adentrar nas obsesións primixenias que hoxe, aínda non demos esconxurado; cobiza, ciúmes, hipocrisía, violencia?
Se nos preguntamos de onde vén Hamlet teremos que nos remontar á Gesta Danorum, un antigo texto poético que nos instrúe sobre a historia de Dinamarca. Nesta obra do século XII xorde o príncipe Amleth, un xuto (de Xutlandia) que dará lugar ás versións posteriores dos distintos hamlets.
Lenda escandinava (o primeiro Hamlet) é a obra coa que Elsinor nos agasallou hai uns días no marco do denominado Mes do teatro no Alfoz.
Existen concellos que celebran o mes do teatro, hainos tendentes á semana do teatro e outros, conténtanse con programaren obras esporadicamente, sen teren en conta datas nin conmemoracións. Todo é bo, nada sobra, mais debemos aspirar (se arelamos unha sociedade culta e crítica) a que o teatro ocupe as programacións culturais sen se circunscribir necesariamente a épocas ou efemérides. Teatro o ano todo, por que non?
As funcións teatrais enchen casas da cultura e logran atraer a quen non consome outros tipos de espectáculo, e é que o teatro, ao cabo, representa o xogo, o xeito de denuncia e o exercicio identitario máis antigo da Humanidade; non en van, supón unha das formas literarias primarias ?xunto á tradición oral e a troba- e por tanto máis próxima ao pobo.
Se a asistencia ás representacións ten de ser necesaria e continuamente gratuíta (estamos a nos referir ás funcións ofrecidas por institucións públicas), é materia para un debate que non abordaremos hoxe.
Elsinor mantén un vínculo especial co Valadouro e isto contribúe a que dúas veces no ano poidamos gozar de obras que doutro xeito, ficaríannos moi lonxe, en todos os sensos.
Do mesmo xeito ca na representación do verao pasado, Carme Martínez, Cristina Fuentes, Xosé Martínez, Xulia Miguel e o xigante das letras Manuel Lourenzo, subiron ás táboas para demostraren que existe unha arte dramática allea ao chiste televisivo, unha arte dramática que foxe da superficialidade e permanece ancorada ao pensamento, e unha arte dramática que procura o razoamento antes cá distracción; falamos xa que logo, de TEATRO con maiúsculas.
Unha escenografía sen artificios, imbuída ?soamente? da esencia do drama e a expresión oral, un decorado onde o máis elaborado serán unhas fermosas máscaras que nos retrotraen á noite dos tempos e un texto elaborado polo mestre da dramaturxia galega, outórganlle á obra unha factura grandiosa; recordándonos ao tempo, que proxeccións, danzas reiteradas e efectos varios non melloran a escena, en todo caso compleméntana.
De termos que salientar algunha interpretación na obra que nos ocupa sinalariamos a do actor Xosé Martínez; un home que non vén do ámbito dramático e que logrou chegar a se mover no espazo escénico coa confianza precisa para transmitir os matices do personaxe.
Quen desexe pescudar na orixe desa fonte inesgotábel chamada Hamlet e deixarse seducir polo TEATRO ?outra volta con maiúsculas- que comunica, fai pensar e satisface espectadores exixentes, ten de vivir a experiencia que vimos de narrar.
Non hai comparanza.



Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-11-2016 17:04
# Ligazón permanente a este artigo
OS LIBROS DO TREN
Houbo un tempo en que a Renfe publicaba libros para que os seareiros lesen durante as viaxes. Non sei se tal práctica se mantén vixente mais a idea é desas para copiar e espallar até que ninguén recorde quen foron os pioneiros.
Eran libros en formato plaquette que desboto definir como opúsculos; iso si, os editores non se molestaron en incluír o Depósito Legal nin ningún outro dato que nos informe da data e lugar de publicación. Endebén, o relato que veño de ler aparece datado en 1988 polo autor.
Trátase de Madrid, ida y vuelta, de Manuel Longares; un conto que navega entre o naturalismo urbano e o noir de pouca voltaxe. Unhas axadas de violencia e intriga achéganlle as doses precisas de tensión e un final sen resolucións innecesarias demostran a profesionalidade do autor.
É un ?libro do tren?, así que o importante cómpre buscalo no traxecto. Moito ferrocarril, moita estación e algo de historia adobían un relato que transcorre maioritariamente no ámbito da ferrovía.
Supoño que os escritores convocados para o devandito proxecto recibiron as oportunas instrucións antes de se pór a enxeñar as temáticas dos seus textos.
Asaltoume unha dúbida mentres manexei este volume sinalado co número 4 da Serie Viajes; editaríanse tamén os devanditos libriños nas outras linguas do Estado? Quero pensar que si, pois que estamos a falar dun proxecto literario pensado para ser gozado e consumido nuns convois con ecos de diversos idiomas; e dígoo sen me referir aos eventuais usuarios extraestatais.
Un transporte público adozado con libros é un invento que debería ter continuidade -se non a ten- e estenderse ao resto de sistemas de desprazamento.
Mirar pola xaneliña é entretido e arrequecedor, mais un libro ?sen ánimo de nos pór pedantes- é a fiestra máis poderosa que existe, só comparábel, casualmente, a unha viaxe; vállanos a redundancia.
Como chegou á miña biblioteca? Non gardo recordo algún, mais, estamos a falar dun libro viaxeiro. Naceu para iso.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 04-11-2016 16:25
# Ligazón permanente a este artigo
FRANKENSTEIN OU O MODERNO PROMETEO
Cumpríronse 200 anos da xuntanza de Vila Diodati ?a mansión estival de lord Byron en Xenebra-, aquel encontro de narradores auspiciado pola climatoloxía adversa do histórico verao de 1816, condicionado pola erupción do Tambora.
Byron, Polidori, Shelley e a súa dona Mary Wollstonecraft -Mary Shelley para a posteridade- e posibelmente alguén máis, aceptaron un xogo proposto polo anfitrión; unha orxía de terror literario. Lido, transmitido oralmente, improvisado ou inventado. Ao cabo, tratábase de gozar até o paroxismo das letras aterrecedoras; creando asemade aprendían.
Alí naceron O vampiro de Polidori, O enterro de lord Byron e Frankenstein ou o moderno Prometeo, de Mary Shelley.
Quen isto escribe quixo conmemorar o aniversario da confraría literaria xestada na Vila Diodati dun xeito ben orixinal, lendo a novela que converteu a dona Mary nunha autora de sona imperecedoira.
O devandito texto non deixa de ser un tratado de ética, de moral, de xustiza e sobre todo un ensaio sobre a soidade. Ten esta obra algo de Rousseau, claro. Pois que o monstro aborreceu a humanidade no instante en que tentou ser atinxido polos vezos e virtudes da especie fundadora.
O ser humano é infeliz porque é imperfecto, e culpa o seu creador; esta é a tese que emana dunha novela onde se introduce, mesmo, unha crítica aos excesos cometidos na colonización de América.
Non é básica, non é unha obra irreflexiva malia emanar, en moitos momentos da naración, un ar de inocencia nada estraño nunha autora que apenas cumprira os vinte anos cando paríu a historia dun doutor obsesionado por se converter nunha divindade; un deus que ao cabo, rematará perseguido por un demo.
Contén ao mesmo tempo, un pouso freudista a obra cimeira de Mary Shelley. Lembremos que a dona do doutor, comeza sendo unha sorte de curmá ou irmá adoptada; e recordemos ao mesmo tempo, que as cartas de Walton van tamén dirixidas a unha ?queridísima irmá?.
Algunhas amizades ?ou a arela delas- descritas na novela, tamén desprenden un certo grao de ambigüidade.
Quixen atopar, deténdome máis, algo parecido á procura filosófica do superhome autosuficiente e potente; propiedades que, acho, encarna o monstro sen nome.
Debo confesar que até ter chegado á metade do volume, Frankenstein ou o moderno Prometeo non espertou gran interese no meu ánimo lector; un pecado perdoábel na obra dunha autora novel en todos os sensos.
Encontrarase o lector cunha prescindíbel ruta turística profusamente arrequecida con pormenores ?tamén innecesarios- que semella un recheo de contido ou mesmo unha mostra de ímpeto propagandístico. Unha impresión moi persoal: as prolixas descricións da paisaxe e a montaña suízas evocáronme as lecturas de Hermann Hesse.
A tradución, realizada por Fernando R. Tato Plaza resulta un chisco desconcertante por veces, mesmo con concesións a algúns castelanismos e presenza de certas incoherencias, con todo, ofrécenos a posibilidade de ler a dona Mary en galego, e iso xa é unha benfeitoría en prol.
Así que, grazas á Editorial Galaxia por publicar no ano 2000 esta tradución indispensábel.

Imaxe: Capa dunha versión electrónica estadounidense.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-11-2016 16:21
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0