Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
Vasoiras de xibarda


    Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

FOLLETÍN E MEMORIA
Onde vai o folletín? É preciso como calquera outro xénero, pois ten o seu público, un público ao que cada vez lle resulta máis difícil encontrar publicacións onde se deleitar con relatos ou cartas enfeitadas de experiencias vitais.
O conto vén porque hai lectores que recordan parágrafos enteiros de narracións desta clase, nomeadamente se os textos en cuestión eran presentados como casos reais.
Na actualidade, as diferentes revistas denominadas papel couché foron eliminando as seccións adicadas ao relato, e mesmo aqueles populares espazos en que o usuario compartía as súas vivencias románticas.
No Estado español, posibelmente sexa a popular revista Pronto a única que mantén vixente unha cumprida serie de espazos reservados ao folletín, malia que non conserve a tradición das historias por capítulos.
É verdade que tales seccións son nutridas ?en teoría- coas achegas voluntarias dos lectores, mais a literatura reside, tamén, nunhas páxinas frecuentemente ignoradas polo lector ?de libros?.
Aló polos anos trinta, corenta e cincuenta, as revistas conservábanse durante anos nos fogares dos lectores; cada páxina e cada ilustración eran revisitidas periodicamente, tratando de saciar un hábito lector que non era convenientemente alimentando, pois que diferentes factores (económicos, xeográficos, culturais?) dificultaban a entrada de novos números na vivenda.
Sei de fogares que atesouraron durante décadas coleccións enteiras de Blanco y Negro ou de Hogar y Moda, e nun exemplar desta última publicación foi onde aparecía unha dramática historia que aínda recrea con emoción algunha lectora.
O escrito relataba as desventuras de Antonio, o suicida namorado de Marinita Barquero Domínguez.
Contábase que a señorita (na época empregábase tal tratamento) Barquero intercambiara impresións unha única vez co home que perdera a cabeza por ela, e a traxedia desencadeada supuxera un magnífico argumento para espertar a atención dun usuario ávido de lecturas emocionantes, ou cando menos, emotivas. Tratábase dun caso real? Talvez non sexa esta unha dúbida procedente no ámbito literario.
?Perdonad hermanos míos, el dolos que os causo. No podía soportar un minuto más la existencia. Me mato porque sufro y porque la vida es cruel, y porque mi amada no me quiere??; deste xeito, coa cortesía daquel tempo e unha agre desesperación sen retorno, era recreada a carta de despedida do suicida Antonio, encadrada no relato en que a ínclita Marinita confesaba que non entendera o que Antonio lle pretendera transmitir.
Reivindico as narracións por entregas que noutrora fixeron medrar exponencialmente o número de seguidores das cabeceiras semanais.
O folletín é un dos xéneros considerado ?menor?, mais é tan respectábel como calquera outra modalidade literaria, e como dixemos no seu día pola novela rosa, quizais sinalen o inicio do proceso cara á consolidación dun lector de diferentes xéneros. E se tal non ocorre, nada condenábel sucedeu.
A narración por entregas forma parte da tradición literaria e a ela lle adicaron tempo e tinta autores de gama alta, xa que logo, as mesas de redacción de xornais e revistas deberan ir pensando en recuperar unha estratexia que xerou miles de novos clientes para quioscos e librarías.
Coñecín unha curiosidade pola mesma fonte que me falou da triste historia do anguriado Antonio. Polos mesmos anos en que fascículos e relatos eran coleccionados en humildes bibliotecas domésticas, deuse a popularización doutro uso: A adquisición de xornais atrasados.
Non se trataba de adquirir o diario por coñecer as noticias do lustro pasado, senón outorgando ao papel unha nova vida, facendo o que hoxe chamamos reutilizar.
As páxinas do Diario de la Marina, por exemplo, eran compradas por segunda vez para revestir alzadeiros, mais antes de ser empregado como forro, o xornal sería folleado por canto lector habitaba o fogar.
Lembremos sempre, que houbo un tempo en que conseguir unha dose de lectura non foi tarefa sinxela, e os letraferidos lían (non é exaxeración) até os papeis que o vento e o desleixo facían transitaren de xeito errante. Da xinea deses lectores vimos algúns dos que hoxe acumulamos volumes nas nosas bibliotecas, sen nos decatar de que a nosa fame de letras vén de lonxe, da noite duns tempos en que as fames eran moitas e feras, e aínda nesas circunstancias, a literatura non sucumbiu. Honremos a quen nos fixo lectores, escritores, donos e socios de bibliotecas, defensores da palabra, dos idiomas e en definitiva, da LIBERDADE.





Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-10-2019 16:49
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0